Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 56 Venres, 21 de marzo de 1997 Páx. 2.576

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 10 de marzo de 1997 pola que se convoca un curso de medio ambiente e saúde.

Conforme ós fins que lle asigna a este centro a normativa que o regula (Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola Galega de Administración Pública, modificada pola Lei 10/1989, do 10 de xullo), a EGAP convoca un curso de medio ambiente e saúde, incluído dentro do plan de actividades da EGAP para o ano 1997.

1. Obxectivo. O obxectivo desta actividade é a integración da dimensión ambiental na formación teórico-práctica de técnicos, funcionarios e responsables políticos ó servicio da Administración autonómica e local galega, así como profesionais liberais, directivos ou xestores de empresa, ben do sector público ou privado, que desenvolvan a súa actividade nas áreas de medio ambiente e saúde, coa finalidade de mellora-la xestión ambiental e poder contribuír á protección ambiental e á saúde da nosa comunidade.

2. Contido. O contido deste curso vén determinado no final desta convocatoria.

3. Destinatarios. O curso convocado vai dirixido a técnicos e funcionarios de carreira dos grupos A e B, pertencentes á Xunta de Galicia ou á Administración local galega, así como o persoal laboral dunha ou doutra Administración, dos grupos I e II.

Para os efectos do establecido na Resolución do 26 de outubro de 1994, do Instituto Nacional de Administración Pública, pola que, en cumprimento do disposto na orde do Ministerio para as Administracións Públicas do 10 de agosto de 1994, se determinan os criterios de recoñecemento e valoración dos cursos de Administración local, este curso valórase cun punto para aqueles alumnos admitidos que estean comprendidos dentro do ámbito de aplicación da citada normativa.

Sempre que existan prazas dispoñibles, por non se teren cuberto as convocadas entre o persoal ó que se refire o parágrafo primeiro deste epígrafe, tamén poderán optar á obtención do certificado de aproveitamento, responsables políticos da Administración local e autonómica galega, profesionais liberais, directivos ou xestores ambientais de empresa, ben do sector público ou privado que desenvolvan a súa actividade nas áreas de medio ambiente e saúde.

4. Prazas. O número de prazas é limitado.

5. Lugar, datas e horario. O curso comezará o luns 28 de abril e rematará o 12 de xuño de 1997. Contará cunha duración total de 60 horas lectivas, distribuídas en 14 sesións, de 16.30 a 20.30 horas, os martes e xoves (excepto a inauguración que terá lugar en luns), e completaranse con algunhas visitas de

prácticas a instalacións de interese sanitario-ambiental.

6. Certificado de aproveitamento. A aprobación do repetido curso e a subseguinte entrega do certificado de aproveitamento quedan supeditados a que os alumnos cumpran estes requisitos:

a) Asistir con asiduidade a clase, sen que en ningún caso a inasistencia sexa igual ou superior ó 15% das horas lectivas programadas. A superación deste límite, polo motivo que fose, determinará a eliminación do curso con perda de tódolos dereitos.

b) Obte-la cualificación de apto na realización de exercicios e probas que se efectúen durante o desenvolvemento desta actividade.

c) Ó aboamento dos dereitos de inscrición.

7. Dereitos de inscrición e forma de pagamento. Os dereitos de inscrición fíxanse nas seguintes contías, segundo estes casos:

1. Trinta e dúas mil pesetas (32.000 ptas), para todos aqueles solicitantes (persoal funcionario ou laboral) que pertenzan ás administracións autonómica e local galegas e que no desempeño do seu traballo habitual realicen tarefas que estean vinculadas co medio ambiente. Esta circunstancia acreditarase mediante certificación expedida polos secretarios xerais, respectivamente, da consellería, delegación, concello municipal ou da deputación.

2. Corenta e oito mil pesetas (48.000 ptas), para os restantes solicitantes (persoal funcionario ou laboral) integrados nas administracións autonómica ou local galegas, que non reunan o requisito precedente.

3. Sesenta e catro mil pesetas (64.000 ptas), para os demais peticionarios que non teñan a condición de persoal funcionario ou laboral ó servicio dalgunha das administracións públicas anteriormente citadas.

Os dereitos de inscrición anteriormente sinalados poderán facerse efectivos, mediante cheque nominativo ou transferencia, á conta corrente da EGAP da Caixa de Galicia na oficina de organismos de Santiago de Compostela, conta restrinxida nº 2091-03883110000520.

As cantidades aboadas, no momento de formalizaren a solicitude, polos peticionarios que non sexan admitidos serán reintegradas pola EGAP na conta corrente indicada polos interesados.

8. Prazo de inscrición, solicitudes e documentos. Para a participación neste curso, ábrese un prazo de inscrición, que rematará o 21 de abril de 1997, para que as persoas que figuran como destinatarias deste curso poidan formalizala, segundo o modelo que figura no final desta resolución, achegando ó boletín de inscrición os seguintes documentos:

a) Se o peticionario é funcionario:

-Certificado de atoparse en situación de servicio activo ou de servicios especiais na Administración

da Comunidade Autónoma de Galicia ou da Administración local galega.

Este certificado deberá expedilo, segundo os casos, o secretario xeral da respectiva consellería, delegación, concello municipal ou da deputación.

-Se o solicitante, no seu traballo habitual, realiza tarefas que estean viculadas co medio ambiente, certificado estendido polas persoas sinaladas no parágrafo que antecede, no que se signifique expresamente este extremo.

-Certificado no que se indique explicitamente que o interesado é funcionario de carreira do grupo A ou B. Este documento deberá ser estendido polos mesmos funcionarios citados nos parágrafos anteriores.

