Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 76 Martes, 22 de abril de 1997 Páx. 3.758

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 5 de marzo de 1997, da Delegación Provincial de Lugo, pola que se fai pública a declaración de impacto ambiental do proxecto de explotación da canteira Las Arieiras de Torrón.

En cumprimento do disposto no artigo 5 do Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación do impacto ambiental para Galicia, faise público o acordo da Comisión Galega de Medio Ambiente, do 6 de febreiro de 1997, polo que se formula a declaración de impacto ambiental do proxecto de explotación da canteira denominada Las Arieiras de Torrón sita no concello de Lugo, promovido por Jesús Fernández Núñez, que se transcribe como anexo a esta resolución.

Lugo, 5 de marzo de 1997.

Jesús Bendaña Suárez

Delegado provincial de Lugo

Acordo do 6 de febreiro de 1997, da Comisión Galega do Medio Ambiente, polo que se formula a declaración de impacto ambiental do proxecto de explotación da canteira denominada Las Arieiras de Torrón, sita en terreos do termo municipal de Lugo, provincia de Lugo, promovido por Jesús Fernández Núñez.

No Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación de impacto ambiental para Galicia (DOG do 25 de setembro de 1990), da Consellería da Presidencia e Administración Pública da Xunta de Galicia, establécese a obriga de formular declaración de impacto ambiental (DIA) con carácter previo á resolución administrativa que vai adopta-lo órgano substantivo para a autorización da actividade, obxecto do proxecto.

O proxecto consiste na explotación dunha canteira para a extracción de areas, como recurso da sección A, con destino á construcción en xeral, situada no lugar Arieiras de Torrón, parroquia de Santa Eulalia de Esperante, concello e provincia de Lugo, e na que o promotor proxecta a extracción e tratamento

de 20.500 t/ano ó longo de 8 anos. Os terreos que se van ocupar terán unha superficie dunhas 3 ha das que 2,5 serán para a explotación propiamente dita e 0,5 para instalación e amoreamentos.

En cumprimento do establecido no artigo 5, punto 3 do Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación do impacto ambiental para Galicia, e con data do 29 de setembro de 1995, someteuse a información pública, durante 30 días, o estudio de impacto ambiental.

Como resultado dela non consta a presentación de alegacións.

Consúltase, así mesmo, ás direccións xerais de Industria, Calidade Medioambiental e Urbanismo, Montes e Medio Ambiente Natural, Saúde Pública e Patrimonio Histórico e Documental.

O resultado das consultas realizadas encóntrase contido nos anexos da presente declaración.

Cuberta a tramitación, a Comisión Galega do Medio Ambiente, no exercicio das competencias que lle concede o Decreto 442/1990, formula a DIA do proxecto de explotación da canteira denominada Las Arieiras de Torrón.

O órgano substantivo para este proxecto é a Consellería de Industria e Comercio da Xunta de Galicia, e o órgano ambiental a Comisión Galega do Medio Ambiente.

Declaración de impacto ambiental

A presente declaración refírese, en exclusiva, ás actuacións mineiras de explotación e instalacións comprendidas dentro da área xeográfica que, cunha superficie total de 3 ha, vén definida no proxecto de referencia.

Para outras zonas ou áreas para explotar precisaríase unha nova declaración.

Examinadas a documentación presentada, a Comisión Galega do Medio Ambiental establece pola presente declaración de impacto ambiental as seguintes condicións, ademais das incluídas no estudio de impacto ambiental, de forma que se asegure a minoración dos posibles efectos ambientais negativos, co fin de que a realización do proxecto poida considerarse ambientalmente viable:

1. Os amoreamentos de terra vexetal procedente do recubrimento dos terreos ocupados situaranse en zonas de explotación, convenientemente drenadas, onde sexa menos probable a súa deterioración por erosión eólica e hídrica e non poidan ser afectados pola circulación de maquinaria, non podéndose mesturar cos amoreamentos de estériles, e procedéndose, de permanecer amoreada máis de 6 meses, á súa conservación mediante sementeira axeitada de plantas.

