Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 51 Venres, 14 de marzo de 1997 Páx. 2.327

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

ORDE do 3 de marzo de 1997 pola que se anuncian medidas de apoio ós corpos da policía local dos concellos de Galicia.

O artigo 148.1º.22 da Constitución española establece, entre as competencias que poden asumi-las comunidades autónomas, a coordinación e demais facultades en relación coas policías locais, nos termos que estableza unha lei orgánica.

A promulgación da Lei orgánica de corpos e forzas de seguridade do Estado 2/1986, proporciónalle á Comunidade Autónoma de Galicia unha ampliación de competencias en materias non previstas no estatuto, e, entre outras, a coordinación de policías locais.

Na súa consecuencia, e por medio da Lei 3/1992, do 23 de marzo, a Comunidade Autónoma de Galicia procedeu á coordinación das policías locais do seu territorio nos termos establecidos no artigo 39 da Lei orgánica de forzas e corpos de seguridade.

Conforme o Decreto 13/1993, do 20 de xaneiro, mediante o que se establece a estructura orgánica da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, correspóndelle a esta consellería, entre outras competencias, a coordinación das policías locais.

Por medio da presente orde preténdese darlle cumprimento ó mandato imposto polo artigo 4 da referida Lei 3/1992, do 23 de marzo, no sentido de adoptar medidas encamiñadas a logra-la homoxeneización dos medios técnicos dos corpos de policía local, regulándose, para tal efecto, o procedemento e requisitos para a cesión de equipos de atestados e comunicacións ós concellos da Comunidade Autónoma gallega que conten cos ditos corpos.

Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

A Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais contribuirá ó equipamento dos concellos, co fin de aumenta-la eficacia dos seus corpos de policía local no desenvolvemento das funcións que lle son propias. Para tal fin, cederá equipos de atestados ou comunicacións ós concellos que conten con corpos de policía local, todo isto de conformidade co que establece a disposición adicional décimo primeira da Lei 11/1996, do 30 de decembro, de presupostos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1997, mediante a que se engadiu o artigo 35 bis á Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Nos convenios, que se asinen para o efecto, entre a Xunta de Galicia e os concellos beneficiarios, estableceranse os termos desta cooperación conforme as estipulacións que se detallan nos artigos 6º e 7º desta orde.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

Poderán solicita-los beneficios desta orde aqueles concellos que cumpran cos seguintes requisitos:

a) Que conten cun corpo de policía local, integrado, polo menos, por tres persoas, e

b) Que teñan ata 30.000 habitantes.

Artigo 3º.-Crédito.

Á consecución do obxectivo ó que se refire a presente orde, a Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais destinará ata un límite de quince millóns catrocentas quince mil pesetas (15.415.000 ptas.), con cargo á aplicación orzamentaria 13.02.633.0, programa 123.A, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma galega para 1997, que se dedicarán á adquisición de equipos de atestados e comunicacións.

Artigo 4º.-Iniciación.

1. No prazo de 15 días hábiles, contados a partir do seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, os concellos que reúnan os requisitos ós que se refire o artigo 2º desta orde, e que desexen acollerse ós seus beneficios, deberán presenta-la solicitude que figura como anexo I no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, no das delegacións provinciais desta consellería, ou por calquera outro dos medios ós que se refire o artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. Xunto coa solicitude presentaranse os seguintes documentos:

2.1. Certificación expedida polo secretario xeral da corporación relativa do acordo adoptado polo órgano competente polo que:

a) Acórdase solicita-la cesión regulada na presente orde, aceptando integramente os termos e prescricións dela.

b) Facúltase o alcalde do concello para acepta-la cesión, no caso de resolución favorable da consellería, nas condicións que sexan establecidas por esta e para asina-lo correspondente convenio.

2.2. Certificación expedida polo secretario xeral do concello solicitante, que acredite a constitución do corpo de policía local, conforme determina a lexislación vixente.

2.3. Memoria na que se recolla a totalidade do material e recursos con que conta o corpo de policía local na actualidade.

2.4. Memoria sobre o cadro de persoal do corpo de policía local, actualizada á data de publicación da presente orde, incluíndo as previsións de crecemento, as prazas vacantes existentes e a súa forma de cobertura.

2.5. Cuantificación, por unha parte, dos gastos correntes considerados nos orzamentos municipais de 1997 destinados ó funcionamento do corpo de policía local, e por outra banda, dos gastos do investimento dirixidos ó mesmo fin.

2.6. Relación das funcións que exerce principalmente o corpo de policía local.

3. Os defectos nas solicitudes notificarállelos ós intersados a Dirección Xeral de Xustiza e Administración local da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, concedéndoselles un prazo de dez días para emendaren erros ou omisións. Transcorrido o dito prazo, se non se producise a dita emenda, as peticións serán arquivadas sen máis trámite.

Artigo 5º.-Instrucción e resolución.

1. Recibidas as solicitudes e a súa documentación, serán analizadas polos servicios competentes da Dirección Xeral de Xustiza e Administración local da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, e emitirase o correspondente informe.

2. O director xeral de Xustiza e Administración local elevará a correspondente proposta ó conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, quen resolverá.

Artigo 6º.-Notificación.

A resolución da consellería seralles notificada ós solicitantes ós que se lles conceda a cesión dun equipo de atestados ou comunicacións, na forma prevista no artigo 59 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. De non notificarse resolución favorable no prazo de tres meses contados desde a publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, entenderase desestimada a petición correspondente.

Artigo 7º.-Aceptación.

1. O alcalde do concello beneficiario disporá dun prazo de quince días hábiles, contados a partir da recepción da resolución, para comunica-la aceptación das condicións contidas nela.

2. Transcorrido este prazo sen que se comunique a dita aceptación e, de non xustificarse suficien

temente a concorrencia de circunstancias excepcionais que impidan facelo, a Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais poderá anula-la cesión dos equipos de atestados ou comunicacións.

Artigo 8º.-Criterios de avaliación.

Na avaliación das solicitudes teranse en conta os seguintes aspectos:

a) Relación das necesidades municipais reflectidas na petición.

b) Recursos humanos cos que conta o corpo de policía do concello solicitante (cadro de persoal real de postos de traballo cubertos e vacantes), así como, se é o caso, posibles previsións de aumento do cadro de persoal.

c) Recursos materiais cos que conta o corpo de policía local do concello solicitante, así como, se é o caso, posibles previsións de adquisicións de material para o corpo de policía local con cargo ó orzamento municipal do concello solicitante.

d) Contía da consignación orzamentaria municipal do concello solicitante destinada a gastos correntes vinculados ó corpo de policía local do concello solicitante.

e) Contía da consignación orzamentaria municipal do concello solicitante destinada a gastos de investimento vinculados ó corpo de polícia local do concello interesado.

Artigo 9º.-Control.

No caso de que o beneficiario da cesión incumprise algunha das condicións ou obrigas estipuladas, a Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais anulará os beneficios concedidos solicitando a devolución dos equipos de atestados ou comunicacións. Poderase ademais, se procede, instruí-lo correspondente expediente sancionador, conforme o previsto na vixente Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Xustiza e Administración local para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 3 de marzo de 1997.

Jesús C. Palmou Lorenzo

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais

1711