Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 89 Luns, 12 de maio de 1997 Páx. 4.427

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 17 de xaneiro de 1997, da Delegación Provincial de Lugo, pola que se dispón a inscrición no rexistro e publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo de ámbito provincial para o sector de industrias vinícolas da provincia de Lugo.

Visto o texto do convenio colectivo para o sector de industrias vinícolas da provincia de Lugo (código 2700045), da provincia de Lugo, asinado o día 20 de decembro de 1996, pola representación da Asociación de Empresarios Mayoristas de Vinos de la Provincia de Lugo e da central sindical CSI-CSIF, e de conformidade co disposto no artigo 90 apartados 2 e 3 do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, e no Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo.

Esta delegación provincial,

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la inscrición do citado convenio colectivo no rexistro de convenios desta delegación, así como o seu depósito.

Segundo.-Remitirlle o texto do mencionado convenio á Dirección Xeral de Relacións Laborais da Xunta de Galicia.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Lugo, 17 de xaneiro de 1997.

Manuel Bande Díaz

Delegado provincial de Lugo

Convenio colectivo de industrias vinícolas

da provincia de Lugo

Artigo 1º.-Ámbito funcional.

As estipulacións do presente convenio colectivo obrigan a tódalas empresas e traballadores da actividade de industrias vinícolas, alcoholeiras e sidreiras, así como da actividade de almacenamento de viños e licores.

Artigo 2º.-Ámbito persoal.

Quedan abranguidos neste convenio tódolos traballadores das empresas incluídas no seu ámbito funcional, coa excepción dos menores de 16 anos, a contratación dos cales queda prohibida.

Artigo 3º.-Ámbito temporal.

A duración do presente convenio é desde o 1 de maio de 1996 ata o 30 de abril de 1997, con independencia da súa data de publicación no BOP e no Diario Oficial de Galicia, co límite establecido no artigo 6º do presente convenio colectivo.

Artigo 4º.-Ámbito territorial.

O ámbito territorial será a provincia de Lugo.

Artigo 5º.-Denuncia.

O convenio prorrogarase por períodos anuais, ó non se denunciar por calquera das partes con antelación dun mes respecto á data de remate.

Artigo 6º.-Salario.

Inclúese anexa a este texto a táboa salarial vixente desde a data de publicación do presente convenio colectivo no BOP de Lugo ata o 30 de abril de 1997.

Artigo 7º.-Antigüidade.

Quinquenios ó 5% sobre o salario base de convenio que corresponda á categoría do traballador, variando o seu importe de acordo co ascenso de categoría e da correspondente escala salarial. Para efectos de antigüidade empezarase a computar esta desde o día en que o traballador empezou a presta-lo seus servicios na empresa. Todo isto sen prexuízo do establecido no artigo 25 do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores.

Artigo 8º.-Comité paritario.

Constituirase un comité mixto paritario entre as partes asinantes deste convenio. O citado órgano estará integrado por dous representantes da asociación empresarial asinante e dous representantes da central sindical CSI-CSIF, igualmente asinante.

O comité mixto paritario cumprirá as funcións de aplicación do pactado, así como do seu seguimento. No caso de non chegarse a acordo ámbalas partes, sométense á competencia do SMAC e xurisdicción competente.

Artigo 9º.-Pagas extraordinarias.

As gratificacións extraordinarias de Nadal e 25 de xullo serán equivalentes cada unha delas ó importe dunha mensualidade e aboaranse os días 22 de decembro e 22 de xullo, respectivamente.

Artigo 10º.-Vacacións.

Tódolos traballadores sometidos a este convenio colectivo desfrutarán dun período anual de vacacións de trinta días naturais.

Artigo 11º.-Xornada laboral.

Establécese unha xornada laboral consistente en 40 horas semanais que se distribuirán de luns a venres, ámbolos dous incluídos, agás nos casos en que entre empresa e traballadores se tome acordo en contra con respecto dos traballos en sábado.

Artigo 12º.-Roupa de traballo.

As empresas, cada ano, distribuirán dúas fundas a cada un dos seus traballadores. Así mesmo, entregarase un traxe de augas ó requirilo a metereoloxía e os productores que presten servicio no exterior.

Artigo 13º.-Premio de xubilación.

Establécese para tódolos traballadores que se xubilen con polo menos dez anos de antigüidade na empresa e consistirá nunha gratificación equivalente ó salario base do convenio nun mes e maila antigüidade. Así mesmo, e compatible co premio ou gratificación anterior, establécese que aqueles traballadores con polo menos dez anos de antigüidade na empresa, con 60 anos de idade, soliciten e se lles conceda a xubilación, percibirán un premio de cen mil pesetas que aboará a empresa. Os premios de xubilación contidos no presente artigo terán carácter extrasalarial.

