Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 81 Martes, 29 de abril de 1997 Páx. 3.954

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

INSTITUTO GALEGO DE PROMOCIÓN ECONÓMICA

RESOLUCIÓN do 8 de abril de 1997 pola que se modifica o texto do anexo I da do 22 de maio de 1996, pola que se fai público o convenio de apoio financeiro para a renovación da flota galega subscrito con distintas entidades financeiras.

Co obxecto de adapta-lo sistema de amortización e a liquidación de xuros e da subsidiación á operativa do contrato de financiamento subscrito polo Instituto de Crédito Oficial (ICO) e as entidades financeiras, é necesario face-las oportunas modificacións nas cláusulas novena e décima do convenio de apoio financeiro para a renovación da flota galega subscrito con distintas entidades financeiras.

Visto o exposto, de conformidade coas entidades financeiras asinantes do dito convenio e en virtude das facultades que teño conferidas,

RESOLVO:

Artigo único.-Modifícase o texto do anexo I á Resolución do 22 de maio de 1996, pola que se fai público o convenio de apoio financeiro para a renovación da flota galega subscrito coas entidades financeiras, publicado no Diario Oficial de Galicia nº 107, do 31 de maio de 1996, co seguinte texto:

1. Engádese ó parágrafo primeiro do apartado 1 da cláusula novena o seguinte texto:

Igualmente poderán efectuarse as amortizacións semestralmente, realizándose, neste caso, as liquidacións de xuros coa mesma periodicidade. As ditas liquidacións semestrais poderán comezar a computarse a partir da data de formalización do préstamo.

2. Engádese ó parágrafo primeiro do apartado 2 da cláusula novena o seguinte texto:

No caso de préstamos con amortizacións semestrais, o cálculo da subsidiación realizaraa a entidade financeira por períodos semestrais que se lle remitirán ó Igape segundo o procedemento establecido na cláusula décima.

3. O texto do parágrafo primeiro e segundo da cláusula décima substitúese pola seguinte redacción:

As liquidacións e o pagamento da subsidiación ós beneficiarios realizarase semestralmente ou trimestralmente, segundo a modalidade de amortización e liquidación de xuros elixida, a través da entidade financeira prestamista.

As entidades financeiras solicitaranlle ó Igape o pagamento da subsidiación dentro dos cinco primeiros días do trimestre natural seguinte ó que corresponde a liquidación. Xuntarán á dita solicitude as liquidacións semestrais ou trimestrais, segundo o caso, en formato de listas ou relacións individualizadas dos préstamos ordenados alfabeticamente, onde figurarán os seguintes datos:

O capital vivo teórico na data de inicio do semestre ou trimestre que se liquida; as variacións no capital vivo que se producisen ó longo do semestre ou trimestre e a data en que se produciron e, naqueles

préstamos en que se presentase nese semestre ou trimestre certificación de xustificación de investimentos, o importe do préstamo disposto con dereito a subvención e a data valor; o tipo de xuro; os puntos obxecto de subsidiación e o importe da subvención que corresponde, certificando a autenticidade deses datos.

Disposición derradeira

A presente resolución entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 8 de abril de 1997.

José Antonio Orza Fernández

Presidente do Instituto Galego de Promoción Económica

2376