Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 69 Venres, 11 de abril de 1997 Páx. 3.393

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 17 de febreiro de 1997 pola que se publica convocatoria para a concesión de axudas a conservatorios de música públicos non dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

O número de centros de ensino da música nos seus diferentes modelos experimentou un notable incremento na Comunidade Autónoma de Galicia. Máis de cincuenta concellos son titulares de centros de ensino musical que sosteñen economicamente. Preto da metade dos centros de ensino musical que dependen de concellos teñen a clasificación de conservatorios con validez plena das súas ensinanzas.

O artigo 10.2 da Lei orgánica 8/1985, do 3 de xullo, reguladora do dereito á educación, establece a definición de centros docentes públicos para aqueles que teñan como titular un poder público.

O desenvolvemento do novo sistema educativo establecido pola Lei 1/1990, do 3 de outubro, esíxelles ós titulares dos centros adaptacións estructurais e de medios físicos, ás veces custosos, difíciles de asumir por algunhas facendas locais. Algúns concellos xa acometeron obras e arranxos nos edificios docentes e contrataron novos profesores para o cumprimento dos requisitos mínimos físicos que fixa o Real decreto 389/1992, do 15 de abril e os curriculares que establece o Decreto 253/1993, da Xunta de Galicia, do 29 de xullo.

Para dar resposta á crecente demanda do ensino musical e como consecuencia da política de apoio

á creación e mantemento dos centros, as escolas de música públicas e privadas inscritas no correspondente rexistro veñen sendo subvencionadas pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Parece, pois, conveniente estende-la concesión de axudas e subvencións a aqueles centros que pola súa clasificación imparten ensinanzas que conducen á obtención de títulos académicos, tanto de grao elemental como de grao medio ou profesional. Por tanto,

DISPOÑO:

Primeiro.-Convócanse axudas destinadas a subvenciona-las actividades desenvolvidas ou a desenvolver, incluídos os gastos de persoal durante o ano 1997 polos conservatorios públicos de música non dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Segundo.-Poderán solicita-las ditas axudas os titulares dos citados conservatorios de música de grao elemental ou profesional que teñan autorización expresa da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria para a impartición das correspondentes ensinanzas.

Terceiro.-As axudas concederanse con cargo á aplicación orzamentaria 07/3/322E/460.1 da Dirección Xeral de Centros e Inspección Educativa.

Cuarto.-As solicitudes coa documentación correspondente dirixiranse ó conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria e presentaranse no rexistro xeral da consellería, edificio administrativo -San Caetano s/n- Santiago de Compostela ou nos lugares que sinala o artigo 38-4º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, no prazo dun mes contado a partir da publicación no DOG da presente orde e irán acompañadas da seguinte documentación, segundo proceda:

a) Memoria e orzamento das actividades realizadas ou que se van realizar durante o ano 1997.

b) Fotocopia da tarxeta de identificación fiscal.

c) Certificación bancaria a nome do solicitante na que conste a conta corrente na que desexe que se lle ingrese o importe da subvención, se é o caso.

d) Certificacións orixinais de estar ó día das súas obrigas tributarias e sociais.

e) Breve descrición de instalación e material.

f) Declaración de ter ou non solicitado doutros entes públicos ou privados subvención para a mesma finalidade.

Quinto.-Na valoración de solicitudes teranse en conta os seguintes criterios:

A) Valoración económica do orzamento.

B) Número de alumnos.

C) Zona de influencia.

D) Especialidades instrumentais.

Sexto.-A Dirección Xeral de Centros e Inspección Educativa poderá requirir do solicitante cantos documentos e aclaracións considere necesarios para complementa-lo expediente, e tamén poderá dispór que se leven a cabo as comprobacións oportunas dos datos achegados polos solicitantes.

Sétimo.-Baixo a presidencia do director xeral de Centros e Inspección Educativa ou persoa en quen delegue, constituirase unha comisión encargada de valora-las solicitudes presentadas e que estará integrada por:

-Subdirector xeral de Centros.

-Xefe de Servicio de Centros.

-Un inspector de Educación.

-Xefe de Servicio de Xestión de programas educativos.

-Un funcionario da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria que actuará como secretario con voz e sen voto.

Os membros da comisión poderán percibir axudas de custo por asistencias e axudas para gastos e locomoción por concorrer ás sesións conforme o Decreto 299/1990, do 24 de maio (DOG do 1 de xuño).

Oitavo.-A comisión de selección procederá a elaborar proposta de resolución provisional e se é o caso, a dar vista de expediente ós solicitantes para que poidan alega-lo que considere procedente no seu dereito.

Unha vez valoradas as alegacións presentadas, formulará proposta de concesión ou denegación ó conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria.

Noveno.-A resolución do conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, que será definitiva, publicarase no DOG. No caso de ser denegatoria, deberá ser motivada e notificaráselles ós interesados. A resolución, que esgotará a vía administrativa, poderá ser obxecto de recurso perante a xurisdicción do contencioso-administrativo.

Transcorridos tres meses desde a data de presentación de solicitudes sen que se dictase resolución favorable, deberá entenderse derrogada, sen prexuízo dunha resolución posterior.

Décimo.-As subvencións concedidas que, en todo caso, estarán condicionadas ós orzamentos dispoñibles, irán destinadas a sufraga-los gastos de persoal, funcionamento e actividades, e serán aboadas de conformidade co que dispón o artigo 40- A) da Lei 11/1996, do 30 de decembro, de presupostos

xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1997, mediante un pagamento parcial a conta da liquidación por un importe máximo do 70 % da subvención concedida, sempre que o beneficiario xustifique os gastos realizados, segundo proxecto aprobado, con anterioridade ó 30 de abril de 1997.

O libramento restante aboarase unha vez que o beneficiario presente, antes do 15 de xullo de 1997, a completa xustificación.

Décimo primeiro.-A Dirección Xeral de Centros e Inspección Educativa, a través dos servicios provinciais de inspección, realizará un seguimento do funcionamento dos conservatorios subvencionados.

Décimo segundo.-Nas convocatorias públicas, publicidade e propaganda dos conservatorios de música subvencionados deberá figurar que estes están subvencionados pola Xunta de Galicia, Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, co seu anagrama ou logotipo.

Décimo terceiro.-Procederá o reintegro da subvención e xuros de demora, de conformidade co artigo 78.6º da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia, cando exista incumprimento da obriga de xustificación e por incumprimento da finalidade para a que foi concedida.

Décimo cuarto.-Facúltase a Dirección Xeral de Centros e Inspección Educativa para dicta-las resolucións necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Décimo quinto.-Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 17 de febreiro de 1997.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

2467