Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 66 Martes, 08 de abril de 1997 Páx. 3.251

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 1 de abril de 1997 pola que se convoca un curso sobre contabilidade pública local.

Dentro do programa de actividades da EGAP para 1997, e conforme as funcións atribuídas pola Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da escola, e pola Lei 10/1989, do 10 de xullo, de modificación da anterior, convócase un curso sobre contabilidade pública local, que deberá desenvolverse conforme as seguintes bases:

1. Obxectivos.

Proporcionar coñecementos teóricos e prácticos en relación coa contabilidade dos entes locais, e aprender a interpreta-la información que proporciona.

2. Destinatarios.

Secretarios, interventores, tesoureiros e responsables da contabilidade nas corporacións locais, pertencentes a calquera grupo de titulación.

3. Solicitudes.

Aqueles que aspiren a participar no curso programado deberán solicitalo no modelo oficial que figura ó final da convocatoria cuberto en tódolos epígrafes. Na solicitude faranse consta-los seguintes datos:

1) Descrición do posto de traballo que se desempeñará actualmente.

2) Conformidade da entidade na que presta servicios.

A solicitude de incorporación ó curso supón a aceptación expresa das presentes bases e das normas e procedementos polos que se rexe.

4. Tramitación de solicitudes.

As solicitudes irán dirixidas ó director da EGAP e presentaranse no rexistro da Escola Galega de Administración Pública, polígono das Fontiñas, r/ de Madrid 2-4, 15703 Santiago de Compostela, ou nas dependencias que se sinalan no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

5. Prazo de presentación das solicitudes.

O prazo de presentación das solicitudes rematará o día 25 de abril de 1997.

6. Número de prazas.

25 en cada localidade

7. Selección.

As solicitudes serán seleccionadas segundo os seguintes criterios:

1. Ter realizado un menor número de cursos relacionados cos contidos temáticos do que se convoca nos últimos tres anos.

2. Menor número de cursos realizados en escolas e institutos de Administración pública.

3. Antigüidade, entendendo como tal a data de ingreso en calquera administración.

En calquera caso, os criterios de selección suxeitaranse ás directrices sinaladas na resolución da EGAP do 27 de xuño de 1994 pola que se fan públi

cos os criterios de participación nas actividades docentes da EGAP (DOG nº 149, do 3 de agosto de 1994).

8. Modificacións.

A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e resolve-las incidencias que puidesen xurdir no desenvolvemento do curso así como a de cancelalo se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización.

9. Duración.

36 horas

10. Lugar e datas de impartición.

a) Lugares:

A Coruña, Santiago de Compostela, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo.

b) Datas: martes e xoves laborables comprendidos entre o 6 de maio e o 30 de xuño.

A data de inicio do curso en cada localidade comunicaráselle directamente ós admitidos ó curso coa suficiente antelación.

11. Horario.

Tardes, de 17 a 20.30 horas, cunha pausa intermedia de 30 minutos.

12. Certificado de asistencia.

Outorgaráselles certificado de asistencia ós alumnos que participen con regularidade no curso. Calquera inasistencia deberá ser xustificada. A falta de asistencia inxustificada ó 15% das horas lectivas programadas imposibilitará a expedición do certificado.

A falta de asistencia, aínda que sexa xustificada a máis do 15% das horas lectivas programadas imposibilitará igualmente a expedición do certificado, e dará lugar á baixa no curso con perda de tódolos dereitos.

13. Valoración.

Para os efectos do establecido na resolución do INAP do 26 de outubro de 1994, BOE nº 267, do 8 de abril e corrección de erros, BOE nº 311, do 29 de decembro, pola que se establecen os criterios de recoñecemento e valoración dos cursos de Administración local en cumprimento do establecido na orde do Ministerio para as Administracións Públicas do 10 de agosto de 1994, ó presente curso outorgaráselle unha puntuación de 0,60 puntos.

14. Contido.

Introducción. O orzamento e as súas modificacións. Contabilidade do orzamento de gastos. Contabilidade do orzamento de ingreso. Contabilidade do inmobilizado e das operacións de crédito. Operacións non orzamentarias: de tesourería, do IVE, de valores en depósito e de control de axentes recadadores. Operacións noutras estructuras do sistema contable. Gastos con financiamento afectado. Operacións de fin de exercicio. Estados para render e información para subministrar: análise dos estados e contas anuais. Suposto de recapitulación.

Santiago de Compostela, 1 de abril de 1997.

Domingo Bello Janeiro

Director da Escola Galega de Administración Pública

2540