Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 56 Venres, 21 de marzo de 1997 Páx. 2.594

IV. OPOSICIÓNS E CONCURSOS

CONSELLO ECONÓMICO E SOCIAL DE GALICIA

RESOLUCIÓN do 14 de marzo de 1997 pola que se convocan probas selectivas para ingresar no gabinete técnico do Consello Económico e Social de Galicia, como expertos en materias socioeconómicas con contrato laboral de duración indefinida.

Ó amparo do previsto no artigo 18 da Lei 6/1995, do 28 de xuño, pola que se crea o Consello Económico e Social de Galicia, así como no artigo 32 do seu Regulamento de réxime interno, e en cumprimento da Lei 10/1996, do 5 de novembro, de actuación de entes e empresas nas que ten participación maioritaria a Xunta de Galicia, en materia de persoal e contratación, o CES-Galicia acorda convocar probas selectivas para o ingreso no seu gabinete técnico, con suxeición ás seguintes,

BASES DA CONVOCATORIA

Primeira.-Normas xerais.

1.1. Convocánse probas selectivas para cubrir dúas prazas polo sistema xeral de acceso libre.

1.2. Ás presentes probas seranlles aplicables a Lei 6/1995, do 28 de xuño, de creación do CES, e o seu Regulamento de réximen interno, a Lei 10/1996, do 5 de novembro, e o disposto nas bases da convocatoria.

1.3. O proceso selectivo constará dunha única fase de oposición coas probas, puntuacións e temario que se especifican nos anexos I e II.

1.4. A adxudicación da praza ó aspirante que supere o proceso selectivo efectuarase de acordo coa puntuación total obtida por este ó longo de todo o proceso.

1.5. O primeiro exercicio da oposición efectuarase a partir da primeira quincena do mes de novembro. O segundo exercicio da oposición terá lugar transcorridos dous meses desde a finalización do primeiro. O terceiro exercicio celebrarase no momento que decida o tribunal.

1.6. O aspirante que supere tódolos exercicios obrigatorios da oposición, e lle sexa adxudicada a praza, será contratado en réxime laboral cunha duración indefinida.

Segunda.-Requisitos dos candidatos.

2.1. Para ser admitidos á realización das probas selectivas os aspirantes deberán reuni-los seguintes requisitos:

2.1.1. Ser español.

2.1.2. Ter cumpridos os dezaoito anos.

2.1.3. Estar en posesión do título de doutor, licenciado, enxeñeiro, arquitecto ou equivalente, ou ter feitos tódolos estudios para a súa obtención.

2.1.4. Non padecer enfermidade nin estar afectado por limitación física ou psíquica que sexa incompatible co desempeño das correspondentes funcións.

2.1.5. Non ter sido separado, mediante expediente disciplinario, do servicio de calquera das administracións públicas, nin atoparse inhabilitado para o desempeño de funcións públicas.

Tódolos requisitos enumerados na base 2.1 deberán posuírse no día de finalización do prazo de presentación de solicitudes e mantelos ata o momento de incorporarse a ocupa-la praza, logo da sinatura do correspondente contrato.

Terceira.-Solicitudes.

3.1. Os que desexen tomar parte nestas probas selectivas deberán facelo constar en instancia axustada ó modelo que figura no anexo III da presente resolución.

No sobre deberá facerse consta-la referencia : gabinete técnico do CES-Galicia.

Así mesmo, no apartado correspondente da instancia, deberá facerse consta-la titulación posuída ou a situación de estar en condicións de obtela. Por instancia acompañaranse dúas fotocopias do DNI.

3.2. A presentación de solicitudes farase nas dependencias do CES-Galicia, Santiago de Compostela, rúa Algalia de Abaixo, número 24, código postal 15703, ou ben na forma establecida no artigo 38 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, no prazo de 30 días naturais, a partires do seguinte á publicación desta convocatoria no DOG e dirixiránse ó presidente do CES-Galicia.

3.3. Os aspirantes con minusvalía deberán indicalo na solicitude. Así mesmo deberán solicita-las correspondentes adaptacións de tempo e medios para a realización dos exercicios en que esta adaptación sexa necesaria.

3.4. Os errores de feito que puidesen advertirse poderán emendarse en calquera momento, de oficio ou por petición do interesado.

Cuarta.-Admisión de aspirantes

Expirado o prazo de presentación de instancias, o presidente do CES-Galicia dictará resolución no prazo dun mes, declarando aprobada a lista de admitidos e excluídos. Na dita resolución, que deberá publicarse no DOG, indicaranse os lugares en que se atope exposta ó público a lista certificada completa de aspirantes admitidos e excluídos. A devandita lista deberá estar exposta, en todo caso, no taboleiro de anuncios do CES-Galicia. Nas listas deberán constar, en todo caso, os apelidos, nome e número do DNI, así como a causa da exclusión.

