Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 88 Venres, 09 de maio de 1997 Páx. 4.389

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 7 de maio de 1997 pola que se dictan normas para garanti-los servicios esenciais durante a folga xeral convocada para os días 12 e 13 de maio de 1997 no concello das Pontes de García Rodríguez, na provincia da Coruña.

O exercicio do dereito de folga queda condicionado ó mantemento dos servicio esenciais definidos no artigo 2 do Decreto 155/1988, do 9 de xuño (DOG nº 116, do 20).

O artigo 3 do devandito decreto faculta os conselleiros competentes por razón dos servicios esenciais afectados para que, mediante orde e ante cada situación de folga determinen o mínimo de actividade

necesaria para asegura-lo mantemento de tales servicios, e o persoal preciso para prestalos.

As unións comarcais de Ferrol das centrais sindicais Confederación Intersindical Galega (CIG), Unión Xeral de Traballadores (UGT), e Comisións Obreiras ( CC.OO.), en escrito de data 30 de abril de 1997, comunican a convocatoria de folga xeral de 24 horas, desde as 6 horas do día 12-06-1997, ata as 6 horas do día 13-06-1997 e que afectará a tódalas actividades laborais e funcionariais desempeñadas polos traballadores e empregados públicos das empresas e organismos establecidos no ámbito do concello das Pontes de García Rodríguez na provincia da Coruña.

Ante o carácter de folga xeral, semella o máis axeitado regula-los servicios mínimos mediante unha única norma de aplicabilidade a tódolos centros, dependencias e servicios en xeral sobre os que pode ter incidencia esta convocatoria.

A necesaria conciliación entre o exercicio do dereito constitucional de folga e o mantemento dos servicios esenciais obriga a Administración autonómica, de acordo coa normativa vixente, a fixar uns servicios mínimos indispensables para o funcionamento dos servicios esenciais que se concretan e xustifican na presente orde.

Así pois, establécense servicios mínimos respecto a sectores e actividades dos que a regulación é competencia dalgunha das consellerías da Xunta de Galicia e que poden afecta-lo desenvolvemento ordinario da actividade cidadá.

Na Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda xúlgase necesario fixar servicios mínimos que cubran a área de transporte, e nese sentido o Decreto 61/1985, do 18 de abril, dispón que deberán manterse os servicios de transporte de estudiantes e escolares nas expedicións normalmente establecidas e dos obreiros que sexan estrictamente precisas para transporta-los traballadores imprescindibles para servicios de seguridade, gardería e mantemento.

No tocante ós servicios de transporte de carácter concesional en sentido estricto (servicios regulares de uso xeral), establécense soamente os servicios mínimos necesarios nas expedicións que teñan a súa orixe ou destino na localidade afectada pola convocatoria da folga.

O dereito á educación é un dereito de carácter social, e por tanto, reclama dos poderes públicos as accións positivas necesarias para que poida ser levado a cabo en igualdade de tódolos que se encontran en calquera dos niveis formativos en calquera tipo de centro.

Por outra parte, a especial problemática de Galicia, coa maior porcentaxe de alumnos transportados e facendo uso dos comedores escolares ou o bo número de internados da nosa Comunidade Autónoma, non poden quedar paralizados no seu funcionamento como consecuencia do dereito constitucional de folga.

En canto á Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, establécense servicios mínimos para garanti-los servicios esenciais definidos no artigo dous do Decreto 155/1988, do 9 de xuño, e que neste caso se concretan nos de rexistro e recepción de documentos na axencia de extensión agraria das Pontes de García Rodríguez.

No referente á Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, e co fin de garanti-lo dereito constitucional de protección da saúde e dos intereses dos cidadáns que lle corresponde tutelar á consellería, fíxanse os servicios mínimos imprescindibles para mante-la adecuada cobertura dos servicios das institucións sanitarias e centros de servicios sociais, en evitación de que se lles produzan graves prexuízos ós usuarios.

Os mínimos que se establecen responden á necesidade de compatibiliza-lo respecto ó exercicio do dereito á folga coa atención ós usuarios que, baixo ningún concepto, poden quedar desasistidos na prestación deste tipo de servicios.