2. Os cambios de combustible e aceites de maquinaria levarán consigo a súa recolleita en bidóns preparados para o efecto e a súa retirada por xestor autorizado, co que se deberá establece-lo pertinente contrato.

3. Non se poderá depositar nin acumular na explotación nin en terreos adxacentes ningún tipo de residuos sólidos, tales como chatarra, plásticos, pezas inservibles de maquinaria, ou calquera outro material que se xere na explotación, diferente dos estériles xerados nela.

4. Dado que a zona onde se proxecta situa-la explotación resulta visible desde unha ampla zona na que existen diversas casas de aldea, e co fin de aminora-lo impacto paisaxístico, rodearase a súa totalidade cunha pantalla vexetal, formada a partir de especies arbustivas e arbóreas autóctonas, de porte suficiente para que esta función se realice axeitadamente desde o primeiro momento. Así mesmo, respectarase en todo momento aquela vexetación que atopándose nos límites da explotación, sirva como pantalla visual e acústica e como barreira contra o po.

5. A restauración farase estensiva á totalidade dos terreos afectados e non só á zona directamente afectada polas labouras de extracción. Os achegamentos externos de terra vexetal terán características edáficas similares na proveniente do recubrimento e a súa procedencia deberá estar autorizada.

6. A totalidade dos estériles xerados e non aproveitados serán utilizados na remodelación dos ocos producidos pola explotación.

Así mesmo, o refugallo de procedencia externa, destinados ó recheo, deberán ser totalmente inertes e provir de movementos de terra autorizados.

7. Unha vez finalizada a explotación procederase a desmantela-la totalidade das instalacións adscritas á canteira, debéndose así mesmo, pechar e anula-las pistas e camiños propios da actividade, ó rematar esta, salvo que os fins da propiedade unha vez realizada a restauración impliquen a necesidade do seu mantemento.

8. En ningún caso tanto a extracción do recurso como as instalacións anexas afectarán á banda de protección de 50 m medidos desde o recinto do cemiterio próximo.

9. Se no transcurso da explotación aparecese calquera resto de carácter arqueolóxico, procederase a paralizar inmediatamente os traballos dando conta

do achado á Delegación Provincial de Lugo da Consellería de Cultura, co fin de que se adopten as medidas que resulten axeitadas.

Documentación adicional.

O promotor remitiralle á Comisión Galega do Medio Ambiente, a través do órgano substantivo, a documentación que a continuación se relaciona, e nos prazos seguintes:

1. Nun prazo non superior a 3 meses a partir de serlle notificado o contido da presente declaración:

Planificación e desenvolvemento dun axeitado programa de vixilancia ambiental á que serán sometidos os labores de restauración.

2. Nun prazo superior a 3 meses a partir do comezo dos traballos de explotación:

Un mapa de ruídos, coa actividade en pleno funcionamento, no que se inclúan as vivendas máis próximas á zona de explotación.

3. Anualmente e ata a finalización dos traballos de explotación:

* Informe sobre a calidade das augas procedentes dos mananciais máis próximos á zona, baseado na análise de mostras de auga por laboratorio autorizado, co obxecto de determina-las medidas que se é o caso resulten procedentes.

* Un informe sobre o estado da actividade extractiva e das medidas protectoras e correctoras levadas a cabo no correspondente ano, xunto cunha reportaxe fotográfica.

Condicións adicionais

1. O órgano substantivo fixará un aval, para garanti-lo cumprimento do Plan de Restauración e que poderá ser acumulativo se se considera axeitado. Este aval será renovado, en función do cumprimento, por parte do promotor do Plan de Restauración.

2. As condicións indicadas nesta declaración de impacto ambiental (DIA), son de obrigado cumprimento para o promotor. Sen embargo poderá solicitarlle ó órgano ambiental a revisión das medidas indicadas co obxecto de modificalas ou cambialas por outras, naqueles supostos que tecnoloxicamente presentasen graves deficiencias para a súa implantación ou implicasen modificacións importantes na actividade industrial, e sempre e cando as novas medidas propostas permitan acada-los obxectivos e fins que se indican. Nesta circunstancia, o promotor solicitarao tres meses despois de serlle notificada a presente declaración polo órgano substantivo, á Comisión Galega do Medio Ambiente, xuntando documentación técnica que xustifique as novas medidas propostas. Unha vez recibida a solicitude e documentación mencionadas, o órgano ambiental avaliaraas, comunicándolle o acordo adoptado á empresa promotora.

