Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 68 Xoves, 10 de abril de 1997 Páx. 3.344

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA

DECRETO 70/1997, do 14 de marzo, polo que se establece a estructura orgánica do Instituto Galego da Vivenda e Solo.

A Lei 3/1988, do 27 de abril, creou o Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante, IGVS) como un organismo autónomo de carácter comercial e financeiro adscrito á Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda. O Decreto 288/1988, do 29 de setembro, desenvolveu a lei e fixou as liñas básicas da estructura orgánica do Instituto. Así mesmo, o Decreto 108/1991, do 27 de marzo, estableceu a súa estructura orgánica.

O tempo transcorrido desde a publicación do antedito decreto así como a necesidade de adecua-la estructura existente á realidade actual, aconsella a publicación dun novo decreto de estructura orgánica que substitúa o anterior.

Nun intento de unificar denominacións co resto da función pública galega as «áreas» denomínanse «servicios», as «unidades», «seccións» e as «subunidades», «negociados», coa excepción das xefaturas das áreas provinciais que manteñen esta denominación dada a súa singularidade.

Nos servicios centrais reorganízanse as funcións dalgunhas áreas, agora servicios, co obxecto de adecualos ás necesidades actuais do Instituto, aplicando un criterio de especialización. Créanse así os novos servicios de Contratación e Técnico-Xurídico e modifícanse algunhas funcións doutros, como o de Xestión de Recursos Humanos e Réxime Interior, o de Informática e o de Fiscalización.

Poténciase a nivel central e periférico a función inspectora do Instituto, co obxecto de asegura-lo cumprimento da normativa reguladora do uso e transmisión de vivendas de protección oficial, tanto de promoción pública como privada. Este impulso á inspección ten a súa traducción no contido da nova relación de postos de traballo, que crea unha Sección de Inspección e Sancións en cada provincia, o que se complementaría cun posto de inspector de Vivenda.

No ámbito provincial, a Delegación da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda conta, para o cumprimento das súas funcións en materia de vivenda, coa área provincial do IGVS. Esta área, que con rango de xefatura de servicio mantén a mesma denominación, dependerá funcional e organicamente do delegado provincial da consellería e conta con dúas unidades administrativas que pasan a te-la consideración de servicios, en concordancia cos servicios centrais do IGVS.

Por último, a xunta consultiva do Instituto, ó tratarse dun órgano colexiado, pasa a ocupar un título á parte, o título VII, dedicado ós órganos colexiados e mantén a súa función de prestar asesoramento sobre as actuacións do Instituto que se sometan á súa consideración.

A estructura orgánica que se aproba por este decreto atende ós principios de economía do gasto, desconcentración e coordinación, delimitando as funcións e competencias das diferentes unidades administrativas de acordo con criterios racionais e de eficacia administrativa.

En virtude do anterior, por proposta do conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa xuntanza do día catorce de marzo de mil novecentos noventa e sete,

DISPOÑO:

Artigo 1º

O Instituto Galego da Vivenda e Solo é un organismo autónomo de carácter comercial e financeiro, adscrito á Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, ó que lle corresponde a realización da política de vivenda e solo da Xunta de Galicia, coa finalidade de acada-los obxectivos previstos na Lei 3/1988, do 27 de abril, de creación do Instituto, e no marco dos principios rectores contidos no artigo 47 da Constitución.

Artigo 2º

Para o desempeño das súas funcións, o IGVS terá a seguinte estructura orgánica:

I. O consello do Instituto.

II. O presidente.

III. A Dirección Xeral.

IV. A Secretaría Xeral.

V. As direccións técnicas:

-A Dirección Técnica de Administración e Fomento.

-A Dirección Técnica de Construccións.

-A Dirección Técnica de Solo.

VI. As delegacións provinciais.

VII. Os órganos colexiados.

I. O Consello do Instituto

Artigo 3º

O Consello do IGVS.

O consello é o órgano superior do Instituto ó que lle corresponde a alta dirección da súa actividade.

3.1. O consello do Instituto está constituído por:

a) O presidente do consello e do Instituto, que será o conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda.

b) Un vicepresidente, que será o director xeral de Calidade Medio Ambiental e Urbanismo.

c) Os vocais, que serán:

-Un director xeral representante da Consellería da Presidencia e Administración Pública.