Artigo 14º.-Licencias retribuídas.

O persoal neste convenio colectivo desfrutará das seguintes licencias retribuídas:

-15 días en caso de matrimonio.

-2 días por cambio de domicilio na cidade.

-4 días por cambio de residencia fóra da cidade.

En todo caso e por aplicación do disposto no artigo 37 do Estatuto dos traballadores, os traballadores terán dereito a licencia polos motivos e coa duración prevista no artigo mencionado, incluído no apartado engadido por medio do establecido na disposición adicional décimo primeira da Lei 31/1995, de prevención de riscos laborais.

Artigo 15º.-Retirada do carné de conducir.

As empresas, con respecto ós choferes repartidores que, en cumprimento das súas obrigas laborais, se lles retirase o carné de conducir, por infracción

-conducindo un vehículo da empresa- comprometeranse a ocupar ó traballador afectado en tarefas que requiran unha cualificación profesional equivalente e compatible coa súa, por un máximo de tres meses.

Esta medida non será de aplicación en caso de infracción reiterada ou de retirada definitiva do carné de conducir.

Artigo 16º.-Seguro de invalidez ou morte.

As empresas suxeitas a este convenio colectivo contratarán en favor dos seus traballadores -sempre e cando o traballador figure na relación do TC2 con polo menos sesenta días- un seguro de accidente dunha contía de dous millóns de pesetas nos casos de invalidez permanente ou morte; as indemnizacións que por estes conceptos tivesen lugar, aboaranse a través da empresa.

Esta compensación é compatible coa pensión ou indemnización que puidese causa-lo traballador, na Seguridade Social ou mutua patronal, así como con calquera outra que sexa imputable a terceiros.

Artigo 17º.-Plus de transporte.

Establécese un plus de transporte para tódolos traballadores afectados polo presente convenio, na contía mínima de 180 pesetas por día efectivamente traballado.

Artigo 18º.-Paga extrasalarial.

As empresas sometidas ó presente convenio colectivo aboarán ós seus traballadores no mes de outubro unha gratificación extrasalarial co nome de Nosa Señora das Viñas.

A contía desta será como mínimo de 69.000 pesetas para tódalas categorías.

Artigo 19º.-Dereitos sindicais.

As empresas afectadas polo presente convenio colectivo poderán deducir a través da nómina as cotas correspondentes ós afiliados das centrais sindicais asinantes do presente convenio. Os interesados deberán solicitalo por escrito á dirección da empresa.

Os importes retidos entregaránselle á persoa que designe a central sindical ou ó número de conta que esta lle notifique á empresa.

Artigo 20º

As táboas salariais do presente convenio en ningún caso quedarán por debaixo do salario mínimo interprofesional que fixe o Goberno anualmente, senón 100 pesetas por riba deste, respectando as diferencias nas categorías.

Disposición derradeira

En todo o non previsto no presente convenio observarase o disposto na lexislación laboral vixente.

Disposicións adicionais

Primeira.-Xubilación voluntaria ós 64 anos.

Os traballadores incluídos no ámbito persoal do presente convenio colectivo de traballo, con 64 anos cumpridos, que desexen acollerse á xubilación

voluntaria co 100% dos dereitos poderá facelo. As empresas afectadas veranse obrigadas a concede-la dita xubilación e substituír a cada traballador conforme o previsto no Real decreto 1194/1985 ou a normativa que o substitúa.

Segunda.-Contratación eventual do artigo 15.1.b) do Estatuto dos traballadores.

Estes contratos poderán ter unha duración máxima de 18 meses dentro dun período de 24 meses.

ANEXO

Táboa salarial convenio industrias vinícolas

Vixente desde a data de publicación

ata o 30 de abril de 1997

Categoría profesionalSoldoRetribución anual

Encargado71.9371.122.302

Conductor carné 1ª, oficial 1ª71.4411.115.358

Auxiliar administrativo, oficial 2ª70.2631.098.866

Conductor repartidor, oficial 2ª70.2631.098.866

Viaxante, oficial 2ª70.2631.098.866

Almaceinero, oficial 2ª70.2631.098.866

Mozo especialista70.1671.097.522

Nota: o total anual, en relación co plus de transporte, está calculado en función dos días laborables do ano 1996, de luns a venres, isto é, 251 días laborables.

97-2828