Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 56 Venres, 21 de marzo de 1997 Páx. 2.579

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

INSTITUTO GALEGO DE PROMOCIÓN ECONÓMICA

RESOLUCIÓN do 28 de febreiro de 1997 pola que se fai público o contido do convenio de apoio financeiro ós investimentos das pequenas e medianas empresas de Galicia, financiado polo Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), o Instituto de Crédito Oficial (ICO) e as entidades financeiras.

Con esta mesma data, o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) e 31 entidades financeiras asinaron un convenio co obxecto de establecer unha liña de axudas de apoio financeiro ás pequenas e medianas empresas, ó abeiro do decreto da Xunta de Galicia 309/1995, do 23 de novembro, do Decreto 29/1997, do 20 de febreiro, que modifica o Decreto 309/1995, do 23 de novembro, de incentivos económicos para o desenvolvemento económico e fomento da actividade empresarial na Comunidade Autónoma de Galicia, da orde da Consellería de Economía e Facenda do 18 de abril de 1996 e da orde da Con

sellería de Economía e Facenda do 24 de febreiro de 1997, que modifica a Orde do 18 de abril de 1996, pola que se establecen axudas para o financiamento das empresas galegas.

En virtude do exposto, de conformidade coa Lei 5/1992, do 10 de xuño, de creación do Igape e o seu regulamento, aprobado por Decreto 317/1992, do 12 de novembro, e en virtude das facultades que teño conferidas,

RESOLVO:

En cumprimento do disposto no artigo 78 da Lei 11/1992, do 11 de outubro, de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, e co obxecto de darlle unha adecuada difusión, faise público o texto do convenio coas entidades financeiras que figura como anexo I e a relación de entidades que o subscribiron que figura como anexo II.

Santiago de Compostela, 28 de febreiro de 1997.

José Antonio Orza Fernández

Presidente do Instituto Galego de Promoción Económica

ANEXO I

Convenio de apoio financeiro ós investimentos das pequenas e medianas empresas de Galicia, financiado polo Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), o Instituto de Crédito Oficial (ICO) e a entidade financeira...

-Antecedentes.

O presente convenio, asinado por unha parte polo presidente do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), José Antonio Orza Fernández e, por outra parte, polo ..., representado por ... con poder suficiente, inscríbese dentro do marco da política de apoio á pequena e mediana empresa emprendida pola Xunta de Galicia ó abeiro do Decreto 309/1995, do 23 de novembro, e Decreto 29/1997, do 20 de febreiro, que modifica o Decreto 309/1995, do 23 de novembro, sobre incentivos para o desenvolvemento económico e fomento da actividade empresarial na Comunidade Autónoma de Galicia desenvolvido mediante a orde da Consellería de Economía e Facenda do 18 de abril de 1996 e orde da Consellería de Economía e Facenda do 24 de febreiro de 1997, que modifica a do 18 de abril de 1996, pola que se establecen axudas para o financiamento das empresas galegas.

Conscientes do importante papel que as PEMES desenvolven na actividade económica, ponse en marcha un programa de financiamento dos investimentos que estas empresas promovan. A axuda consiste na subsidiación ó tipo de xuro dos préstamos que se concerten coas entidades financeiras acollidos ó presente convenio. Os fondos para a formalización destas operacións facilitarallos ás entidades financeiras o Instituto de Crédito Oficial, nos termos e condicións establecidos no contrato de financiamento subscrito o 23-12-1996 entre o devandito instituto e as entidades financeiras.

Para este fin, ..., na súa condición de prestamista, comprométese a mobilizarlles en préstamos ás pequenas e medianas empresas, na súa cualidade de beneficiarias do presente convenio, unha cantidade non inferior a ... millóns de pesetas. A dita cantidade destinarase a financiar operacións acollidas tanto ó presente convenio como ó subscrito entre o Igape e as entidades financeiras.

A cantidade comprometida poderase incrementar ou diminuír no mes de setembro de 1997, proporcionalmente ó grao de utilización efectivo desta, de acordo co tempo transcorrido do convenio. A diminución segundo o anterior é unha facultade potestativa do Igape, os incrementos efectuaranse de mutuo acordo.

Os citados préstamos poderán ser subsidiados con suxeición ás seguintes,

Cláusulas

Cláusula 1ª.-Obxecto.

O presente convenio ten por obxecto defini-los termos de colaboración entre ... e o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), coa finalidade de establecer liñas de financiamento subsidiado para as

pequenas e medianas empresas, someténdose as partes na totalidade ó establecido no mencionado decreto da Xunta de Galicia 309/1995, do 23 de novembro, no Decreto 29/1997, do 20 de febreiro, que modifica o Decreto 309/1995, do 23 de novembro, sobre incentivos para o desenvolvemento económico e fomento da actividade empresarial na Comunidade Autónoma de Galicia, a orde da Consellería de Economía e Facenda do 18 de abril de 1996 e orde da Consellería de Economía e Facenda do 24 de febreiro de 1997 que modifica a do 18 de abril de 1996, pola que se establecen axudas para o financiamento das empresas galegas, ás normas específicas contidas no presente convenio e ás que posteriormente se poidan dictar para o seu funcionamento operativo.

Cláusula 2ª.-Beneficiarios.

Poderán ser beneficiarias das axudas previstas no presente convenio aquelas empresas que teñan a consideración de pequenas e medianas (PEMES) conforme a definición establecida pola Unión Europea. Para os efectos do presente convenio, terá a consideración de PEME a unidade económica con personalidade física ou xurídica que reúna os seguintes requisitos:

a) Que teña menos de 250 traballadores,

b) Que teña ben un volume de negocios anual non superior a 40 millóns de ECUS, ou ben un balance xeral, activo total, non superior a 27 millóns de ECUS, e

c) Que o seu capital non estea participado en máis dun 25% por empresas que non cumpran os requisitos anteriores, salvo se estas son empresas públicas de investimento, empresas de capital risco ou, sempre que non se exerza o control, se son investidores institucionais.

Para os efectos da aplicación dos límites establecidos neste apartado, terase en conta o tipo de cambio do ECU vixente á data de entrada en vigor da orde da Consellería de Economía e Facenda do 24 de febreiro de 1997, que modifica a do 18 de abril de 1996.

No caso de que durante a vixencia deste convenio a Unión Europea establecese unha definición de PEME diferente da anterior, será de aplicación, para estes efectos, a nova definición que se estableza.

Cláusula 3ª.-Ámbito territorial.

As empresas beneficiarias das axudas obxecto deste convenio deberán ter radicado o centro da súa actividade ou algún centro de traballo no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia. Non obstante o anterior, nos casos de axudas para investimentos en actividades de comercialización, distribución, acordos tecnolóxicos e cooperación empresarial, non será necesario que a actividade incentivada se desenvolva en Galicia sempre que, a xuízo do Igape, a dita actividade teña individual ou sectorialmente un interese estratéxico e exista unha vinculación directa ou complementariedade desta coa empresa ou centro de traballo radicado na devandita Comunidade Autónoma.

