Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 67 Mércores, 09 de abril de 1997 Páx. 3.277

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

DECRETO 69/1997, do 21 de marzo, polo que se acepta a cesión a título gratuíto á Comunidade Autonoma de Galicia dun terreo de 11.000 m, sito no lugar do Camballón, termo municipal de Vila de Cruces, para a construcción dun centro público de educación secundaria.

O Pleno da Corporación Municipal de Vila de Cruces, reunido en sesión extraordinaria o 26 de setembro de 1996, acordou a cesión á Comunidade Autónoma de Galicia dun terreo de 11.000 m situado no lugar do Camballón, termo municipal de Vila de Cruces, para a construcción dun centro público de educación secundaria.

Conforme os artigos 17.1º da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma galega, e 34 do seu regulamento aprobado polo Decreto 50/1989, do 9 de marzo, a adquisición pura e simple de bens a título gratuíto ou lucrativo requirirá decreto do Consello da Xunta de Galicia, por proposta da Consellería de Economía e Facenda. Así mesmo, os artigos 23.1º da mesma lei e 38.1º do regulamento establecen que non se poderán adquirir bens ou dereitos a título lucrativo cando o valor dos gravames, cargas ou afeccións impostos sobre eles supere o seu valor intrínseco, se ben non se consideran carga, gravame ou afección os investimentos que teña que realiza-la Comunidade Autónoma para da-lo destino de uso xeral ou servicio

público da súa competencia que fixe o cedente ou doador.

Na súa virtude, de conformidade coa proposta da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, feita nos termos nos que o Concello de Vila de Cruces acordou a cesión, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinteún de marzo de mil novecentos noventa e sete,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Acepta-la cesión gratuíta, á Comunidade Autónoma de Galicia, dun terreo de 11.000 m, sito no lugar do Camballón, termo municipal de Vila de Cruces, propiedade do concello. Os lindes son: norte; propiedade municipal e estrada de Vila de Cruces á Agolada. Sur, estrada de Lalín a Vila de Cruces. Leste, propiedade municipal e campo de fútbol, e oeste, Manuel Carballal Penas.

O inmoble descrito atópase inscrito no Rexistro da Propiedade de Lalín, no folio 91, do libro 62 de Vila de Cruces, tomo 473, inscrición 1ª do predio 8.833.

Artigo 2º

O inmoble cedido destinarase á construcción dun centro público de educación secundaria.

Artigo 3º

A Consellería de Economía e Facenda, a través da Secretaría Xeral e do Patrimonio, procederá á formalización da cesión no correspondente documento público e á inscrición do ben no Rexistro da Propiedade a nome da Comunidade Autónoma.

Disposición derradeira

A Consellería de Economía e Facenda, a través da Secretaría Xeral e do Patrimonio, levará a cabo tódolos trámites necesarios para a efectividade do presente decreto.

Santiago de Compostela, vinteún de marzo de mil novecentos noventa e sete.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda

2409