Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 67 Mércores, 09 de abril de 1997 Páx. 3.284

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 13 de marzo de 1997 pola que se convocan cursos de especialización para mestres en servicio activo na Comunidade Autónoma de Galicia.

As novas esixencias de especialistas derivadas da implantación da etapa de educación primaria, unidas ó descenso das necesidades en áreas ata o de agora presentes na educación xeral básica, fan necesaria a organización de cursos de especialización en áreas incluídas na educación primaria e, neste momento, deficitarias en número de profesores especialistas, facendo posible que, de xeito gradual, mestres ós que se lles suprimiu o seu posto de traballo ou que, debido á especialidade que posúen, vén alongado substancialmente o seu período de provisionalidade, poidan obter unha das especialidades que o sistema educativo require na actualidade.

En consecuencia co anterior, é necesario subscribir novos convenios coas universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo para organizar cursos de especialización, correspondéndolle a súa dirección e desenvolvemento a cada universidade.

Faise preciso, polo tanto, artella-la oportuna convocatoria que permita selecciona-los mestres interesados en participar nestes cursos.

Na súa virtude,

DISPOÑO:

Primeiro.-Convocar cursos de especialización en educación musical, en educación física, en pedagoxía terapéutica e en audición e linguaxe, que terán lugar nas cidades e nas datas que se especifican nesta orde de convocatoria.

Segundo.-Poderán solicitar unicamente a realización dun dos devanditos cursos os funcionarios de carreira pertencentes ó corpo de mestres que estean en servicio activo na Comunidade Autónoma de Galicia.

Terceiro.-Os cursos desenvolveranse de acordo coa estructura e características que marca a Orde do 11 de xaneiro de 1996 (BOE do 23) pola que se homologan cursos de especialización para o profesorado de educación infantil, de educación primaria, de educación especial e do primeiro ciclo de educación secundaria obrigatoria, que se establecen no anexo I da presente orde.

Cuarto.-A matrícula será gratuíta para os funcionarios do corpo de mestres seleccionados ó abeiro desta orde.

Quinto.-A solicitude para tomar parte en cada curso dirixirase ó delegado provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da provincia en que se van desenvolver, segundo o modelo do anexo II, e presentarase persoalmente ou por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común,

no prazo de 15 días contados a partir do día seguinte á publicación desta orde.

Xuntaráselle á solicitude:

-Documentos acreditativos, orixinais ou copias compulsadas ou cotexadas, dos méritos alegados dos recollidos no baremo que figura no anexo III.

-Folla de servicios, debidamente cuberta, pechada na data de publicación desta convocatoria.

-Fotocopia compulsada da credencial de estar suprimido.

Sexto.-A selección dos solicitantes será realizada por unha comisión que presidirá o delegado provincial correspondente ou persoa en quen delegue e da que formarán parte:

-Un inspector ou unha inspectora.

-O/a director/a do curso ou persoa en quen delegue.

-Dous asesores técnico-pedagóxicos da especialidade dos centros de formación continuada do profesorado.

-Actuará como secretario un funcionario da delegación, con voz e sen voto.

Poderá asistir ás sesións da comisión, con voz e sen voto, un representante de cada unha das organizacións sindicais con representación na mesa sectorial de persoal docente.

Sétimo.-A selección dos aspirantes farase de acordo cos seguintes criterios:

1. En primeiro lugar o profesorado ó que se lle suprimiu o seu posto de traballo e non conte con novo destino definitivo, que non estea habilitado para imparti-las especialidades da LOXSE.

2. En segundo lugar o profesorado con destino provisional ou definitivo que non estea habilitado para imparti-las especialidades da LOXSE, agás a especialidade de francés.

Oitavo.-Resérvase un 70 por 100 das prazas de cada curso para o profesorado incluído no apartado 1 do punto sétimo, un 20 por 100 para o profesorado con destino provisional e un 10 por 100 para o que ten destino definitivo, dos incluídos no apartado 2 do punto sétimo.

No suposto de quedaren prazas vacantes dalgún dos colectivos mencionados, acumularanse ás reservadas a outro grupo, pola orde establecida no punto sétimo.

Noveno.-A valoración dos méritos dos solicitantes seleccionados en aplicación dos criterios prioritarios sinalados no apartado anterior, realizarase de acordo co baremo que figura no anexo III.

Naqueles cursos nos que haxa proba, os solicitantes serán chamados á súa realización, pola orde de puntuación acadada no baremo segundo se especifica no anexo IV, e obrigatoriamente terán que obter un mínimo de dous puntos para poderen resul

tar preseleccionados finalmente para a realización do curso.