-Un director xeral representante da Consellería de Economía e Facenda.

-Dous vocais designados pola Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda.

-O director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo.

d) O secretario do consello, que será o secretario xeral do IGVS.

3.2. Competencias:

Correspóndelle ó consello do Instituto:

a) A aprobación dos seus plans e programas de actuación, por proposta do director xeral.

b) A aprobación do anteproxecto de orzamento do Instituto, presentado polo seu director xeral.

c) A aprobación da memoria anual de actuación do Instituto, presentada polo seu director xeral.

d) O control da xestión do Instituto.

e) A constitución de comisións de estudio sobre aspectos específicos en materias da súa competencia e o deseño de plans de formación e divulgación no ámbito das competencias do Instituto.

f) A aprobación da proposta de creación de consorcios e sociedades anónimas ou de integración ou participación do Instituto nas xa constituídas, así como a aprobación da proposta de constitución de xerencias e de todo tipo de acordos coa iniciativa privada.

g) Designa-los membros da xunta consultiva do Instituto, por proposta do seu presidente.

h) Cantos asuntos relacionados coa competencia do Instituto lle someta o seu presidente.

II. O presidente

Artigo 4º

4.1. O presidente do IGVS será o conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, quen desempeña a representación oficial deste.

4.2. Correspóndelle ó presidente do Instituto:

a) Convoca-las reunións do consello, sinalando lugar, día e hora da celebración, así como establece-la orde do día delas, por propia iniciativa ou cando así o solicite a metade máis un dos membros do consello.

b) Presidir e dirixi-las deliberacións do consello.

c) Autorizar coa súa sinatura as actas das sesións do consello do Instituto.

d) Someter á aprobación do Consello da Xunta o anteproxecto de orzamentos do Instituto e, se é o caso, os seus plans e programas.

e) Obrigar ó Instituto en tódolos casos, de conformidade cos requisitos esixidos pola lexislación vixente, correspondéndolle, como órgano de contratación del, a facultade de celebrar contratos.

f) Calquera outra facultade que, en relación coas materias de competencia do Instituto, se lle atribúa regulamentariamente.

III. A Dirección xeral

Artigo 5º

O director xeral.

5.1. O director xeral do Instituto é o seu órgano executivo. Será nomeado e destituído libremente polo Consello da Xunta, por proposta do conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda.

5.2. Correspóndelle ó director xeral do Instituto:

a) Asisti-lo presidente no exercicio das súas funcións.

b) Exercer, por delegación do presidente, a representación oficial do Instituto.

c) Executa-los acordos do consello do Instituto.

d) Dirixir e coordina-la xestión do Instituto.

e) Asinar, por delegación do presidente e en nome do Instituto, os convenios e contratos sobre materias da súa competencia.

f) Elabora-lo anteproxecto de orzamentos do Instituto, así como rende-las contas correspondentes.

g) Presentar á aprobación do consello do Instituto a memoria anual da súa actuación.

h) Autorizar e dispoñe-los créditos e dotacións, o recoñecemento das obrigas e a ordenación dos pagamentos do Instituto, dentro dos límites que lle correspondan.

i) Dirixi-la preparación dos plans e programas do Instituto e presentalos ó consello do Instituto para a súa aprobación.

l) Exerce-la xefatura superior sobre o persoal do Instituto.

m) Propoñe-la elaboración de disposicións para o establecemento, o desenvolvemento e a xestión da política de vivenda e solo.

n) Tódalas facultades que lle delegue expresamente o presidente do Instituto ou lle sexan encomendadas polo consello. Terá, así mesmo, como propias, tódalas funcións e facultades non encomendadas pola lexislación vixente ó consello ou ó presidente do Instituto.

Artigo 6º

6.1. Baixo a dependencia inmediata do director xeral, ante quen se elevarán tódalas propostas, o

Instituto contará coas direccións técnicas e as delegacións provinciais.

6.2. Dependendo organicamente da dirección xeral do IGVS, con nivel orgánico de subdirección xeral, existirán as seguintes unidades:

-Asesoría Xurídica: o asesor xurídico estará baixo a dependencia funcional da Asesoría Xurídica Xeral.