Na consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, procédese a fixa-los servicios esenciais establecidos no Real decreto 755/1987, do 19 de xuño.

En consecuencia, e de acordo co establecido no parágrafo 5.2º do Regulamento de réxime interior da Xunta de Galicia, aprobado polo Decreto 111/1984, do 25 de maio, e por proposta das consellerías de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda; Educación e Ordenación Universitaria; Agricultura, Gandería e Montes; Sanidade e Servicios Sociais; Xustiza, Interior e Relacións Laborais, e oído o Comité de Folga,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Con carácter xeral, o mínimo de actividade e o persoal preciso para asegura-lo mantemento dos servicios esenciais durante a folga xeral, convocada no concello das Pontes de García Rodríguez entre as 6 horas do día 12 de xuño de 1997 e as 6 horas do día 13 seguinte, é o que segue:

1.1. Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda.

Servicios escolares de estudiantes.

Deben manterse tódolos servicios escolares de estudiantes ó cento por cen nas expedición normalmente establecidas.

Servicio de transporte de traballadores.

En canto ó transporte de traballadores, deberán manterse as expedicións anteriores ás 9 horas e as posteriores ás 18 horas.

1.2. Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

* Nos centros dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria:

-O director ou un membro do equipo da dirección e un subalterno en cada centro escolar.

-O 30% do persoal de comedores e do persoal docente encargado destes, nos centros de educación primaria/EXB con servicio de comedor.

-O 25% do persoal de comedores, limpeza e subalternos nas escolas fogar.

-O 25% do persoal docente encargado de comedores das escolas fogar, garantindo un mínimo de dúas persoas.

-O 30% de persoal de comedores, limpeza e subalternos nos centros residenciais docentes.

-O 25% do persoal de limpeza, nos centros de ensino secundario.

A totalidade de persoal de comedores, ATS, limpeza, coidadores e persoal médico dos centros de educación especial.

1.3. Consellería de Agricultura, Gandería e Montes.

Axencia de extensión agraria das Pontes de García Rodríguez:

-Un funcionario.

1.4. Consellería de Sanidade e Servicios Sociais.

Centro de Servicios Sociais das Pontes de García Rodríguez:

-O director do centro.

Servicio Galego de Saúde:

-Centro de Saúde e de Urxencias das Pontes de García Rodríguez.

Persoal facultativo:

1. Cobertura do cento por cen da actividade urxente.

2. Un facultativo de medicina xeral e un pediatra por centro de traballo.

* Persoal sanitario non facultativo:

1. Cobertura do cento por cen da actividade urxente.

2. Un efectivo de cada categoría por centro de traballo.

* Persoal non sanitario:

1. Cita previa: un número de efectivos que garantan a atención ó paciente que o requira, cun mínimo dun por centro de traballo.

2. Atención ó doente: un número de efectivos que garantan a atención o paciente que o requira, cun mínimo dun por centro de traballo.

1.5. Consellería de Xustiza, Interior e Relación Laborais.

No Xulgado de Paz: o funcionario que desempeña as funcións de secretario xudicial e o axente xudicial.

Artigo 2º

O persoal que debe presta-los servicios relacionados nos artigos anteriores será destinado, no suposto da Consellería de Sanidade Servicios

Sociais, Servicio Galego de Saúde, polo director xerente da área sanitaria da Coruña-Ferrol, polos delegados provinciais das consellerías respectivas e polos directores de persoal, nos restantes supostos; os nomes dos designados publicaranse nos taboleiros de anuncios dos respectivos centros de traballo.

Artigo 3º

O incumprimento da obriga de atende-los servicios mínimos fixados nesta orde será sancionado de conformidade coa lexislación vixente aplicable ós diversos colectivos.

Artigo 4º

O disposto na presente orde non suporá ningunha limitación dos dereitos que a normativa reguladora da folga lle recoñece ó persoal na dita situación.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 7 de maio de 1997.

Dositeo Rodríguez Rodríguez.

Conselleiro da Presidencia de Administración Pública

3355