Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 82 Mércores, 30 de abril de 1997 Páx. 3.976

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

DECRETO 98/1997, do 14 de marzo, polo que se modifica o Decreto 116/1995, do 31 de marzo, polo que se regula o control das biotoxinas en moluscos bivalvos e outros organismos procedentes da pesca, o marisqueo e a acuicultura.

Coa publicación do Decreto 116/1995, do 31 de marzo, da Consellería da Presidencia e Administración Pública, polo que se regula o control das biotoxinas en moluscos bivalvos e outros organismos procedentes da pesca o marisqueo e a acuicultura, queda establecido que é competencia da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura a vixilancia e control sobre das biotoxinas nas zonas de producción, correspondendo á Consellería de Sanidade e Servicios Sociais a vixilancia e control dos moluscos nas fases de comercialización, transformación e mercados de venda.

A Directiva 91/492/CEE, do 15 de xullo, pola que se fixan as normas aplicables á producción e posta no mercado de moluscos bivalvos vivos, trasposta ó noso ordenamento xurídico polo Real decreto 308/1993, do 26 de febreiro, establece no seu capítulo V do anexo as condicións esixibles ós moluscos bivalvos vivos en canto a biotoxinas D.S.P. (Diarrheic Shellfish Poison) e P.S.P. (Paralytic Shellfish Poison).

Desde hai uns anos fixo aparición un novo tipo de toxina, a A.S.P. (Amnesic Shellfish Poison) constatandose a súa presencia nos moluscos das rías galegas e evidenciándose tamén a existencia de toxina A.S.P. en moluscos doutras procedencias, o que fai necesaria a regulación deste tipo de toxina e dos seus límites aceptables que permitan protexe-la saúde dos consumidores.

Aínda que a lexislación estatal non regula expresamente a posible presencia de toxina A.S.P. en moluscos bivalvos vivos, o R.D. 308/1993, do 26 de febreiro, sobre Regulamentación técnico-sanitario que fixa as normas aplicables á comercialización de moluscos bivalvos vivos, establece no punto 4 do capítulo V que «os moluscos bivalvos vivos destinados ó consumo humano inmediato... non conterán compostos tóxicos nin nocivos de orixe natural ou introducidos no medio ambiente».

Polo exposto, en virtude, das competencias de desenvolvemento lexislativo e execución da lexislación básica do Estado en materia de sanidade interior, atribuídas polo artigo 33.1º da Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, do Estatuto de autonomía de Galicia, é competencia exclusiva en materia de marisqueo e acuicultura polo seu artigo 27.15º, por iniciativa da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais e da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, por proposta do conselleiro da Presidencia e Administración Pública e logo de deliberación do

Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do catorce de marzo de mil novecentos noventa e sete,

DISPOÑO:

Artigo único.

O artigo 1 do Decreto 116/1995, do 31 de marzo, polo que se regula o control das biotoxinas e moluscos bivalvos e outros organismos procedentes da pesca, o marisqueo e acuicultura, terá a seguinte redacción:

«A cantidade de biotoxinas mariñas autorizadas en moluscos bivalvos vivos, equinodermos, tunicados e gasterópodos mariños, con destino ó consumo humano directo ou para a súa posterior transformación, será:

-Para a toxina paralizante dos moluscos (P.S.P.), nas partes comestibles dos moluscos -o corpo enteiro ou toda a parte comestible separada-, non deberá supera-los 80 microgramos por 100 gramos, determinada segundo a técnica descrita no anexo I.

-Para a toxina diarreica dos moluscos (D.S.P.), nas partes comestibles dos moluscos -o corpo enteiro ou toda a parte consumible separada- non debe dar reacción positiva, determinada segundo a técnica descrita no anexo II.

-Para a toxina anmésica dos moluscos (A.S.P.), nas partes comestibles dos moluscos -corpo enteiro ou partes consumibles por separado- non debe exceder de 20 microgramos de ácido domoico por gramo seguindo o método de análise H.P.L.C. ( cromatografía líquida de alta presión).

Disposición derradeira

O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, catorce de marzo de mil novecentos noventa e sete.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Dositeo Rodríguez Rodríguez

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública

97-3377