-Intervención Delegada: o interventor delegado dependerá funcionalmente da Intervención Xeral da Xunta.

IV. A Secretaría Xeral

Artigo 7º

O secretario xeral.

7.1. O secretario xeral do Instituto será nomeado polo consello do Instituto a proposta do director xeral entre persoas con titulación superior. Cesará no seu cargo polo mesmo procedemento.

7.2. Correspóndelle ó secretario xeral, baixo a dependencia do director do Instituto:

a) Desempeña-la secretaría da xunta consultiva do Instituto e a do consello do Instituto.

b) A dirección inmediata do persoal do Instituto e das actividades do réxime interior e a coordinación da xestión da contratación.

c) A coordinación de tódolos servicios do Instituto, velando polo correcto funcionamento dos sistemas de información e control.

d) O estudio e informe dos recursos interpostos contra actos do Instituto, así como, en xeral, o seu asesoramento xurídico.

e) A realización dos estudios necesarios para elabora-los plans xerais e os programas relativos á protección oficial en materia de vivenda.

f) A planificación e control da actividade do Instituto, así como a coordinación da elaboración do anteproxecto de orzamento, o seguimento da execución do orzamento aprobado e a xestión da tesourería do Instituto.

g) Tódalas funcións que lle delegue expresamente o director xeral do Instituto.

7.3. O secretario xeral asumirá, en caso de vacante, ausencia ou enfermidade do director xeral do Instituto, as funcións ordinarias de despacho e sinatura nos asuntos de mero trámite e nos que con carácter ordinario lle sexan delegados.

Artigo 8º

Servicios da Secretaría:

Baixo a dependencia directa do secretario xeral, existirán:

8.1. Servicio Técnico-Xurídico.

Correspóndelle o exercicio das seguintes funcións:

a) Estudiar, coordinar e, de se-lo caso, elabora-los anteproxectos e proxectos de disposicións de carácter xeral emanados do Instituto, así como levar a cabo compilacións e refundicións da normativa propia.

b) Preparar e tramita-los expedientes que teñan que elevarse ó Consello da Xunta de Galicia e ás súas comisións delegadas e traslada-los seus acordos ós órganos correspondentes, así como remitir ó Diario Oficial de Galicia as disposicións para a súa publicación.

c) Elaborar informes e dictames, estudia-las propostas de resolución que sexan elaboradas polas distintas unidades do IGVS e as reclamacións e recursos que se produzan contra actos administrativos deste.

d) Tramita-las queixas que se formulen ante o Defensor do Pobo e Valedor do Pobo, así como as relacións cos xulgados e tribunais.

e) En xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados de acordo con estas funcións.

8.2. Servicio de Xestión de Recursos Humanos e de Réxime Interior.

Correspóndelle o exercicio das seguintes funcións:

a) Xestión, coordinación e control do persoal funcionario e laboral, así como, de se-lo caso, a xestión do plan de incentivos e a administración do plan de formación.

b) Programación das necesidades de persoal do Instituto.

c) Velar polo correcto funcionamento dos diferentes servicios.

d) Formación e mantemento do inventario do Instituto.

e) Información ó público e o rexistro.

f) Organización e estructuración da biblioteca e dos arquivos.

g) Propostas de adquisición de bens correntes e subministracións para o Instituto.

h) Seguimento do plan estratéxico establecido, elaborando informes e estudios de viabilidade.

8.3. Servicio de Contratación.

Correspóndelle o exercicio das seguintes funcións:

a) Coordinará a xestión da contratación do Instituto, incluída a preparación dos pregos de condicións técnicas, e elaborará os pregos de cláusulas administrativas particulares dos contratos de obras, subministración, consultoría e asistencia, servicios e calquera outro que se desenvolva no Instituto.

b) Levará a cabo as relacións co rexistro de contratistas da Comunidade Autónoma.

c) Realizará o seguimento do grao de execución dos contratos xestionados polo servicio.

d) Coordinará a elaboración e, de se-lo caso, elaborará os convenios que deba asina-lo IGVS.

e) Realizará o seguimento do grao de execución dos convenios xestionados polo servicio.

