Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 49 Mércores, 12 de marzo de 1997 Páx. 2.203

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

DECRETO 45/1997, do 20 de febreiro, polo que se declara a urxente ocupación de bens e dereitos co obxecto de impoñe-la servidume de paso para o establecemento e conservación da liña eléctrica aérea, a 20 KV trazada entre a L.M.T. ó C.T. de Lombeira ata o centro transformador que se proxecta en Quemaidiña-Matamá, concello de Salvaterra do Miño, provincia de Pontevedra. (Expediente 112/1991).

Unión Eléctrica-Fenosa, S.A., con enderezo para efectos de notificacións na r/ Severo Ochoa nº 2 da Coruña, solicitou desta consellería, a concesión dos beneficios de expropiación forzosa e a declaración de urxente ocupación dos terreos afectados pola execución do proxecto de construcción da liña eléctrica aérea, a 20 KV, de 590 m de lonxitude, con conductores tipo LA-30 e tomas de terra, desde un apoio que se vai substituír da L.M.T. ó C.T. de Lombeira ata o centro transformador que se proxecta en Quemaidiña, concello de Salvaterra do Miño (Pontevedra). (Expediente 112/1991).

A dita instalación autorizouse, e declarouse de utilidade pública por resolución da Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio de Pontevedra do 18-10-1991, a cal foi obxecto de publicación, inseríndose no DOG do 11-11-1991, no BOP de Pontevedra do 3-1-1992, e no BOE do 3-4-1996. Coa mesma data foi aprobado o seu proxecto de execución.

A solicitude de urxente ocupación fíxose de acordo co disposto no artigo 31 do regulamento que desenvolve a Lei 10/1966, do 18 de marzo, de expropiación forzosa e sancións en materia de instalacións eléctricas, aplicable ó presente expediente en virtude do establecido polo apartado 2 da disposición transitoria segunda da Lei 40/1994, do 30 de decembro, de ordenación do sistema eléctrico nacional.

Os anuncios de información pública aberta en función desta petición, coa relación de interesados, bens e dereitos afectados, publicáronse no DOG do 21-8-1996, no BOP de Pontevedra do 23-8-1996, no xornal Faro de Vigo do 24-8-1996, e no taboleiro de anuncios da Casa do Concello de Salvaterra de Miño e no da delegación provincial, ó mesmo tempo, na forma regulamentaria, notificóuselle individualmente a cada un dos interesados que figuran na dita relación.

A tramitación do expediente fíxose de acordo coa Lei 10/1966, do 18 de marzo, e co seu regulamento de aplicación, aprobado polo Decreto 2619/1966, do 20 de outubro; durante o período en que se someteu a trámite de información pública non se formulou ningunha alegación de oposición á expropiación.

Unha vez efectuada, por técnicos da delegación provincial da Consellería de Industria e Comercio de Pontevedra, a inspección sobre o terreo, seguindo o trazado aprobado para a instalación desta liña, púidose comprobar que nos bens afectados, sobre os que se solicitan os beneficios de expropiación,

para os efectos da servidume, non se dan os supostos prohibitivos previstos nos artigos 6 da Lei 10/1966, do 18 de marzo, e 25 do Decreto 2619/1966, nin lle son de aplicación as limitacións do artigo 26 do dito decreto.

Estímase xustificada a urxente ocupación solicitada pola compañía Unión Eléctrica-Fenosa, S.A. xa que con esta liña preténdese subministrar de enerxía ó centro transformador que se proxecta en Quemaidiña, co fin de poder garanti-las máximas condicións de seguridade da subministración, estabiliade da rede e maila regularidade do servicio na dita zona, e debido a que a imposición da servidume de paso, polo procedemento ordinario, faría imposible cumpri-los prazos previstos para estas instalacións.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Industria e Comercio e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinte de febreiro de mil novecentos noventa e sete,

DISPOÑO:

Artigo único.-Para os efectos previstos na Lei 10/1966, do 18 de marzo, de expropiación forzosa e sancións en materia de instalacións eléctricas, e no seu regulamento de aplicación, aprobado polo Decreto 2619/1966, do 20 de outubro, declárase urxente a ocupación de terreos e bens gravados coa servidume de paso imposta co alcance previsto no artigo 4 da lei citada, para realiza-la instalación proxectada e proposta por Unión Eléctrica-Fenosa, S.A., da liña eléctrica aérea dende un apoio a substituir da L.M.T. ó C.T. de Lombeira ata o centro transformador que se proxecta en Quemaidiña.

Os bens e dereitos a que afecta esta disposición sitúanse no termo municipal de Salvaterra do Miño (Pontevedra) e son tódolos que figuran na relación presentada pola empresa solicitante dos beneficios de expropiación, que consta no expediente, o cal se someteu a información pública na forma e datas anteriormente descritas.

Santiago de Compostela, vinte de febreiro de mil novecentos noventa e sete.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Antonio Couceiro Méndez

Conselleiro de Industria e Comercio

1598