Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 47 Luns, 10 de marzo de 1997 Páx. 2.121

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 18 de febreiro de 1997, da Secretaría Xeral para o Deporte, pola que se ratifica a modificación dos estatutos da Federación Galega de Ximnasia.

Visto os estatutos da Federación e a acta de aprobación da súa asemblea xeral extraordinaria do 30-7-1996.

Visto o informe da Sección de Rexistro de Clubs e Asuntos Xurídicos, a Orde do 28 de xullo de 1995 de desenvolvemento do Decreto 228/1994, do 14 de xullo, regulador das federacións deportivas galegas, a Lei 10/1990, xeral do deporte e demais normativa aplicable,

RESOLVO:

Ratificar con efectos desde a aprobación da súa asemblea os estatutos aprobados de conformidade

co artigo 8 da Orde do 28 de febreiro de 1995 e autoriza-la publicación dos estatutos no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 18 de febreiro de 1997.

Eduardo Lamas Sánchez

Secretario para o Deporte

Proposta de modificación dos estatutos da Federación Galega de Ximnasia

Artigo 4º

A Federación Galega de Ximnasia, dentro da súa actividade na Comunidade Autónoma de Galicia, ademais das súas funcións propias de promoción, goberno, administración, xestión e organización da ximnasia, exercerá, baixo a coordinación e tutela da Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, as seguintes funcións públicas de carácter administrativo:

a) A promoción e divulgación da ximnasia en tódalas súas facetas.

b) Encamiña-los deportistas á práctica da ximnasia mediante os oportunos cursos de iniciación, formación e perfeccionamento.

c) Apoiar técnica e administrativamente a práctica da ximnasia velando ante os organismos competentes polo apoio a este deporte dentro de Galicia.

d) Cualificar e organiza-las actividades e competicións deportivas oficiais de ámbito autonómico galego.

e) Exerce-la potestade disciplinaria sobre os integrantes da federación nos termos previstos pola lei.

f) Exerce-lo control das subvencións que asignen ás asociacións e entidades deportivas nas condicións que fixe a Secretaría Xeral para o Deporte.

g) Executar, se é o caso, as resolucións do Comité Galego de Disciplina Deportiva.

h) Formación de técnicos e xuíces e o seu perfeccionamento permanente.

i) Calquera outra que lle sexa atribuída pola lexislación vixente ou que acorde no ámbito da súa competencia a asemblea xeral.

Os actos realizados pola Federación Galega de Ximnasia no exercicio das funcións públicas de carácter administrativo son susceptibles de recurso ante o conselleiro da Presidencia e Administración Pública; as súas resolucións esgotan a vía administrativa.

Artigo 5º

O domicilio social da FGX establécese na localidade de residencia do seu presidente, que deberá ser notificada ós afiliados e á Secretaría Xeral para o Deporte. Para o traslado do domicilio a outra localidade, que deberá ser sempre dentro do territorio da Comunidade Autónoma galega, será necesario o acordo maioritario da asemblea xeral reunida en

asemblea extraordinaria. Estableceranse catro delegacións, unha por cada provincia.

Artigo 8º

A integración na FGX producirase mediante a expedición por parte desta da correspondente licencia federativa ou documento de afiliación ou inscrición. A dita expedición será acordada pola xunta directiva da FGX.

Contra a denegación, que deberá ser motivada, caberá recurso ante a asemblea xeral, en primeira instancia.

En todo caso, para participación en actividades ou competicións deportivas oficiais de ámbito autonómico será preciso estar en posesión de licencia ou documento de afiliación expedido pola FGX.

Artigo 11º

As delegacións axustarán a súa actividade ás normas dictadas pola FGX a través dos órganos que correspondan.

Artigo 12º

Os titulares das delegacións serán nomeados ou destituídos polo presidente da FGX, de acordo co artigo 32º dos presentes estatutos.

A composición do equipo directivo da delegación e a competencia del, reflectirá, na medida do posible, a da propia FGX.

Artigo 14º

1. Serán órganos electivos da FGX o presidente, a asemblea xeral e a comisión delegada no ámbito das súas respectivas competencias.

Os membros dos demais órganos e comités serán designados e revogados libremente polo presidente coas excepcións previstas nos presentes estatutos e na normativa vixente.

2. O nomeamento ou renovación dos membros dos órganos de goberno e representación, dos órganos complementarios, e dos comités que puidesen crearse dentro da federación, deberán ser comunicados a tódolos membros da asemblea xeral e a Secretaría Xeral para o Deporte nun prazo máximo de 15 días a partir da data do nomeamento.

3. Os órganos de goberno e representación reuniranse na forma e termos establecidos nestes estatutos; os seus acordos, salvo disposición expresa que dispoña o contrario, acordaranse por maioría simple; en caso de empate, o presidente terá voto de calidade. Os acordos poderán ser impugnados de conformidade co disposto na lexislación aplicable e nos presentes estatutos.

4. A responsabilidade dos membros dos órganos da federación no exercicio das súas funcións será exisida no ámbito disciplinario de conformidade co disposto no Real decreto 1591/1992, do 23 de decembro, e nos ámbitos civil e penal de acordo coa lexislación xeral de aplicación.

5. Son requisitos xerais para ser membro de calquera órgano da Federación Galega de Ximnasia, sen prexuízo do establecido regulamentariamente, os seguintes:

a) Te-la condición de cidadán de Galicia, segundo o disposto no artigo 3 da Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, do Estatuto de autonomía de Galicia.

b) Ser maior de idade e estar en pleno uso dos dereitos civís.

c) Non estar suxeito a corrección disciplinaria de carácter deportivo que o inhabilite.

d) Non ter sido condenado mediante sentencia penal firme que leve anexa pena principal ou accesoria de inhabilitación absoluta ou especial para cargo público.

e) Non estar incurso en ningunha causa de incompatibilidade establecida legalmente ou nos presentes estatutos.

f) Reuni-los requisitos específicos propios de cada estamento deportivo.