8.4. Servicio de Orzamento e Tesourería.

Correspóndelle o exercicio das seguintes funcións:

a) Coordinará a elaboración do anteproxecto de orzamento do Instituto. Efectuará o seguimento da

execución do orzamento e tramitará, cando sexa preciso, as oportunas modificacións daquel.

b) Realizará as accións propias da xestión da tesourería do Instituto, así como a materialización dos ingresos e pagamentos, o control dos saldos das contas correntes do IGVS, a recepción, custodia e devolución de depósitos que se constitúan ante o Instituto, é, de se-lo caso, a xestión das funcións que lle corresponden ó IGVS en relación coa recadación executiva prevista na disposición adicional terceira da Lei 3/1988, de creación do Instituto.

8.5. Servicio de Informática.

Correspóndelle o exercicio das seguintes funcións:

a) Mantemento e actualización dos sistemas de información en explotación.

b) Detección da oportunidade de novos desenvolvementos, planificación e execución das tarefas precisas para a súa realización.

c) Administración de sistemas, bases de datos e comunicacións en contorno local.

d) Coordinación das unidades informáticas das xefaturas de área provinciais.

e) Soporte e formación dos usuarios dos sistemas de información e da ofimática instalada.

f) Definición da política de seguridade de datos e seguimento do seu cumprimento.

g) Selección do material e/ou productos precisos para a adaptación da infraestructura ás novas necesidades e ós cambios tecnolóxicos.

8.6. Servicio de Contabilidade.

Correspóndelle o exercicio das seguintes funcións:

a) Levar e desenvolve-la contabilidade do Instituto.

b) Preparar e examina-las contas que debe rende-lo Instituto perante o seu órgano de tutela, a Xunta de Galicia, o Tribunal de Contas, o Consello de Contas ou calquera outra rendición de contas preceptiva.

c) Velar polo cumprimento das obrigas formais coa administración tributaria.

d) Elaborar e subministra-la información contable que precisen os órganos de dirección do Instituto.

e) Prepara-las posibles modificacións e adaptacións do Plan Xeral de Contabilidade Pública para o IGVS.

8.7. Servicio de Control da Xestión.

Realizará, en coordinación coa Intervención Delegada do IGVS, as seguintes funcións:

a) Formular propostas de control preventivo do cumprimento da legalidade sustantiva e formal nos procesos de xestión do gasto do IGVS.

b) Apoio ó control posterior do cumprimento das normas e directrices internas e externas na xestión das operacións do IGVS, así como do cumprimento dos principios de eficacia e economía na súa xestión.

c) Propostas de melloras, modificacións ou revisións dos procedementos de xestión económico-financeira do IGVS.

d) Calquera outra relativa ó control económico-financeiro que lle asigne a normativa de aplicación.

V. As direccións técnicas

Artigo 9º

9.1. Os directores técnicos, con rango orgánico de subdirector xeral, serán nomeados polo presidente do Instituto, por proposta do director xeral deste.

9.2. As direccións técnicas do Instituto son as unidades orgánicas encargadas do estudio, tramitación e proposta de resolución dos asuntos de competencia do Instituto que se lles atribúen.

Artigo 10º

A dirección técnica de Administración e Fomento.

Correspóndelle o exercicio das seguintes funcións:

a) A administración e actos de conservación do patrimonio do Instituto correspondente a vivendas e locais comerciais así como a xestión das rendas dos bens deste.

b) A inspección e control do cumprimento da normativa reguladora do uso, conservación, aproveitamento e transmisión das vivendas de protección oficial e dos locais do Instituto, así como a aplicación do réxime legal a elas.

c) A xestión dos asuntos relativos ó fomento da construcción de vivendas de protección oficial de promoción privada e doutras protexidas, ó fomento da rehabilitación protexida de vivendas e edificios, ó fomento do acceso á vivenda con especial atención ás persoas e colectivos máis necesitados e ó fomento e a promoción de cooperativas para a construcción de vivendas.

d) As funcións relativas ó fomento da rehabilitación e conservación das vivendas e edificios de valor arquitectónico, con especial atención ás vivendas situadas no medio rural.

e) A xestión dos ingresos que lle correspondan á dirección técnica.

f) O desenvolvemento e execución das competencias que a Lei 3/1988 lle atribúe ó Instituto en materia financeira e en especial o endebedamento e a xestión de fianzas, sen prexuízo das competencias da Consellería de Economía e Facenda.

g) A tramitación, de se-lo caso, de convenios coas entidades financeiras.

h) A realización dos estudios precisos para un mellor coñecemento das necesidades no ámbito das súas competencias.

