Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 60 Luns, 31 de marzo de 1997 Páx. 2.819

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

ORDE do 3 de marzo de 1997 pola que se convocan axudas para a formación especializada de persoal.

O Decreto 309/1995, do 23 de novembro, sobre incentivos para o desenvolvemento económico e fomento da actividade empresarial na Comunidade Autónoma de Galicia, homologado oficialmente, segundo acordo da Comisión Europea (axuda estatal nº 21/95, SG(95)10-433, do 31 de xullo de 1995) prevé como mecanismo de axudas a subvención a fondo perdido dos gastos de programas de formación especializada de persoal.

No artigo 13 do decreto mencionado establécese que a convocatoria, concesión e xestión das axudas ó amparo del serán realizadas por cada consellería, organismo ou ente público da Xunta de Galicia, dentro do ámbito das súas competencias, mediante a aprobación das disposicións ou resolucións necesarias para a execución e desenvolvemento das ditas axudas.

A Lei 5/1992, do 10 de xuño, de creación do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), no seu artigo 5, autoriza a este ente público para realizar toda clase de actividades económicas e financeiras co fin de apoiar e promover calquera acción que favoreza o desenvolvemento económico de Galicia. Así mesmo, o artigo 4 da citada lei, no seu apartado ch), establece como unha das funcións do Igape favorece-la modernización e innovación tecnolóxica e organizativa das empresas galegas.

Por outra banda, tendo en conta o carácter do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) como instrumento básico da Xunta para o desenvolvemento competitivo do sistema productivo galego, o programa de axudas establecido na presente orde terá que integrarse como unha peza máis dentro do sistema promocional deste ente público, englobándose no Plan Integral de Mellora da Empresa Galega (Pimega), como un máis dos instrumentos de axudas e servicios do dito plan. Por todo iso, en virtude das atribucións que teño conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Convócanse subvencións a fondo perdido para apoia-la organización, sen ánimo de lucro, de programas de formación especializada que incidan nos

ámbitos da tecnoloxía, a organización e xestión empresarial, dirixidas preferentemente a directivos de empresas.

Artigo 2º.-Concesión e xestión das axudas.

A concesión e xestión das axudas previstas será efectuada polo Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) con cargo ós conceptos de gasto 0330 71208 2270601 do seu orzamento para 1997, sen prexuízo da asistencia técnica que, por razón da materia, poidan presta-las consellerías sectoriais, quedando subordinada a súa concesión en exercicios futuros ás disponibilidades orzamentarias que anualmente se establezan. A concesión das axudas previstas estará supeditada, en todo momento, á existencia de crédito orzamentario suficiente.

Artigo 3º.-Beneficiarios.

Poderán ser beneficiarios as cooperativas de segundo grao e as agrupacións ou asociacións de empresarios legalmente constituídas, que asocien a un mínimo de tres empresas e teñan entre os seus obxectivos ou cometidos a prestación de servicios especializados ós seus asociados ou partícipes, sempre que teñan radicado o seu centro de actividade ou algún centro de traballo en Galicia.

Os beneficiarios ou as empresas que estes asocien deberán realizar algunha das actividades recollidas no artigo 4 do Decreto 309/1995, do 23 de novembro, sobre incentivos para o desenvolvemento económico e fomento da actividade empresarial, e ter radicado o centro da súa actividade ou algún centro de traballo en Galicia.

Artigo 4º.-Contía e gastos subvencionables.

Cada proxecto formativo aprobado polo Igape será subvencionado con 200.000 ptas. Ademais, o dito instituto subvencionará unha porcentaxe de ata o 50% dos seguintes custos e gastos en que incorra o beneficiario a partir da data de presentación da solicitude de axuda.