No caso de se produciren empates no total das puntuacións, estes resolveranse atendendo sucesivamente á maior puntuación en cada un dos apartados do baremo, pola orde na que aparecen nel. A continuación, desempatará o número de rexistro persoal máis baixo (cando proceda) e, se é o caso, ano de oposición e número de lista. De resultar necesario utilizarase como último criterio de desempate a orde do primeiro apelido determinada no sorteo realizado de conformidade co establecido no apartado cuarto da Orde do 14 de outubro de 1996.

Décimo.-Finalizada a selección, a comisión elevaralla ó director xeral de Ordenación Educativa e de Formación Profesional, para a súa resolución provisional, que exporá nos taboleiros da consellería e das delegacións provinciais, con expresión da puntuación obtida polos solicitantes preseleccionados.

Para efectos de cubrir posibles baixas, incluirase como reserva un número máximo de 10 persoas.

Décimo primeiro.-Dentro dos sete días naturais seguintes á exposición da resolución provisional da selección á que se refire o punto anterior, os solicitantes poderán presentar diante da delegación provincial as reclamacións oportunas.

No mesmo prazo, os solicitantes que resulten preseleccionados, así como os reservas, deberán presentar na Delegación Provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria ou por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, a documentación que en cada caso se solicite nesa resolución provisional.

Transcorrido o prazo de reclamacións, e dentro dos cinco días naturais seguintes, a comisión resolverá as reclamacións, comprobará a documentación achegada polos solicitantes preseleccionados e os reservas e proporá ó director xeral de Ordenación Educativa e de Formación Profesional a selección definitiva, que será publicada no taboleiro de anuncios da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e nos das delegacións provinciais.

Décimo segundo.-As baixas que por calquera causa se produzan entre os seleccionados antes de empeza-lo curso, cubriranse cos aspirantes que figuran como reservas, por orde de puntuación.

Décimo terceiro.-Os mestres participantes no curso están obrigados a asistir e realizar tódalas actividades programadas do curso. O incumprimento de máis do 10% do horario, en cada unha das fases, dará lugar á exclusión do curso, logo de informe do director deste, oído o interesado e coa conformidade do director xeral de Ordenación Educativa e de Formación Profesional.

Décimo cuarto.-A cualificación global será apto ou non apto. Ós declarados non aptos faráselles

sabe-la data e condicións para a realización dunha nova proba con carácter extraordinario.

Décimo quinto.-A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria expediralles diploma acreditativo ós participantes que superen o curso.

Décimo sexto.-As persoas participantes no curso comprométense a imparti-las ensinanzas obxecto de especialización ó longo dos 5 anos seguintes á obtención da especialidade, no seu propio centro, ou noutro centro no que puidesen acada-lo devandito posto en concurso de traslados ou, de non darse ningún dos supostos anteriores, nos centros ós que a Administración educativa os destine en comisión de servicios dentro da zona do seu centro de destino.

Décimo sétimo.-Autorízase a Dirección Xeral de Ordenación Educativa e de Formación Profesional para dicta-las normas que considere oportunas para o desenvolvemento e interpretación da presente orde.

Décimo oitavo.-A presente disposición entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no DOG.

Santiago de Compostela, 13 de marzo de 1997.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

ANEXO I

Curso de especialización en educación musical

Celebraranse dous cursos: un en Ferrol, sendo o responsable da súa organización o Departamento de Didácticas Especiais da Universidade da Coruña, e outro en Lugo do que será responsable o Departamento de Didáctica da Expresión Musical, Plástica e Corporal da Universidade de Santiago de Compostela.

Número de participantes: 40 por curso.

Datas de celebración: maio, xuño, setembro e outubro de 1997, en sesións de mañá e tarde.

I. O curso terá dúas partes: teórico-práctica e práctica.

-Fase teórico-práctica:

1. Linguaxe musical (40 horas).

2. Formación vocal e auditiva (40 horas).

3. Formación instrumental (80 horas).

4. Formación rítmica e danza(40 horas).

5. Agrupacións musicais (80 horas).

6. Música e cultura (40 horas).

7. Didáctica da expresión musical (80 horas).

8. O currículo da educación musical en educación primaria (40 horas).

En total, esta fase teórico-práctica será de 440 horas.

-Fase práctica: realizarase nos centros de destino, durante os meses de novembro e decembro de 1997 e xaneiro de 1998.

Para acceder a esta fase é necesario supera-la fase teórico-práctica.

II. Avaliación.

Cada un dos módulos que integran os contidos da fase teórico-práctica será avaliado independentemente. A superación desta fase implicará ter aprobadas as avaliacións correspondentes a cada un destes módulos.

A fase práctica superarase globalmente. Ó longo dela deberanse presenta-los traballos que se indiquen ó comezo. A avaliación terá en conta o informe do director ou directora do curso e unha memoria final que terá que ser entregada por cada alumno e avaliada polos responsables do curso.

