Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 58 Martes, 25 de marzo de 1997 Páx. 2.676

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

DECRETO 59/1997, do 14 de marzo, polo que se modifica o Decreto 137/1995, do 10 de maio, polo que se establece a composición da Comisión Interdepartamental de Ciencia e Tecnoloxía de Galicia (Cicetga).

Creada a Secretaría Xeral de Relacións coa Unión Europea e Acción Exterior, por Decreto 4/1997, do 9 de xaneiro, que posúe entre as súas funcións a de impulsa-la cooperación entre os departamentos da Xunta de Galicia para os asuntos relacionados coa Unión Europea e a acción exterior.

Creada a Comisión Interdepartamental de Ciencia e Tecnoloxía de Galicia (Cicetga) por Decreto 137/1995, do 10 de maio, que ten, entre as súas funcións, a de coordina-las accións de investigación e desenvolvemento tecnolóxico (IDT) que se poñan en marcha para o mellor cumprimento dos fins que establece a Lei 12/1993, do 29 de xullo, de fomento de investigación e de desenvolvemento tecnolóxico de Galicia.

Habida conta de que as competencias e as funcións da Secretaría Xeral de Relacións coa Unión Europea e Acción Exterior afectan horizontalmente a Comisión Interdepartamental de Ciencia e Tecnoloxía de Galicia (Cicetga), en relación cos asuntos europeos de IDT, procede modifica-lo decreto de composición da comisión, para incorporar a esta Secretaría Xeral de Relacións coa Unión Europea e Acción Exterior.

Por todo isto, e por proposta do conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, en uso das atribucións que lle confire a Lei 1/1983, reguladora da Xunta e do seu presidente, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día catorce de marzo de mil novecentos noventa e sete,

DISPOÑO:

Artigo único.

A Comisión Interdepartamental de Ciencia e Tecnoloxía de Galicia (Cicetga) estará composta por un total de 15 membros:

1. Presidente: o presidente da Xunta de Galicia.

2. Vicepresidente: o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria.

3. Vocais: o secretario xeral de Relacións coa Unión Europea e Acción Exterior e un representante, con categoría de director xeral, de cada unha das Consellerías da Xunta de Galicia que teñan competencias en IDT, nomeados por decreto do Consello da Xunta, por proposta do conselleiro correspondente.

Os representantes das consellerías serán os responsables en cada departamento da área funcional que estea relacionada cos fins da Lei 12/1993, do 29 de xullo, de fomento de investigación e de desenvolvemento tecnolóxico de Galicia, ou cos obxectivos ós que debe orientarse o Plan Galego de Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico especificados nos artigos 2 e 3.2º da citada lei.

4. Como secretario da comisión actuará o subdirector xeral do Plan Galego de Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o conselleiro de Educación de Ordenación Universitaria para dicta-las disposicións necesarias de desenvolvemento e execución do presente decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, catorce de marzo de mil novecentos noventa e sete.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación

Universitaria

2205