Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 81 Martes, 29 de abril de 1997 Páx. 3.952

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ACADEMIA GALEGA DE SEGURIDADE

RESOLUCIÓN do 3 de abril de 1997 pola que se convoca un curso sobre policía científica.

Dentro dos programas de actividades que a Academia Galega de Seguridade ten previsto realizar no ano 1997 de forma descentralizada, e conforme as funcións atribuídas pola Lei 4/1992, do 9 de abril, de creación da Academia Galega de Seguridade, anúnciase a celebración dun curso sobre policía científica, que deberá desenvolverse conforme as seguintes bases:

Obxectivos.

O curso ten por obxectivos:

a) coñecer cómo traballa a policía científica e as posibilidades que existen no campo da identificación policial.

b) Saber cáles son os sistemas e modos de identificación, así como as peculiaridades e necesidades de cada un deles.

c) Dota-lo policía dos coñecementos indispensables para que a súa actuación diante dun caso real sexa correcta.

Destinatarios.

O curso vai dirixido ós membros dos corpos das policías locais de Galicia, membros da Unidade do C.N.P. adscrita á Comunidade Autónoma de Galicia e membros da policía local de Asturias, e no caso de quedaren prazas vacantes ós membros do Corpo Nacional de Policía e Garda Civil.

Inscrición.

A inscrición dos participantes será totalmente gratuíta.

Prazas.

O número de prazas que se ofertarán será de 40.

Solicitudes.

1. O persoal que desexe participar neste curso deberá presentar, cuberta á máquina ou con letra moi clara, a instancia que figura no anexo.

2. O prazo para a presentación de instancias rematará o día 5 de xuño, ás 14 horas.

3. As instancias deberán vir asinadas polo xefe do cadro de persoal, ou polo concelleiro de tráfico e seladas; será isto requisito indispensable para ser admitido nos cursos; o incumprimento deste requisito levará consigo á non admisión ó devandito curso.

4. As instancias deberán enviarse á sede da Academia Galega de Seguridade: rúa de Madrid, 2-4, polígono das Fontiñas, 15703 Santiago de Compostela, ou ben poden entregarse en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Contido e duración.

O curso celebrarase en sesións de tarde, de luns a venres, e nel trataranse, entre outros, os seguintes temas:

a) As funcións da policía científica.

b) Identificación persoal: mostras biolóxicas, a voz, e escrita, fotografía, descrición, lofoscopia e outras.

c) Identificación de armas, obxectos e mostras químicas: balística, trazas, análises químicas.

d) O lugar dos feitos como campo de traballo da policía científica: a inspección ocular.

e) A protección do lugar como imperativo.

f) O indicio da orixe lofoscópica: as marcas dactilares e a súa importancia.

g) A actuación policial diante do descubrimento dun cadáver ou os seus restos.

Datas.

O curso celebrarase do 16 ó 20 de xuño de 1997.

O horario será de 16 a 20 horas da tarde.

Relación de admitidos.

A relación de admitidos publicarase o día 10 de xuño no taboleiro de anuncios da Academia Galega de Seguridade, ou ben poden confirma-la súa asistencia chamando ó teléfono (981) 56 34 00.

Lugar.

O curso desenvolverase no concello de Foz; queda por concretar o seu lugar de celebración, que se comunicará xunto coa lista de admitidos.

Certificado de asistencia.

Ó remate do curso entregaráselles un certificado de asistencia a aquelas persoas que acrediten a súa participación continuada a el. Non poderán supera-las faltas de asistencia un 15% do total da duración de horas lectivas do curso; unha inasistencia superior ó 15%, aínda que sexa xustificada, levará consigo a non expedición do certificado.

Modificacións.

A Academia Galega de Seguridade poderá modifica-lo desenvolvemento do curso para adaptalo ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

Santiago de Compostela, 3 de abril de 1997.

Juan José Fariñas-Ferro Rodríguez

Director xeral da Academia Galega de Seguridade

3035