4.2. Os aspirantes excluídos disporán dun prazo de dez días, contados a partir do seguinte ó da publicación da resolución, para poder emenda-lo defecto que motivou a exclusión; transcorrido este publicarase lista definitiva nos lugares indicados.

Contra a dita resolución poderá interpoñerse, logo de comunicación ó órgano que a dicte, recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte á súa publicación no DOG, ante o órgano competente da orde xurisdiccional contencioso-administrativa.

Quinta.-Tribunal.

5.1. O tribunal cualificador destas probas é o que figura no anexo IV desta convocatoria.

A autoridade convocante publicará no DOG, resolución pola que se nomean os membros do tribunal titulares ou suplentes que substitúan os que perdesen a súa condición por algunha das causas previstas nas presentes bases.

5.2. Os membros do tribunal deberán absterse de intervir, notificándollo ó presidente do tribunal, cando concorran neles circunstancias das previstas no artigo 28 da Lei de réxime xurídico das administración públicas e do procedemento administrativo común, ou se realizasen tarefas de preparación de aspirantes a probas selectivas nos cinco anos anteriores á publicación desta convocatoria.

O presidente do tribunal poderá solicitarlles ós membros del declaración expresa de non atoparse incursos nas circunstancias previstas no artigo 28 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Os aspirantes poderán recusa-los membros do tribunal cando concorran as circunstancias previstas na presente base.

5.3. Para a válida constitución do tribunal requirirase a presencia do presidente e secretario, e a metade, polo menos, dos seus vocais. Celebrará a súa sesión de constitución no prazo máximo de sesenta días a partir da publicación da súa designación.

Na dita sesión, o tribunal acordará tódalas decisións que lle correspondan para o correcto desenvolvemento das probas selectivas.

5.4. A partir da súa constitución, o tribunal, para actuar validamente, requirirá a presencia do presidente e secretario ou, se é o caso, dos seus suplentes, e a metade polo menos dos seus vocais, titulares ou suplentes.

5.5. Na oposición, o tribunal resolverá tódalas dúbidas que puidesen xurdir na aplicación destas normas,

así como o que se deba facer nos casos non previstos.

O procedemento de actuación do tribunal axustarase en todo momento ó disposto na Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

5.6. O tribunal poderá dispoñe-la incorporación ós seus traballos de asesores especialistas para as probas correspondentes dos exercicios que considere pertinentes, limitándose os ditos asesores a presta-la súa colaboración nas súas especialidades técnicas. A designación de tales asesores deberá comunicárselle ó presidente do CES.

5.7. O tribunal adoptará as medidas precisas, nos casos en que sexa necesario, de forma que os aspirantes con minusvalías gocen de similares condicións para a realización dos exercicios có resto dos demais participantes. Neste senso, estableceranse para as persoas con minusvalías que o soliciten na forma prevista na base 3.2, as adaptacións de tempo e medios para a súa realización.

Para tal efecto, o tribunal poderá requirir informe e, se é o caso, colaboración dos órganos técnicos da Administración laboral e sanitaria.

5.8. Para efectos de comunicacións e demais incidencias, o tribunal terá a súa sede na Algalia de Abaixo, 24, aptdo. 15704, Santiago de Compostela. Teléfono (981) 54 16 50.

5.9. O tribunal non poderá aprobar e declarar que superaron as probas un número superior de aspirantes có de prazas convocadas.

Sexta.-Desenvolvemento dos exercicios

6.1. A orde de actuación dos opositores iniciarase alfabeticamente polo primeiro da letra determinada polo tribunal por sorteo na primeira sesión que se celebre e farase pública de forma inmediata na sede do CES-Galicia.

6.2. En calquera momento os aspirantes poderán ser requiridos por membros do tribunal coa finalidade de acredita-la súa personalidade.

6.3. Os aspirantes serán convocados para cada exercicio en único chamamento, sendo exclúidos da oposición os que non comparezan, salvo nos casos de forza maior debidamente xustificada e apreciada polo tribunal. O anuncio da celebración do primeiro exercicio publicarase na sede do CES-Galicia e no DOG con polo menos dous meses de antelación.

6.4. A publicación dos sucesivos anuncios de celebración do segundo e restantes exercicios será efectuada polo tribunal na sede do CES-Galicia, e por calquera outro medio se se xulga conveniente para facilita-la súa máxima divulgación, con oito días, polo menos, de antelación á sinalada para a súa iniciación.

