Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 82 Mércores, 30 de abril de 1997 Páx. 3.976

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 25 de abril de 1997 pola que se dispón o comezo da actividade administrativa, para os efectos de rexistro xeral para documentación dirixida á Xunta de Galicia, nos concellos de Viveiro, Cuntis, Rodeiro, Quiroga e Muxía.

O achegamento da Administración ó administrado, como garantía da efectividade dos dereitos que o bloque constitucional recoñece na súa relación coas diferentes administracións públicas, ten que aca

darse comezando polo achegamento físico das oficinas administrativas ós cidadáns. Esta esixencia vese acentuada, na Comunidade Autónoma galega, pola tradicional dispersión da poboación no noso territorio, o que ten provocado que o dito achegamento estea recollido no programa de reforma e modernización da Administración autonómica emprendido pola Xunta de Galicia.

A Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, establece no seu artigo 38.4º b) que nos rexistros de calquera órgano administrativo que pertenza á Administración xeral do Estado, a calquera Administración das comunidades autónomas, ou a calquera das entidades que integran a Administración local, se, neste último caso, estivese subscrito o oportuno convenio, poderánse presenta-las solicitudes, escritos e comunicacións que os cidadáns dirixan ós órganos das distintas administracións públicas.

O Decreto 209/1993, do 9 de setembro, polo que se crean as oficinas comarcais da Xunta de Galicia en Ordes, Vilalba, O Barco de Valdeorras e Lalín, ten como finalidade a culminación dunha primeira etapa prevista no programa para a reforma administrativa do actual goberno en relación co Plan de Desenvolvemento Comarcal de Galicia no sentido de consegui-lo achegamento da Administración ó administrado mediante a creación de diversas oficinas no territorio da nosa Comunidade Autónoma.

Con data quince de febreiro de mil novecentos noventa e seis subscribiuse un convenio de colaboración entre a Consellería da Presidencia e Administración Pública e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), para a implantación e desenvolvemento dos servicios informáticos e de telecomunicacións no que se prevé que nos concellos que se adhiran a el, se exercerán as funcións que se relacionan no artigo primeiro da presente orde. No antedito convenio estableceuse, ademais, a formación do persoal que sexa adscrito polo concello ós servicios obxecto deste.

Mediante o antedito convenio intensifícase, pois, a cooperación coa Administración local, e ponse ó seu servicio a rede privada de comunicacións da Xunta de Galicia para mellora-los servicios ó cidadán.

Por dispoñe-los concellos de Viveiro, Cuntis, Rodeiro, Quiroga e Muxía da infraestructura persoal e técnica prevista no convenio, disponse a súa inmediata posta en funcionamento respecto deles, sen prexuízo de proceder de igual modo co resto dos municipios adheridos, na medida na que vaian conseguindo a dita infraestructura,

DISPOÑO:

Artigo 1º

1. De conformidade co establecido no convenio de colaboración subscrito o 15 de febreiro de 1996

entre a Consellería da Presidencia e Administración Pública e a Federación Galega de Municipios e Provincias, nos concellos de Viveiro, Cuntis, Rodeiro, Quiroga e Muxía, exerceranse, ademais das funcións que lles correspondan de acordo coa lexislación de réxime local, as seguintes funcións:

a) Rexistro xeral de escritos, solicitudes ou comunicacións dirixidas a calquera órgano da Administración autonómica de Galicia cos efectos previstos no artigo 38.4º b) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Rematado o trámite de rexistro, daráselles traslado dos escritos, solicitudes ou comunicacións ós seus destinatarios, directamente e sen dilación.

b) Información xeral da Administración autonómica.

c) Información particular sobre aqueles expedientes administrativos tramitados por instancia de parte perante a Administración autonómica de Galicia, nos que o solicitante sexa interesado nos termos establecidos na lei.

d) Acceso ó Rexistro Xeral de Contratistas da Comunidade Autónoma.

2. As funcións a que se refire o número anterior exerceranse nos concellos a partir do día 2 de maio de 1997.

Artigo 2º

As oficinas dos concellos ás que fai mención o artigo anterior desempeñarán as funcións que no antedito artigo se conteñen, dentro do horario que con carácter xeral rexa para estas en cada caso e nos locais destinados ó rexistro xeral aberto ó público en cada concello.

Disposicións derradeiras

Primeira.-O establecido na presente orde non supón incremento de gasto.

Segunda.-Facúltase a Secretaría Xeral da Consellería da Presidencia e Administración Pública, á Inspección Xeral de Servicios e á Dirección Xeral de Organización e Sistemas Informáticos para dicta-las normas precisas para o desenvolvemento da presente orde.

Terceira.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vintecinco de abril de mil novecentos noventa e sete.

Dositeo Rodríguez Rodríguez

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública

3213