Cláusula 4ª.-Vixencia.

O presente convenio entrará en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, e a súa vixencia para a presentación de novas solicitudes de préstamo e subsidiación na entidade financeira, será ata o 15 de outubro de 1997. En consideración ás solicitudes presentadas e á capacidade orzamentaria para atendelas, o Igape poderá adianta-la data límite para a presentación de solicitudes na entidade financeira.

Cláusula 5ª.-Modalidade e destino das axudas.

5.1. Modalidade:

A axuda consistirá na subsidiación dos tipos de xuro dos préstamos concertados ó abeiro do presente convenio no marco xeral do decreto da Xunta de Galicia 309/1995, do 23 de novembro, no Decreto 29/1997, do 20 de febreiro, que modifica o Decreto 309/1995, do 23 de novembro, sobre incentivos para o desenvolvemento económico e fomento da actividade empresarial na Comunidade Autónoma de Galicia, a orde da Consellería de Economía e Facenda do 18 de abril de 1996 e orde da Consellería de Economía e Facenda do 24 de febreiro de 1997 que modifica a do 18 de abril de 1996, pola que se establecen axudas para o financiamento das empresas galegas.

5.2. Destino:

Os préstamos subsidiados destinaranse ó financiamento de proxectos de investimento, consistentes na instalación, ampliación ou renovación de activos adquiridos a terceiros que repercutan directamente na capacidade de producción ou na productividade da empresa.

Cláusula 6ª.-Actividades subvencionables.

1. Considéranse incentivables, de acordo co establecido no Decreto 309/1995, do 23 de novembro e na Orde do 18 de abril de 1996, as seguintes actividades económicas, debendo esta-lo sector de actividade da empresa beneficiaria comprendido dentro dos relacionados no anexo de actividades subvencionables:

a) As de extracción, procesamento, transformación e comercialización das produccións agrícolas, pesqueiras, gandeiras e forestais.

b) A extracción, procesamento, transformación e comercialización de minerais ou os seus derivados.

c) A industria transformadora, o comercio, o turismo, a artesanía e os servicios de apoio industrial.

d) A creación de redes de abastecemento, transporte, distribución e comercialización.

e) As actividades de electrónica, biotecnoloxía, robótica, telecomunicación e calquera outra de avanzada tecnoloxía.

f) A investigación técnica e aplicada, innovación e desenvolvemento tecnolóxico, normalización, homologación, certificación, xestión, control e mellora da calidade levadas a cabo por calquera ente público ou privado.

g) A fabricación ou comercialización de bens de equipo ou unidades productivas relacionadas con calquera das actividades anteriormente enumeradas.

Para aquelas actividades que se atopen comprendidas dentro dos sectores regulados por normas específicas da Unión Europea sobre axudas estatais, as axudas previstas nesta orde axustaranse, en cada caso, ás ditas normas específicas.

2. Serán preferentes, de entre as actividades subvencionables anteriores que se sinalan así mesmo no anexo de actividades, as seguintes:

a) A transformación e comercialización de produccións agrícolas, pesqueiras, gandeiras, forestais e de minerais.

b) O turismo especializado.

c) Os servicios de apoio industrial.

d) As actividades de electrónica, biotecnoloxía, medio ambiente, robótica, telecomunicacións e calquera outra de avanzada tecnoloxía.

e) As actividades pertencentes ó sector téxtil.

f) As actividades pertencentes ó sector do automóbil e a súa industria auxiliar.

g) O comercio polo miúdo e comercio por xunto.

h) A fabricación de bens de equipo.

Cláusula 7ª.-Conceptos de investimentos subvencionables e materialización dos investimentos.

a) Serán conceptos de investimento subvencionable:

* Inmobilizado material:

-Adquisición de terreos para a implantación do proxecto.

-Traídas e acometidas de servicios.

-Urbanización e obras exteriores necesarias para o proxecto.

-Obra civil.

-Bens de equipo e unidades funcionais de explotación independente.

-Traballos e estudios de planificación, enxeñería de proxectos e dirección facultativa dos traballos.

-Outros investimentos en activos fixos materiais.

* Inmobilizado inmaterial: unicamente en aplicacións informáticas e propiedade industrial, incluíndo os traballos de investigación e desenvolvemento (I+D).

Respecto dos activos anteriores, aplicarán as seguintes limitacións:

-O investimento inmobiliario non superará o 80% da totalidade do proxecto de investimento.

-O investimento inmaterial non superará o 20% da totalidade do proxecto de investimento.

O total do investimento subvencionable determinarase excluíndo o IVE e outros impostos do custo de adquisición.

Serán investimentos subvencionables os que se realicen ou fosen realizados con posterioridade ó 1 de xaneiro de 1997, que cumpran co disposto neste convenio.

b) De entre os investimentos anteriores, poderán considerarse preferentes os destinados ás seguintes finalidades:

-A creación de novas empresas.

-A creación de redes de abastecemento, transporte, distribución e comercialización.

-A investigación técnica aplicada e a innovación e desenvolvemento.

-A adquisición de patentes e licencias de fabricación.

-Os investimentos en maquinaria e bens de equipo sempre que no subsector ó que pertenza o beneficiario non exista sobrecapacidade instalada.

c) Materialización dos investimentos: o beneficiario deberá mante-los investimentos obxecto de financiamento acollidos ás axudas establecidas neste convenio, durante a vixencia do préstamo subsidiado e destinadas á finalidade declarada na solicitude, agás no caso de que os bens nos que se materialice o investimento sexan substituídos por outros de idéntica natureza e destino, non podendo obter para a súa adquisición ningún tipo de axuda do Igape.

Cláusula 8ª.-Características das operacións de préstamo.

8.1. Importe dos préstamos e porcentaxe de financiamento:

O importe máximo conxunto de préstamo ou préstamos subsidiables ó abeiro deste convenio para cada beneficiario será de 500 millóns de pesetas. Excepcionalmente, naqueles casos nos que o Igape o xulgue de especial interese socioeconómico, poderanse considerar importes de préstamo superiores.

O importe mínimo do préstamo será de 5 millóns de pesetas, en tanto que o investimento subvencionable non poderá ser inferior a 10 millóns de pesetas. Exceptúanse os proxectos de creación de empresas que obteñan o «certificado de proxecto Lanza» do programa Lanza do Igape, que poderán ser subvencionables aínda que o investimento e o préstamo non acaden os ditos mínimos, sempre que reúnan os restantes requisitos esixidos no presente convenio.

