Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 88 Venres, 09 de maio de 1997 Páx. 4.388

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE FAMILIA, MULLER E XUVENTUDE

DECRETO 106/1997, do 17 de abril, polo que se regula a creación da Comisión Autonómica da Muller.

A Lei 3/1991, do 14 de xaneiro, de creación do Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller establece, no seu artigo 3, entre as funcións que ten que desenvolver este organismo, a de cooperar con tódalas entidades que polos seus fins ou actividades contribúan á consecución dos obxectivos previstos nesta lei.

O II Plano de Igualdade de Oportunidades das Mulleres Galegas con vixencia para 1995-1997, recolle a necesidade de colaboración recíproca entre o Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller e as deputacións, concellos e as asociacións de mulleres.

A Comisión Autonómica da Muller pretende ser unha vía de comunicación entre o Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller e a sociedade en xeral, sendo unha canle da dita comunicación as deputacións, concellos e asociacións de mulleres de forma que permita e favoreza a ineludible transformación do papel das mulleres na sociedade galega, fomentando unha participación máis activa destas.

Por todo isto e tendo en conta o acordo do Pleno do Consello do Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home da Muller, reunido en sesión celebrada o 17 de xullo de 1996, por proposta da conselleira de Familia, Muller e Xuventude e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dezasete de abril de mil novecentos noventa e sete,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Créase a Comisión Autonómica da Muller, coa finalidade de se-la vía de comunicación entre o Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller e a sociedade en xeral, sendo a canle da dita comunicación as deputacións e concellos, as asociacións de mulleres e os axentes sociais, de forma que permita e favoreza a transformación do papel das mulleres na sociedade galega, fomentando unha participación máis activa destas.

Artigo 2º

A Comisión Autonómica da Muller estará adscrita ó Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller.

Artigo 3º

Serán funcións propias da comisión:

a) Asesorar, informar e propoñerlle á Dirección do Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller, cantas medidas se consideren

convenientes en materia de promoción e fomento da igualdade de ámbolos dous sexos e da participación da muller na vida política, cultural, económica e social.

b) Asesora-la Dirección do Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller respecto das accións que se van levar a cabo para o cumprimento dos obxectivos fixados na Lei de creación do servicio.

c) Potencia-la coordinación entre as institucións que actúen no eido da igualdade en Galicia.

d) Calquera outra actuación que lle fose encomendadas polo Pleno do Consello do Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller.

Artigo 4º

1. A Comisión Autonómica da Muller estará composta polos seguintes membros:

Presidenta: directora xeral do Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller.

Vicepresidenta: elixida de entre os membros da comisión.

Vocais:

-3 representantes das vocalías da muller das organizacións sindicais máis representativas da Comunidade Autónoma de Galicia.

-Representación das corporacións locais: tres representantes que se designarán pola Federación Galega de Municipios e Provincias, que se repartirán do seguinte xeito:

-Un/unha representante das deputacións provinciais.

-Un/unha representante dos concellos cunha poboación superior a 20.000 habitantes.

-Un/unha representante dos concellos cunha poboación inferior a 20.000 habitantes.

-Asociacións de amas de casa: dúas representantes.

-Asociacións de mulleres rurais: dúas representantes.

-Asociacións de mulleres empresarias: unha representante.

-Asociacións sociais e culturais: dous representantes.

-Organizacións non gobernamentais (ONG) que traballen con colectivos de mulleres con problemática e de especial dificultade: unha representante.

-Mulleres mariscadoras: unha representante.

-Un/unha representante do Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller, designada/o pola directora xeral do SGI.

-Secretario/a: o/a secretario/a do Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller.

2. Por cada vocal titular nomearase tamén un suplente que o substituirá nos casos legalmente previstos.

3. As/os vocais serán nomeadas/os pola presidenta/e da comisión, por proposta da institución, asociación ou entidade a quen representen, e o nomeamento deberá publicarse no Diario Oficial de Galicia, poderán ser apartados do seu cargo de igual xeito.

Artigo 5º

1. A duración do mandato dos vocais representativos será de catro anos, sen prexuízo da súa reelección e da posibilidade de substitución dos titulares e dos suplentes durante o dito período, por proposta da institución, asociación ou entidade a quen represente.

2. Non obstante o disposto no apartado anterior, se se produce un novo proceso electoral nas entidades participantes na comisión, procederase a reestructura-la súa composición se houbese nova proposta.

3. A proposta de separación dos vocais, titulares ou suplentes deberá serlle comunicada á presidenta da comisión, a través do/a secretario/a, xunto coa proposta do novo representante.

Artigo 6º

A comisión reunirase en sesión ordinaria, unha vez por semestre, logo da convocatoria da presidencia, no lugar e na hora que se determine, co obxecto de trata-los asuntos incluídos na orde do día.

Ademais, a comisión reunirase con carácter extraordinario cando así o considere a presidencia ou ben por proposta de 2/3 dos membros que compoñen a comisión.

Artigo 7º

1. Son funcións da presidenta:

a) Exerce-la representación da comisión.

b) Convoca-las reunións, formula-la orde do día e presidir e modera-lo desenvolvemento dos debates.

c) Someter á consideración da comisión tódolos asuntos que sexan da súa competencia.

d) Visa-las actas e certificacións dos acordos da comisión.

e) Cantas outras resulten propias da súa condición de presidente.

2. Nos casos de ausencia, vacante ou enfermidade do presidente, esta será substituída pola vicepresidenta.

Artigo 8º

Correspóndelle á vicepresidenta:

a) Colaborar coa presidenta nas tarefas que esta lle encomende e substituíla nos casos legalmente previstos.

b) Aqueloutras que lle sexan encomendadas pola normativa de réxime interno e tódalas que sexan inherentes á súa condición de vicepresidenta.

Artigo 9º

A secretaria levará a cabo as seguintes funcións:

a) Convocar, por orde da presidenta, as reunións da Comisión Autonómica da Muller.

b) Asistir ás reunións da comisión, levantando acta delas.

c) Expedir certificacións, visadas pola presidenta, das propostas e informes aprobados pola comisión.

Disposición adicional

No non previsto no presente decreto, será de aplicación o disposto no capítulo II do título II da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a directora xeral do Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller, da Consellería de Familia, Muller e Xuventude, para dicta-las normas necesarias para o desenvolvemento do presente decreto.

Segunda.-O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezasete de abril de mil novecentos noventa e sete.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Manuela López Besteiro

Conselleira de Familia, Muller e Xuventude

3580