Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 59 Mércores, 26 de marzo de 1997 Páx. 2.785

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FAMILIA, MULLER E XUVENTUDE

RESOLUCIÓN do 6 de marzo de 1997 pola que se ordena a publicación do acordo do Consello da Xunta de Galicia polo que se autoriza a creación dunha comisión galega do ano europeo contra o racismo 1997.

O Consello da Unión Europea e os representantes dos gobernos dos estados membros reunidos no seo do Consello, adoptaron o 23 de xullo de 1996 unha resolución na que se establecen os obxectivos que

deberá te-lo Ano Europeo contra o Racismo (1997), a raíz dunha proposta de decisión do Consello pola que se declara 1997 ano europeo contra o racismo.

No punto 5 desta resolución, invítanse ós estados membros a crear un comité nacional de coordinación ou un organismo administrativo equivalente, representativo do conxunto de organismos activos na loita contra o racismo, a xenofobia, o antisemitismo e a intolerencia.

En consecuencia, o Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais creou polo R.D. 137/1997, do 31 de xaneiro, o comité español para o ano europeo contra o racismo 1997 (BOE nº 28, do 1-21997). Entre as funcións deste comité, recollidas no artigo 2 do devandito R.D., está a de apoia-la creación de comités rexionais e propicia-la relación con outros comités nacionais.

Na súa virtude, por proposta da Consellería de Familia, Muller e Xuventude, o Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día seis de marzo de mil novecentos noventa e sete adoptou o acordo que a seguir se transcribe, do que se ordena a súa publicación no Diario Oficial de Galicia:

Primeiro.-Créase a comisión galega para o ano europeo contra o racismo 1997.

Segundo.-Esta comisión funcionará en pleno e en comisión permanente.

Terceiro.-O pleno da comisión galega estará presidido pola conselleira de Familia, Muller e Xuventude, actuando como vicepresidente 1º o director xeral de Xuventude e como vicepresidente 2º o presidente do Consello da Xuventude de Galicia.

Serán vocais da devandita Comisión un representante de cada unha das consellerías e secretarías xerais dependentes da Presidencia. Ademais:

- Os presidentes das deputacións provinciais ou membros en quen deleguen.

-3 representantes da Federación Galega de Municipios e Provincias.

-5 representantes de asociacións xuvenís representadas no Consello da Xuventude de Galicia.

-5 representantes de asociacións e organizacións non gubernamentais especializadas na loita contra o racismo ou representantes dos colectivos máis afectados.

-2 representantes das escolas de tempo libre.

Os vocais serán designados pola presidenta por proposta das distintas consellerías, administración públicas e entidades e organizacións a quen representan.

Os representantes da Administración autonómica deberán posuír, polo menos, a categoría de director xeral, sen prexuízo de que poidan delega-la súa representación nun subdirector xeral. Actuará como secretario, con voz pero sen voto, un funcionario da Dirección Xeral de Xuventude.

Cuarto.-A comisión permanente estará presidida pola conselleira de Familia, Muller e Xuventude e actuará como vicepresidente 1º o director xeral de Xuventude e como vicepresidente 2º o presidente do Consello da Xuventude de Galicia.

Os vocais serán designados polo Pleno de entre os seus membros coa seguinte composición:

-5 representantes da Administración autonómica.

-1 representante da Federación Galega de Municipios e Provincias.

-3 representantes de asociacións xuvenís representadas no Consello da Xuventude de Galicia.

-3 representantes de asociacións e organizacións non gobernamentais especializadas na loita contra o racismo ou representantes dos colectivos máis afectados.

-1 representante de escolas de tempo libre.

O secretario do pleno exercerá, así mesmo, como secretario da comisión permanente.

Quinto.-A comisión terá as seguintes funcións:

a) Difundi-los obxectivos do ano europeo contra o racismo de acordo coas orientacións sinaladas pola Resolución do 23 de xullo de 1996, do Consello da Unión Europea.

b) Asumi-la responsabilidade desta campaña a nivel autonómico.

c) Coordina-las actividades autonómicas e locais e asegura-la articulación entre os niveis locais, autonómicos e nacional da campaña.

d) Estimula-la participación das organizacións non gobernamentais, entidades e administracións públicas na realización de proxectos tendentes á consecución e celebración do ano europeo contra o racismo.

e) Impulsar e apoia-la creación de comisións locais.

Sexto.-O pleno reunirase dúas veces durante 1997 con carácter ordinario e excepcionalmente tantas veces como sexa convocado polo seu presidente a iniciativa propia ou por proposta de, polo menos, unha terceira parte dos vocais.

A comisión permanente, por petición do seu presidente, reunirase cantas veces sexa necesario para o desenvolvemento dos acordos e o seguimento da programación das actuacións.

Sétimo.-No non previsto no presente acordo, o funcionamento desta comisión acomodarase ás normas contidas na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sobre órganos colexiados.

Oitavo.-A comisión disolverase no ano 1998, unha vez elaborada a memoria de actuacións do ano europeo contra o racismo.

Noveno.-O presente acordo terá efectos desde o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 6 de marzo de 1997.

Manuela López Besteiro

Conselleira de Familia, Muller e Xuventude

2312