O importe do préstamo con dereito a subsidiación non poderá exceder do 70% do investimento subvencionable.

En ningún caso, o importe do préstamo subsidiado superará o importe do investimento subvencionable pendente de pagamento á data de presentación da solicitude no Igape.

Cando o proxecto investidor pola súa contía, características e prazo de execución e pagamento se dilatase no tempo, poderase admiti-la formalización de varios préstamos sucesivos. Neste caso, a documentación que se esixirá en cada expediente coa excepción do primeiro deles será, ademais do impreso de solicitude e a comunicación de concesión da entidade financeira, a certificación acreditativa do cumprimento de obrigas fiscais, coa Seguridade Social e coa Xunta de Galicia.

8.2. Prazos de amortización e subsidiación:

Establécense as dúas seguintes modalidades de amortización do préstamo para elixi-lo beneficiario.

a) 7 anos, incluídos 2 anos de carencia do principal.

b) 5 anos, incluído 1 ano de carencia do principal.

A subsidiación devengarase durante a vixencia da operación financeira, non podendo exceder, en ningún caso, dos 7 primeiros anos de vixencia desta.

Os períodos de amortización arriba sinalados comezarán a computarse a partir do primeiro día 15 do calendario inmediato á data de formalización do préstamo, polo que a vixencia de cada préstamo será superior polos días que se engaden no período irregular inicial e que se incluirán no período de carencia, o que non afectará o prazo máximo de subsidiación que se establece no parágrafo precedente.

A amortización para o beneficiario será semestral, coincidindo coas datas de liquidación de xuros, unha vez finalizado o período de carencia.

Nas operacións a tipo fixo, o beneficiario poderá optar por unha das dúas seguintes modalidades de amortización:

Sistema francés, é dicir, que finalizado o período de carencia, os pagamentos serán de igual contía incluíndo amortización máis xuros.

Sistema lineal, é dicir, a amortización será lineal en cotas de amortización constantes.

Nas operacións a tipo variable, a amortización será lineal en cotas de amortización constantes.

A póliza ou escritura recollerá as datas e importes das cotas de amortización.

Non obstante, á vontade do prestatario, o préstamo poderá ser amortizado de forma anticipada, total ou parcialmente. As amortizacións deberán aplicarse proporcionalmente sobre cada unha das cotas de amortización restantes, sen que se produzan variacións no prazo de amortización do préstamo.

A entidade financeira deberá comunicarlle puntualmente as ditas amortizacións anticipadas e o novo calendario de amortización ó Igape e, en calquera caso, antes de presenta-la solicitude de cobramento da liquidación semestral da subsidiación.

A penalización por amortización anticipada regulada polo ICO é a seguinte:

-Préstamos a tipo variable: 1% anual sobre os importes reembolsados por anticipado por tódolos días que falten ata o termo do período semestral de xuros en curso. Se a amortización anticipada coincide coa data de revisión do tipo, non haberá ningunha penalización.

-Préstamos a tipo fixo: un máximo do 2,5% sobre as cantidades reembolsadas anticipadamente.

8.3. Tipos de xuro, axuda financeira, comisións, intervención das S.G.R.:

8.3.1. Tipos de xuro expresado en taxa anual equivalente (TAE):

O tipo de xuro da operación, en función da modalidade da cesión de fondos ICO elixida, poderá ser:

-Tipo de xuro variable (en termos TAE): inicialmente será o que se obteña de sumarlle ó «Tipo de cesión do ICO», a marxe de intermediación da entidade financeira prestamista de ata 1,25 puntos porcentuais de xuro. O tipo de xuro anterior revisarase cada semestre de acordo co sistema elixido, ben ó tipo de cesión do ICO ó que se lle aplicará a marxe de intermediación da entidade financeira de ata 1,25

puntos porcentuais de xuro, ben ós tipos de xuro establecidos pola entidade financeira prestamista nos contratos de préstamo con base exclusivamente no Mibor a 6 meses (TAE) coas súas propias referencias e datas de revisión, máis ata 0,50 puntos porcentuais.

-Tipo de xuro fixo durante toda a vida do préstamo (en termos TAE): será o que se obteña de sumarlle ó «Tipo de cesión do ICO», a marxe de intermediación da entidade financeira prestamista de ata 1,25 puntos porcentuais de xuro.

O ICO comunicaralles para cada quincena, ás entidades financeiras, o «Tipo de partida ICO», que, diminuído en 0,75 puntos porcentuais, determinará o «Tipo de cesión» ó que se fai referencia nos parágrafos anteriores que, incrementado na marxe da entidade financeira, será o que se lles deba aplicar ós préstamos que se formalicen nesa quincena.

Enténdese por Mibor, ben a definición sinalada na tercera cláusula do «contrato de financiamento» asinado entre o ICO e as entidades financeiras o 23-12-1996, ben a recollida no segundo parágrafo da cláusula quinta do dito contrato.

As condicións financeiras sinaladas anteriormente corresponderán ó financiamento de proxectos que se realicen en zona Feder obxectivo 1. Para aquelas solicitudes de empresas que realicen investimentos no resto de España, as condicións financeiras serán as sinaladas na cláusula 3ª do «contrato de financiamento» subscrito entre o ICO e as entidades financeiras o 23 de decembro de 1996.

Os tipos de xuro aplicables ós préstamos subvencionaranse con fondos FEDER, en ata 1,75 puntos porcentuais. Está previsto que a subvención do FEDER, agás no caso que se descontara directamente do tipo de xuro á formalización do préstamo, se pagará dunha soa vez, cando este organismo faga o libramento de fondos, e aplicarase para reduci-lo principal do préstamo recalculándose linealmente as cotas de amortización sen varia-lo prazo. Neste caso non se aplicará a penalización por reembolso anticipado que se menciona na cláusula 8.2.; en todo caso, a operativa estará suxeita ás normas de funcionamento entre o ICO-FEDER.

8.3.2. Axuda financeira do Igape.

A subsidiación non superará por tódolos conceptos os 5 puntos, agás para aqueles préstamos que acheguen aval de Sociedade de Garantía Recíproca (S G R.); neste caso poderanse acada-los 6 puntos.

Os criterios utilizados para a determinación dos puntos de subsidiación serán:

-Por actividade cualificada como subvencionable, tendo en conta ademais se se trata de empresas de nova creación, a creación de emprego que o proxecto supoña, a incorporación de tecnoloxía avanzada, a utilización de materias primas autóctonas, o valor engadido que se xere, a orientación da producción cara á exportación, a adaptación ou mellora medioambiental: ata 2 puntos.

-Por actividade cualificada como preferente, tendo en conta ademais, se se trata de empresas de nova creación, a creación de emprego que o proxecto supoña, a incorporación de tecnoloxía avanzada, a utilización de materias primas autóctonas, o valor enga

dido que se xere, a orientación da producción cara á exportación, a adaptación ou mellora medioambiental: ata 3 puntos.