6.5. En calquera momento do proceso selectivo, se o tribunal tivese coñecemento de que algúns dos aspirantes non cumpren un ou varios dos requisitos esixidos pola presente convocatoria, logo da audiencia do interesado, deberá propoñerlle a súa exclusión ó presidente do CES-Galicia, comunicándolle así mesmo, as inexactitudes ou falsidades formuladas polo aspirante na solicitude de admisión ás probas selectivas para os efectos procedentes.

Contra a dita resolución de exclusión poderá interpoñerse, logo da comunicación ó órgano que a dicte, recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ó da súa publicación no DOG.

Sétima.-Lista de aprobados.

Finalizada a oposición, o tribunal fará publicas, no lugar sede deste sinalado na base 5.8, e naqueles outros que considere oportunos, a lista de aspirantes aprobados, con indicación da puntuación obtida.

O presidente do Tribunal enviará ó presidente do CES-Galicia a copia certificada da devandita lista de aprobados, así como a relación dos opositores que superaron o terceiro exercicio con indicación da puntuación final obtida no conxunto das probas. Os nomes dos aprobados publicaranse no DOG.

Oitava.-Presentación de documentos e contratación.

8.1. No prazo de vinte días naturais, contados a partir do día seguinte a aquel na que a lista de aprobados sexa publicada no DOG, o opositor aprobado deberá presentar no CES-Galicia, rúa Algalia de Abaixo, 24, planta primeira, os seguintes documentos:

a) Fotocopia do título esixido na base 2.1.3 ou certificación académica que certifique ter feitos tódolos estudios para a obtención do título.

b) Declaración xurada ou promesa de non ter sido separado, mediante expediente disciplinario, de ningunha Administración pública nin atoparse inhabilitado para o exercicio de funcións públicas.

8.2. Os que dentro do prazo fixado e salvo os casos de forza maior, non presentasen a documentación ou do exame desta se deducise que carecen dalgún dos requisitos sinalados na base 2, non poderán ser contratados e quedarán anuladas as súas actuacións, sen prexuízo da responsabilidade en que concorresen por falsidade na solicitude inicial.

8.3. Finalizado o proceso selectivo, o que o superase procederá á sinatura do contrato laboral de duración indefinida, actuando como órgano de contratación do CES-Galicia o seu presidente, de acordo co disposto no artigo 32 de Regulamento de réxime interno.

8.4. O contrato será subscrito no prazo dun mes a partir da data de publicación da relación do aspirante aprobado no DOG, sendo inmediata a súa incorporación ó persoal do gabinete técnico.

Novena.-Norma final.

A presente convocatoria e cantos actos administrativos se deriven dela e da actuación do tribunal poderán ser impugnados nos casos e na forma establecidos pola Lei 30/92, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 14 de marzo de 1997.

Luis Suárez-Llanos Gómez

Presidente do Consello Económico e Social de Galicia

ANEXO I

PROCESO DE SELECCIÓN E VALORACIÓN

1. Proceso de selección.

O proceso de selección constará de tres exercicios todos eles eliminatorios.

Exercicio 1º:

O primeiro exercicio constará de dúas probas:

Proba I.-Consistirá nunha proba sobre o idioma galego e inglés, debendo o opositor demostrar o seu coñecemento o que se acreditará pola traducción, nun prazo máximo dunha hora, do inglés ó galego dun texto inglés de literatura socioeconómica seleccionado polo tribunal.

Proba II.-Consistirá nunha proba escrita, na que os opositores desenvolverán nun prazo máximo de 3 horas, tres temas extraídos ó chou, un por cada un dos apartados do temario deste exercicio.

A) Economía cuantitativa.

B) Dereito administrativo e organización do Estado.

C) Dereito do traballo.

Con posterioridade á realización dos ditos exercicios, procederase á súa lectura pública.

Exercicio 2º:

Proba única.-Consistirá nunha proba oral na que os opositores desenvolverán no prazo máximo de oitenta minutos catro temas, elixidos polo opositor entre dous de cada apartado extraídos ó chou do temario deste exercicio:

A) Economía xeral.

B) Economía financeira, economía internacional e relacións económicas internacionais.

C) Economía española (particular atención á economía galega).

D) Economía do sector público.

Os opositores disporán de 10 minutos de preparación previa, e ó remate da súa exposición, o tribunal poderá dialogar con eles durante un período de 10 minutos como máximo, sobre cuestións relacionadas cos temas desenvoltos.

Exercicio 3º:

Proba única.-Consistirá na elaboración polo opositor dun dictamen sobre unha situación socioeconómica coas informacións ou datos que, se é o caso, fosen subministrados polo tribunal.