Artigo 11º

A dirección técnica de Administración e Fomento estructúrase nos seguintes servicios:

11.1. Servicio de Xestión Financeira e Administración.

Correspóndelle o exercicio das seguintes funcións:

a) Realiza-lo seguimento dos créditos de investimentos do IGVS, tramitando o pagamento de xuros

e a subsidiación que se derive dos convenios coas entidades financeiras como consecuencia da subrogación nos créditos dos adquirentes de vivendas.

b) A revisión e control das contas de recadación ou, de se-lo caso, a xestión directa da recadación. Controla-las altas e baixas en facturación de locais, contribucións iniciais e IVE. O control da facturación e ingresos correspondentes a vivendas adxudicadas en segundas transmisións.

c) A xestión de asuntos referentes á facenda pública e, especificamente, a xestión do IVE no ámbito das vivendas de promoción pública e locais comerciais.

d) A administración e xestión directa, ou mediante concertos, das fianzas legalmente establecidas nos supostos de arrendamento de vivendas e locais de negocio e contratos de subministración.

e) A revisión e a tramitación dos estudios económicos de valoración de vivendas para a súa aprobación.

f) Realizar e manter actualizado o inventario de vivendas e locais comerciais propiedade do IGVS.

g) O estudio, a proposta e a xestión de tódalas actuacións encamiñadas á mellor administración do patrimonio de vivendas e locais comerciais do Instituto, como as amortizacións anticipadas, as poxas, etc.

h) Axudas ós adquirentes de vivendas de protección oficial de promoción pública.

11.2. Servicio de Fomento.

Correspóndelle o exercicio das seguintes funcións:

a) A planificación, programación e coordenación da xestión descentralizada das axudas estatais para as vivendas de protección oficial de promoción privada e outras vivendas protexidas, tanto ós promotores como ós adquirentes e a xestión do pagamento das subvencións e a súa xustificación ó ministerio correspondente.

b) A integración e análise das estatísticas das actividades de fomento do IGVS e a súa remisión os órganos directivos e ó ministerio correspondente.

c) O estudio e a proposta anual de revisión da normativa reguladora do réxime propio de axudas complementarias ás do Estado, e das axudas propias en materia de fomento da promoción da nova construcción, da rehabilitación e do acceso á vivenda.

d) A planificación, programación e coordenación da xestión descentralizada das anteditas axudas propias e a xestión do pagamento das subvencións.

11.3. Servicio de Inspección e Sancións.

Correspóndelle o exercicio das seguintes funcións:

a) Planificar, dirixir, coordinar e, de se-lo caso, efectua-las inspeccións de ocupacións, usos e transmisións nas vivendas de protección oficial e locais propios do Instituto, así como a inspección para verifica-lo cumprimento da normativa reguladora do uso e transmisión das viviendas de protección oficial

de promoción privada, coordinando a actuación das xefaturas de Sección de Inspección e Sancións existentes nas xefaturas de área provinciais.

b) Dirixir e, de se-lo caso, efectua-las inspeccións relativas á ocupación e uso do solo do Instituto.

c) Propoñe-las resolucións que procedan en relación coas denuncias efectuadas ou as inspeccións feitas.

d) Efectua-las inspeccións relativas a non pagamentos de morosos e propoñer e tramitar, en coordinación coas xefaturas provinciais, os expedientes de resolución de contratos e desafiuzamentos.

Artigo 12º

A dirección técnica de Construccións.

