Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 50 Xoves, 13 de marzo de 1997 Páx. 2.268

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 3 de marzo de 1997 pola que se clasifica como de interese sanitario a Fundación Galem.

Visto o expediente de clasificación da Fundación Galem con domicilio na Coruña.

Supostos de feito.

1. Enrique Montero Vila, en escrito do catorce de febreiro de 1997, formulou solicitude de clasificación para efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A fundación foi constituída en escritura pública outorgada na Coruña, o día vinteún de outubro de 1996, perante o notario do Ilustre Colexio da Coruña, Pablo Valencia Ces co número dous mil novecentos setenta e seis do seu protocolo, por Francisco Javier Juan García e Ofelia Barreiro Cao, interveñen no seu propio nome e dereito e Francisco Javier Juan García, ademais, como mandatario verbal, en nome e representación de Antonio Rodríguez Sotillo, Antonio Montoto Marques e Sebastián Salvador de la Barrera, esta escritura foi emendada por outra posterior, con data sete de febreiro de mil novecentos noventa e sete, perante o mesmo notario co número trescentos corenta e nove.

3. Segundo consta no artigo dous 2 dos seus estatutos, o obxecto da fundación é promove-lo desenvolvemento de campañas específicas e accións de promoción encamiñadas á prevención das lesións de medula espiñal e traumatismos cranioencefálicos na Comunidade Autónoma galega. Para isto utilizará os medios necesarios para organizar e difundi-las medidas preventivas neste campo.

4. O padroado da fundación estará constituído por Francisco Javier Juan García como presidente, Antonio Montoto Marques como vicesecretario e Sebastián Salvador de la Barrera como vocal.

5. A comisión integrada polos secretarios xerais de tódalas consellerías elevoulle ó conselleiro da Presidencia e Administración Pública proposta de clasificación como de interese sanitario da Fundación Galem, dado o seu obxecto e finalidade polo que, cumpríndose os requisitos esixidos na Lei 7/1983, do 22 de xuño, e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da lei anterior, de réxime das fundacións de interese galego, e segundo establece o artigo 32.1 e 2 do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, procede a súa clasificación como de interese sanitario e a súa adscrición á Consellería de Sanidade e Servicios Sociais.

Vista a Constitución española de 1978, o Estatuto de autonomía de Galicia (Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril); a Lei 7/1983, do 22 de xuño, e a Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da anterior,

de réxime das fundacións de interese galego, así como as demais normas de desenvolvemento e de xeral aplicación.

Fundamentos de dereito.

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía para Galicia outórgalle competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. De acordo co disposto no artigo 32.2.c) do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, correspóndelle a esta consellería a clasificación da fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

3. Á vista do que antecede, pódense considerar cumpridas as finalidades tanto legais como regulamentarias establecidas para o caso, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais, na súa reunión do día 24 de marzo de 1997.

Na súa virtude,

DISPOÑO:

Clasificar como de interese sanitario a Fundación Galem e adscribila á Consellería de Sanidade e Servicios Sociais que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

Santiago de Compostela, 3 de marzo de 1997.

Dositeo Rodríguez Rodríguez

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública

1773