Este exercicio terá unha duración máxima de 2 horas e será feita sobre soporte informático.

2. Valoración.

Os exercicios cualificaranse polo sistema de puntos. O opositor que en cada un dos exercicios non acade unha cualificación igual á metade da puntuación máxima posible ou fose cualificado en cero puntos nalgún dos temas expostos quedará eliminado da oposición.

Os distintos exercicios dos que consta a convocatoria cualificaranse da forma seguinte:

Exercicio 1º:

Proba I.-Cualificarase de 0 a 10 puntos.

Proba II.-Cualificarase de 0 a 30 puntos cada un dos temas desenvoltos.

Exercicio 2º.-Cualificarase de 0 a 25 puntos cada un dos temas desenvoltos.

Exercicio 3º.-Cualificarase de 0 a 100 puntos.

ANEXO II

TEMARIO

Exercicio 1º.

A) Economía cuantitativa.

Tema 1. Os métodos mínimo cuadrático e de máxima verosimilitude na estimación dos modelos económicos.

Tema 2. O modelo clásico da regresión lineal: estimación, verificación e predicción do modelo uniecuacional con K-variables explicativas.

Tema 3. O modelo de regresión con regresores estocásticos: estimación, verificación e predicción.

Tema 4. Multicolinealidade e heterocedasticidade: consecuencias, orixe, detección e solucións.

Tema 5. Autocorrelación: consecuencias, orixe, detección e solucións.

Tema 6. Modelos de ecuacións simultáneas: identificación, estimación, verificación e predicción.

Tema 7. Modelos uniecuacionais de regresión non lineal: estimación, verificación e predicción.

Tema 8. Modelos ARIMA: identificación, estimación, verificación e predicción.

Tema 9. O modelo de regresión dinámica uniecuacional: identificación, estimación, verificación e predicción.

Tema 10. Modelos de compoñentes non observables: tendencia, ciclo e estacionalidade. Aplicacións na análise de conxuntura, estimación, verificación e predicción.

B) Dereito administrativo e organización do estado.

Tema 1. O acto administrativo.: concepto, clases e elementos. A súa motivación e notificación. Eficacia e validez dos actos administrativos. Revisión, anulación e revogación.

Tema 2. Os contratos administrativos: concepto e clases. Estudio dos seus elementos. O seu cumprimento. A revisión de prezos e outras alteracións contractuais. Incumprimento dos contratos administrativos.

Tema 3. O servicio público: concepto e clases. Forma de xestión dos servicios públicos. Exame especial da xestión directa. A xestión indirecta: modalidades. A concesión. Réxime xurídico.

Tema 4. A Lei de réxime xurídico das administaciónes públicas e do procedemento administrativo común, de 26 de novembro de 1992: ámbito de aplicación e principios informadores. O procedemento administrativo: concepto e natureza. O procedemento administrativo como garantía. Iniciación. Ordenación, instrucción e terminación do procedemento administrativo. Os procedementos especiais.

Tema 5. A Constitución española de 1978: estructura e contido. Dereitos e deberes fundamentais. A súa garantía e suspensión. O Tribunal Constitucional e o Defensor do Pobo. Reforma da Constitución.

Tema 6. A Administración central do Estado. O Consello de Ministros. O presidente do Goberno. Os ministros. Secretarios de Estado. Secretarios xerais e directores xerais. Outros órganos da Administración central. A Administración local.

Tema 7. Organización territorial do Estado. As comunidades autónomas: constitución, competencias, Estatutos de autonomía. Estatuto de autonomía de Galicia. A Administración autonómica de Galicia. O presidente da Xunta. Os conselleiros. Outros órganos da Administración autonómica.

Tema 8. O Consello Económico e Social de Galicia. Lei de creación e Regulamento de réxime interno.

C) Dereito do traballo.

Tema 1. O dereito do traballo. Concepto, fins e contidos. O traballo como obxecto do dereito do traballo.

O traballo profesional: concepto. Clases e dereitos. As fontes do dereito do traballo. Esquema xeral das fontes. Lei e regulamento. O costume laboral.

Tema 2. Os convenios colectivos de traballo: procedemento de elaboración. Os convenios colectivos. Contido e efectos. O principio de xerarquía normativa. Conflicto entre normas laborais estatais ou pactadas. A norma máis favorable.

Tema 3. Os conflictos colectivos de traballo. A folga. O peche patronal. Os conflictos colectivos de traballo no dereito español: antecedentes e réxime xurídico. A súa regulación na actualidade: iniciación, competencia, formalización, avinza, arbitraxe e laudo.

