Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 54 Mércores, 19 de marzo de 1997 Páx. 2.464

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E MONTES

ORDE do 4 de marzo de 1997 pola que se establece o procedemento para a concesión de restitucións á producción no sector dos cereais e do arroz.

No artigo 7 do Regulamento (CEE) 1766/1992, do Consello, do 30 de xullo, que establece a Organización Común de Mercado (OCM) no sector dos cereais, prevese a concesión dunha restitución á producción para o amidón obtido a partir de millo e trigo, ou para fécula de pataca, ademais de para certos productos derivados, utilizados na fabricación de determinadas mercadorías.

O artigo 9 do Regulamento 1418/1976, do Consello, do 21 de xuño, que establece a OCM do arroz, na súa actual redacción, prevé a restitución pola producción de amidón e determinados productos derivados obtidos a partir deste cereal, para a fabricación de determinadas mercadorías.

Pola súa banda, as disposicións de aplicación dos anteditos regulamentos comunitarios recóllense no Regulamento (CEE) 1722/1993, da Comisión, do 30 de xuño.

Polo Decreto 76/1996, do 29 de febreiro, asumíronse os servicios transferidos polo Real decreto 92/1996, como ampliación de medios en materia de agricultura, concretamente as funcións desenvolvidas polo Fondo Español de Garantía Agraria (FEGA) (antigo SENPA). De acordo con estas funcións, esta Comunidade Autónoma pasou a concederlle unha serie de axudas ó sector agrícola e gandeiro que ata entón se viña aboando pola Administración do Estado, ó constituírse a Consellería de Agricultura, Gandería e Montes como organismo pagador dos gastos relacionados coa Política Agraria Común, segundo o disposto no Decreto 359/1996, do 13 de setembro, entre elas a concesión de restitucións á producción no sector dos cereais e do arroz utilizados na fabricación de certos productos derivados.

O Instituto Lácteo e Gandeiro de Galicia (ILGG), creado pola Lei 7/1994, do 29 de decembro, ten atribuídas, entre outras, competencias para a xestión das accións derivadas da Política Agraria Común (PAC) e das diversas OCM, o que se desprende tamén do disposto nos decretos 128/1996, do 14 de febreiro, e 388/1996, do 31 de outubro, que establecen a súa estructura orgánica.

En consecuencia, de conformidade co disposto no artigo 30.1.3º do Estatuto de autonomía de Galicia e consonte as competencias que me confire a Lei

1/1983, do 22 de febreiro, da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

A presente orde ten por obxecto regula-la tramitación das solicitudes de concesión de restitucións á producción a aquelas empresas que utilicen amidón obtido a partir de trigo, millo, arroz ou partidos de arroz ou que utilice fécula de pataca ou certos productos derivados, na fabricación de determinadas mercadorías.

Artigo 2º.-Normativa aplicable.

Para a tramitación das solicitudes de certificados de restitución e, se é o caso, a concesión da correspondente axuda para a producción de determinadas mercadorías por utilización dos productos citados anteriormente, rexerá o disposto nos regulamentos comunitarios 1766/1992, do 30 de xuño e 1418/1976, do 21 de xuño, ámbolos dous do Consello, así coma no Regulamento da Comisión 1722/1993, do 30 de xuño, no relativo ás normas de aplicación dos dous anteriores.

Ademais, terase en conta tamén para a concesión de axudas e subvencións o establecido con carácter xeral na Lei 13/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia e na respectiva Lei anual de orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia no que resulten de aplicación, tendo en conta a especificidade das axudas con cargo a FEOGA-Garantía.

Artigo 3º.-Autorización administrativa previa.

1. Para a concesión da restitución será requisito indispensable que a empresa solicitante goce da cualificación de fabricante autorizado.

2. Para isto, as empresas con centros de producción no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia presentarán unha solicitude, na que se farán consta-los datos recollidos no artigo 4 do Regulamento (CEE) 1722/1993, segundo modelo que se xunta á presente orde como anexo I-A e I-B, por duplicado exemplar.