Correspóndelle o exercicio das seguintes funcións:

a) Propoñer e elaborar plans xerais e programas anuais detallados de promoción pública de vivenda, ben sexa en solo propio do Instituto ou ben mediante concursos de adquisición de vivendas xa rematadas ou en fase de proxecto ou construcción, así como a súa xestión.

b) Propoñer e elaborar plans xerais e programas anuais detallados de conservación do parque de vivendas de promoción pública e a xestión dos anteditos programas.

c) Redacta-la normativa de deseño e condicións de edificación de vivendas de protección oficial de promoción pública e privada.

d) Elabora-los pregos de prescricións técnicas para a contratación das obras do Instituto e as Xestures, e supervisar e aprobar, de se-lo caso, os que lle sexan sometidos á súa consideración.

e) Controla-la execución dos programas de construcción e o cumprimento dos prazos previstos nos proxectos de obras.

f) Supervisa-los proxectos que lle sexan encomendados.

g) Coordinación do seguimento do control de calidade.

h) A proposta de homologación de laboratorios e a dirección e coordinación dos laboratorios propios.

i) A xestión dos convenios para a promoción pública de vivendas.

l) A xestión da adquisición de vivendas, edificios e aloxamentos provisionais e actuacións de emerxencia en promoción pública de vivendas.

Artigo 13º

A Dirección Técnica de Construccións estructúrase nos seguintes servicios:

13.1. Servicio de Programación, Xestión de Investimentos e Apoio Administrativo.

Correspóndelle o exercicio das seguintes funcións:

a) Realizar estudios de investimentos en coordinación coa Dirección Técnica de Administración e Fomento, nos aspectos económico-financeiros.

b) Realiza-la proposta de orzamento das obras de construcción e conservación de vivendas e urbanizacións.

c) Supervisa-los investimentos concluídos e realiza-la proposta e reaxuste de anualidades en función do grao de avance das obras.

d) A xestión das certificacións e incidencias nas obras.

e) O seguimento e a xestión das obras realizadas en réxime concertado, das súas certificacións e das incidencias nelas.

f) A xestión administrativa dos asuntos de competencia da dirección técnica.

13.2. Oficina Técnica.

Correspóndelle o exercicio das seguintes funcións:

a) Elaborar e desenvolve-la normativa de deseño e técnicas que se vaian aplicar na construcción de vivendas de protección oficial de promoción pública e privada.

b) Elabora-los pregos de prescricións técnicas para a contratación de obra nova e adquisición de vivendas e locais en fase de proxecto ou construcción, garantindo o seu axuste ás normas establecidas, e informar sobre os que sexan sometidos á súa consideración.

c) Realiza-lo plan de control de calidade para asegura-lo cumprimento das normas establecidas, así como o control e, de se-lo caso, a inspección da execución das obras para verifica-lo cumprimento da normativa reguladora da construcción.

d) Realizar informes técnicos de avaliación de ofertas.

e) Dirixir obras de construcción e reparación de vivendas de promoción pública.

f) Asesorar tecnicamente en materia de rehabilitación de vivendas na elaboración da documentación técnica para incluír na memoria do Instituto e en cantas materias relacionadas coas súas funcións lle sexan formuladas, garantindo o apoio técnico requirido polos outros órganos do Instituto.

g) Realizar estudios técnicos no ámbito da súa competencia e especificamente o estudio de novas tecnoloxías aplicadas á construcción de vivendas.

h) Redactar proxectos e supervisar aqueles que se sometan á súa consideración.

i) Supervisar ou recibir, de se-lo caso, as certificacións parciais e finais das obras do Instituto en execución directa ou concertada.

Artigo 14º

A Dirección Técnica de Solo.

Correspóndelle o exercicio das seguintes funcións:

a) A programación das necesidades de solo e os estudios económico-financeiros correspondentes ás

actuacións previstas, sen prexuízo das competencias asignadas ós órganos de coordinación en materia de solo empresarial.

b) Propoñe-las disposicións normativas precisas relativas ás competencias en materia de solo do Instituto.

c) A promoción e xestión do solo preciso para as finalidades do Instituto, e especificamente para a execución dos programas de construcción de vivendas de protección oficial e creación de reserva de solo. A xestión de convenios ou instrumentos xurídicos análogos con esta finalidade.

d) A formación dos correspondentes plans urbanísticos e proxectos, e a súa supervisión técnica coa asistencia que sexa precisa da Dirección Técnica de Construccións. A xestión dos ditos plans e proxectos técnicos urbanísticos cando os desenvolva directamente o Instituto, ou coa súa cooperación mediante calquera dos sistemas previstos na lexislación sobre urbanismo aplicable en Galicia.

e) A xestión e tramitación dos expedientes de expropiación oportunos para a consecución dos fins do Instituto.

f) O seguimento dos convenios coas sociedades urbanísticas, sociedades ou empresas que teñan como finalidade a promoción e xestión do solo, así como a coordinación e control de xestión das Xestures.

