Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 87 Xoves, 08 de maio de 1997 Páx. 4.349

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 17 de febreiro de 1997, da Delegación Provincial de Lugo, pola que se dispón a inscrición no rexistro e publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo de ámbito provincial para a empresa Setex-Aparki, S.A.

Visto o texto do convenio colectivo para a empresa Setex-Aparki, S.A. (código 2700652), da provincia de Lugo, asinado o día 29 de xaneiro de 1997, pola representación da mentada empresa e a dos seus traballadores, e de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, e no Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo. Esta delegación provincial,

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la inscrición do citado convenio colectivo no rexistro de convenios desta delegación, así como o seu depósito.

Segundo.-Remiti-lo texto do mentado convenio á Dirección Xeral de Relacións Laborais da Xunta de Galicia.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Lugo, 17 de febreiro de 1997.

Manuel Bande Díaz

Delegado provincial de Lugo

Convenio colectivo para os traballadores

da empresa Setex-Aparki, S.A. de Lugo

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Ámbito funcional.

O presente convenio regula as relacións laborais entre a empresa Setex-Aparki, S.A. e o seu persoal.

Artigo 2º.-Ámbito xeográfico.

O ámbito xeográfico do presente convenio circunscríbese á cidade de Lugo.

Artigo 3º.-Duración.

O convenio entrará en vigor o día 1 de xaneiro de 1997, con independencia da súa publicación no BOP e a súa vixencia estenderase ata o 31 de decembro de 1997. Os seus efectos económicos retrotraeranse ó 1 de xaneiro de 1997.

Artigo 4º.-Denuncia.

Calquera das partes asinantes poderá denuncia-la expiración da vixencia do citado convenio, e deberá facelo cun mínimo de tres meses antes do respectivo vencemento.

A denuncia efectuarase mediante comunicación fidedigna á outra parte e á Dirección Provincial de Traballo.

De non ser denunciado en tempo e forma por ningunha das partes, prorrogarase automaticamente por anualidades naturais, elevando os conceptos económicos na mesma proporción que o faga o IPC previsto para ese ano, máis dous puntos.

Denunciado o convenio, se as negociacións se estendesen por un período superior á súa vixencia, entenderase prorrogado este ata a entrada en vigor do novo convenio.

Artigo 5º.-Vinculación á totalidade.

No suposto de que a xurisdicción laboral declarase contrario ás disposicións legais vixentes no momento do asinamento do convenio algún dos seus pactos, este quedará nulo na súa totalidade, e comprometeranse ámbalas partes a negocialo outra vez.

Artigo 6º.-Comisión paritaria.

Co obxecto de velar pola correcta aplicación e cumprimento do contido do presente convenio, créase unha comisión mixta paritaria que entenderá de tódalas cuestións relacionadas coa interpretación das normas contidas nel.

A comisión mixta paritaria estará formada por dous traballadores (nomeados polo sindicato máis representativo dentro da empresa e dous representantes da empresa. Cada parte poderá nomear un asesor, que terá voz pero non voto.

Para que exista acordo requirirase o voto acorde da metade máis un dos membros da comisión.

Das reunións celebradas pola comisión levantarase acta na que figurarán as decisión tomadas, e deberán ser asinadas as actas pola totalidade dos membros asistentes a elas.

A comisión reunirase cando o solicite unhas das partes.

Capítulo II

Xornada laboral

Artigo 7º.-Xornada.

A xornada en cómputo anual será de 1.800 horas.

Artigo 8º.-Horarios.

As quendas de traballo poderán ser continuadas ou partidas. Naquelas que se realicen de xeito continuado haberá un período de descanso de 30 minutos.

Entre quenda e quenda terán que transcorrer como mínimo 12 horas.

Os días de descanso en cómputo anual serán os mesmos para todo o persoal.

A organización do traballo é competencia da empresa, aínda que os cadros de traballo serán negociados cos representantes legais dos traballadores da empresa.

Artigo 9º.-Vacacións.

Todo o persoal desfrutará de vacacións retribuídas de 31 días naturais. Aqueles traballadores que teñan unha antigüidade inferior a un ano, desfrutarán dos días correspondentes por vacacións de forma proporcional á súa antigüidade.

O calendario de vacacións será pactado entre a empresa e a representación legal dos traballadores. Para tal efecto, os representantes dos traballadores presentarán unha proposta de cadro de vacacións antes do 30 de outubro de cada ano.

Artigo 10º.-Permisos e licencias.

Os traballadores poderán gozar de permiso retribuído nos seguintes casos:

Por nacemento de fillo: 3 días.

