Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 55 Xoves, 20 de marzo de 1997 Páx. 2.527

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

DECRETO 57/1997, do 6 de marzo, polo que se crea o rexistro de títulos académicos e profesionais non universitarios da Comunidade Autónoma de Galicia e se regula o procedemento de expedición dos títulos correspondentes ás ensinanzas establecidas pola Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo.

O Estatuto de autonomía para Galicia, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, establece no seu artigo 31 que a Comunidade Autónoma galega ten competencia plena en materia de ensino.

A Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, no seu artigo 4.4º, especifica que os títulos académicos e profesionais serán homologados polo Estado e expedidos polas administracións educativas nas condicións previstas na dita lei e polas normas básicas e específicas que para tal efecto se dicten.

O Real decreto 733/1995, do 5 de maio, aprobou as normas básicas reguladoras das condicións nas que deberá levarse a cabo, polas Administracións educativas competentes, a expedición dos títulos académicos e profesionais correspondentes ás ensinanzas establecidas pola Lei orgánica 1/1990. O dito real decreto establece no artigo 1 que os títulos académicos e profesionais acreditativos da superación das referidas ensinanzas, e que terán validez en todo o territorio español, serán expedidos pola Administración educativa á que pertenza o centro docente no que se finalizasen os estudios correspondentes.

O devandito real decreto, no seu artigo 4.1º, dispón que os títulos quedarán inscritos nun rexistro público de titulados que para estes efectos existirá en cada unha das administracións educativas competentes e, no artigo 5, puntos 2 e 3, establece que as ditas administracións darán traslado das inscricións rexistrais dos seus títulos ó Rexistro Central de Títulos polo procedemento que ámbalas administracións determinen.

O Real decreto 87/1996, do 26 de xaneiro, sobre ampliación de servicios da Administración do Estado traspasados á Comunidade Autónoma de Galicia polo Real decreto 1763/1982, do 24 de xullo, en materia de ensino, transfire a esta Comunidade Autónoma a función de expedición dos títulos académicos e profesionais correspondentes ás ensinanzas reguladas pola Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, así como os servicios inherentes a ela.

O Decreto 75/1996, do 29 de febreiro, asígnalle á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria os servicios traspasados a esta comunidade en materia de expedición de títulos académicos e profesionais correspondentes ás ensinanzas reguladas pola citada lei. Para o desenvolvemento do marco xeral que se establece na normativa mencionada cómpre crear e regula-lo funcionamento do Rexistro de Títulos co fin de poder inscribi-los títulos académicos e profesionais correspondentes ó novo sistema educativo, así como regula-lo procedemento de expedición e dispoñer do soporte administrativo que permita a dita expedición.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, logo de consulta ó Consello Escolar de Galicia, e logo de deliberación

do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día seis de marzo de mil novecentos noventa e sete,

DISPOÑO

Artigo 1º.-Creación e finalidade do rexistro.

Créase, dependente da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, o Rexistro de Títulos académicos e profesionais acreditativos da superación das ensinanzas reguladas pola Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo. O obxecto deste rexistro é a inscrición nel de tódolos títulos académicos e profesionais expedidos pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, que terán validez en todo o territorio español e recoñecemento internacional.

Artigo 2º.-Natureza xurídica e acceso ós datos do rexistro.

1. O Rexistro de Títulos é público e ten carácter de rexistro único.

2. O acceso ós datos contidos no Rexistro de Títulos está suxeito ó respecto do dereito á intimidade persoal establecido no artigo 18.1º da Constitución española, ó contido na Lei orgánica 5/1992, do 29 de outubro, de regulación do tratamento informatizado dos datos de carácter persoal e ó artigo 37.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Para poder acceder a estes datos cómpre acredita-lo interese lexítimo e directo na súa obtención.

Artigo 3º.-Relacións co Rexistro Central de Títulos.

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, a través da dirección xeral correspondente, remitirá ó organismo do que dependa o rexistro Central de Títulos do Ministerio de Educación e Cultura as inscricións efectuadas no Rexistro no prazo dun mes, contado desde a data do correspondente asento rexistral, así como as modificacións que por algún motivo experimenten os datos logo de seren remitidos.

Artigo 4º.-Modelo xeral do texto do título.