-Cheque nominativo ou xustificante de transferencia pola totalidade do importe dos dereitos de inscrición.

b) Se o peticionario é persoal laboral:

-Certificado de pertencer á Administración da Comunidade Autónoma de Galicia ou á da Administración local galega.

-Certificado no que se faga constar expresamente que o interesado pertence ó grupo I ou II.

Os dous anteriores documentos deberán ser estendidos, segundo os casos, polo secretario xeral da respectiva consellería, delegación, concello municipal ou da deputación.

-Cheque nominativo ou xustificante de transferencia pola totalidade do importe dos dereitos de inscrición.

c) Para os restantes peticionarios:

-Fotocopia cotexada do DNI.

-Currículum vitae.

-Cheque nominativo ou xustificante de transferencia pola totalidade do importe dos dereitos de inscrición.

9. Criterios de selección. Se os solicitantes son funcionarios ou persoal laboral, os criterios selectivos para a admisión neste curso serán, por esta orde, os seguintes:

1º. Que exista unha relación directa entre as tarefas que realiza o interesado no desempeño do seu posto de traballo e a materia obxecto deste curso.

2º. Ter realizado, durante os últimos cinco anos, un menor número de cursos relacionados con contidos temáticos similares ó que agora se convoca.

3º. A antigüidade, e como tal entenderase a data de ingreso do interesado na Administración pública.

De quedaren prazas baleiras, despois de feita a selección entre o persoal funcionario ou laboral de calquera das administracións públicas galegas indicadas anteriormente, o criterio selectivo dos restantes peticionarios, nos que non concorra a men

cionada condición, será como se expresa a continuación:

-Gozarán de preferencia aqueles solicitantes que documentalmente acrediten que a súa actividade profesional mantén relación coa materia do curso e poidan demostrar, a través do seu currículo, unha constatada experiencia neste campo (por exemplo, publicacións, cursos de especialización, traballos de investigación, etc. vinculados co medio ambiente e saúde).

Toda a documentación que acheguen os solicitantes, que non sexa orixinal, terá que vir debidamente cotexada.

En calquera caso esta convocatoria rexerase polos criterios de participación nas actividades docentes da Escola Galega de Administración Pública, publicados no DOG nº 149, do 3 de agosto de 1994.

10. Modificacións. A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e resolve-las incidencias que puidesen xurdir no desenvolvemento deste curso, así como de cancelalo se o escaso número de solicitudes non xustificasen a súa realización.

PROGRAMA

-Conferencia inaugural: medio ambiente e saúde: introducción xeral.

-Tema I: o medio físico galego.

-Tema II: diferentes aspectos da contaminación ambiental: principais problemas medioambientais no medio urbano e rural galego. Repercusións sanitarias.

-Tema III: ruído ambiental e saúde. Casos prácticos.

-Tema IV: radioloxía ambiental: a contaminación radiactiva e a súa influencia na saúde.

-Tema V: principais problemas de contaminación atmosférica: choiva ácida, destrucción da capa de ozono, efecto invernadoiro. A Rede de Vixilancia da Contaminación Atmosférica de Galicia. Lexislación actual a nivel comunitario, estatal e autonómico.

-Tema VI: análise de augas: toma de mostras, parámetros de calidade, técnicas instrumentais e analíticas utilizadas, así como manexo de equipos. Inspección e control. Lexislación actual.

-Tema VII: as augas residuais como problema ambiental e sanitario: a súa depuración no medio rural e urbano. Lexislación actual.

-Tema VIII: importacia da vixilancia e control sanitario do sistema de abastecemento hídrico en relación coa saúde pública.

-Tema IX: importacia da vixilancia e control sanitario das augas de zonas de baño (praias e piscinas) en relación coa saúde pública.

-Tema X: a planificación hidrolóxica en Galicia. Saneamento das rías galegas.

-Tema XI: Lei de costas en Galicia.

-Tema XII: xestión e tratamento dos residuos sólidos urbanos.

-Tema XIII: plan de xestión de residuos sólidos urbanos de Galicia.

-Tema XIV: proxecto SOGAMA.

-Tema XV: residuos tóxicos e perigosos. Plan de xestión de residuos industriais de Galicia.

-Tema XVI: problemas ambientais e sanitarios da contaminación de solos en Galicia. Xestión e tratamento dos residuos agrícolas e gandeiros.

-Tema XVII: xestión e protección do medio natural galego: espacios protexidos, uso público, flora e fauna. Plan de recuperación de ríos. Lei de pesca fluvial.

-Tema XVIII: problemática actual dos incendios forestais en Galicia.

-Tema XIX: p Plan forestal galego.

-Tema XX: a xestión dos recursos mariños e a súa protección e control.

-Tema XXI: xestión sanitaria do medio ambiente. Diagnósticos de saúde ambiental. Caso práctico.

-Tema XXII: o medio ambiente na organización internacional e na Unión Europea. Estructura competencial das administracións central, autonómica e local en materia de medio ambiente.

-Tema XXIII: a administración ambiental en Galicia. A Lei 1/1995, de protección ambiental de Galicia.

-Tema XXIV: instrumentos de control e sanción. Inspección, control e sancións administrativas, con especial referencia á inspección ambiental en Galicia.

-Tema XXV: instrumentos preventivos: estudios e avaliacións de impacto, efectos e incidencias ambientais-RAMINP.

-Tema XXVI: instrumentos sociais: a formación e educación ambiental en Galicia. Caso práctico.

-Tema XXVII: información pública. Participación cidadá. O Consello Galego de Medio Ambiente (COGAMA).

-Conferencia de clausura.

Santiago de Compostela, 10 de marzo de 1997.

Domingo Bello Janeiro

Director da Escola Galega de Administración Pública

2062