Por matrimonio do traballador/a: 16 días.

Por enfermidade grave ou falecemento do cónxuxe ou parella estable, ata segundo grao de consanguinidade ou afinidade: 3 días.

Por matrimonio de fillos ou pais: 1 día.

Cando se teña que realizar un desprazamento de más de 100 km, corresponderalle un día máis, se é o caso.

En caso de visita médica nos servicios da Seguridade Social e mediante xustificante de consulta, concederase o tempo necesario para esta.

O traballador terá dereito a desfrutar de xornada retribuída de 3 días por asuntos propios e, como único requisito para a súa adxudicación, esixirase

a súa petición por escrito cunha anticipación de 48 horas, como mínimo. Cando a petición dalgún destes días a realice máis do 10% do cadro de persoal activo nesa data, a representación legal dos traballadores e da empresa abordarán as condicións precisas para o seu desfrute.

Capítulo III

Ascensos

Artigo 11º.-Ascensos e promocións.

Cando na empresa se produzan vacantes, se creen ou aumenten certos postos de traballo (tanto mandos intermedios coma categorías medias), antes de contratar persoas alleas a ela, tratarase de cubrir estas prazas con traballadores do cadro de persoal, e pasarase a cubrir as vacantes con traballadores promocionados polas novas contratacións.

Cando un traballador realice traballos de categoría superior durante máis de 90 días ininterrompidos ou de 120 días alternos dentro do mesmo ano, concederáselle a categoría superior, e figurará con esta na correspondente escala.

Tódolos traballadores terán dereito á formación profesional e á promoción de traballo, segundo establece o Estatuto dos traballadores no seu artigo 22.

Tódolos traballadores que realicen estudios ou formación profesional en centros oficiais poderán solicitar quendas de traballo adecuadas a estes, e a súa concesión, logo de estudio e aprobación, realizarase por acordo entre 105 representantes legais dos traballadores e a empresa. Os permisos necesarios non excederán de 8 días naturais ó ano retribuídos para concorrer a exames, sen alteración nin diminución dos seus dereitos laborais.

Capítulo IV

Axudas sociais

Artigo 12º.-Incapacidade temporal (IT).

Para os supostos de incapacidade temporal acórdase o seguinte:

Durante as ausencias por IT derivada de accidente de traballo ou hospitalización, a empresa aboará ó seu cargo, durante o tempo que dure a dita situación, un complemento de prestacións á Seguridade Social, de tal xeito que entrambos se cubra o 100% da retribución bruta. Igualmente, os traballadores percibirán a partir do 15º día de IT o 100% da retribución bruta no caso de enfermidade común ou accidente non laboral.

Artigo 13º.-Xubilación.

Será recomendada ós 64 anos sempre que o traballador teña cuberto o período de carencia na Seguridade Social. Para tal efecto e segundo o estipulado no R.D. 1194/1985, a empresa comprométese a substituí-lo traballador xubilado por outro contratado nas mesmas condicións.

Establécese para o persoal que se xubile anticipadamente unha gratificación na contía seguinte:

Ós 63 anos: 350.000.

Ós 62 anos: 390.000.

Ós 61 anos: 420.000.

Ós 60 anos: 450.000.

Capítulo V

Dereitos sindicais

Artigo 14º.-Información sobre a contratación.

A dirección da empresa estará obrigada a facilitarlles ós representantes dos traballadores información periódica sobre contratación, que incluirá:

a) Previsión en materia de emprego e contratación:

-Modalidades de contratación.

-Grao de cumprimento das previsións anteriores. Esta información entregarase trimestralmente.

b) Os sindicatos asinantes do presente convenio serán consultados previamente á adopción de decisións empresariais en materia de:

-Número de traballadores que se deben contratar.

-Modalidades de contratos e número deles.

-Datas de celebración dos contratos e duración destes.

-Modo de selección do persoal.

En caso de que as decisións empresariais non se realicen logo de consulta cos representantes legais dos traballadores, entenderanse inexistentes as circunstancias que xustifican a contratación temporal e, polo tanto, as relacións laborais serán consideradas como indefinidas.

Capítulo VI

Seguridade e hixiene

Artigo 15º.-Vestiario. Servicio ORA.

-Un anorak impermeable.

-Dous pantalóns.

-Dúas saias.

-Dúas camisas de manga longa para o inverno.

-Dúas camisas de manga curta para o verán.

-Unha chaqueta a xogo cos pantalóns ou coas saias.

-Un par de zapatos de verán.

-Un par de botas para inverno.