1. Contratación do profesorado: exclusivamente para gastos externos ó beneficiario, cun límite máximo de vintecinco mil pesetas (25.000 ptas.) por hora de actividade formativa programada. Excepcionalmente, para aqueles casos, nos que, a xuízo do Igape, o profesorado proposto teña un prestixio a nivel internacional, este límite poderá ampliarse ata cincuenta mil pesetas (50.000 ptas.) por hora de actividade formativa programada. En ningún caso se subvencionarán gastos internos do persoal do beneficiario que, eventualmente, puideran participar na actividad formativa.

2. Alugueiro de aulas e locais: exclusivamente para gastos externos ó beneficiario, cun límite máximo de vinte mil pesetas (20.000 ptas.) por día de actividade formativa programada. En ningún caso se

subvencionarán custos de amortización e/ou uso de locais propiedade do beneficiario.

3. Servicios loxísticos, cun límite máximo de tres mil pesetas (3.000 ptas.) por alumno e día de actividade formativa programada.

4. Documentación que se lle entregará ó alumno: exclusivamente para gastos externos ó beneficiario, cun límite máximo de cinco mil pesetas (5.000 ptas.) por alumno.

5. Publicidade: exclusivamente para gastos externos ó beneficiario, cun límite máximo de cento cincuenta mil pesetas (150.000 ptas.) por actividade formativa programada.

6. Alugueiro de medios audiovisuais e de apoio á docencia: exclusivamente para gastos externos ó beneficiario, cun límite máximo de tres mil pesetas (3.000 ptas.) por elemento e día de actividade formativa programada. En ningún caso, se subvencionarán custos de amortización e/ou uso de material propiedade do beneficiario.

A contía da subvención non poderá exceder, en ningún caso, de dous millóns de pesetas (2.000.000 ptas.) por programa, podendo subvencionarse máis dun programa de formación por cada beneficiario.

Artigo 5º.-Documentación.

No momento de realiza-la solicitude da subvención, os interesados presentarán a seguinte documentación no rexistro xeral do Igape (Frei Rosendo Salvado, 16, Santiago de Compostela), sendo de aplicación o previsto no artigo 38.4º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Non será necesario presentar aquela documentación que xa conste no Igape, actualizada, en virtude doutro expediente, sempre que este se identifique suficientemente na solicitude.

1. Instancia de solicitude dirixida ó Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) conforme o modelo que figura como anexo I da presente orde.

O incumprimento desta obriga por parte dos interesados dará lugar ó arquivo das actuacións sen máis trámite.

2. Documentación acreditativa da personalidade do solicitante e da súa representación mediante fotocopia compulsada da escritura ou acta de constitución e estatutos debidamente inscritos no correspondente rexistro público, así como fotocopia compulsada do DNI do representante e da escritura de poder ou certificación onde consten as súas facultades de representación.

3. Fotocopia da tarxeta de identificación fiscal (CIF) da entidade.

4. Certificación acreditativa do cumprimento das obrigas fiscais e fronte á Seguridade Social, emitidas polo organismo competente, que conten cunha antigüidade inferior a seis meses desde a súa expedición.

5. Certificación de que o beneficiario non ten contraída débeda ningunha coa Xunta de Galicia, emitida polo organismo competente, que conte cunha antigüidade inferior a seis meses desde a súa expedición.

6. Memoria descritiva da actividade formativa, a que deberá conte-los elementos necesarios para a avaliación dos factores citados no artigo 6 desta orde, así coma o prazo de execución da actividade e os orzamentos de custos e gastos subvencionables nos que figure claramente identificado o provedor ou provedores de cada un dos servicios necesarios para a realización da actividade formativa, formalmente aceptados polo solicitante e o seu provedor e cunha vixencia de polo menos 10 meses desde a entrada da solicitude no Igape. Non serán avaliados aqueles factores que non figuren descritos na memoria.

7. Ficha resumo da actividade formativa, segundo modelo do anexo II.

8. Declaración xurada do representante legal do solicitante sobre outras axudas solicitadas para o mesmo proxecto, segundo formato do anexo III.

O Igape podera solicitar toda aquela información e documentación que considere conveniente para os efectos da análise da solicitude.

Artigo 6º.-Avaliación.

