Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 49 Mércores, 12 de marzo de 1997 Páx. 2.203

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E MONTES

ORDE do 24 de febreiro de 1997 pola que se establecen medidas de apoio a agrupacións e entidades para a mellora da eficacia dos sistemas productivos agrarios.

As produccións agrícolas e gandeiras enfróntanse a unha crecente competitividade, sendo as claves

a calidade e a diminución de custos. Isto obriga ás explotacións agropecuarias a incorporar novas técnicas de producción e organización e implica un incremento da demanda de servicios especializados.

A falta de programas e servicios axeitados é máis notoria nas pequenas explotacións; polo tanto, as agrupacións de agricultores e gandeiros son a vía axeitada para a realización de actividades que garantan a viabilidade das explotacións e a competencia dos productos no mercado.

Así mesmo, débense ter en conta as entidades e asociacións que desexen incrementa-la formación dos seus compoñentes para a súa intervención na incorporación de novos coñecementos e tecnoloxías que contribúan á mellora dos procesos productivos agropecuarios.

A realización dos programas de xestión, control da maquinaria de muxidura, selección e reproducción animal e vexetal, formación de técnicos e de agricultores, manexo da explotación, etc. son algunhas das actividades que permiten acada-la mellora dos sistemas productivos cunha clara repercusión na economía da explotación e que se realizan a través de agrupacións.

En consecuencia, de acordo co disposto no artigo 30.lº.3 do Estatuto de autonomía de Galicia e en uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Terán acceso ás axudas reguladas na presente orde aquelas agrupacións formalmente constituídas de agricultores ou de gandeiros que desexen realizar actividades encamiñadas á mellora da eficacia dos seus sistemas productivos e das calidades nas súas produccións e que presenten un programa de actuación, de acordo co recollido na presente orde, así como outras entidades relacionadas coa agricultura.

Artigo 2º

Os solicitantes poderán optar a axudas para as seguintes actividades:

1. Contratación do persoal técnico para a realización de programas de xestión, manexo de explotacións, reproducción e selección, sanidade animal e vexetal e, en xeral, aquelas actividades nas que o resultado sexa o desenvolvemento da explotación.

A contía da subvención, que poderá chegar ó 70% do custo do contrato, estará condicionada pola importancia do programa que vai desenvolve-lo persoal técnico, así como pola súa dedicación á agrupación.

Esta contía será como máximo do 60% do custo do contrato cando o persoal técnico fora obxecto de subvención durante un período de tempo igual ou superior a tres anos.

2. Adquisición daqueles bens e servicios necesarios para a correcta execución do programa presentado pola agrupación, asociación ou institución.

Esta subvención será ata un máximo do 35% do investimento e poderá chegar ó 75% cando as características do programa, tales como innovación, repercusión e risco asumido pola agrupación así o aconsellen e este se desenvolva en zonas desfavorecidas no sentido da Directiva 75/268.

3. Excepcionalmente poderán subvencionarse ata o 100% dos custos de execución daqueles programas que, axustándose ó recollido na presente orde, teñan unha especial importancia e repercusión no sector agrario galego, a xuízo da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes.

4. Tamén poderán subvencionarse:

4.1. Ata o 100% a realización de congresos, estudios, cursos ou conferencias destinados a formación do persoal técnico da entidade ou agrupación e sempre que se consideren de interese para o programa que se vaia executar.

4.2. Ata o 100% dos gastos das asociacións de ámbito galego, segundo o seu grao de representatividade e programa de actividades, durante o primeiro ano da creación, ou da ampliación substancial das tarefas no caso das organizacións preexistentes. Neste último caso as axudas estarán limitadas ós gastos orixinados polas novas tarefas. Esta porcentaxe de axuda diminuirá anualmente en 20 puntos e concederase durante un período máximo de 5 anos.

4.3. Poxa de gando selecto e concursos de gando en contía acorde co seu impacto na mellora gandeira e ata un máximo de 200.000 ptas., destinadas á organización e participación naqueles, non superando en ningún caso os custos por concurso e/ou poxa. Deberase presentar previamente solicitude para a súa aprobación pola consellería.

Artigo 3º

Terán prioridade para a concesión destas axudas:

1. As agrupacións de agricultores e gandeiros cun programa que teña como finalidade a consolidación ou ampliación das actuacións xa iniciadas con anterioridade e que cumpran as condicións desta orde.

2. As agrupacións de productores con problemas de comercialización que presenten programas conducentes a mellora-la calidade e competitividade dos seus productos.

3. As agrupacións con explotacións que estean situadas maioritariamente en zonas desfavorecidas ou de montaña.

a) Programas coordinados de sanidade e producción.