-Unha gravata.

-Dous pares de calcetíns de verán.

-Dous pares de calcetíns de inverno.

-Medias para o persoal feminino.

-Unha pucha.

As roupas de traballo e calzado serán renovables de ano en ano. Ós traballadores que, por necesidades físicas e prescrición facultativa, precisasen modificacións na súa roupa de traballo, estas seranlles efectuadas por conta da empresa.

Artigo 16º.-Asistencia xurídica.

Tódolos traballadores terán dereito a que a empresa lles proporcione a asistencia de avogado e procurador desde o inicio á fin do proceso xurídico e nos casos en que, pola prestación e durante o desenvolvemento do seu cometido, se producise algún tipo de agresión por persoas alleas á empresa, sempre que o traballador non incorrese en neglixencia ou comportamento doloso ou culpable.

Artigo 17º.-Seguro de morte ou invalidez.

Establécese unha póliza de morte ou invalidez para cada un dos traballadores da empresa durante a súa permanencia en activo nesta, consistente en 3.000.000 de ptas. en caso de morte natural, e de 3.000.000 de ptas. en caso de morte ou invalidez por accidente. A póliza producirá efectos a partir da data na que se asine o citado convenio. As primas deste seguro corren por conta da empresa, que deberá darlles copia ós representantes legais dos traballadores.

Indemnizacións por falecemento. A empresa aboará dúas mensualidades completas (salario base+antigüidade) do mes completo no que faleza sen ter en conta o día en que o dito feito aconteza, así como a cantidade que se aboará por lutus será de 50.000 ptas.

Artigo 18º.-Protección ó embarazo.

A traballadora xestante terá dereito a ocupar durante o seu embarazo o seu posto de traballo e unha quenda distinta á súa, se existise prescrición do facultativo que atende o seu embarazo, sen modificación de categoría nin mingua dos seus dereitos económicos.

Durante a baixa de IT por embarazo, a traballadora terá dereito a percibi-lo 100% de tódolos seus conceptos salariais.

A traballadora embarazada terá permisos retribuídos para preparación ó parto, así como a dereito a elixir data das súas vacacións regulamentarias.

Artigo 19º.-Pagas extraordinarias.

Establécense dúas pagas extraordinarias, en contía de salario base, pluses e antigüidade, que serán aboadas, a de verán, coa nómina do mes de xuño, e a de Nadal, con anterioridade ó 20 de decembro.

Así mesmo, establécese unha participación nos beneficios, que consistirá no reparto lineal entre tódolos traballadores dunha cantidade equivalente ó 2% remanente obtido no servicio ORA. Este rema

nente xustificarase mediante a liquidación presentada ó concello correspondente ó ano anterior. Esta paga farase efectiva durante os tres meses seguintes ó devengo. O aboamento farase efectivo antes do día 31 de marzo de cada ano.

Artigo 20º.-Antigüidade.

O persoal afectado polo presente convenio devengará as antigüidades de acordo coas seguintes táboas:

-De 3 a 6 anos: 5%.

-De 6 a 9 anos: 10%.

-De 9 a 12 anos: 15%.

-De 12 a 15 anos: 20%.

-De 15 a 18 anos: 25%.

-De 18 a 21 anos: 34%.

-De 21 a 24 anos: 48%.

-De 24 ou máis anos: 58%.

Estas porcentaxes aplicaranse sobre o salario base vixente en cada momento.

Artigo 21º.-Quebranto de moeda.

Aboaráselle a cada traballador un 2% sobre tarxeta que sexa vendida por el mesmo. O seu devengo realizarase antes de remata-lo primeiro e segundo semestre de cada ano.

Capítulo VII

Retribucións

Artigo 22º.-Táboas salariais para 1997 (segundo anexo I).

Artigo 23º.-Incremento salarial 1997.

Acórdase un incremento salarial do IPC real do ano 1996 sobre táboas do 1996 con efectos do 1 de xaneiro de 1997.

Ó mesmo tempo, tódolos traballadores percibirán unha paga de compensación social que cobrarán na nómina do mes de setembro de 1997 por importe de 16.000 ptas., a cal queda consolidada para anos sucesivos.

ANEXO I

TÁBOA SALARIAL ANO 1997

Categorías

Sal. bruto

mensual

1996

Sal. base

x14 pagas

Incentivo

x14 pagas

Transporte

x14 pagas

Vixilante105.55580.346 4.57520.634
Conductor138.55895.00015.94527.613
Oficial mantemento139.50286.41317.48535.604
Administrativo150.98787.54020.30643.141

1953