-Por localización preferente do proxecto investidor, de acordo co artigo 8 da Orde do 18 de abril: ata 1 punto.

Para os efectos deste convenio, consideraranse zonas especialmente desfavorecidas, de acordo co disposto no artigo 8 b) da Orde do 18 de abril, aqueles municipios nos que existe un abandono de poboación superior ó 15%, e que se incorporan ó presente convenio como anexo.

-Por investimentos preferentes, de acordo co artigo 9.3º da Orde do 18 de abril: ata 1 punto.

-Por asociación empresarial, de acordo co disposto no artigo 9.4º 1) da Orde do 18 de abril: ata 2 puntos.

-Por aval dunha Sociedade de Garantía Recíproca (S.G.R.): ata 1 punto.

No caso de que a un proxecto lle correspondese polos devanditos conceptos unha puntuación superior a 5 puntos ou, no caso de ter aval de S.G.R., a 6 puntos, reducirase proporcionalmente a puntuación por cada un dos devanditos conceptos que computen ata acada-la puntuación máxima arriba sinalada.

8.3.3. Comisións:

O tipo de xuro é TAE e as entidades financeiras non poden cobrar cantidade ningunha en concepto de comisión de apertura, gastos de estudio e comisión de dispoñibilidade.

8.3.4. Intervención das S.G.R.:

No caso de que a operación de préstamo estea avalada por unha S.G.R. que subscriba este convenio, o tipo de xuro indicado no apartado 8.3.1. rebaixarase en 0,75 puntos. Estas sociedades poderán percibir polo importe do aval que presten unha comisión máxima anual do 1% sobre os saldos máximos garantidos cada ano; a dita comisión será integramente subvencionada polo Igape.

8.3.5. Xuro nominal neto mínimo:

-Para préstamos con tipo de xuro variable:

As variacións á alza do tipo de xuro serán por conta exclusivamente dos beneficiarios, é dicir, non provocarán ningunha variación nos puntos de subsidiación.

O tipo de xuro do préstamo resultante para o beneficiario, é dicir, o nominal menos os puntos de subsidiación non poderá ser inferior ó 4%; neste caso limitarase a subsidiación ata o citado tipo resultante.

-Para préstamos con tipo de xuro fixo: o tipo de xuro do préstamo resultante para o beneficiario, é dicir, o nominal menos os puntos de subsidiación, non poderá ser inferior ó 4%.

Non obstante, no caso de préstamos a tipo de xuro fixo ou variable que financien proxectos de investimento que sexan preferentes por localización ou actividade e que creen emprego neto, o citado tipo mínimo non poderá ser inferior ó 3%.

Cláusula 9ª.-Tramitación.

9.1. Modelo de solicitude e documentación:

A solicitude que se presente deberase corresponder co modelo normalizado que para o efecto se distribuirá e dará publicidade a través das entidades financeiras e do Diario Oficial de Galicia.

Ademais desta solicitude, incluirase a seguinte documentación por duplicado:

-Documentación acreditativa das circunstancias persoais do solicitante:

* Persoas físicas:

Fotocopia do DNI/NIF.

* Persoas xurídicas:

Fotocopia do CIF.

*Copia da escritura de constitución e dos estatutos debidamente rexistrada.

Certificación dos administradores ou do secretario do consello de administración, co visto e prace do presidente, na que figure: a composición actual do consello, o detalle de accionistas con participación superior ó 10%, con indicación do nome ou razón social e da porcentaxe de participación, o número de traballadores actuais, o volume de negocios anual e o activo total correspondente á data do último exercicio cerrado.

No caso de solicitudes que sexan de empresas participadas por sociedades en porcentaxe superior ó 25%, deberán presentar certificación das sociedades accionistas, emitida por representante con poder bastante, na que figure o seu número de traballadores actuais, o volume de negocios anual e o activo total correspondente á data do último exercicio cerrado.

-Declaración xurada doutras axudas solicitadas para o mesmo proxecto especificando o organismo ó que lla solicitou, normativa legal que a ampara, data de presentación, contía solicitada, situación administrativa e, se é o caso, importe concedido.

-Certificado de estar ó día nas obrigas fiscais e da Seguridade Social, emitidos polos organismos competentes.

-Certificación acreditativa de que o beneficiario non ten contraída débeda ningunha coa Xunta de Galicia.

-Fotocopia do último recibo pagado polo imposto de actividades económicas ou da alta no devandito imposto.

-Memoria do investimento proxectado, que deberá conter:

Orzamento detallado e valorado, partida a partida, dos investimentos en inmobilizado material novo e en inmobilizado inmaterial, na orde establecida no impreso de solicitude. No caso de investimentos en terreos, inmobles e outras construccións e obras deberase indicar, ademais, a situación ou lugar onde se realicen.

No caso de que parte do investimento estea pagado, deberán indicar no detalle anterior qué partidas están pagadas ou cal é a parte pagada de cada unha das partidas. Se non estivese pagada ningunha delas, deberá indicarse expresamente que está na súa totalidade pendente de pagamento.

Esta memoria deberá estar datada e asinada polo solicitante e selada pola entidade financeira, debendo quedar unha copia dela no expediente da entidade colaboradora.

-Para aqueles proxectos nos que estea prevista a realización de obras e construccións, deberán xuntar anteproxecto valorado destas, así como fotocopia compulsada da solicitude da licencia de obra ou da licencia definitiva expedida polo concello competente.

-Cando a adquisición se produza entre persoas ou entidades vinculadas segundo a definición contida na normativa do imposto sobre sociedades, será preciso achegar unha valoración subscrita por firma de taxación independente.

-Nas solicitudes de axuda dun proxecto que leve a creación de emprego: declaración xurada do número de postos que se van crear e fotocopia do último TC1 e TC2.

-Os proxectos que soliciten préstamos superiores ós 75 millóns de pesetas deberán presentar unha memoria dos antecentes da empresa ou dos seus promotores, a razón que aconsella a realización do proxecto, memoria do funcionamento, de investimentos, comercial e financeira e estudio de viabilidade asinado polo solicitante.

En calquera caso, cantos outros documentos e información adicional que se considere oportuna, a xuízo do Igape, para os efectos dunha correcta análise da solicitude.

9.2. Presentación das solicitudes:

As solicitudes presentaranse nas entidades financeiras segundo o modelo oficial xa citado, achegando orixinal e catro copias, acompañadas pola documentación, por duplicado, que se sinala no epígrafe anterior.