-Curso de especialización en educación física.

-Curso en Santiago de Compostela, sendo o responsable da súa organización o Departamento de Didáctica da Expresión Musical, Plástica e Corporal da Universidade de Santiago.

Número de participantes: 40.

Datas de celebración: maio, xuño, setembro e outubro de 1997, en sesións de mañá e tarde.

-Curso en Pontevedra, sendo o responsable da súa organización o Departamento de Didácticas Especiais da Universidade de Vigo.

Número de participantes: 40.

Datas de celebración: setembro, outubro e novembro de 1997, en sesións de mañá e tarde.

I. O curso terá dúas partes: teórico-práctica e práctica.

-Fase teórico-práctica:

1. Aprendizaxe e desenvolvemento motor (60 horas).

2. Bases biolóxicas e fisiolóxicas do movemento (60 horas).

3. Teoría e práctica do acondicionamento físico (60 horas).

4. Bases teóricas da educación física (60 horas).

5. Didáctica da educación física (120 horas).

6.- O currículo da área na educación primaria (40 horas).

En total esta fase teórico-práctica será de 400 horas.

-Fase práctica: realizarase nos centros de destino, durante os meses de novembro e decembro de 1997 e xaneiro de 1998.

Para acceder a esta fase é necesario supera-la fase teórico-práctica.

II. Avaliación.

Cada un dos módulos que integran os contidos da fase teórico-práctica será avaliado independentemente. A superación desta fase implicará ter aprobadas as avaliacións correspondentes a cada un destes módulos.

A fase práctica superarase globalmente. Ó longo dela deberanse presenta-los traballos que se indiquen ó comezo. A avaliación farase tendo en conta o informe do director ou directora e unha memoria final que terá que ser entregada por cada alumno e avaliada polos responsables do curso.

-Curso de especialización en pedagoxía terapéutica.

Celebrarase un curso: en Ourense, sendo o responsable da súa organización o Departamento de Psicoloxía Evolutiva e Comunicación da Universidade de Vigo.

Número de participantes: 40.

Datas de celebración: maio, xuño, setembro e outubro de 1997, en sesións de mañá e tarde.

I. O curso terá dúas partes: teórico-práctica e práctica.

-Fase teórico-práctica:

1. Aspectos didácticos e organizativos da Educación Especial (50 horas).

2. Aspectos evolutivos e educativos da deficiencia auditiva (50 horas).

3. Aspectos evolutivos e educativos da deficiencia mental (60 horas).

4. Aspectos evolutivos e educativos da deficiencia motórica (50 horas).

5. Aspectos evolutivos e educativos da deficiencia visual (50 horas).

6. Educación física en alumnos con necesidades educativas especiais (40 horas).

7. Expresión plástica e musical en alumnos con necesidades educativas especiais (40 horas).

8. Trastornos de conducta e de personalidade (50 horas).

9. Tratamentos educativos dos trastornos da linguaxe escrita (50 horas).

En total esta fase teórico-práctica será de 440 horas.

-Fase práctica: realizarase nos centros de destino, durante os meses de outubro, novembro e decembro de 1997 e xaneiro de 1998.

Para acceder a esta fase é necesario supera-la fase teórico-práctica.

II. Avaliación.

Cada un dos módulos que integran os contidos da fase teórico-práctica será avaliado independen

temente. A superación desta fase implicará ter aprobadas as avaliacións correspondentes a cada un destes módulos.

A fase práctica superarase globalmente. Ó longo dela deberanse presenta-los traballos que se indiquen ó comezo. A avaliación farase tendo en conta o informe do director ou directora e unha memoria final que terá que ser entregada por cada alumno e avaliada polos responsables do curso.

-Curso de especialización en audición e linguaxe.

Celebrarase un curso: na Coruña, sendo o responsable da súa organización o Departamento de Psicoloxía Evolutiva e da Educación da Universidade da Coruña.

Número de participantes: 40.

Datas de celebración: maio, xuño, setembro e outubro de 1997, en sesións de mañá e tarde.

I. O curso terá dúas partes: teórico-práctica e práctica.

-Fase teórico-práctica:

1. Anatomía, fisioloxía e neuroloxía da linguaxe (40 horas).

2. Aspectos evolutivos do pensamento e a linguaxe (40 horas).

3. Desenvolvemento de habilidades lingüísticas (40 horas).

4. Patoloxía da audición e a linguaxe (80 horas).

5. Tratamento educativo dos trastornos da audición e a linguaxe oral e escrita (160 horas).

6. Sistemas alternativos de comunicación (40 horas).

En total esta fase teórico-práctica será de 400 horas.

-Fase práctica: realizarase nos centros de destino, durante os meses de novembro e decembro de 1997 e xaneiro de 1998.

Para acceder a esta fase é necesario supera-la fase teórico-práctica.