1. Os títulos expediranse en nome de El-Rei polo conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, nun único documento, redactado en castelán e galego, con letras do mesmo rango e de acordo co modelo, especificacións, soportes, dilixencias e demais características detalladas nos anexos I, II, III e IV deste decreto.

2. A denominación dos títulos será a establecida pola Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de orde

nación xeral do sistema educativo e na normativa que a desenvolve.

Artigo 5º.-Inicio do procedemento.

1. Na educación secundaria obrigatoria o procedemento de expedición dun título iniciarase de oficio; nas restantes ensinanzas iniciarase por solicitude do interesado ou da interesada.

2. A solicitude dun título e a súa proposta por parte do centro educativo só poderá ser tramitada se o interesado ou interesada cumpre previamente os requisitos académicos esixidos pola normativa vixente e, de se-lo caso, logo de que se efectúe o pagamento das taxas establecidas pola Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 6º.-Procedemento de reexpedición.

1. Os títulos ós que se refire este decreto son documentos públicos. Calquera modificación, alteración ou emenda que legalmente proceda efectuar no seu contido esixirá a súa reexpedición material por procedemento análogo ó seguido para a expedición do orixinal.

Procederá a expedición de duplicado dun título nos casos de extravío, destrucción total ou parcial,

ou rectificación do orixinal. Cando a expedición dun duplicado sexa debida a causas atribuíbles ó interesado ou interesada, deberanse aboa-los correspondentes dereitos.

2. No duplicado que se expida deberá figurar impresa a mesma clave rexistral que no orixinal.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria para que dicte as normas que permitan o desenvolvemento deste decreto.

Segunda.-O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, seis de marzo de mil novecentos noventa e sete.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

ANEXO II

Especificacións que deben reuni-los textos dos títulos académicos e profesionais correspondentes ás ensinanzas establecidas pola Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo

Os títulos, diplomas e certificados oficiais mencionados serán expedidos de acordo cos seguintes requisitos:

Primeiro.

a) O soporte dos títulos será do material especificado no anexo III deste decreto e levará incorporadas determinadas marcas de seguridade. No proceso de impresión de atributos e na personalización dos títulos incorporaranse, así mesmo, marcas de seguridade contra a falsificación.

b) Os soportes levarán incorporado o escudo de España coas características definidas pola Lei 33/1981, do 5 de outubro, e polo Real decreto 2964/1981, do 18 de decembro, e mailo escudo de Galicia que deberá reuni-los requisitos establecidos na Lei 5/1984, do 5 de maio, de símbolos de Galicia e no Decreto 73/1985, do 18 de abril. Ámbolos escudos serán de igual tamaño e a súa colocación axustarase ó establecido no anexo III do presente decreto. Estes soportes levarán, así mesmo, incorporada unha orla que se axustará ó modelo do anexo III nas cores azuis da bandeira e do escudo de Galicia, así como a silueta do mencionado escudo no centro da cartela.

c) Estarán numerados mediante series alfanuméricas, correspondéndolle o seu control ás unidades responsables do proceso de expedición, e levarán consigo as características que os identifiquen como soporte dun título español de validez xeral.

d) Os títulos levarán impreso todo o seu texto, así como as sinaturas do conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria e do director xeral de Centros e Inspección Educativa.

e) Non se incorporará ningunha inscrición non impresa no anverso, agás a sinatura do interesado.

f) O título levará impreso un cuño en seco co escudo de Galicia, segundo se especifica no anexo III, apartado 3, do presente decreto.

Segundo.

1. No anverso dos títulos, segundo o modelo xeral do anexo I, deberán figurar, necesariamente, as seguintes mencións:

a) Referencia expresa de que o título se expide en nome de El-Rei polo conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria. A mención «Juan Carlos I, Rey de España», imprimirase na parte superior central do título cun tipo de letra máis destacado e exclusivamente en castelán. O texto dos títulos aterase ó disposto no artigo 4º e no anexo I do presente decreto.

b) Expresión de que o título se expide para acredita-la superación dos estudios conducentes á obtención do título español que proceda, incluída a mención

relativa á especialidade, profesión, modalidade, etc. de acordo coas disposicións vixentes.