Tema 4. O contrato de traballo: concepto e natureza xurídica. Obxecto e causa do contrato. Os suxeitos do contrato de traballo. O traballador. O traballo directivo. Traballadores autónomos. O traballo dos estranxeiros. O empresario. As potestades do empresario. O Estado e outros entes públicos como empresarios.

Tema 5. Nacemento do contrato de traballo. O consentemento e os seus vicios. Simulación. A forma da contratación. Efectos. Modalidades do contrato de traballo. Traballo en común e traballo en grupo. As súas especialidades e réxime xurídico. Prestación de man de obra.

Tema 6. O salario. Concepto e natureza xurídica. Salarios en diñeiro e en especies. Salarios mínimos. Salarios a tempo. Traballos por axuste. Tarefas. Primas e incentivos. Fixación e modificación de tarifas e primas. Protección do salario. Forma, lugar e tempo do pagamento do salario. Inembargabilidade. Prelación de créditos. Fondo de garantía salarial.

Tema 7. A xornada de traballo. Límites legais xerais e especiais do tempo máximo de traballo. Horas extraordinarias. Descanso semanal e festas laborais. Calendario. O réxime de vacacións. Ausencias e permisos do traballador. Excedencias, permutas e desprazamentos. Plus de transportes e de distancia.

Tema 8. Duración do contrato de traballo. Clases de contrato de traballo atendendo á súa duración. As suspensións do contrato de traballo: causas. As subrogacións empresariais. O dereito disciplinario laboral. Premios e sancións. Extinción do contrato de traballo. Enumeración das súas causas. Prescrición e caducidade das accións derivadas do contrato de traballo.

Tema 9. Despedimento disciplinario. Despedimento por circunstancias obxectivas derivadas da capacidade do traballador ou necesidade de funcionamento da empresa. Despedimento por causas tecnolóxicas ou económicas. Os expedientes de regulación de emprego. Estudio das restantes causas de extinción do contrato de traballo.

Tema 10. Representación colectiva dos traballadores na empresa. Órganos de representación. Delegados de persoal e comités de empresa. O texto articulado da Lei de procedemento laboral, do 27 de abril de 1990. A acción sindical. Sindicatos, réximen xurídico. As organización empresariais. Réxime xurídico.

Exercicio 2º.

A) Economía xeral.

Tema 1. Obxecto e método da ciencia económica.

Tema 2. Os economistas clásicos.

Tema 3. Pensamento económico de Marx. Desenvolvementos contemporáneos.

Tema 4. Os economistas neoclásicos. Liñas de pensamento.

Tema 5. A evolución do pensamento económico desde Keynes ata a actualidade.

Tema 6. Teoría neoclásica da demanda do consumidor.

Tema 7. Teoría da elección en situacións de risco e incerteza.

Tema 8. Outras teorías da demanda do consumidor. Dualidade e outras extensións.

Tema 9. A función de producción microeconómica.

Tema 10. Teorías dos custos.

Tema 11. Teorías do comportamento da empresa distintas da neoclásica. Especial referencia ós desenvolvementos recentes na teoría da organización industrial.

Tema 12. O modelo de competencia perfecta.

Tema 13. Teoría do monopolio. Regulación e control.

Tema 14. A teoría do oligopolio a curto e longo prazo. Referencia ós mercados impugnables.

Tema 15. A teoría da competencia monopolística.

Tema 16. Os problemas da información imperfecta: azar moral, selección adversa e teoría da axencia.

Tema 17. Teorías da distribución da renda.

Tema 18. Teorías neoclásica da oferta e demanda de traballo. Determinación do salario nas distintas situacións de mercado.

Tema 19. Outras teorías microeconómicas explicativas do mercado de traballo. Custes de axuste e información.

Tema 20. Teorías do beneficio. Teorías do xuro e do capital.

Tema 21. A teoría do equilibro xeral.

Tema 22. Economía do benestar. Óptimo económico. A teoría do «second best». Os criterios de compensación.

Tema 23. Economía do benestar. A optimalidade da competencia perfecta e as imperfeccións do mercado. Efectos externos e bens públicos.

Tema 24. Economía do benestar. Funcións do benestar social. Teoría da elección colectiva. O teorema da imposibilidade de Arrow e desenvolvementos posteriores.

Tema 25. Economía da regulación: principios e instrumentos.

Tema 26. Magnitudes macroeconómicas e contabilidade nacional.

Tema 27. Análise das táboas «input-output» e dos fluxos financeiros.

Tema 28. Magnitudes monetarias, creación de diñeiro e técnicas de control.