Para a determinación da contía da axuda, á marxe do establecido no artigo 10.1 do Decreto 309/1995, do 23 de novembro, teranse en conta os seguintes factores, sen orde de prelación:

-A experiencia da entidade encargada de imparti-la formación.

-A metodoloxía que se vai empregar, contido e novidade da formación que se vai impartir.

-O número de empresas comprometidas na asistencia ás actividades que se programen.

-O carácter aberto a empresas de tódolos tamaños e sectores da formación que se vai impartir.

-A inclusión da actividade formativa nun plan máis amplo de carácter individual ou colectivo. Entre outros: plan estratéxico individual ou sectorial, plan de mellora competitiva, plan de formación e cualificación dos recursos humanos.

-A metodoloxía de avaliación e seguimento da actividade formativa e das súas consecuencias posteriores.

-A colaboración ou participación de universidades ou centros tecnolóxicos públicos.

-A existencia de financiamento privado complementario á axuda proporcionada por esta orde.

Artigo 7º.-Resolución.

Recibido o expediente e tramitado polos servicios competentes, o Igape resolverá sobre a correspondente solicitude con base nos criterios e prioridades desta orde. A resolución de concesión que, se é o

caso, se dicte recollerá o importe do gasto máximo subvencionable, a porcentaxe de gasto subvencionable para cada unha das partidas do artigo 4º desta orde, a contía máxima da subvención concedida, así como, se é o caso, as condicións e prazos para a realización das actividades formativas aprobadas.

O Igape resolverá sobre a concesión ou denegación no prazo máximo de catro meses desde a recepción da solicitude. As solicitudes de axuda que non fosen resoltas no dito prazo consideraranse desestimadas.

Artigo 8º.-Notificación ó interesado e aceptación da subvención.

O Igape notificaralles ós solicitantes a resolución individual recaída para cada solicitude. Nos casos de resolución de concesión de subvención e sempre que non se interpuxese recurso contra esta, o beneficiario deberá manifesta-la súa aceptación á resolución recaída e ás condicións establecidas nesta dentro do prazo dun mes contado desde a súa notificación. Transcorrido o dito prazo sen que o beneficiario manifeste a súa aceptación, quedará sen efecto a concesión da subvención.

Artigo 9º.-Realización de actividades formativas.

As actividades formativas aprobadas deberán realizarse no prazo ou prazos que se establezan na respectiva resolución individual de concesión con cumprimento das condicións e prescricións establecidas na dita resolución, na presente orde ou demais normativa de aplicación. No caso de que na resolución de concesión non se fixase prazo ó respecto, este será dun máximo de 6 meses contado desde a data de notificación da resolución de concesión.

Os beneficiarios deberán comunicarlle ó Igape con polo menos quince días de antelación, as datas de realización de cada actividade formativa subvencionada, e poderá o instituto designar persoal propio para participar gratuitamente nas ditas actividades.

Artigo 10º.-Xustificación.

1. Para o cobramento da subvención o beneficiario deberá presentarlle ó Igape, dentro dos tres meses seguintes ó vencemento do prazo concedido na resolución de concesión para a realización da actividade formativa, unha única solicitude de cobramento axustada ó modelo que se xunta como anexo IV, xuntando a seguinte documentación:

-Certificación bancaria do número de conta de que sexa titular o beneficiario na que se vaia ingresa-la subvención.

-Declaración xurada asinada polo representante legal do beneficiario identificativa dos asistentes a cada un dos cursos, con expresión de nome, DNI e cargo do alumno, así como razón social, CIF, enderezo, teléfono, fax e sector da actividade da empresa onde desempeñe as súas funcións.

-Informe de avaliación e desenvolvemento de cada unha das actividades formativas asinado pola persoa ou entidade que imparta a formación.

-Declaración xurada, asinada polo representante legal do beneficiario, onde consten, detallados, os gastos e ingresos reais motivados pola organización de cada actividade formativa.