A dita solicitude presentarase nas delegacións provinciais do Instituto Lácteo e Gandeiro de Galicia ou en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. Xunto coa antedita instancia de solicitude deberán presentar ademais fotocopia compulsada da tarxeta de identificación fiscal ou, no seu defecto, o último recibo de imposto sobre actividades económicas (IAE).

Artigo 4º.-Rexistro de empresas autorizadas.

1. Os servicios provinciais do ILGG examinarán se o solicitante cumpre os requisitos recollidos no artigo 4 do Regulamento (CEE) 1722/1993 e, en caso afirmativo, efectuarán unha proposta de inscrición rexistral, inscrición que se practicará por resolución do director do dito organismo autónomo.

2. Para os efectos de manter actualizada a devandita lista, durante o mes de decembro de cada ano os fabricantes inscritos nela deberán presentar unha declaración actualizada segundo modelo que se xunta na presente orde como anexo II.

3. Será causa da perda da cualificación como fabricante autorizado o cesamento nesta actividade por parte da empresa inscrita ou non presenta-la declaración de actualización no período arriba indicado.

Artigo 5º.-Obrigas dos fabricantes autorizados.

1. Os fabricantes autorizados deberán permitir que o ILGG poida efectuar tódalas comprobacións e inspeccións necesarias para controla-la utilización do amidón ou fécula, ademais de proporcionar tanta información como se considere necesaria por parte do antedito organismo autónomo.

2. Así mesmo, os fabricantes autorizados deberán levar unha contabilidade material específica, de xeito que permita efectua-las verificacións esixidas pola normativa en vigor, detallando, en especial, para cada producto final obtido, as materias primas que tivesen entrada na industria así como o proceso de transformación delas.

3. Ademais, os fabricantes autorizados que elaboren productos do epígrafe NC3505.10.50, deberán presentar na Subdirección Xeral de Xestión da PAC do ILGG, no prazo dos 20 días hábiles seguintes á finalización de cada trimestre natural, copia das declaracións presentadas que correspondan ó antedito trimestre, segundo modelo que se especifica como anexo III, así como unha declaración resumo no modelo que se acompaña como anexo IV, á presente orde.

Artigo 6º.-Solicitude de certificado de restitución.

1. As empresas inscritas no rexistro de fabricantes autorizados, para poderen beneficiarse da restitución, deberán presentar unha solicitude de certificado, por duplicado exemplar, segundo o modelo que consta como anexo V na presente orde, perante as delegacións provinciais do ILGG ou nos lugares indicados no artigo 3.2º, calquera día laborable antes das 17 horas.

2. Deberase presentar unha solicitude de certificado de restitución por cada tipo de amidón ou fécula (dos recollidos no anexo II do Regulamento (CEE) 1722/1993 que se vaia utilizar, así como para cada producto autorizado dos especificados no anexo I do devandito regulamento que se vaia fabricar.

Non obstante, se o producto que se vaia fabricar corresponde ó código NC3505 10 50, o certificado será único para este tipo de producto.

3. A dita solicitude de certificado de restitución deberá ir acompañado da seguinte documentación:

a) Unha garantía de 15 ecus/tonelada de amidón ou fécula base utilizados, multiplicada, se é o caso, polo coeficiente correspondente ó tipo que se vaia utilizar de acordo co disposto no anexo II do Regulamento (CEE) 1722/1993.

Esta garantía constituirase perante a delegación provincial do ILGG en metálico ou en títulos de débeda pública; da mesma forma, tamén se poderá constituír a través de aval ou póliza de seguro de caución, presentado por calquera das empresas autorizadas para actuar neste tipo de operacións segundo a normativa vixente, formalizada de acordo co disposto nos modelos que se xuntan como anexo VI e VII na presente orde.

Para o cálculo do importe da garantía, o tipo de cambio que se vai aplicar será o vixente no día da presentación da solicitude de certificado da restitución.

b) Declaración do provedor de amidón ou fécula na que se indique que o producto que se vai utilizar se obtivo directamente a partir de millo, trigo, arroz ou patacas, excluíndo calquera outra utilización de subproductos obtidos na fabricación doutros productos agrarios ou mercadorías.

Non obstante, coa finalidade de evita-la presentación sistemática de declaracións polos provedores de amidón ou féculas, os que figuren nas relacións do Fondo Español de Garantía Agraria (FEGA) relativa á proba documental da procedencia do amidón, quedarán exentos da obriga contida no parágrafo anterior.

