Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 77 Mércores, 23 de abril de 1997 Páx. 3.777

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 75/1997, do 10 de abril, polo que se crea a medalla da Xunta de Galicia ó mérito da policía local.

A Lei 3/1992, do 23 de marzo, de coordinación das policías locais de Galicia, no seu artigo 28 establece que os membros dos corpos de policía local poderán ser premiados, distinguidos, felicitados ou condecorados pola respectiva corporación municipal ou pola Xunta de Galicia, polos actos de especial trascendencia e mérito realizados na prestación do servicio, así como por manter durante a súa vida profesional unha conducta exemplar.

Os corpos de policía local constitúen unha institución básica da Administración local, deben contribuír á boa imaxe das súas corporacións e teñen como misión fundamental, recollida no artigo 104 da Constitución española, a defensa da seguridade cidadá e a protección do libre exercicio dos dereitos e liberdades de tódolos cidadáns.

O recoñecemento dos méritos, accións e servicios expecionais realizados polos membros dos citados corpos corresponde, non só ás súas propias corporacións, senón tamén á Xunta de Galicia, en virtude das competencias de coordinación das policías locais de Galicia que ten atribuídas pola mencionada Lei 3/1992, de acordo co previsto no artigo 148.1.22º da Constitución.

En consecuencia, por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, logo de informe favorable da Comisión de Coordinación das Policías Locais, de acordo co dictame do Consello Consultivo de Galicia e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dez de abril de mil novecentos noventa e sete,

DISPOÑO:

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Créase a medalla da Xunta de Galicia ó mérito da policía local da Comunidade Autónoma de Galicia, como recoñecemento das accións, servicios e méritos excepcionais ou extraordinarios realizados, así como por manter durante a vida profesional unha conducta exemplar.

Artigo 2º.-Esta condecoración concédeselles ós funcionarios dos corpos de policía local dos concellos de Galicia, individual ou colectivamente.

Artigo 3º.-A medalla da Xunta de Galicia ó mérito da policía local ten dúas categorías: ouro e prata. A concesión dunha ou outra destas categorías efectuarase en función das accións que se realizaren e as circunstancias que concorran, respecto ós fins da policía local.

Artigo 4º.-Cada ano, excepto circunstancias excepcionais, só se poderá conceder unha medalla de ouro e outra de prata.

Artigo 5º.-As dimensións e características distintivas da medalla da Xunta de Galicia ó mérito da policía local da Comunidade Autónoma son as que se determinan no anexo I.

Artigo 6º.-As medallas ó mérito da policía local levarán consigo a súa acreditación documental, a través dos diplomas correspondentes.

Artigo 7º.-Cando o suxeito de concesión da medalla sexa un colectivo, darase acreditación documental mediante diploma individualizado ós que se destaquen pola súa participación nos acontecementos que promoveron a súa concesión.

Capítulo II

Procedemento para a súa concesión

Artigo 8º.-As peticións para optar á concesión de medallas da policía local da Comunidade Autónoma de Galicia poderán ser realizadas polos organismos, entidades, asociacións ou agrupacións relacionadas coa policía local, e de oficio por calquera Administración pública.

Así mesmo calquera cidadán de Galicia poderá tamén realiza-la solicitude, tramitándose neste caso a través do alcalde do concello onde preste servicio o policía local proposto.

Artigo 9º.-Na petición, debidamente razoada e fundamentada, faranse constar de maneira precisa e detallada as causas, motivos e circunstancias polos que se solicita a concesión da medalla da policía local, aportando a documentación, na que deberá constar sempre o informe que permita levar a cabo a correspondente avaliación, elaborado polo xefe de policía local, ou o concelleiro delegado, no caso de ser aquel o proposto.

Artigo 10º.-A solicitude dirixirase ó director xeral de Xustiza e Administración Local. No suposto de que se considere insuficiente ou incompleta a documentación recibida, poderase reclama-la información e/ou documentación complementaria.

Artigo 11º.-O prazo máximo de presentación de solicitudes correspondentes a cada ano natural remata o primeiro de marzo do ano seguinte.

Artigo 12º.-Para a concesión das medallas reguladas neste decreto crearase unha comisión de avaliación que estará composta por:

Presidente:

-Secretario xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais.

Vocais:

-Director xeral de Xustiza e Administración Local.

-Director xeral da Academia Galega de Seguridade.

-Director xeral de Interior.

-Un representante municipal designado polas asociacións de concellos legalmente constituídas.

-Un representante dos sindicatos que será membro da Comisión de Coordinación das Policías Locais.

Secretario:

-Un funcionario designado polo presidente da comisión.

Artigo 13º.-Recibidas as peticións, a comisión de avaliación, unha vez analizadas e estudiadas, elevaralle a proposta ó conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, quen resolverá.

De consideralo necesario, a comisión de avaliación poderá reclamar e solicitar todo tipo de información complementaria que precise.

Artigo 14º.-A comisión de avaliación non poderá realizar proposta de concesión de medallas superior ó máximo que se indica neste decreto, podendo, se así se considera oportuno, quedar baleiras unha, ou a totalidade das distincións, no suposto de que os aspirantes non reunisen os requisitos e non tivesen lugar as causas e circunstancias necesarias para o recoñecemento da distinción.

Artigo 15º.-Publicación.

A resolución de concesión das medallas de policía local publicarase no Diario Oficial de Galicia.

Capítulo III

Imposición

Artigo 16º.-Entrega das medallas.

As medallas da policía local seranlle impostas ós galardoados, en acto solemne, polo presidente da Xunta de Galicia.

Capítulo IV

Beneficios e dereitos

Artigo 17º.-Os titulares da medalla da Xunta de Galicia ó mérito da policía local da Comunidade Autónoma de Galicia terán dereito:

a) Ó uso dela sobre o uniforme.

b) Ó lugar ou sitio preferente, dentro dos da súa mesma categoría, nos actos oficiais a que foran convocados, que organice a Xunta de Galicia ou concellos da Comunidade galega.

Artigo 18º.-Rexistro.

A Dirección Xeral de Xustiza e Administración Local, logo da tramitación do correspondente expediente previsto no presente decreto, realizará a inscrición no Rexistro de Policías Locais de Galicia.

Artigo 19º.-As mencións honoríficas sinaladas constituirán mérito destacado para a promoción interna e faranse constar nos expedientes persoais, segundo o disposto no artigo 28 da Lei 3/1992, do 23 de marzo, de coordinación das policías locais.

Disposición transitoria

Única.-As peticións para a concesión de medallas correspondentes ó ano 1996 poderán presentarse, coa excepción do disposto no artigo 12º, ata o 31 de maio de 1997.

Disposición derradeira

Única.-Facúltase o conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais para dicta-las disposicións necesarias para o desenvolvemento deste decreto.

Santiago de Compostela, dez de abril de mil novecentos noventa e sete.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jesús C. Palmou Lorenzo

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais

97-2987