-Copia compulsada dos documentos xirados pola asociación ou cooperativa ós asistentes á actividade formativa en concepto de dereitos de inscrición, así como a xustificación mediante certificación bancaria do seu pagamento á beneficiaria.

-Copia compulsada das facturas xiradas polos seus proveedores e xustificantes bancarios de pagamento (xustificante de transferencia ou ingreso en efectivo na conta do provedor). Para os gastos que o importe unitario non supere as vinte mil pesetas (20.000 ptas.) serán admitidos, ademais dos xustificantes bancarios, recibos de pagamento en efectivo.

2. Transcorrido o prazo de tres meses sen que se achegase a anterior documentación, o Igape poderá conceder unha prórroga por un período máximo doutros tres meses. Transcorridos estes prazos sen ter cumprido o establecido, considerarase ó beneficiario decaído nos seus dereitos, coa conseguinte perda da subvención e arquivo do expediente.

3. No caso de que a cantidade resultante de suma-lo importe máximo de subvención concedido ó importe dos ingresos por dereitos de inscrición ó curso resulte superior ó importe dos custos subvencionables aprobados xustificados, a subvención reducirase automaticamente ata igualar ámbalas cantidades, sen necesidade de nova resolución.

Artigo 11º.-Modificación da resolución de concesión.

O Igape poderá incoar procedemento de modificación da subvención inicial para adaptala ás novas circunstancias, logo da solicitude do beneficiario, nos casos que se produza un incumprimento parcial, sempre que non desvirtúe a finalidade da subvención ou non sexa imputable ó beneficiario. A resolución de modificación establecerá as novas condicións da subvención e, se é o caso, decretará o reintegro do indebidamente percibido ata ese momento, calculado segundo o establecido no artigo seguinte.

Artigo 12º.-Perda da subvención.

No caso que o resultado da actividade non se axustase ós datos que figuran na solicitude, se incumprise algunha das obrigas contidas na presente orde ou o beneficiario incorrese nalgún dos supostos recollidos no nº 5 do artigo 78 da Lei de réxime financeiro e presupostario de Galicia, revogarase a concesión, debendo o interesado, se fose o caso, reintegra-las

cantidades percibidas e os xuros de demora desde o momento do seu aboamento.

Artigo 13º.-Compatibilidade.

No suposto de que, previamente á completa xustificación e pagamento da subvención, a beneficiaria obteña outra subvención para a mesma finalidade, deberá comunicarllo ó Igape, sendo de aplicación o disposto no artigo 78.3º da Lei de réxime financeiro e presupostario de Galicia.

Artigo 14º.-Obrigas dos beneficiarios.

Os beneficiaros da presente orde estarán obrigados a:

-Menciona-la axuda concedida polo Igape en tódalas comunicacións relacionadas coas actividades formativas aprobadas.

-Someter á aprobación do Igape as accións publicitarias e promocionais que se vaian realizar para as actividades formativas aprobadas.

-Incluí-lo logotipo do Igape en todo o material publicitario e promocional que se confeccione, así como na portada da documentación que se lles vaia entregar ós alumnos.

-Colaborar co Igape na difusión dos seus programas.

Artigo 15º.-Información e inspección.

Sen prexuízo dos mecanismos de control establecidos legalmente, o Igape e a Consellería de Economía e Facenda, ben directamente a través dos seus órganos, ou ben indirectamente a través das entidades que designen, poderán efectua-las inspeccións que consideren oportunas para os efectos de comproba-la aplicación das axudas ás finalidades para as que foron concedidas e o cumprimento dos requisitos as súas condicións; debendo os beneficiarios facilitar ó máximo a dita labor inspectora e achega-la documentación ou información ó respecto que lles sexa solicitada.

Disposición adicional

Correspóndelle ó Igape a facultade de dicta-las disposicións necesarias para a aplicación das axudas previstas nesta orde, así como para resolve-las dúbidas concretas que se susciten na súa aplicación.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 3 de marzo de 1997.

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda

2044