A entidade financeira datará e selará os cinco exemplares, entregándolle ó solicitante a cuarta copia, quedando coa 3ª copia e remitíndolle ó Igape o orixinal e a 1ª copia e á consellería sectorial, por razón da materia, a 2ª copia. Así mesmo, deberá centraliza-la recepción das solicitudes unha vez seladas polas súas distintas sucursais, tendo un prazo de 30 días para resolve-la petición de préstamo.

As entidades financeiras deberán presentar no Rexistro Xeral do Igape os expedientes coa documentación completa acompañada da concesión do préstamo (segundo modelo que se xunta) e do aval da S.G.R., se é o caso. O último día hábil para a súa presentación será o 14 de novembro de 1997, debendo presentar, ademais, un exemplar dos expedientes na consellería sectorial por razón da materia.

A presentación dos expedientes no Igape deberá realizarse mediante escrito no que se relacionen os expedientes que se xuntan (número, nome e importe), indicando a que consellería sectorial remitiron a segunda copia.

No caso de operacións avaladas por unha S.G.R., estas poderán tramitar directamente as solicitudes e a documentación, tanto ó Igape como á consellería sectorial, sempre e cando veñan acompañadas da comunicación de concesión do préstamo pola entidade financeira e pola certificación de concesión do aval.

As solicitudes presentadas por sociedades civís ou comunidades de bens, deberanse tramitar a nome dos titulares que formalizarán o préstamo, seguido da denominación da sociedade civil ou comunidade de bens.

O Igape reclamaralle á entidade financeira e ó interesado aqueles documentos preceptivos que deben acompaña-la solicitude, debendo presentarse estes no prazo improrrogable de 15 días hábiles a partir da data de notificación ó interesado; transcorrido este, procederase ó arquivo do expediente sen máis trámite. Ademais, poderá solicita-los datos adicionais que considere convenientes para precisa-lo contido ou alcance do proxecto investidor.

9.3. Concesión.

O Igape resolverá sobre a concesión ou denegación das axudas no prazo máximo de catro meses desde a recepción da solicitude. As solicitudes de axuda que non fosen resoltas no dito prazo poderanse considerar desestimadas.

O Igape notificaralle ó solicitante e comunicaralle á entidade financeira e á S.G.R., se é o caso, a concesión ou denegación da subsidiación. Nos casos de resolucións de concesión, previamente á formalización ou adaptación do préstamo, o beneficiario deberá aceptar expresamente a dita resolución. A aceptación cubrirase na copia da resolución que para tal efecto se remitirá xunto coa resolución de concesión.

9.4. Formalización.

A correspondente escritura ou póliza de préstamo formalizarase entre a entidade financeira e o solicitante, de acordo coas seguintes condicións:

A partir da entrada en vigor deste convenio e respectando as condicións e requisitos establecidos nel, a entidade financeira poderá formaliza-los préstamos cos seus clientes logo de presentación do expediente de solicitude no Igape. A entidade financeira deberá acompañarlle á dita solicitude un escrito manifestando a intención de acollerse a esta opción para o obxecto de que, con anterioridade á data de formalización prevista, este instituto analice e cuantifique o investimento subvencionable e o importe do préstamo que se vaia subsidiar. Isto non implica o recoñecemento de ningún dereito ou cualificación do expediente respecto á concesión da subsidiación solicitada.

Unha vez comunicada a resolución de concesión do Igape, deberán incluír un anexo á póliza de préstamo, intervido por persoa que dá fe pública, no que se faga consta-las características establecidas na devandita resolución.

Se o préstamo se formaliza con posterioridade á data de notificación da resolución de concesión, deberá recolle-la característica de estar acollido ó convenio Igape-ICO e a este programa (clave I-1/97), e nel estableceranse claramente o tipo de xuro da operación e, se é o caso, o sistema de variación para os próximos exercicios, así como os puntos obxecto de subsidiación.

O prazo máximo para a formalización do préstamo ou, se é o caso, a adaptación da póliza ás condicións da resolución de concesión, a partir da data de comu

nicación da concesión, será de cinco meses. A partir do dito prazo, esta considerarase nula, agás autorización expresa polo Igape, á vista da solicitude de prórroga razoada do beneficiario e coa conformidade da entidade financeira.

A entidade financeira enviará, coa maior brevidade, unha fotocopia da póliza ou escritura de préstamo e, se é o caso, do correspondente anexo, ó Igape e, en calquera caso antes de presenta-la primeira certificación de xustificación de investimentos.

9.5. Disposición.

Os beneficiarios das axudas deberán xustificar á entidade financeira á disposición dos fondos da operación financeira subsidiada, a súa aplicación ás finalidades para as que foi concedida.

El período de disposición non poderá abranguer un prazo superior a un ano a partir da data de formalización do préstamo.

Á formalización do préstamo, ou, en todo caso, previamente á utilización dos fondos, a entidade financeira requiriralles ós beneficiarios a documentación (facturas, contratos, certificacións de obra, etc.) que acredite a execución do investimento subvencionable pagado e pendente de pagamento. A disposición de fondos irá destinada ós pagamentos pendentes do investimento. Non se establece restricción en canto ó número de disposicións, así como á contía correspondente a cada unha delas, sempre que o importe no seu conxunto non exceda da porcentaxe -préstamo subvencionado/investimento subvencionado- segundo a resolución de concesión.

Unha vez formalizado o préstamo, as disposicións realizaranse a través dunha conta específica na que se reflectirán única e exclusivamente os movementos habidos neste.

A entidade financeira deberá conservar copias cotexadas dos documentos que xustifiquen o investimento total subvencionado, así como dos medios utilizados para o seu pagamento, enviando esta documentación acompañada do extracto da conta específica ó Igape, cando practiquen a primeira e, se é o caso, a segunda xustificación do investimento.

9.6. Incidencias.

a) Cambio de titularidade da axuda financeira: os activos nos que se materialice o investimento deberán manterse durante a vixencia do préstamo. Poderase solicita-lo cambio de titularidade da axuda financeira naquelas operacións xa formalizadas, nos casos de transformación de empresas individuais en sociedades e nos de modificación da forma da sociedade, sempre que se recolla na escritura o traspaso da totalidade dos dereitos e obrigas, comprometido no proxecto subvencionado, se é o caso; nos casos de fusión e absorción de sociedades procederase de maneira análoga. A citada documentación deberá serlle enviada a través da entidade financeira ó Igape, para que se proceda, se é o caso, á autorización do cambio de titularidade da axuda.