Tema 29. Modelo macroeconómico neoclásico.

Tema 30. Modelo macroeconómico keinesiano. Contribucións de Keynes e o modelo da síntese neoclásica.

Tema 31. A crítica monetarista ó modelo keinesiano. Implicacións de política económica.

Tema 32. A nova macroeconomía clásica. Contribucións e críticas á súa fundamentación.

Tema 33. Modelos neokeynesianos de desequilibrio.

Tema 34. Teorías macroeconómicas do mercado de traballo. Paro clásico e paro keynesiano.

Tema 35. Teorías da demanda de consumo. Implicacións de política económica.

Tema 36. Teorías da demanda do investimento. Implicacións de política económica.

Tema 37. Teorías da demanda de diñeiro. Implicacións de política económica.

Tema 38. A inflación. Fundamentos, clases e efectos económicos

Tema 39. A política fiscal. Condicionamentos e problemas actuais.

Tema 40. Aspectos monetarios do financiamento do déficit público.

Tema 41. A política monetaria. Condicionamentos e problemas actuais.

Tema 42. «Shocks» de oferta: modelos e implicacións de política económica.

Tema 43. Teorías dos ciclos. Desenvolvementos recentes.

Tema 44. Teorías unisectoriais do crecemento económico. Modelo Harrod-Domar, modelo neoclásico e críticas neokeynesianas.

Tema 45. Teorías do crecemento: progreso técnico, crecemento óptimo e modelos plurisectoriais.

B) Economía financeira, economía internacional e relacións economicas internacionais.

Tema 1. A empresa e a súa organización interna. A información financeira: estados de situación e circulación económica e financeira da empresa.

Tema 2. A empresa e as decisións do investimento. Diferentes criterios de valoración de proxectos. Rendabilidade, risco e custo do capital.

Tema 3. A empresa e as decisións de financiamento. Financiamento propio versus financiamento alleo. Política de dividendos e estructura de capital.

Tema 4. O crecemento da empresa e variables financeiras. Métodos de valoración da empresa.

Tema 5. Fundamentos do comercio internacional. A teoría da vantaxe comparativa. Modelo Heckscher-Ohlin-Samuelson.

Tema 6. Desenvolvementos recentes da teoría do comercio internacional e implicacións sobre a política comercial. Especial referencia ós modelos de competencia imperfecta.

Tema 7. A controversia entre librecambio e proteccionismo na teoría do comercio internacional. Os custos da protección.

Tema 8. Teoría da protección nominal e efectiva. Instrumentos arancelarios e non arancelarios.

Tema 9. Interrelación entre o crecemento económico e o comercio internacional.

Tema 10. Teoría da integración económica.

Tema 11. Determinantes e efectos dos movementos de capital ó longo prazo. Especial referencia ó investimento directo.

Tema 12. Balanza de pagamentos. Concepto, medición e interpretación.

Tema 13. Teorías do axuste de balanza de pagamentos.

Tema 14. Mercado de divisas. Operacións e instrumentos.

Tema 15. Teorías de determinación do tipo de cambio.

Tema 16. A controversia teórica entre tipos de cambio fixos e flexibles. Intervención e regulación dos mercados de cambio.

Tema 17. Teoría da integración monetaria.

Tema 18. Políticas de estabilización dos países desenvoltos. Equilibrio interno e externo.

Tema 19. Liberalización do sector exterior. Opcións de política económica.

Tema 20. A coordenación internacional das políticas macroeconómicas.

Tema 21. O Sistema Económico Internacional ata o Acordo de Bretton Woods.

Tema 22. O Acordo Bretton Woods. Evolución do Sistema Monetario Internacional ata a actualidade.

Tema 23. O Fondo Monetario Internacional. Estructura e políticas. Implicacións sobre as políticas de estabilización dos países en desenvolvemento.

Tema 24. Mercados financeiros internacionais a curto prazo.

Tema 25. Mercados financeiros internacionais a longo prazo.

Tema 26. Mercados de opcións. Futuros financeiros e outros derivados.

Tema 27. Economía dos países en desenvolvemento. Teorías sobre subdesenvolvemento.

Tema 28. O financiamento exterior do desenvolvemento económico. O problema da débeda externa. Axuda ó desenvolvemento.

Tema 29. Institucións multilaterais de financiamento e axuda ó desenvolvemento, con especial referencia ó Banco Mundial.

Tema 30. Procesos de reforma económica nos antigos países de economía centralizada: opcións de política económica.

Tema 31. Evolución e estructura sectorial e xeográfica dos fluxos comerciais e financeiros internacionais. Os bloques comerciais e as novas áreas emerxentes no comercio internacional.

