Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 82 Mércores, 30 de abril de 1997 Páx. 3.978

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA E COMUNICACIÓN SOCIAL

ORDE do 31 de marzo de 1997 pola que se regula a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, ás corporacións locais encamiñadas á dotación de equipos para o desenvolvemento dos medios de comunicación municipais.

A Dirección Xeral de Medios de Comunicación Social e Audiovisual, co fin de que as corporacións locais teñan cobertura radiofónica de carácter local que lles facilite ós cidadáns uns medios de comunicación que amplíen o marco da pluralidade informativa, vén establecendo co cargo ós orzamentos xerais da Comunidade Autónoma unha liña de subvencións de capital.

Neste sentido, a Lei 11/1996, do 30 de decembro, de presupostos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 1997, inclúe a oportuna consignación para a finalidade sinalada.

A concesión de subvencións e axudas con cargo ós orzamentos xerais da Comunidade Autónoma galega deberán someterse ó cumprimento dos requisitos de publicidade, concorrencia e obxectividade, a teor do sinalado no artigo 78.1º da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia, o que esixe a realización na correspondente orde reguladora, así como a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Polo exposto, e en uso das facultades que me atribúen os artigos 34.6º e 38 da Lei 11/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, reformada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro,

DISPOÑO:

Artigo 1º

A Dirección Xeral de Medios de Comunicación Social e Audiovisual poderá conceder subvencións encamiñadas á dotación de equipos para o desenvolvemento dos medios de comunicación municipais ás corporacións locais da Comunidade Autónoma de Galicia, ata o límite sinalado no artigo 9 desta orde.

Artigo 2º

O obxectivo é incentiva-la iniciativa local para a dotación de estudios e equipamento de sistemas

de radiodifusión sonora en ondas métricas con modulación de frecuencia.

Artigo 3º

1. Poderán ser beneficiarios dunha subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, as corporacións locais da Comunidade Autónoma de Galicia que solicitasen ou soliciten a concesión do servicio de radiodifusión sonora en ondas métricas con modulación de frecuencia para emisoras municipais.

2. As solicitudes de subvención serán formuladas polo presidente da entidade local respectiva, segundo o modelo que se xunta como anexo a presente orde, e a ela se unirán os seguintes documentos:

-Memoria descritiva dos investimentos que se van realizar.

-Orzamento ou valoración económica das actuacións para as que se solicita a subvención, con indicación da cantidade que se pide como axuda.

-Compromiso de dotación orzamentaria suficiente para o mantemento do servicio.

3. As peticións de subvención presentaranse no rexistro xeral da Consellería de Cultura e Comunicación Social (edificio administrativo nº 5 de San Caetano, Santiago de Compostela), ou nos das súas delegacións provinciais. Tamén se poderán remitir en calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

4. O prazo de presentación de solicitudes será de 30 días naturais, contados desde o día seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 4º

As solicitudes presentadas serán tramitadas polo servicio competente da Dirección Xeral de Medios de Comunicación Social e Audiovisual.

Para a valoración das peticións, teranse en conta os seguintes criterios:

-O fomento dos valores e da identidade cultural e social de Galicia e, en especial, o emprego do galego na programación.

-Horario de emisión, porcentaxe de producción propia e porcentaxe de programas informativos, culturais ou educativos.

A resolución de concesión de subvencións será adoptada polo conselleiro de Cultura e Comunicación Social. A dita resolución por fin a vía administrativa, e contra ela poderase interpoñer no prazo de dous meses desde a súa notificación, recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Artigo 5º

A resolución respecto da presente liña de subvencións realizarase dentro dos 3 meses contados desde o remate do prazo de presentación de soli

citudes. Esgotado o devandito prazo sen resolución expresa, deberá entenderse desestimada a petición correspondente (artigo 43-2º C), contrario sensu, da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 6º

Os concellos ós que se lle conceda unha subvención ó amparo do disposto nesta orde, estarán obrigados a efectua-lo investimento que serviu de base para a concesión, debendo xustificalo antes do 30 de setembro mediante certificación na que se fará conta-la realización do investimento e a contía do gasto realizado.

A dita certificación será requisito necesario para proceder ó pagamento da subvención.

Artigo 7º

A Dirección Xeral de Medios de Comunicación Social e Audiovisual poderá realiza-las inspeccións e comprobacións que considere necesarias co fin de asegura-lo cumprimento das normas e requisitos cós que se concederon as subvencións.

Artigo 8º

1. As entidades receptoras das subvencións quedarán obrigadas:

a) A non altera-lo destino da subvención.

b) A admiti-las inspeccións e o control que estableza a Dirección Xeral de Medios de Comunicación Social e Audiovisual.

c) A efectua-la xustificación do gasto na forma preceptuada, facultándose a citada dirección xeral para determina-lo correcto cumprimento desta esixencia.

2. O incumprimento de calquera das obrigacións mencionadas será causa determinante da revogación da subvención, así como do reintegro, se é o caso, da subvención percibida e dos xuros de demora correspondentes.

Artigo 9º

As subvencións que se concedan en execución da presente orde faranse efectivas con cargo á aplicación 10.04.361.A 760.0 dos presupostos xerais da Comunidade Autónoma para 1997, no que existe un crédito para este efecto por importe de 15.000.000 de pesetas.

Disposición derradeira

Nos aspectos no contidos na presente orde aplicarase o disposto no artigo 78 da Lei 11/1992, de réxime financeiro e presupostario de Galicia, e 40 da Lei 11/1996, de presupostos xerais da Comunidade Autónoma galega para o ano 1997.

Santiago de Compostela, 31 de marzo de 1997.

Jesús Pérez Varela

Conselleiro de Cultura e Comunicación Social

2767