Tamén se considerará que cumpre esta condición se os bens financiados son substituídos por outros da mesma natureza e destino, non podendo obter ningún tipo de axuda financeira para estes.

b) Cambio de entidade financeira: naquelas axudas concedidas nas que o titular solicite a formalización do préstamo noutra entidade financeira colaboradora distinta da que tramitase a solicitude, deberá solicita-lo cambio de entidade financeira a través da nova entidade prestamista, xuntando nova comunicación de concesión do préstamo e declaración xurada de que non existe variación na documentación do expediente, enviándolle toda esa documentación ó Igape, para que se proceda, se é o caso, á autorización do cambio solicitado.

c) Modificación dos plans de investimento: poderá aceptarse sempre que non supoña un cambio na natureza do ben nin se desvirtúe o proxecto. Se o cambio supón variacións totais na contía do investimento subvencionable deberá solicitarse a dita modificación, a través da entidade financeira, previamente á formalización do préstamo ou, en todo caso, á utilización dos fondos, ante o Igape, xuntando unha memoria explicativa do cambio. Só se aceptarán modificacións que impliquen unha reducción da contía do investimento, podendo o Igape, no caso de autoriza-la modificación solicitada, acomoda-la contía do préstamo subvencionable á porcentaxe máxima de financiamento sinalada na cláusula 8ª. Nos casos de préstamos xa formalizados e dispostos, acomodarase o importe do préstamo subvencionable, rebaixándoo proporcionalmente á reducción do investimento subvencionable, ó igual que nos casos de incumprimento parcial.

Nos préstamos nos que proceda unha reducción na contía destes, esta efectuarase mediante amortización anticipada, aplicándose proporcionalmente sobre cada unha das cotas de amortización restantes, sen que se produzan variacións sobre o prazo de amortización do préstamo.

O procedemento e documentación que se lle deberá xuntar á solicitude será o mesmo que no caso anterior.

O resto das incidencias que se producisen poderanse admitir despois da solicitude do interesado coa conformidade da entidade financeira, sempre que estean xustificadas e non desvirtúen a finalidade da subsidiación.

Cláusula 10ª.-Liquidación.

a) Liquidación de xuros.

A liquidación da cota de xuro por parte da entidade financeira ó beneficiario efectuarase, ó igual cás amortizacións, semestralmente.

Para préstamos a xuro fixo, o devengo de xuros será por días comerciais, con liquidacións semestrais que comezarán a computarse desde o primeiro día 15 inmediato posterior á data de formalización. Por conseguinte, o primeiro período de liquidación de xuros será irregular e igual ou superior a 6 meses polos días que transcorran desde a data de formalización ata o primeiro día 15.

Para préstamos a tipo de xuro variable, o devengo de xuros será por días naturais, base 365, e a súa liquidación será por períodos semestrais que comezarán a computarse a partir do primeiro día 15 inmediato posterior á data de formalización. Por conseguinte, o primeiro período de liquidación de xuros será irregular e igual ou superior a 6 meses polos días que transcorran desde a data de formalización ata o primeiro día 15.

b) Liquidación da subsidiación.

O cálculo da subsidiación realizarao a entidade financeira por períodos semestrais que remitirán ó Igape segundo o procedemento establecido na cláusula 11ª.

En tanto non estean presentadas as certificacións de xustificación de investimentos, pola totalidade do investimento, as liquidacións calcularanse sobre o importe do préstamo que corresponda ó investimento xustificado coa matización do parágrafo seguinte. A partir da xustificación total do investimento, as posteriores liquidacións da subsidiación realizaranse sobre o saldo vivo teórico do préstamo.

A xustificación do investimento realizarase a través de certificacións de xustificación de investimentos emitidas pola entidade financeira, podéndose realizar como máximo dúas certificacións. A primeira deberá acadar como mínimo o 50% do investimento subvencionable. Se se realiza unha segunda, esta terá que ser complementaria da primeira ata a xustificación total do investimento.

A entidade financeira esixiralles ós beneficiarios copias cotexadas dos documentos que xustifiquen a realización do investimento subvencionable, así como os documentos xustificativos do pagamento, que remitirán ó Igape acompañando as ditas certificacións de xustificación de investimentos.

As certificacións de xustificación de investimentos que deberá cubri-la entidade financeira conterán, alomenos, os datos do importe do investimento subvencionable xustificado e a porcentaxe que representan repecto da totalidade do investimento aprobado; a parte do préstamo disposto utilizado para o pagamento do investimento xustificado; a data valor da xustificación do investimento, que se define como a última data do pagamento do investimento xustificado na certificación; indicación de se se trata da primeira, única ou segunda e complementaria. Neste último caso deberán reflectirse os datos sinalados anteriormente, correspondentes á primeira certificación e á data na que esta foi presentada, así coma o resumo total do investimento xustificado e o importe disposto do préstamo e as porcentaxes correspondentes entre investimento xustificado e préstamo disposto.

No caso de que na única ou última certificación de xustificación de investimentos non se acade o 100% do investimento subvencionable aprobado na resolución, deberá achegar, a entidade financeira, unha solicitude de modificación da resolución, asinada polo empresario, para adapta-la ó proxecto realizado e xustificado.

Para o cálculo da subsidiación tomarase como data inicial a data valor de xustificación de investimentos que figura na certificación de xustificación de investimentos emitida pola entidade financeira e os puntos subsidiados aplicaránselle ó importe do préstamo disposto que corresponda ó investimento xustificado, de acordo co ratio -préstamo subsidiado/investimento aprobado- determinado na resolución de concesión; unha vez xustificada a totalidade do investimento, as posteriores liquidacións de subsidiación realizaranse sobre o saldo vivo teórico do préstamo.

No caso de que o préstamo fose formalizado con anterioridade a concesión, conforme o disposto no primeiro parágrafo da cláusula 9.4 anterior, a data valor da certificación de investimentos non poderá ser anterior á data da resolución.

O devengo da subsidiación será por días comerciais para préstamos a tipo de xuro fixo e por días naturais para préstamos a tipo de xuro variable. O primeiro período de liquidación da subsidiación será irregular e computarase polos días transcorridos desde a data de inicio da subsidiación ata o vencemento do semestre que se liquida.

O prazo máximo para remitiren as entidades financeiras as certificacións de xustificación de investimentos, será de 4 meses, contados a partir da data de remate do período de disposición, podendo o Igape conceder prórroga por solicitude razoada do empresario, tramitada a través da entidade financeira.

Cláusula 11ª.-Pagamento da subsidiación.

O pagamento da subsidiación ós beneficiarios realizarase semestralmente a través da entidade financeira prestamista.

As entidades financeiras solicitaranlle ó Igape o pagamento da subsidiación dentro dos 5 primeiros días do trimestre natural seguinte ó que corresponde a liquidación. Acompañarán á dita solicitude as liquidacións semestrais en formato de listados ou relacións individualizadas dos préstamos ordenados alfabeticamente, onde figurarán os seguintes datos:

O capital vivo teórico á data de inicio do trimestre que se liquida; as variacións no capital vivo que se teñan producido ó longo do trimestre e a data na que se produciron e, naqueles préstamos nos que se teñan presentadas nese trimestre certificacións de xustificación de investimentos, o importe do préstamo disposto con dereito a subvención e a data valor; o tipo de xuro; os puntos obxecto de subsidiación e o importe da subvención que corresponde, certificando a autenticidade deses datos.

