Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 88 Venres, 09 de maio de 1997 Páx. 4.398

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA E COMUNICACIÓN SOCIAL

DECRETO 111/1997, do 24 de abril, polo que se declara 1997 ano de Ánxel Fole.

Ánxel Fole, a quen a Real Academia Galega decidiu dedica-lo Día das Letras Galegas de 1997, é unha das personalidades que máis soubo plasmar, a través da súa producción literaria, o mundo rural galego. Ambicioso lector, sente desde moi novo a chamada da literatura. Comeza como articulista, facendo crítica literaria; foi corresponsal e colaborador frecuente en revistas e xornais da época. Pasa uns anos de inactividade literaria, adentrado no mun

do rural lugués. Dese contacto coas súas xentes, a súa fala popular, a paisaxe e a vida labrega xurdirá un coñecemento de terra adentro que, mesturado co seu saber artístico, dá como resultado os seus mellores relatos.

Ánxel Fole merecía esta homenaxe. Este excelente narrador ademais de galeguista comprometido, contribuíu sen dúbida á transmisión da riqueza dos nosos devanceiros, e para que o legado continúe, débese dar a coñecer ás xeracións actuais a obra deste galego insigne.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Cultura e Comunicación Social e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do vintecatro de abril de mil novecentos noventa e sete,

DISPOÑO:

Primeiro.-Declárase o ano 1997 en Galicia Ano de Ánxel Fole, polo que debe constituír unha obriga para tódolos galegos participar na homenaxe debida a este escritor.

Segundo.-As institucións públicas galegas, os centros de ensino, as bibliotecas, as asociacións e federacións culturais dependentes da Xunta de Galicia dedicarán unha parte da súa actividade a poñer de relevo a obra deste insigne intelectual que tivo un fondo amor pola súa terra.

Terceiro.-Como testemuño de homenaxe a Ánxel Fole, a Xunta de Galicia acuñará unha medalla conmemorativa de trescentos exemplares numerados.

Disposición derradeira

O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vintecatro de abril de mil novecentos noventa e sete.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jesús Pérez Varela

Conselleiro de Cultura e Comunicación Social

2611