3. Se unha vez emitida esta declaración se manifestase outro tipo de impacto, severo ou crítico sobre

o medio ambiente, o órgano substantivo, por propia iniciativa ou por solicitude da Comisión Galega do Medio Ambiente, poderá suspender cautelarmente a actividade ata determina-las causas que xeren os mencionados impactos, e se corrixan estas.

4. Do mesmo xeito, o incumprimento total ou parcial por parte do promotor, dos labores de restauración previstas, serán causa suficiente para que se proceda ó peche cautelar e a adopta-las medidas oportunas en cumprimento da legalidade vixente.

5. O presente acordo, adoptado por esta comisión, non exime o promotor de solicitar tódolos permisos necesarios ós organismos competentes para levar a cabo a actividade.

6. O promotor queda obrigado a cumprir tódalas disposicións que se dicten con posterioridade, en relación con este tipo de actividade.

Santiago de Compostela, 5 de marzo de 1997.

José Luis Aboal García Tuñón

Secretario xeral da Comisión Galega do Medio Ambiente

Visto e prace

Dositeo Rodríguez Rodríguez

Presidente da Comisión Galega do Medio Ambiente

ANEXO I

Resumo do proxecto

Características da explotación:

* Volume total de materiais que se van extraer, incluso capa monteira, para unha superficie de explotación de 2,5 ha: 162.000 m.

* Tempo en anos e cífrase o período de explotación: 8 anos.

* % de aproveitamento do material extraído: 50.

* % de aproveitamento do estéril para recheo, descontadas as perdas: 90.

* Contribucións de procedencia interna para recheo: 45%. De procedencia externa: 55%.

* Contribucións de terra vexetal de procedencia interna: 80%. De procedencia externa: 20%.

O estudio de impacto ambiental conta cos seguintes apartados:

* Localización e deseño da explotación.

* Normas xerais de seguridade na explotación.

* Inventario ambiental.

* Identificación de accións e valoración dos efectos ambientais.

* Medidas protectoras dos diferentes compoñentes ambientais.

* Plan de restauración e programa de vixilancia ambiental.

ANEXO II

Resultado das consultas realizadas sobre o impacto ambiental do proxecto.

Do contido dos informes recibidos cabe destaca-las seguintes consideracións:

A Dirección Xeral de Calidade Medioambiental e Urbanismo considera necesaria a plantación dunha pantalla visual ó longo do perímetro do predio antes do comezo da actividade, con exemplares de porte suficiente para que esta función se realice axeitadamente desde o primeiro momento. Así mesmo deberán considerarse actuacións tales como a ordenación da actividade, control da rede de drenaxe, acopio e conservación do solo, reutilización e rexeneración nos labores de rehabilitación da zona afectada, e preparación dos terreos para a revexetación con emendas e mellora edáficas.

A Dirección Xeral de Montes e M.A.N. informe desfavorablemente conforme as deficiencias que consideran presenta o estudio ambiental presentado.

A Dirección Xeral de Saúde Pública informa favorablemente da realización do devandito proxecto, sempre que se respecte a franxa de protección de 50 m arredor do cemiterio.

A Dirección Xeral do Patrimonio Cultura considera, con carácter xeral, a necesidade de realizar unha prospección arqueolóxica dos terreos afectados.

A Dirección Xeral de Industria informa favorablemente do estudio ambiental presentado establecendo, non obstante, as seguintes condicións:

* Respectarase sistematicamente todo tipo de vexetación existente e que sirva como pantalla visual e acústica.

* No referente ás pistas e viais, e en canto ás condicións ambientais, cumprirase o disposto na ITC.07.1.03.

* Prohíbese expresamente calquera depósito, vertido ou acumulación de residuos, tanto na zona de explotación como en terreos adxacentes. Os aceites usados deberán entregárselle a un xestor autorizado.

2574