O beneficiario do préstamo subsidiado pagará ó seu vencemento o tipo de xuro total da operación, segundo o establecido na cláusula 8.3.1. deste convenio, e a entidade financeira deberá aboarlle a subsidiación ó beneficiario na mesma data valor na que o Igape a ingrese na dita entidade.

As liquidacións practicadas serán a conta e provisionais, mentres o Igape non realice a oportuna comprobación, que poderá efectuarse durante o período

de vixencia do préstamo. Nos casos de erros nas liquidacións de subsidiación, o Igape procederá á súa corrección, podendo compensa-las cantidades indebidamente aboadas coas posteriores liquidacións de subsidiación.

Cláusula 12ª.-Proxectos e operacións especiais.

Dentro dos programas e fins recollidos no Decreto 309/1995, do 23 de novembro, na Orde de 18 de abril de 1996 e neste convenio, nos casos de proxectos e operacións que pola súa natureza e contía requiran prazos de realización, disposicións financeiras, sindicación de créditos e outros que superen os límites establecidos neste convenio, poderase establecer un tratamento individualizado, no referente ó condicionado xeral.

Cláusula 13º.-Perda da subvención.

1. No caso de reclamación xudicial por instancia da entidade financeira, polo incumprimento do contrato de préstamo e nos de suspensión de pagamentos ou quebra do beneficiario, perderase o dereito á subsidiación ó tipo de xuro desde a data de presentación da reclamación ou da aceptación das anteriores declaracións no xulgado. Igualmente se perderá o dereito á subsidiación no caso de cesamento da actividade subvencionable desde a data da baixa.

2. Procederase ó reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e á esixencia de xuros de demora desde o devengo de calquera pagamento con cargo á subvención concedida, nos seguintes casos:

a) Incumprimento da obriga de xustificación.

b) Obte-la subvención sen reuni-los requisitos requiridos para iso.

c) Incumpri-la finalidade para a que foi concedida a subvención.

d) Incumpri-las condicións impostas ó beneficiario con motivo da concesión da subvención.

Tratándose de condicións referentes á contía do investimento, o alcance do incumprimento determinarase proporcionalmente ó investimento non practicado ou practicado indebidamente. Se o incumprimento superase o 50% do investimento ó que se obrigase o beneficiario, poderá entenderse que o dito incumprimento é total, debendo reintegrarse tódalas cantidades percibidas.

Se o incumprimento derivase da inobservancia dalgunha outra condición ou suposto distinto, o seu alcance será determinado en función do grao e da entidade da condición incumprida, sempre e cando quede salvagardado o plan de viabilidade que, de se-lo caso, se presentara.

A concorrencia de distintas causas de incumprimento dará lugar á apreciación conxunta destas.

Se, transcorridos 30 días naturais desde a data da notificación do correspondente acordo de cancelación da subvención, non se efectuase o ingreso da cantidade esixida nel, procederase ó cobramento por vía de constriximento.

3. Así mesmo, o Igape poderá esixírlle-las correspondentes responsabilidades ás partes implicadas nos convenios de colaboración, no caso de actuación con neglixencia grave ou dolo, en detrimento do cumprimento das finalidades destas subvencións.

A entidade financeira queda obrigada a comunicarlle ó Igape a relación detallada das operacións obxecto de reclamación xudicial e as que incorran en quebra ou suspensión de pagamentos con indicación da data de presentación ou aceptación no xulgado.

Cláusula 14ª.-Compatibilidade.

Non poderán acollerse ás axudas establecidas neste convenio aqueles proxectos que se vaian financiar, en todo ou en parte, mediante créditos ou préstamos que teñan calquera tipo de subvención encamiñada a mellora-las condicións financeiras respecto ás normais do mercado.

A concesión das axudas deste convenio queda supeditada ó cumprimento da normativa vixente e, en especial, á da Unión Europea. Nos ditos termos serán compatibles con calquera outra axuda pública, pero en ningún caso, illadamente ou en concorrencia con outras, poderán supera-los límites establecidos pola Unión Europea.

En todo caso, serán de aplicación os límites de axudas previstos no artigo 7.2.a) do Decreto 309/1995, do 23 de novembro.

Para o cálculo da intensidade da axuda de subvención ó tipo de xuro procederase do seguinte xeito:

-Calcularanse en pesetas correntes os valores absolutos das subvencións que se vaian percibir.

-Actualizaranse, ó ano da concesión das axudas, os valores absolutos obtidos anteriormente, utilizando como taxa de atualización o tipo de xuro legal do diñeiro.

Cláusula 15ª.-Responsabilidade subsidiaria.

A entidade financeira que asina o presente convenio comprométese a responder subsidiariamente e de xeito solidiario co beneficiario da devolución e pagamento do importe das subvencións indebidamente percibidas, cando se cumpran os seguintes supostos:

a) Cando, por neglixencia grave ou dolo da entidade financeira que asina este convenio, se permitise dispor indebidamente dos fondos da conta restrinxida do préstamo, sen presentación por parte dos beneficiarios dos correspondentes xustificantes, ou ben estes se refiran de xeito claro e manifesto a bens substancialmente distintos dos incluídos no proxecto de investimento.

b) Que do uso indebido da conta se derivase un emprego de fondos distinto das finalidades previstas nestas axudas ás pequenas e medianas empresas, e iso dese lugar a unha resolución administrativa firme de obriga de devolución das subvencións indebidamente percibidas.

Non se considerarán nos supostos anteriores os simples erros materiais ou aritméticos nos que non interveña culpa nin dolo.

Cláusula 16ª.-Normas operativas.

As entidades financeiras asinantes comprométense a acatar e cumprir cantas normas de carácter operativo dicte o Igape para a mellor administración e control das operacións incluídas no convenio.

Cláusula 17ª.-Información e inspección.

O Igape, por medio dos seus propios órganos, poderá solicitar das entidades financeiras aclaracións á documentación que deberán enviar unha vez realizada a disposición total do préstamo, e que se sinala na cláusula 9.5 e ó longo de toda a vixencia do préstamo.

Igualmente poderá solicitar das S.G.R. a remisión da documentación que acredite a execución do investimento, correspondente ós beneficiarios ós que lles prestase o seu aval.

O Igape poderá proceder á inspección directa dos investimentos que realicen os beneficiarios destas axudas.

Cláusula 18ª.-Denuncia do convenio.

Será causa suficiente para a denuncia do presente convenio o incumprimento por unha das partes de calquera das súas cláusulas.