Artigo 15º

A Dirección Técnica de Solo contará co seguinte servicio:

15.1. Servicio de Adquisición, Alleamento e Cesión de Solo.

Correspóndelle o exercicio das seguintes funcións:

a) Prepara-las prescricións técnicas para os concursos de adquisición de solo e informar sobre as ofertas presentadas en coordinación coa Dirección Técnica de Construccións.

b) Xestiona-los procedementos de adxudicación de solo, así como as propostas de alleamento e cesión de solo a promotores públicos e privados.

c) Elaborar e manter actualizado o inventario de solo do Instituto, do que se dará traslado á Dirección Técnica de Construccións para a elaboración de proxectos e á Secretaría Xeral para a súa integración no inventario do Instituto.

d) Calquera outra que se lle encomende en relación coas anteriores.

VI. As delegacións provinciais

Artigo 16º

En cada unha das provincias da Comunidade Autónoma existirá unha delegación provincial do Instituto na que se integrarán tódalas unidades de carácter provincial ou territorial situadas no seu ámbito.

Artigo 17º

Os delegados provinciais do Instituto serán os da CPTOPV e, en tal calidade, corresponderálle-la dirección no ámbito provincial respectivo das funcións competencia do Instituto.

No ámbito territorial respectivo, correspóndelle-lo exercicio das seguintes funcións:

a) Exerce-la representación ordinaria do presidente do Instituto na respectiva provincia.

b) Impulsa-la xestión e tramitación de expedientes administrativos nas materias do ámbito de competencia do Instituto.

c) A proposta, posta en práctica e control da execución de plans e programas de actuación do Instituto e a elaboración de estudios e informes de carácter xeral necesarios para estes efectos.

d) O asesoramento en tódalas cuestións da súa competencia que lles sometan os órganos centrais do Instituto.

e) Elevar á dirección xeral o anteproxecto de orzamentos da delegación, así como emitir informes sobre as actuacións do Instituto no seu ámbito territorial.

f) O exercicio das competencias que, mediante os decretos 5/1987, do 14 de xaneiro, e 87/1990 e 88/1990, ámbolos dous do 15 de febreiro, resulten desconcentradas, así como calquera outra competencia ou atribución que as leis e demais disposicións xerais lles confiran ou lles sexan delegadas polo consello ou polo director xeral do Instituto.

g) Asinar en nome do Instituto tódalas escrituras relativas á promoción pública de vivendas do IGVS e dos terreos, así como os contratos de compravenda ou alugueiro de vivendas e locais.

Artigo 18º

Para o cumprimento das súas funcións, as delegacións provinciais contarán coa seguinte unidade con rango de xefatura de servicio:

Área provincial do IGVS.

18.1. Correspóndelle a cada área provincial o exercicio das seguintes funcións:

a) Dirixi-la xestión de cantos asuntos en materia de vivenda e solo teña atribuídos a delegación provincial, asegurando o cumprimento dos obxectivos do Instituto no seu ámbito.

b) Dirixir e coordina-las funcións seguintes: o réxime interior, a tramitación administrativa, a xestión de persoal, o rexistro xeral, os arquivos da delegación e a información ó público.

c) Elabora-lo anteproxecto de orzamentos da delegación e levar a cabo a administración, o control contable e a xustificación dos créditos que se asignen, así como a xestión da tesourería.

d) Elabora-las estatísticas da delegación provincial.

e) Prestarlle asesoramento e asistencia técnica ó delegado provincial e substituílo nos casos de enfermidade, ausencia ou vacante.

18.2. Cada área provincial contará cos seguintes servicios:

18.2.1. Servicio Xurídico Administrativo.

Este servicio desenvolverá as seguintes funcións:

a) Elaboración de informes e propostas sobre os recursos, reclamacións e solicitudes presentados ante a xefatura provincial.

b) Asistencia ás mesas de contratación así como, en calidade de secretario, á ponencia da Comisión Provincial de Vivenda.

c) Coordinación, asesoramento e revisión dos contidos xurídicos dos expedientes xestionados polas xefaturas de Sección de Inspección e Sancións da correspondente área provincial.

d) En xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados en relación con estas funcións.