II. Avaliación.

Cada un dos módulos que integran os contidos da fase teórico-práctica será avaliado independentemente. A superación desta fase implicará ter aprobadas as avaliacións correspondentes a cada un destes módulos.

A fase práctica superarase globalmente. Ó longo dela deberanse presenta-los traballos que se indiquen ó comezo. A avaliación farase tendo en conta o informe do director ou directora e unha memoria final que terá que ser entregada por cada alumno e avaliada polos responsables do curso.

ANEXO II

Modelo de instancia

O/A funcionario/a do corpo de mestres do que se especifican a continuación os datos:

-Datos persoais.

Apelidos

NomeDNI

Enderezo particularnº

TeléfonoLocalidadeCP

Provincia

-Datos profesionais.

Número de rexistro de persoal

Situación administrativa: propietario definitivo/suprimido/propietario provisional

Nome do centro no que exerce

Enderezo

LocalidadeCPProvincia

Posto de traballo ó que está adscrito

Ciclo/s ou curso/s no/s que imparte docencia

Área/s que imparte

-Suposto recollido nos criterios do apartado sétimo no que está incluído

Solicita tomar parte no curso de especialización convocado por Orde do 13 de marzo de 1997 e declara baixo a súa responsabilidade seren certos tódolos datos que se indican.

Data e sinatura,

Delegado provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

(Indíquese a provincia)

ANEXO III

Baremo

ConceptosMáximo de puntos por cursoTotal puntos máximoDocumentos xustificativos

Por cada ano de servicio como docente no nivel de educación primaria/EXB.0,75 puntosFolla de servicios
Por ter exercido o dereito preferente no concurso de traslados convocado por Orde do 15 de outubro de 1996 (DOG do 4 de novembro).1,75Declaración xurada de ter exercido ese dereito preferente

ConceptosMáximo de puntos por cursoTotal puntos máximoDocumentos xustificativos

Por realización de cursos de perfeccionamento na área obxecto de especialización convocados ou homologados pola Administración educativa.0,1 puntos por cada 10 horas de cursos de perfeccionamento.3Certificados dos cursos de perfeccionamento nos que conste o número de horas.

Só para educación musical: estudios musicais en conservatorio.0,5 puntos por cada curso de conservatorio superado.Certificados de estudios.
Por realización de actividades relacionadas coa especialidade solicitada.ata 1,5Xustificantes das actividades.
Por publicacións, experiencias e investigacións en relación coa especialidade solicitada.ata 1,5Exemplares con depósito legal das publicacións e xustificantes das experiencias ou investigacións.

ANEXO IV

Proba de aptitude

A puntuación mínima esixida neste apartado é de 2 puntos, e a máxima de 4 puntos. Serán excluídos os que non acaden esta puntuación mínima. Así mesmo, esta nota non se acumulará á puntuación final do baremo.

-Para os aspirantes ó curso de educación musical:

Primeira proba: lectura dunha pasaxe de ritmo de 16 compases. Lectura, entoación e medida dunha pasaxe melódica.

Segunda proba: interpretación dunha obra de libre elección aportada polo aspirante nun instrumento melódico ou harmónico.

-Para os aspirantes ó curso de educación física:

Primeira proba: percorrer en zig-zag un circuíto de cinco conos en liña, cunha separación de dous metros entre cada un, botando un balón de voleibol en percorrido de ida e volta. Tras supera-lo último cono do percorrido de ida realizaranse lanzamentos do balón coa man ata obter tres dianas sobre un branco dun metro de diámetro, situado na parede a dous metros e medio de distancia e a beira inferior estará situada a un metro e medio do nivel do chan; a continuación realizaranse lanzamentos do balón co pé ata obter tres dianas sobre unha superficie delimitada dun metro e medio de largo por un metro de alto, colocada a ras do chan e debaixo da anterior.

Mínimos establecidos: homes, vinte segundos; mulleres, vintecatro segundos.

Segunda proba: deitado boca arriba, coas pernas flexionadas e suxeitando unha pelota na caluga, elevar e baixa-lo tronco repetidamente durante trinta segundos.

Mínimos establecidos: homes, 15 veces; mulleres, 12 veces.

Terceira proba: 9 por 4. Partir dunha liña de saída ata outra situada a nove metros; recoller un taco de madeira, levalo e deixalo na liña de saída; repeti-lo

percorrido facendo o mesmo cun segundo taco de madeira.

Mínimos establecidos: homes, once segundos; mulleres, doce segundos.

Cuarta proba: carreira continuada de nove minutos.

Mínimo establecidos: homes, 2.000 metros; mulleres, 1.500 metros.

Para os aspirantes ó curso de pedagoxía terapéutica e de audición e linguaxe:

Non haberá proba de aptitude.

2521