A denuncia, que deberá facerse con 30 días de aviso, suporá en todo caso deixar atendidas fronte ós beneficiarios as obrigas xa legalmente contraídas polas dúas partes.

Cláusula 19ª.-Compromiso das entidades financeiras.

1. A entidade financeira que subscribe o presente convenio comprométese a concede-los préstamos nos termos e condicións establecidas neste convenio, no Decreto 309/1995, do 23 de novembro e Decreto 29/1997, do 20 de febreiro, que modifica o Decreto 309/1995, do 23 de novembro, na orde da Consellería de Economía e Facenda do 18 de abril de 1996 e orde da Consellería de Economía e Facenda do 24 de febreiro de 1997, que modifica a do 18 de abril de 1996.

A entidade financeira, antes do 20 de setembro de 1997, enviaralle por escrito ó Igape, referida á data do derradeiro día hábil do mes de agosto, a relación de peticionarios por cada un dos programas deste convenio, ós que lle foron concedidos préstamos, engadindo, se é o caso, unha relación da solicitudes que estean en trámite. Na comunicación, para o caso das solicitudes aprobadas, deberá facerse consta-lo número de expediente e importe concedido. Unha relación similar deberá enviárselle ó Igape antes do 21 de outubro de 1997 referida ó 15-10-1997.

2. A entidade asinante comprométese igualmente a non conceder préstamos sen a autorización do Igape por unha contía superior a ... millóns de pesetas.

Así mesmo, a entidade financeira asinante comprométese a respectar, segundo ó establecido no artigo 11 da Orde do 18 de abril de 1996 e orde da Consellería de Economía e Facenda do 24 de febreiro de 1997 que modifica a do 18 de abril de 1996,

as proporcións fixadas no dito artigo do 40% (... millóns de ptas.) para actividades subvencionables e do 60% (... millóns de ptas.) para actividades, localización ou investimentos preferentes sobre o cupo asignado de ... millóns de ptas. conxuntamente para este convenio e para o convenio Igape-entidades financeiras.

Cláusula 20ª.-Seguimento do convenio.

O seguimento do convenio realizarase a través dunha comisión de vixilancia e seguimento, integrada polas entidades financeiras, as S.G.R., ICO e representantes do Igape que terán reunións con periodicidade trimestral, ou ben convocando separadamente a cada unha delas.

O Igape fará públicos os resultados do convenio de forma periódica.

Cláusula 21ª.-Publicidade.

As entidades financeiras asinantes comprométense a amosar, nas súas distintas sucursais, a publicidade facilitada polo Igape e a colaborar na axeitada difusión desta liña de axudas.

Para o obxecto de lograr maior coordinación, os proxectos e campañas publicitarias que, se é o caso, realicen as entidades financeiras sobre este convenio, deberán contar co Vº e P previo do Igape.

Cláusula 22ª.-Natureza.

O presente convenio ten natureza administrativa correspondéndolle ó Igape a interpretación do seu contido.

Cláusula adicional.

Se durante a vixencia deste convenio se esgotasen os fondos da línea FEDER-ICO, as solicitudes de préstamo subsidiado presentadas ó abeiro do presente convenio que se atopen pendentes de resolución ou que, estando xa resoltas, non se formalizase o préstamo, poderán ser atendidas a través do programa de investimentos do convenio de apoio financeiro ás Pemes subscrito entre o Igape e as entidades financeiras, sempre que exista dotación orzamentaria no dito programa.

Para isto, o interesado deberá solicitalo a través da entidade financeira, que remitirá a súa solicitude ó Igape acompañada dunha nova comunicación de concesión do préstamo adecuada ás condicións financeiras no convenio Igape-entidades financeiras.

O Igape resolverá as solicitudes así presentadas de acordo co convenio Igape-entidades financeiras e, se é o caso, adaptará a resolución de concesión xa dictada ás novas condicións do dito convenio.

Santiago de Compostela, 28 de febreiro de 1997.

Pola entidade financeira Polo Igape

Asdo.: José Antonio Orza Fernández

DNI:Presidente do Instituto Galego

de Promoción Económica

MODELO DE COMUNICACIÓN CONCESIÓN DO PRÉSTAMO

Instituto Galego de Promoción Económica (Igape)

Rfa.: convenio Igape-ICO-97

r/ Frei Rosendo Salvado, 16 baixo

Santiago de Compostela.

Moi señores nosos:

Estudiada a solicitude de préstamo presentada nesta entidade financeira, acollida ós beneficios regulados polo decreto da Xunta de Galicia 309/1995, do 23 de novembro, o Decreto 29/1997, do 20 de febreiro, que modifica o Decreto 309/1995, do 23 de novembro, a orde da Consellería de Economía e Facenda do 18 de abril de 1996 e a orde da Consellería de Economía e Facenda do 24 de febreiro de 1997 que modifica a do 18 de abril de 1996, e acollida ó convenio de colaboración arriba referenciado, comunicámoslles que foi concedido o préstamo coas características que se detallan:

Beneficiarios

Código do programa: I-1/97)

Nº expediente

Data da solicitude na entidade financeira

Oficina

Importe

Prazo de vixencia

Período de carencia

Tipo de xuro: fixo-variable

Amortización

Garantías (só se ten aval de S.G.R.)

Xuntamos orixinal e 1ª copia do impreso de solicitude e a documentación completa esixida para o efecto. Así mesmo, comunicamos que con esta mesma data remitímoslle-la 2ª copia da solicitude e unha copia da documentación esixida ós servicios centrais da Consellería de ...

Data e sinatura,

Concellos das provincias da Coruña e Pontevedra nos que existe un abandono de poboación superior a un 15%.

-Provincia da Coruña: Moeche, As Somozas, Monfero, Mesías, Sobrado, Val do Dubra, Toques, Cesuras, Paderne, Boqueixón, Mañón, Vilarmaior, Vilasantar, Baña (A), Laxe, Ortigueira e Capela (A)

-Provincia de Pontevedra: Cotobade, Lama (A), Vila de Cruces, Estrada (A), Forcarei e Covelo (O)

ANEXO II

Relación de entidades financieras colaboradoras

Caixas: Caixa Galicia, Caixa Ourense, Caixa Pontevedra, Caixa Rural de Lugo, Caixa Vigo, Caja Postal, e Caja de Ahorros y Pensiones de Barcelona.

Bancos: Banco Exterior de España, Banco de Galicia, Banco Gallego, Banco Herrero, Banco Mafre, Banco Pastor, Banco Popular, Banco Sabadell, Banco Santander, Banco Simeón, Banco Urquijo, Banco Zaragozano, Bankinter, Deutsche Bank e Hispamer Banco Financeiro.

S.G.R.: Afigal e Sogarpo.

1992