18.2.2. Servicio Técnico.

Correspóndelle o exercicio das seguintes funcións:

a) Controlar e supervisa-los proxectos de obra nova de promoción pública, promoción privada, conservación e rehabilitación, así como controla-las respectivas obras e redacta-los proxectos que se lle encomenden.

b) Conforma-las certificacións, revisións e liquidacións.

c) Dirixi-la realización de estudios técnicos.

d) Elaborar informes técnicos para adquisición de solo, así como efectua-las valoracións correspondentes.

e) Realiza-las inspeccións de obras que se lle encomenden.

18.3. A área provincial do IGVS na Coruña contará, ademais, co seguinte servicio:

18.3.1. Servicio de Calidade na Edificación.

Correspóndelle, baixo a dependencia funcional da Dirección Técnica de Construccións, o exercicio das funcións seguintes:

a) Tramitación, inspección e proposta de concesión ou cancelación da acreditación de laboratorios de ensaio para o control da calidade da construcción segundo o previsto no Decreto 441/1990, do 6 de setembro. Seguimento e inspección do control realizado polos laboratorios acreditados. Rexistro dos laboratorios acreditados.

b) Elaboración e/ou visado de programas e emisión de informes de cumprimento de control de calidade na edificación.

c) A realización de inspeccións, de oficio ou a instancia de parte, nos lugares de fabricación, almacenamento, distribución e/ou posta en obra de cada material dos regulados polos pregos, normas ou instruccións de obrigado cumprimento.

d) Elaboración de plans e pregos de prescricións técnicas para a contratación do control de calidade, informes técnicos de avaliación de ofertas e seguimento e inspección do control de calidade nas vivendas de promoción pública.

e) En xeral, todas aquelas funcións que en materia de control de calidade lle sexan encomendadas pola Dirección Xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo.

VII. Dos órganos colexiados

Artigo 19º

A xunta consultiva.

19.1. A xunta consultiva do Instituto estará presidida polo seu presidente e integrada por representantes dos sectores implicados en materia de vivenda, sen que o número dos seus membros, incluído o presidente, poida exceder de doce, mailo secretario, que será o do Instituto. O nomeamento dos membros da Xunta producirase conforme o disposto no artigo 3.2º g) e, en todo caso, formarán parte dela unha representación das asociacións empresariais, sindicatos de traballadores e colexios profesionais máis representativos do sector, así como unha representación dos concellos da Comunidade Autónoma.

19.2. A xunta consultiva reunirase a pedimento do presidente do Instituto, e terá como función prestar asesoramento sobre as actuacións do Instituto que se sometan á súa consideración.

Disposición transitoria

Cando, como consecuencia da estructura orgánica que se establece no presente decreto, se modifique a denominación ou contido dos órganos ou unidades existentes con anterioridade ou se supriman algúns deles, autorízase o presidente do Instituto, por proposta do seu director xeral, a readscribi-lo persoal afectado a postos do mesmo nivel ou inferior, sempre que sexan postos de libre designación, ou a adscrición con carácter temporal a postos de igual ou inferior nivel se se trata de postos de provisión por concurso, ata que, neste último caso, os ditos postos sexan cubertos da forma regulamentariamente establecida, sen que, en ningún caso, a readscrición ou adscrición supoñan cambio de residencia.

Disposicións derrogatorias

Primeira.-Queda derrogado o Decreto 108/1991, do 27 de marzo, polo que se establece a estructura orgánica do Instituto Galego da Vivenda e Solo.

Segunda.-Quedan, así mesmo, derrogadas tódalas disposicións de igual ou inferior categoría que se opoñan ó disposto no presente decreto

Disposicións derradeiras

Primeira-Facúltase o conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda para dicta-las disposicións necesarias para o desenvolvemento e aplicación deste decreto.

Segunda.-O presente decreto entrará en vigor ó día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, catorce de marzo de mil novecentos noventa e sete.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jose Cuíña Crespo

Conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda

2637