Artigo 15º

A asemblea xeral é o órgano superior de goberno e representación da FGX, no que estarán representados os seguintes estamentos:

a) Deportistas.

b) Entidades deportivas inscritas no Rexistro de Clubs, Federacións e Entidades Deportivas da Xunta de Galicia e no Rexistro de Clubs da FGX.

c) Xuíces.

d) Técnicos.

e) Outros colectivos.

Artigo 16º

A asemblea xeral está constituída polo presidente da FGX e polos representantes dos estamentos recollidos no artigo anterior, tendo estes últimos a condición de electores e elixibles se reúnen as seguintes condicións:

a) Os deportistas maiores de idade en pleno exercicio dos seus dereitos civís, que teñan licencia en vigor, expedida ata o momento da convocatoria das eleccións e a tiveran durante a tempada deportiva anterior, sempre que participasen en competicións ou actividades da correspondente modalidade.

b) As entidades deportivas inscritas na FGX, nas mesmas circunstancias cás sinaladas no apartado anterior.

c) Os xuíces de calquera dos cinco colectivos, ximnasia artística masculina, ximnasia artística feminina, ximnasia rítmica deportiva, trampolín e aeróbic, que integran esta FGX, nas mesmas circunstancias que as sinaladas no parágrafo a).

d) Os técnicos con titulación oficialmente recoñecida de cada un dos colectivos que corresponden a cada unha das cinco modalidades de ximnasia,

nas mesmas circunstancias que as sinaladas no parágrafo a).

e) Outros colectivos conformados polos membros da Escola Galega de Ximnasia.

Poderán asistir ás reunións da asemblea con dereito a voz e sen voto:

-Os compoñentes da xunta directiva que non o sexan da asemblea xeral.

-Un representante de cada un dos colectivos de xuíces, de adestradores e de ximnastas que non teñan representación no estamento correspondente, e que reúnan as condicións sinaladas no parágrafo a).

Artigo 17º

A representación na asemblea xeral dos distintos estamentos, de acordo co establecido no artigo 15º destes estatutos, responderá ás seguintes proporcións:

-Deportistas 10%

-Entidades deportivas 70%

-Xuíces 5%

-Técnicos 5%

-Outros colectivos 10%

Artigo 25º

Non será admisible en modo ningún para a formación da vontade dos órganos colexiados da FGX nin para o establecemento do seu quórum o voto por correo nin a delegación de voto, e será por tanto, necesaria a presencia física dos seus membros. Exceptúanse as eleccións dos membros da asemblea xeral, se así se aprobase no Regulamento electoral.

As entidades poderán ser representadas de conformidade cos seus propios estatutos.

Ninguén poderá ter na asemblea xeral máis dunha delegación de voto.

Artigo 34º

O desempeño do cargo de presidente será causa de incompatibilidade coas seguintes actividades:

a) Ocupación de cargos federativos noutras federacións deportivas; agás a Real Federación Española de Ximnasia.

b) Desenvolvemento de actividades ou desempeño de cargos en asociacións deportivas, ou clubs dependentes integrados na FGX.

c) A persoa que resulte elixida como presidente da FGX deberá cesar en todo tipo de actividades directivas no deporte específico e no ámbito territorial da federación.

Non existirá incompatibilidade, en ningún caso, coa práctica activa do deporte.

Artigo 43º

1. A federación creará, logo de aprobación pola asemblea xeral, polo menos as seguintes comisións:

a) Os comités de disciplina deportiva: Comité de Competición ou Xuíz Único e Comité de Apelación.

b) Comité de Xuíces-Árbitros.

c) Escola Galega de Ximnasia.

d) Un comité técnico por cada modalidade ximnástica, coa función de elaborar e presenta-los programas técnicos para a súa aprobación pola asemblea xeral:

-Comité Técnico de Ximnasia Rítmica Deportiva.

-Comité Técnico de Ximnasia Artística masculina.

-Comité Técnico de Ximnasia Artística feminina.

-Comité Técnico de Trampolín.

-Comité Técnico de Aeróbic.

Tódalas comisión rexeranse polos seus respectivos regulamentos internos e, se é o caso, pola normativa nacional unificada e emanada da federación española da mesma modalidade, pola lexislación aplicable e polo disposto nos presentes estatutos.

Tódolos presidentes dos comités serán nomeados polo presidente da FGX, agás os dos comités técnicos, que serán nomeados polos seus respectivos colectivos.

Artigo 55º

Os representantes das entidades deportivas na asemblea xeral serán elixidos por e entre os representantes dos que integran o censo de entidades deportivas inscritas no rexistro público da FGX e no Rexistro de Clubs, Federacións e Asociacións Deportivas da Xunta de Galicia, no momento da convocatoria das eleccións e estivesen igualmente inscritos durante a tempada deportiva anterior, e participasen en competicións ou actividades de carácter oficial organizadas pola FGX ou pola Real Federación Española da mesma modalidade coa intervención ou aprobación daquela.

Artigo 57º

Os representantes dos técnicos-adestradores e dos xuíces-árbitros na asemblea xeral serán elixidos por e entre os pertencentes a cada estamento, que teñan licencia en vigor no momento da convocatoria das eleccións e tamén a tivesen, como mínimo, na tempada deportiva inmediatamente anterior.

97-1579