Artigo 4º

1. De acordo coas liñas complementarias da mellora recollidas no Plan Integral de Mellora Xenética, establécense subvencións para a realización de pro

gramas especiais encaminados á mellora coordinada da sanidade e producción do gando vacún, tales como:

a) Control de mamite.

b) Control da calidade hixiénica, microbiolóxica e de residuos no leite.

c) Desparasitación.

d) Selección a nivel de corte.

e) Control da reproducción.

Nos casos nos que se consideren programas das alíneas a) ou b) será obrigatoria a realización dun programa de mellora da calidade do leite de acordo co artigo 5º desta orde.

2. Así mesmo, poderán subvencionarse outros programas complementarios que propoñan as agrupacións, sempre que estean dirixidos ou realizados polos correspondentes técnicos que presten os seus servicios en exclusividade a estas e que aprobe a consellería.

3. As explotacións que desexen realizar un programa de reproducción, así como outros programas que precisen dunha especial dedicación dos correspondentes técnicos, deberán contar con, polo menos, 11 vacas, e 7 se se tratase de explotacións de carne.

4. A agrupación deberá aportar un disquete informático cun fichero ASCII no que se relacionan os socios, coa seguinte estructura, orde e lonxitude: CEA (numérico, 10), DNI (numérico, 8), apelidos (carácter, 30), nome (carácter, 15), nº de vacas (numérico, 3) e orientación productiva (carácter, 1; utilizando a letra C para carne e a letra L para leite).

Así mesmo, deberá aporta-las etiquetas de códigos de barras de identificación das explotacións dos socios no LIGAL, entendéndose que existe autorización daqueles para avalia-los programas de calidade do leite e dispor dos datos de análise da explotación.

No caso de explotacións incluídas no control leiteiro, o CEA, DNI, apelidos e nome deben de coincidir co titular da explotación en control leiteiro.

5. Para desenvolver estes programas, ademais das axudas recollidas nos artigos 2º e 3º da presente orde:

a) Facilitaranse doses seminais de alta calidade xenética de acordo coas ordes que, para o desenvolvemento do Plan Integral de Mellora Xenética, dicte a Consellería de Agricultura, Gandería e Montes. Non se subvencionarán por esta orde doses seminais.

b) A Consellería de Agricultura, Gandería e Montes poderá realizar nos seus laboratorios, de acordo coa capacidade destes, análises de leite, alimentos e parasitolóxicas para o desenvolvemento destes programas. No caso de que os medios de que dispoñan os correspondentes servicios da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes non foran suficientes

para atende-la demanda de análises, estas poderán realizarse noutros laboratorios, logo de solicitude e aprobación por parte dos servicios técnicos da consellería.

6. As contías das axudas serán proporcionais ós seguintes parámetros:

a) Número de explotacións leiteiras incluídas e vacas nos programas, e proporción delas por técnico empregado.

b) Porcentaxe de explotacións leiteiras incluídas no control leiteiro. Non se subvencionará ningún programa que non acade, polo menos, o vinte por cento.

c) Grao de execución, se é o caso, dos programas en anos anteriores.

7. A execución de tódolos programas, así como a toma de datos e envío periódico de informes, farase segundo protocolos establecidos polos servicios técnicos da Subdirección Xeral de Sanidade e Producción Animal da consellería. As xustificacións presentaranse nos seus servicios provinciais, nos prazos sinalados para o efecto, utilizando os modelos dispoñibles nelas.

8. A Consellería de Agricultura, Gandería e Montes poderá establece-los índices e baremos que crea oportunos para a mellor instrumentación do disposto neste artigo.

b) Programas de mellora da calidade do leite.

Artigo 5º

Como apoio concreto á realización de programas de mellora da calidade do leite, a Consellería de Agricultura, Gandería e Montes fomentará aquelas actividades conducentes a un correcto uso e mantemento da maquinaria de muxidura e a divulgación das técnicas de prevención e detección de enfermidades, fundamentalmente mamite.

Nos programas deberá prestarse especial atención ó cumprimento da normativa vixente en materia de instalacións de muxidura polos equipos instalados nas explotacións obxecto daqueles.

As entidades que se acollan ós programas de mellora da calidade do leite deberán facer unha solicitude independente da do resto dos programas recollidos nesta orde. A solicitude limitarase ás explotacións que dispoñan, ademais, de tanques de refrixeración do leite.