Tema 32. O GATT. Estructura e funcionamento. As rondas de negociación. A OMC.

Tema 33. Procesos de integración non comunitarios. Organismos de cooperación internacional: a OCDE.

Tema 34. A Unión Europea: antecedentes e evolución. Institucións. A orde xurídica comunitaria. Acta única europea.

Tema 35. A política orzamentaria da Unión Europea.

Tema 36. A política agrícola da Unión Europea. Problemas económicos e proceso de reforma.

Tema 37. O principio de libre circulación de mercadorías, servicios, persoas e capitais. A política de competencia.

Tema 38. A política social e rexional da UE. As políticas sectoriais non agrícolas.

Tema 39. A política comercial exterior e de relacións económicas exteriores da Unión Europea.

Tema 40. O Sistema Monetario Europeo. Evolución, funcionamento e situación actual.

Tema 41. O Tratado de Maastricht. Especial referencia á Unión Económica e Monetaria.

Tema 42. Análise da converxencia económica e monetaria na Unión Europea. Perspectivas.

C) Economía Española (particular atención á economía galega).

Tema 1. Fontes estatísticas. Características, limitacións e harmonización no ámbito comunitario.

Tema 2. Evolución da agricultura e da política agraria. Problemas actuais.

Tema 3. Sector pesqueiro. Evolución e problemas actuais.

Tema 4. Os problemas da minería. O sector enerxético. A política enerxética.

Tema 5. Evolución da industria e da política industrial. Valoración. Referencia á política de medio ambiente e á política tecnolóxica.

Tema 6. Análise dos sectores da industria agroalimentaria e dos bens de consumo tradicionais.

Tema 7. Análise dos sectores de bens de equipo e de alta tecnoloxía.

Tema 8. Análise dos sectores de bens intermedios: siderurxía, química e metais non férreos. A industria do automóbil.

Tema 9. Análise do sector servicios. Características, problemas e políticas de liberalización.

Tema 10. O sector da construcción. Problemas e política de vivenda e chan.

Tema 11. Estructura e política do sector dos transportes e telecomunicacións.

Tema 12. O turismo: evolución, problemas do sector e política turística.

Tema 13. Estructura, problemas e política no comercio interior. Os cambios na distribución comercial. A defensa da competencia.

Tema 14. Mercado de traballo. A súa estructura e funcionamento. A estructura salarial e problemas de emprego.

Tema 15. Desequilibrios territoriais e política de desenvolvemento rexional.

Tema 16. O sistema financeiro: evolución e reforma.

Tema 17. O sistema financeiro: institucións e mercados. Implicacións do espacio financeiro europeo.

Tema 18. A política monetaria. Instrumentos de control. Evolución e problemas actuais.

Tema 19. Evolución da política comercial. Fins, instrumentos e valoración.

Tema 20. Evolución e estructura da balanza comercial.

Tema 21. Evolución e problemas da balanza por conta corrente. O problema do financiamento exterior.

Tema 22. O control de cambios. O papel do investimento estranxeiro.

Tema 23. O período 1960-1973: o plan de estabilización de 1959. Os plans de desenvolvemento.

Tema 24. A política económica desde a crise enerxética ata a actualidade.

Tema 25. Situación actual da economía e perspectivas. A converxencia nominal e real na Unión Europea.

Tema 26. As relacións coas comunidades europeas. Antecedentes. O tratado de adhesión.

Tema 27. Os efectos da integración de España sobre o sector industrial. Consideración especial da política de competencia. Implicacións da realización do Mercado Único.

Tema 28. Os efectos da integración de España sobre o sector agrario e pesqueiro. Implicacións da reforma da PAC

Tema 29. Os efectos da integración de España sobre a política comercial. Implicacións da realización do Mercado Único e da política de relacións económicas exteriores da Unión Europea.

D) Economía do sector público.

Tema 1. O sector público. Operacións e contas principais. Delimitación do sector público. Comparacións internacionais.

Tema 2. Os fallos do mercado como fundamento da intervención do sector público. Bens públicos. Efectos externos. Instrumentos de actuación do sector público.

Tema 3. Os mecanismos de decisión do sector público. Regras de votación. A democracia representativa. A producción pública e a burocracia. A Constitución fiscal.

Tema 4. Conceptos e características do orzamento. Fases do proceso orzamentario. Principios clásicos do orzamentos e as súas modificacións. As reformas orzamentarias máis destacadas. Especial referencia ó Orzamento de base cero.

Tema 5. Impacto redistributivo do orzamento. Principais instrumentos de redistribución. Os programas de benestar e a Seguridade Social.