4. Os servicios provinciais do ILGG comprobarán a veracidade da declaración presentada polos solicitantes do certificado de restitución e, en caso afirmativo, procederase á súa expedición.

Artigo 7º.-Validez do certificado de restitución.

1. O certificado de restitución será válido desde a data de presentación da solicitude, inclusive, ata o último día do quinto mes seguinte ó da súa expedición.

2. Durante o antedito período de validez o tipo de restitución, en ecus, será o vixente no día da presentación da solicitude.

Non obstante ó anteriormente disposto, se algunha das cantidades de amidón ou fécula que figuran no certificado se transforma durante a campaña de comercialización seguinte a aquela na que se recibise a solicitude, a restitución aplicable ós productos transformados na seguinte campaña axustarase en función da diferencia entre o prezo de intervención

utilizado para o cálculo da restitución e o aplicable durante o mes de transformación multiplicado polo coeficiente 1,60.

3. Serán intransferibles os dereitos xurdidos do certificado de restitución.

Artigo 8º.-Solicitude de pagamento.

1. Unha vez obtido o certificado de restitución terase que solicita-lo pagamento desta, logo de que o amidón ou fécula se usasen na fabricación dos correspondentes productos autorizados, segundo o disposto no anexo I do Regulamento (CEE) 1722/1993.

2. Para tal efecto presentarase unha solicitude, segundo o modelo que se xunta como anexo VIII á presente orde, diante das delegacións provinciais do ILGG ou en calquera das dependencias previstas no artigo 3º.2 da presente orde.

3. O prazo de presentación da solicitude será de 12 meses contados a partir do último día de validez do certificado de restitución.

Non obstante, se a presentación se producise durante os 18 meses seguintes ó prazo anterior, o importe da restitución minorarase nun 15 por cento.

4. Esta solicitude poderá referirse a toda ou só a parte da cantidade de amidón ou fécula que figure no certificado.

Artigo 9º.-Garantía na solicitude de pagamento.

Se o producto autorizado no certificado de restitución é un dos incluídos dentro do código NC3505 10 50, xunto coa solicitude de pagamento deberase presentar unha garantía por un importe igual ó pagamento que se solicita. A constitución da dita garantía acreditarase de acordo co disposto no artigo 6.3 a) parágrafo segundo.

Artigo 10º.-Concesión da restitución.

1. O director xeral de Producción Agropecuaria e Industrias Agroalimentarias e do ILGG autorizará, logo da proposta das súas delegacións provinciais e da oportuna fiscalización, o importe das restitucións solicitadas, procedéndose ó pagamento no prazo máximo de 150 días desde a finalización dos controis previstos e logo da comprobación do uso do amidón ou fécula para a fabricación de productos autorizados segundo os datos que figuran no certificado.

2. O importe da restitución terá o coeficiente multiplicador que se especifica no epígrafe B do anexo II do Regulamento (CEE) 1722/1993, cando se utilicen os productos que nel se recollen.

En ámbolos dous casos terase en conta, tanto que se trate de amidón ou fécula base como dos seus productos derivados, o seu contido en materia seca; realizarase o axuste correspondente do xeito establecido no anexo II do precitado regulamento comunitario.

3. Para os efectos de determinación do importe que hai que aboar en pesetas, terase en conta o tipo de cambio do ecu vixente o día da transformación de amidón ou fécula.

4. A cantidade de amidón ou fécula con dereito a restitución non poderá superar, en ningún caso, o 105 por cento da que figure no certificado e sempre que estes fosen realmente utilizados.

Artigo 11º.-Anticipo do pagamento.

1. O interesado poderá solicitar un anticipo, logo da utilización do amidón e unha vez solicitado o pagamento para o que terá que presentar solicitude, de conformidade co modelo que se achega como anexo IX á presente orde, nas delegacións provinciais do ILGG, ou do xeito previsto no artigo 3º.2 da presente orde.

2. Xunto coa solicitude deberase presenta-la correspondente garantía, do xeito previsto no artigo 6º.3 a) da presente orde, por un importe igual á cantidade solicitada máis un 15% adicional, agás cando o producto pertenza ó código NC3505.10.50.