c) Nome e apelidos -en letra destacada-, lugar e data de nacemento e nacionalidade do interesado, tal e como figuren no seu documento nacional de identidade, pasaporte, cédula de identidade ou documento oficial análogo do seu país de orixe.

d) Denominación e localización do centro no que finalizou os estudios (coa expresión da súa denominación, código, concello e provincia) conducentes á obtención da titulación correspondente; farase constar, así mesmo, o mes e o ano en que o alumno finalizou os ditos estudios e, se procede legalmente, a cualificación final obtida.

e) Lugar e data de expedición do título. Esta última coincidirá coa do pagamento dos dereitos de expedición e, de ser gratuíto por exención da taxa, coa da data da solicitude. Nos títulos que deban expedirse de oficio, a data de expedición coincidirá coa data da proposta formulada polo centro docente.

f) Clave identificativa do carácter oficial do título, que estará composta polo código que lle asigne o rexistro de títulos creado por este decreto.

2. No anverso dos títulos figurarán tres sinaturas; estas sinaturas serán a do conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, a do director xeral correspondente e a do interesado ou interesada. As dúas primeiras irán preimpresas. Farase constar, así mesmo, as normas que amparan a oficialidade dos estudios, tanto as de ámbito estatal como as propias da comunidade, e as que afecten á súa eficacia. Se se trata da expedición dun duplicado, farase constar, en cada caso, mediante algunha das dilixencias que figuran no anexo IV. Estas dilixencias imprimiranse nas dúas linguas oficiais de Galicia na parte inferior.

3. No reverso -ángulo superior esquerdo- imprimirase, en primeiro lugar, a dilixencia relativa ó asentamento no libro de rexistro de recepción e entrega de títulos que se leve no centro docente responsable de garanti-lo seu control.

Na parte inferior do reverso reservarase espacio para as dilixencias necesarias (colexiación, legalización, se é o caso, para que os títulos poidan producir efectos no estranxeiro...).

ANEXO III

Materiais dos soportes, características mínimas de seguridade, formatos e tamaños

1. Características dos elementos que se deben empregar:

a) Papel:

1º. Composición fibrosa: sen pasta mecánica (ou similares), nin pasta semiquímica.

2º. Grao de brancura de 80 a 86 por 100 (norma UNE 57-062).

3º. Opacidade: o93 por 100 (UNE 57-063).

4º. Porosidade: entre 100 e 200 ml/min medido en aparello Bendtsen (UNE 57-066).

5º. Lisura: entre 150 e 300 ml/min medido en aparello Bendtsen (UNE 57-080).

6º. Resistencia mecánica á rotura (UNE 57-028): Lonxitude de rotura en sentido lonxitudinal o5,8 km. Lonxitude de rotura en sentido transversal o3 km.

7º. Alongamento:

En sentido lonxitudinal o2 por 100

En sentido transversal o3,5 por 100

8º. Estabilidade dimensional, en sentido transversal, o2 por 100, por inmersión á auga (UNE 57-049).

9º. Levar perfectamente indicada a dirección da fibra ou sentido máquina.

10º. Índice de rotura: oó 70 media das medidas na dirección lonxitudinal e transversal do papel (UNE 57-033).

11º. Ter unha gramaxe de 160g/m (± 4 por 100) (UNE 57-009).

12º. O soporte debe ter un pH entre 7 e 9.

13º. Carente de branqueantes ópticos.

b) Tintas:

As tintas utilizadas na impresión deben ser físico-quimicamente estables e de forma especial fronte á abrasión e ó efecto decolorante da luz:

1º. Solidez á luz: mínimo admisible «5» na escala da la.

2º. Tratamento adicional de protección para eleva-la solidez, especialmente nos tons do contorno do amarelo maxenta.

3º. Protección das tintas metalizadas contra a oxidación.

4º. As tintas invisibles, especialmente o azul, deben ser ancorables e resistentes á migración e corremento.

c) Cores:

O escudo de España deberá reuni-los requisitos establecidos na Lei 33/1981, do 5 de outubro, e no Real decreto 2964/1981, do 18 de decembro, se ben o vermello pode obterse de masas de maxenta e amarelo, e o verde de masas de ciano e amarelo, mantendo as demais cores, con obxecto de minora-la utilización de tintas.