Artigo 6º

As axudas para levar a cabo as actuacións previstas no artigo 5º serán as seguintes:

a) Axudas para a contratación do persoal e adquisición dos bens e servicios necesarios na agrupación para o asesoramento e divulgación das prácticas correctas no manexo e utilización de equipos de muxidura e refrixeración de leite, de acordo co previsto no artigo 2, puntos 1 e 2.

b) Subvención de ata o 20% (30% en zonas desfavorecidas no sentido da Directiva 75/268) do custo dos investimentos necesarios para adecua-lo equipo de muxidura á normativa técnica vixente naquelas explotacións que, como consecuencia do desenvolvemento do programa, puxeran de manifesto deficiencias neste sentido. A solicitude desta axuda deberá acompañarse do informe técnico xustificativo do incumprimento da normativa (testaxe) e das facturas pro forma dos equipos que se van instalar, para cada explotación, e presentada pola agrupación responsable do programa.

c) A Consellería de Agricultura, Gandería e Montes poderá facilita-la formación e perfeccionamento dos técnicos participantes nos programas de mellora da calidade do leite e, en particular, dos especializados no control de instalacións de muxidura, por proposta das agrupacións colaboradoras no programa.

d) A Consellería de Agricultura, Gandería e Montes poderalles facilitar ós controladores autorizados que executen os programas presentados polas distintas agrupacións unha aplicación informática para o tratamento dos resultados das testaxes de equipos de muxidura, co fin de facilitárlle-lo o asesoramento ás explotacións.

Artigo 7º

As entidades que se acollan ás axudas para a realización dun programa de control de puntos de muxidura comprométense a aportar persoal suficientemente capacitado, a xuízo da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, para a realización do programa e dotalo dos medios necesarios para levalo a cabo.

No caso de que unha explotación se encontre incluída dúas o máis veces na solicitude presentada por unha ou varias agrupacións, excluirase do programa. Excepcionalmente, e en casos xustificados, poderá manterse a explotación nun programa, e sempre unha soa vez, por petición conxunta da agrupación e do titular da explotación.

Así mesmo, a Consellería de Agricultura, Gandería e Montes poderá denega-las axudas correspondentes á testaxe no caso de que da análise da folla de control correspondente ó ano actual e da relativa á campaña ou campañas anteriores ou inspeccións sobre o terreo se poida deducir que non se adoptaron ás medidas recomendadas como consecuencia do control.

En calquera caso, os técnicos que leven a cabo o control das instalacións deberán estar en posesión dun certificado expedido pola Unidade de Tecnoloxía da Muxidura, da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, no que se acredite a súa capacidade para realiza-lo control.

De igual modo, tódolos aparellos do equipo de control deberanse contrastar polo menos unha vez ó ano na citada Unidade de Tecnoloxía da Muxidura, e disporase dun certificado do seu bo funcionamento no momento de inicia-lo programa.

Artigo 8º.-Documentación específica para programas de calidade de leite.

1. Xunto coa solicitude e documentación prevista no artigo 10º, as entidades que se acollan ás axudas para a mellora da calidade do leite a través do control de puntos de muxidura presentarán:

a) Un disquete de 3 1/2'', alta densidade, ficheiro en base de datos Dbase III plus ou Dbase IV, coa estructura indicada no anexo II ou, se é o caso, no formato da aplicación AGRUPA, facilitada pola consellería, antes de inicia-la execución do programa, no que se inclúan os datos das explotacións acollidas ó programa.

b) As entidades que se acollan ás axudas previstas na alínea b) do artigo 6º deberán presentar, ademais, unha relación das explotacións dos socios especificando individualmente os elementos da maquinaria de muxidura que se van substituír, investimento necesario e copia da folla de control do equipo de muxidura na que figura a recomendación de substitución do elemento correspondente.

2. No momento da xustificación da execución dos programas, as entidades que se acollan ás axudas para a mellora da calidade do leite presentarán nos servicios provinciais de Axudas Estructurais, ademais da documentación xeral do artigo 10º, a seguinte:

a) Resultados de testaxe de tódalas instalacións de muxidura controladas, de acordo co anexo III (control de instalación de muxidura), no que obrigatoriamente se fará consta-lo nome do controlador autorizado por la Unidade de Tecnoloxía da Muxidura e os números asignados pola dita unidade ós equipos de control de instalacións que realizaron a testaxe.

b) Disquete de 3 1/2'', alta densidade, ficheiro en base de datos Dbase III plus ou Dbase III, coa estructura indicada no anexo lI ou, se é o caso, no formato da aplicación AGRUPA facilitada pola Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, cos datos das explotacións nas que se realizou efectivamente o programa.

c) Se é o seu caso, (aplicación Testaxes) soporte magnético cos resultados técnicos das testaxes dos equipos de muxidura.

d) Facturas orixinais ou compulsadas dos bens ou servicios adquiridos para levar a cabo o programa.

