Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 87 Xoves, 08 de maio de 1997 Páx. 4.372

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 6 de marzo de 1997, da Dirección Xeral de Industria, pola que se lle autoriza a instalación dunha planta de coxeración de enerxía eléctrica á empresa Unión de Empresas Madereras, S.A., no concello de Carballo (A Coruña), e se inclúe no réxime especial creado polo Real decreto 2366/1994 (expediente 33/1994).

Visto o escrito presentado pola empresa Unión de Empresas Madereras, S.A., con enderezo para efectos de notificacións na Canosa, Rus, 15101 Carballo, A Coruña, e tendo en conta os seguintes feitos:

Primeiro.-Con data do 24 de xullo de 1994, a referida empresa, adicada á fabricación de taboleiros

aglomerados, obtivo, por resolución desta Dirección Xeral de Industria, a condición de autoxerador eléctrico nos termos recollidos na orde do Ministerio de Industria e Enerxía do 7 de xullo de 1982, para unha central de coxeración constituída por un único grupo motoxerador cunha potencia máxima de 7.500 kVA. Con data do 10 de setembro de 1995, Unemsa define como será a planta de coxeración, que estará constituída nunha primeira fase por un grupo de 1.120 kVA de potencia, e instalarase en fases sucesivas un segundo grupo de 2.500 kVA e dous de 3.500 kVA, estando previsto o pase dos dous primeiros a reserva. Con data do 28 de setembro de 1995, mediante nova resolución desta dirección xeral, aprobouse provisionalmente o proxecto de execución da primeira fase, instando á empresa para que presentase solicitude de autorización administrativa para o proxecto de coxeración definido anteriormente, que difería substancialmente do autorizado no seu día.

Segundo.-O día 26 de febreiro de 1996, a citada empresa solicitou a autorización administrativa e o recoñecemento da condición de instalación acollida ó réxime especial de producción de enerxía eléctrica creado polo Real decreto 2366/1994, do 9 de decembro, sobre producción de enerxía eléctrica por instalacións hidráulicas, de coxeración e outras abastecidas por recursos ou fontes de enerxías renovables, para a ampliación da planta de coxeración que ten previsto instalar na súa factoría do concello de Carballo (A Coruña).

Con data do 10 de xuño de 1996, presenta solicitude para unha nova ampliación; xúntalles á dita solicitude o preceptivo anteproxecto das instalacións, o estudio dos rendementos enerxéticos alcanzables e de aforro de enerxía que se conseguirán coa posta en servicio das instalacións proxectadas e o resto da documentación a que fai referencia o artigo 5.4º do citado R.D. 2366/1994.

As características técnicas básicas da planta de coxeración definitiva serán as seguintes:

Catro grupos motor-xerador alimentados por fueloil, de 3.675 kW cada unidade, tensión de xeración 6 kV; dous grupos gasóleo de 1.120 kVA e 2.620 kVA respectivamente; un centro de transformación r/t 15-20/6, con catro transformadores de 3,75 MVA c/u; un transformador de r/t 5,5/0,38 e potencia 2.800 kVA para o grupo de reserva de 2.620 kVA; instalacións de interconexión coa liña eléctrica da compañía distribuidora e instalacións complementarias de aproveitamento de calor e de protección eléctrica, mando sinalización e medida.

Terceiro.-De conformidade co establecido no Decreto 2617/1966, do 20 de outubro, sobre autorización de instalacións eléctricas, de aplicación ó presente expediente en virtud do establecido na disposición transitoria primeira da Lei 40/1994, de 30 de decembro, de ordenación do sistema eléctrico nacional, a Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio da Coruña dictou resolucións

do 20 de maio e 13 de xuño de 1996 polas que se someteu a información pública a autorización administrativa da instalación de referencia, que se publicaron nos DOG do 4-7-1996 e 27-11-1996 e nos BOP da Coruña do 6-7-1996 e 28-10-1996, recibíndose neste trámite unha reclamación formulada por 98 veciños da factoría na que se opuñan ó proxecto, ó afirmaren que constituirá un importante foco de contaminación acústica e atmosférica.

Cuarto.-Remitida a alegación á empresa, esta contesta no sentido de que o proxecto presentado recolle medidas correctoras tanto de gases como de ruídos polo que, unha vez realizada a instalación, esta cumprirá con tódalas normas regulamentarias e moi en concreto as relativas á contaminación por ruídos e gases.

Quinto.-A solicitude obxecto deste expediente está informada favorablemente pola dita delegación provincial.

Fundamentos de dereito

Primeiro.-A Dirección Xeral de Industria é competente para resolver este expediente con base no Estatuto de autonomía de Galicia, no Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, no Decreto 132/1982, do 4 de novembro e no Decreto 209/1990, do 15 de marzo, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Industria e Comercio, modificado polos decretos 140/1991, do 2 de maio e 292/1995, do 3 de novembro, en relación co Decreto 2617/1966, do 20 de outubro, sobre autorización de instalacións eléctricas e o Real decreto 2366/1994, do 9 de decembro.

Segundo.-A planta de coxeración proxectada supera os rendementos enerxéticos mínimos que para o tipo de combustible se establecen no anexo do citado R.D. 2366/1994, sendo realizado o expediente con cumprimento da tramitación regulamentaria.

Terceiro.-Examinada a documentación que figura no expediente, queda de manifesto que debe desestimarse a alegación presentada polos veciños da factoría, xa que non procede aceptar xuízos previos non razoados, máxime cando existe a vontade firme da administración de que a instalación se axuste ós niveis sonoros e de emisión de gases regulamentarios; polo tanto, debe accederse ó solicitado pola empresa Unión de Empresas Madereras, S.A. e, por conseguinte, proceder á autorización administrativa da planta e a recoñecerlle a condición de instalación acollida ó réxime especial do R.D. 2366/1994.

Vistos os preceptos legais e os demais de pertinente e xeral aplicación, esta dirección xeral,

RESOLVE:

Primeiro.-Autoriza-la instalación dunha planta de coxeración á empresa Unión de Empresas Madereras, S.A., para situar nas instalacións da factoría que a dita empresa ten en Carballo (A Coruña).

Segundo.-Recoñecer á planta de coxeración autorizada a condición de instalación acollida ó réxime especial do R.D. 2366/1994, e incluíla no grupo d) do artigo 2 do dito real decreto.

Como requisito necesario para a aplicación do réxime especial á dita instalación, a citada empresa deberá inscribir aquela no Rexistro de Instalacións de Producción de Enerxía Eléctrica en Réxime Especial da Comunidade Autónoma de Galicia, creado pola orde da Consellería de Industria e Comercio do 5 de xullo de 1995 (DOG do 14-7-1995), para o que acreditará o cumprimento das condicións previstas no artigo 11 do R.D. 2366/1994, presentando a documentación que figura nas instruccións dictadas por esta dirección xeral en desenvolvemento da citada orde.

O promotor presentará ante a Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio da Coruña, no prazo dun ano contado a partir da data de publicación no DOG da presente resolución, o proxecto de execución da planta de coxeración autorizada, a cal conterá os datos e condicións técnicas para a realización das instalacións de conexión da central á rede, que serán facilitados pola empresa que distribúa enerxía eléctrica na zona, así como o punto de interconexión.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso ordinario perante o conselleiro de Industria e Comercio da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir da data da súa publicación.

Santiago de Compostela, 6 de marzo de 1997.

Joaquín del Moral Crespo

Director xeral de Industria

3484