O escudo de Galicia deberá reuni-los requisitos establecidos na Lei 5/1984, do 5 de maio, de símbolos de Galicia e no Decreto 73/1985, do 18 de abril.

O texto «Juan Carlos I, Rey de España» irá impreso en azul ciano.

O fondo da cartela deberá ir estampado nunha trama de 133 liñas por centímetro cadrado, a un 20 por 100 de cor amarela (pantone 130 U).

2. Características mínimas de seguridade:

a) Papel:

1º. Atributos luminescentes incluídos na masa do soporte en dúas cores (a determinar).

2º. Reactivo contra borrado químico.

3º. Marca á auga do escudo de España de 2,5 centímetros de alto no ángulo inferior esquerdo da cartela, que se determina no seguinte apartado de formatos e tamaños.

b) Impresión:

1º. Tintas luminescentes visibles.

2º. Tintas luminescentes invisibles.

3º. Tintas metaméricas cun máximo dun 20 por 100 de diferencia de intensidade.

c) Deseño:

1º. Indiana ou trama de fondo.

2º. Orla de seguridade.

d) Atributos:

1º Control alfanumérico.

2º.Rexistro autonómico.

3º. Cuño en seco.

3. Formatos e tamaños:

A impresión realizarase nun só tamaño de papel UNE A-3 (297 X 420 milímetros). O escudo de España irá situado no ángulo superior esquerdo e o de Galicia no ángulo superior dereito do anverso do título, como suxire a imaxe que figura ó final deste anexo. A orla axustarase tamén á dita imaxe nas cores azuis da bandeira e do escudo de Galicia que establece a Lei 5/1984, de símbolos de Galicia e o Decreto 73/1985, do 18 de abril.

A cartela irá centrada ó eixe vertical cunha marxe superior de 97 milímetros e unha marxe inferior de 30 milímetros.

Disporá dunha reserva non impresa no ángulo inferior esquerdo da cartela de 4 centímetros de diámetro, a 5 milímetros da súa marxe esquerda e a 25 milímetros da inferior. No ángulo inferior dereito realizarase unha reserva análoga destinada á impresión do cuño en seco.

ANEXO IV

Modelos de dilixencias que deberán imprimirse en cada caso nos supostos que se indican, na parte inferior do anverso do título

Textos das dilixencias en galegoModelos de tipos de títulos e norma aplicableTextos das dilixencias en castelán

Este título substitúe o expedido con data...Títulos que se expiden con carácter de duplicadoEste título sustituye al expedido con fecha...
por... (1)(artigo 6º do presente decreto)por... (1)
(1)(1)
Perda.Extravío
Deterioración.Deterioro.
Rectificación.Rectificación.
Cambio de nome e/ou apelidos,

nacionalidade, etc., por causa legal, etc.

Cambio de nombre y/o apellidos,

nacionalidad, etc., por causa legal, etc.

Para poder exercer en España, a persoal posuidora deste título deberá someterse ás condicións establecidas na Lei orgánica 7/1985, sobre dereitos e liberdades dos estranxeiros en España, e nas disposicións que a desenvolven.Títulos que se lles expiden a cidadáns estranxeiros, agás os nacionais de países membros da Unión Europea e do Principado de Andorra. Disposición adicional segunda da Lei orgánica 7/1985, do 1 de xullo (BOE do 3). Orde do 30 de xullo de 1986, sobre expedición de títulos españois a cidadáns de estados menbros da CEE (BOE do 6 de agosto).Para poder ejercer en España, el poseedor de este título deberá someterse a las condiciones establecidas en la Ley orgánica 7/1985, sobre derechos y libertades de los extranjeros en España, y en las disposiciones que la desarrollen.
Este título/diploma/certificado

queda invalidado por falecemento

do titular.

Títulos de persoas que faleceron.Este título/diploma/certificado

queda invalidado por fallecimiento

del titular.

Este título é equivalente ó

oficial de... segundo

establece o artigo... de...

Títulos ós que se lles recoñece legalmente a equivalencia con outros oficiais con validez en todo o territorio español.Este título es equivalente al

oficial de... según

establece el artículo... de...

1948