Artigo 9º

A Consellería de Agricultura, Gandería e Montes poderá apoiar, por instancia das agrupacións interesadas, a realización de programas especiais de calidade de leite, cun maior grao de compromiso daquelas, e que incorporen, a partir dos resultados de análise de calidade, novas actuacións coordinadas e intensivas (ACI) nas explotacións, así como un maior aporte de información, sempre coas directrices

establecidas ou que estableza a dirección xeral de Producción Agropecuaria e Industrias Agroalimentarias.

c) Solicitudes.

Artigo 10º

Tódalas solicitudes se presentarán, preferentemente, nas delegacións provinciais de Consellería de Agricultura, Gandería e Montes ou na forma prevista no artigo 38 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común dentro dos 30 días naturais contados a partir do seguinte ó da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia de acordo co modelo do anexo I.

Ás solicitudes xuntaráselle, ademais do referido na documentación estatística específica de cada programa, o seguinte:

1. Acta de constitución da entidade.

2. Relación nominal de socios titulares das explotacións que participen no programa e disquete AGRUPA.

3. Código de identificación fiscal e certificado de conta bancaria da entidade.

4. Programa de actuación que se pretende desenvolver, obxectivos e orzamento pormenorizado do programa e prazo de execución.

5. Contrato dos técnicos responsables da súa execución, se é o caso.

6. Declaración xurada de exclusividade dos técnicos responsables dos programas de mellora coordinada da sanidade e producción de gando vacún.

7. Factura pro-forma dos equipos que se van adquirir, se é o caso.

A resolución do expediente correspondelle ó conselleiro, por proposta do director xeral de Producción Agropecuaria e Industrias Agroalimentarias, logo de informe da delegación provincial, se é o caso.

d) Xustificación.

Artigo 11º

As actuacións previstas nos programas aprobados remataranse antes do 31 de outubro de 1997.

A agrupación beneficiaria comunicaralle a finalización da execución do programa preferentemente á Delegación Provincial da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes e xuntará os xustificantes de investimento e, en todo caso, unha memoria explicativa sobre a realización do programa antes da data indicada no parágrafo anterior.

Poderá concederse prórroga para a execución do programa se as características deste así o aconsellan.

A contía total das axudas poderá satisfacerse de acordo co nivel de execución do programa subvencionado, logo de comprobación por parte dos ser

vicios correspondentes da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes.

O incumprimento dos programas propostos suporá a perda total ou parcial da axuda, así como a obriga de restituí-las cantidades percibidas, sen prexuízo doutras responsabilidades en que puidesen incorre-los beneficiarios.

Para poder percibi-la axuda, a agrupación beneficiaria terá que acreditar que se encontra ó día das súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

Artigo 12º

As agrupacións con programas de mellora da eficacia dos sistemas productivos das explotacións, presentados e aprobados no marco do establecido na presente orde e que esixan para a súa execución a contratación de persoal técnico especializado con dedicación exclusiva a eles, poderán acollerse ás axudas previstas no Real decreto 204/1996 sobre mellora da estructura das explotacións agrarias para as agrupacións de xestión de explotacións no relativo á contratación de persoal técnico. Nese caso a axuda concedida no marco do Real decreto 204/1996 poderá complementarse coa prevista nesta orde sen superar entre ámbalas dúas a contía establecida no artigo 2º.1 desta.

Artigo 13º

As axudas que se deriven da aplicación do exposto na presente orde financiaranse con cargo ós siguientes conceptos orzamentarios dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1997.

a) 09.03.613-A.773.0 «Sanidade e mellora xenética. Apoio a cooperativas»: 88.000.000 de ptas.

b) 09.03.613-A.760.0 «Sanidade e mellora xenética. Apoio a entidades asociativas»: 2.000.000 de ptas.

c) 09.03.614-A.773.0 «Apoio a eficacia dos sistemas productivos»: 50.000.000 de ptas.

d) 09.03.614-A.782.0 «Mellora e eficacia dos sistemas productivos»: 50.000.000 de ptas.

e) 09.03.731-A.770.0 «Axudas a explotacións e cooperativas do sector lácteo»: 50.000.000 de ptas.

Disposición derradeira

Facúltase o director xeral de Producción Agropecuaria e Industrias Agroalimentarias para dicta-las normas precisas para o desenvolvemento desta orde, que entrará en vigor o día siguiente ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 24 de febreiro de 1997.

Tomás Pérez Vidal

Conselleiro de Agricultura, Gandería e Montes

1675