3. O director xeral de Producción Agropecuaria e Industrias Agroalimentarias e do ILGG deberá autoriza-la concesión do anticipo, procedéndose ó pagamento no prazo máximo de 30 días contados a partir da presentación da solicitude.

Artigo 12º.-Liberación de garantías.

1. O delegado provincial do ILGG procederá á devolución das garantías esixidas nos artigos correspondentes da presente orde, logo da solicitude da empresa interesada, do modo que de seguido se indica:

a) Garantía presentada xunto coa solicitude de certificado de restitución: liberarase cando se recoñeza o pagamento das restitucións derivadas do devandito certificado, unha vez que o fabricante autorizado teña utilizado polo menos o 90% da cantidade de amidón ou fécula que consta no certificado de restitución.

b) Garantía que se xunta á solicitude de aboamento do importe da restitución pola fabricación dun producto dos comprendidos no epígrafe NC3505.10.50: cando o fabricante lle presente á delegación provincial do ILGG a proba de que o producto foi utilizado para fabricar outros distintos dos mencionados no anexo II do Regulamento (CEE) 1722/1993, dentro do territorio aduaneiro da comunidade, a través

dunha declaración que se presentará no modelo recollido como anexo III á presente orde ou probe que se exportou a terceiros países. Neste último caso, o fabricante autorizado deberá presentar unha fotocopia do exemplar para aduana (exemplar 1) da declaración de exportación (DUA), dilixenciada, ó dorso, pola aduana correspondente, coa indicación da data de saída do territorio aduaneiro da comunidade.

c) Garantía presentada coa solicitude de aboamento do anticipo: cando se recoñeza o dereito á restitución.

Artigo 13º.-Actuacións do ILGG.

O ILGG establecerá os axeitados vínculos de colaboración co FEGA e outras comunidades autónomas para a adecuada explicación do artigo 10 do Regulamento (CEE) 1722/1993.

Os controis relativos ó pagamento deberanse efectuar, polos servicios provinciais do ILGG, no prazo máximo de 150 días desde a presentación da solicitude de pagamento da restitución.

Artigo 14º.-Pagamentos indebidos.

14.1. Se se realizase o pagamento indebido do importe dunha restitución, o ILGG deberá recupera-lo importe indebidamente aboado, xunto cos correspondentes xuros de demora, de acordo co previsto para cada ano na Lei de orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia; todo isto sen prexuízo da aplicación das sancións que, se é o caso, puidesen corresponder en cumprimento da normativa vixente.

2. Non obstante o anteriormente disposto, se se comprobase que non se cumpren as condicións establecidas no artigo 10 do Regulamento comunitario 1722/1993, as delegacións provinciais do ILGG esixirán o pagamento do importe equivalente ó 150 por cento da restitución máis elevada aplicable ó producto de que se trate durante os 12 meses anteriores.

Disposicións adicionais

Primeira.-Financiamento.

Para as axudas que se satisfagan con cargo ó orzamento de 1997 existe dotación orzamentaria axeitada e suficiente no concepto 09.03.614 A.779 Axudas comunitarias a productores derivadas da nova P.A.C., dotada con 15 millóns de pesetas para este programa, segundo o disposto na Lei 11/1996, do 30 de decembro.

Segunda.-Conservación da vixencia dos datos rexistrais.

Non obstante o disposto no artigo 4º.1 da presente orde, as empresas que figurasen inscritas no rexistro administrativo do FEGA antes da asunción compe

tencial producida polo artigo 1 do Decreto 76/1996, do 29 de febreiro, non terán que solicitar novamente a súa inscrición, pero deberán actualiza-los datos naquel contidos do xeito establecido no artigo 4º.2 desta orde.

Disposicións finais

Primeira.-Facúltase o director xeral de Producción Agropecuaria e Industrias Agroalimentarias e do Instituto Lácteo e Gandeiro de Galicia para que, dentro do ámbito das súas competencias, dicte as instruccións precisas para a execución e cumprimento do disposto nesta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de marzo de 1997.

Tomás Pérez Vidal

Conselleiro de Agricultura, Gandería e Montes

1966