Tema 6. O orzamento como elemento compensador da actividade económica. Efectos discrecionais e automáticos do orzamento. A medición do efecto macroeconómico do orzamento.

Tema 7. O gasto público. Causas do seu crecemento. O debate sobre o tamaño do sector público.

Tema 8. Análise custo-beneficio e custo-eficacia. A taxa de desconto. Valoración de beneficios e custos. A valoración do risco. Consideracións distributivas.

Tema 9. Clases de ingresos públicos. Elementos definidores da estructura dos tributos. Concepto e clases de impostos.

Tema 10. Fins, principios e estructuras impositivas. Especial consideración dos principios de beneficio e da capacidade de pagamento.

Tema 11. Traslación e incidencia dos impostos en mercados competitivos e monopolistas. Enfoques do equilibrio parcial e xeral.

Tema 12. Efecto renda e efecto substitución dos impostos. Concepto e medición do exceso de gravame.

Tema 13. Imposición e oferta. Efectos incentivo dos tributos.

Tema 14. A imposición óptima. Tipo impositivo óptimo. Regla de Ramsei. O compromiso entre eficiencia e equidade.

Tema 15. Concepto e clases de débeda pública. A financiamento do déficit público.

Tema 16. O federalismo fiscal. O financiamento das facendas territoriais.

Tema 17. A empresa pública. Políticas aplicables, con especial referencia á fixación de prezos públicos.

Tema 18. A empresa pública. Razóns da súa existencia. A política de privatizacións. Comparacións internacionais.

Tema 19. Os impostos na realidade: estructuras tributarias alternativas nos sistemas comparados.

Tema 20. A harmonizacion tributaria na Unión Europea. Consideración da fiscalidade do aforro, das sociedades e dos impostos indirectos.

Tema 21. A imposición sobre a renda

Tema 22. A imposición societaria

Tema 23. A imposición patrimonial.

Tema 24. A imposición sobre as vendas.

Tema 25. O gasto público e o seu control.

Tema 26. Os orzamentos xerais do Estado e da Comunidade Autónoma de Galicia.

Tema 27. A Seguridade Social en España. Prestacións e a o seu financiamento.

Tema 28. As facendas territoriais en España. Competencias e financiamento. Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Tema 29. O déficit público e o seu financiamento. Comparacións internacionais.

ANEXO III

SOLICITUDE PARA PARTICIPAR NAS PROBAS SELECTIVAS PARA O INGRESO NO GABINETE TÉCNICO DO CES-GALICIA, COMO EXPERTOS EN MATERIAS SOCIOECONÓMICAS CON CONTRATO LABORAL DE DURACIÓN INDEFINIDA

Datos personais:

Primeiro apelido segundo apelido

Nome DNI

Enderezo

LocalidadeProvinciaCód. postal

Teléfono (...)Data de nacemento

LocalidadeProvincia

NacionalidadeNº de afiliación á S. Social

Titulación:

Titulación:

Praza á que opta: gabinete técnico.

Declaración xurada:

O abaixo asinante declara baixo xuramento non padecer enfermidade ou defecto físico que impida desempeña-las funcións correspondentes ó posto de traballo da praza á que opta, e non estar separado do servicio de ningunha Administración pública en virtude de expediente disciplinario, nin encontrarse inhabilitado por sentencia firme para o exercicio de funcións públicas.

Santiago de Compostela, ... de ... de 1997.

Asdo.:....................

N.B.: Con esta solicitude deberán achegarse dúas fotocopias do DNI.

Sr. Presidente do Consello Económico e Social de Galicia.

ANEXO IV

TRIBUNAL CUALIFICADOR DAS PROBAS

Tribunal titular:

Presidente: Luis Caramés Viéitez, catedrático de Facenda Pública.

Vocais: María del Carmen Guisán Seijas, catedrática de Econometría; Alberto Meixide Vecino, catedrático de Fundamentos de Análise Económica; Julio G. Sequeiros Tizón, catedrático de Economía Aplicada.

Secretario: Carlos Monclús Díez de Ulzurrum, do Corpo de Intervención e Contabilidade da Administración da Seguridade Social e secretario xeral do Ces-Galicia.

Tribunal suplente:

Presidente: Juan Fernández Caínzos, catedrático de Facenda Pública.

Vocais: José Luis Outes Ruso, catedrático de Fundamentos de Análise Económica, Carlos Ricoy Rego, profesor titular de Fundamentos de Análise Económica, Javier Rojo Sánchez, profesor titular de Economía Aplicada.

Secretario: Manuel Castro Cotón, profesor titular de Economía Financeira e Contabilidade.

797