Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 46 Venres, 07 de marzo de 1997 Páx. 2.098

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 9 de decembro de 1996, da Delegación Provincial de Lugo, pola que se fai pública a declaración de impacto ambiental do proxecto de explotación da canteira Pinel.

En cumprimento do disposto no artigo 5 do Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación do

impacto ambiental para Galicia, faise público o acordo da Comisión Galega de Medio Ambiente, do 7 de novembro de 1996, polo que se formula a declaración de impacto ambiental do proxecto de explotación da canteira de áridos denominada Pinel, sita no concello da Pobra de Brollón (Lugo), promovido por Áridos y Hormigones Pomar, S.L., que se transcribe como anexo a esta resolución.

Lugo, 9 de decembro de 1996.

Jesús Bendaña Suárez

Delegado provincial de Lugo

Acordo do 7 de novembro de 1996, da Comisión Galega do Medio Ambiente, polo que se formula a declaración de impacto ambiental do proxecto de explotación da canteira de áridos denominada Pinel, sita en terreos do concello da Pobra de Brollón, provincia de Lugo, promovido por Áridos y Hormigones Pomar S.L.

No Decreto 442/90, do 13 de setembro, de avaliación de impacto ambiental para Galicia (DOG do 25 de setembro de 1990), da Consellería da Presidencia e Administración Pública da Xunta de Galicia, establécese a obriga de formular declaración de impacto ambiental (DIA) con carácter previo á resolución administrativa que debe adopta-lo órgano substantivo para a autorización da actividade obxecto do proxecto.

O proxecto consiste nunha explotación dunha canteira para a extracción de cuarcita con destino a infraestructuras e construcción en xeral.

O anexo I contén un resumo do proxecto de explotación e das medidas correctoras e protectoras propostas no estudio de avaliación do impacto ambiental.

En cumprimento do establecido no artigo 5, punto 3º do Decreto 442/90, do 13 de setembro, de avaliación do impacto ambiental para Galicia, e con data do 18 de outubro de 1995, someteuse a información pública, durante 30 días, o estudio de impacto ambiental.

Con data do 22 de novembro de 1995 ten entrada na Delegación da Consellería de Industria e Comercio escrito de alegacións, remitidas polo Colectivo Ecoloxista para a Defensa da Natureza (Cedenat), no que se solicita a elaboración dun novo estudio de impacto ambiental con base nas deficiencias que consideran que presenta a documentación avaliada.

Nas cuestións máis relevantes, as devanditas alegacións foron recollidas nos informes dos distintos organismos que serviron na formulación da presente declaración.

Consúltanse, así mesmo, as direccións xerais de Industria, Calidade Medioambiental e Urbanismo, Montes e Medio Ambiente Natural, Saúde Pública e Patrimonio Histórico e Documental.

O resultado das consultas realizadas encóntrase contido no anexo II da presente declaración.

Recibidos os resultados do trámite de información pública e das consultas realizadas, e como consecuencia do informe da Dirección Xeral do Patrimonio Histórico e Documental, solicítase do promotor a realización dunha prospección arqueolóxica da zona directamente afectada pola explotación proxectada. O informe da devandita prospección conclúe que o impacto da actividade extractiva proposta sobre o patrimonio arqueolóxico desta pode cualificarse como nulo.

Completa a tramitación, a Comisión Galega do Medio Ambiente, no exercicio das competencias que lle concede o Decreto 442/90, formula a DIA do proxecto de explotación da canteira de áridos denominada Pinel.

O órgano substantivo para este proxecto é a Consellería de Industria e Comercio da Xunta de Galicia, e o órgano ambiental a Comisión Galega do Medio Ambiente.

Declaración de impacto ambiental

Examinada a documentación presentada, a Comisión Galega do Medio Ambiente establece pola presente declaración de impacto ambiental as seguintes condicións, ademais das incluídas no estudio de impacto ambiental, de forma que se asegure a minoración dos posibles efectos ambientais negativos, co fin de que a realización do proxecto poida considerarse ambientalmente viable.

A presente declaración refírese, en exclusiva, ás actuacións mineiras de explotación e instalacións comprendidas dentro da área xeográfica, que cunha superficie total de 10 ha, vén definida nos planos do proxecto de referencia.

Para outras zonas ou áreas que se vaian explotar precisaríase unha nova declaración.

1.-Protección da atmosfera.

1.1.-Considerando que a zona onde se sitúa a explotación se atopa relativamente próxima ás parroquias de Cabo e Pinel, a uns 500 m e 800 m respectivamente, e co fin de evita-los posibles efectos negativos que sobre ambas puidese te-lo po xerado pola explotación adoptaranse as medidas necesarias de forma que no lugar máis próximo de Cabo, os niveis de partículas sedimentables non superen os límites establecidos polo Decreto 833/75 de 300 mg/m (concentración media en 24 h.).

As medicións realizaranse en puntos fixos, sempre os mesmos, e en condicións atmosféricas desfavorables para os receptores.

1.2.- En canto á protección contra o ruído, e dada a proximidade do devandito núcleo rural, adoptaranse as medidas preventivas axeitadas, de forma que os niveis de inmisión sonora, medidos a 2 m das fachadas da liña de casas máis próxima á zona de explotación, non superen os 65 dB (A) leq, entre as 8 e as 21 horas, e os 55 dB (A), leq, entre as 21 horas e as 8 horas.

2.-Protección do solo.

As provisións da terra vexetal procedente do recubrimento dos terreos ocupados situaranse en zonas da explotación, convenientemente drenadas, onde sexa menos probable a súa deterioración por erosión eólica e hídrica e non poidan ser afectados pola circulación da maquinaria, non se poderán mesturar con provisións de estériles.

Así mesmo e co fin de que a terra vexetal non perda as súas cualidades fisicoquímicas e de capacidade biolóxica, e no caso de non ser utilizada para a reconstrucción do solo nun curto espacio de tempo (menos dun ano), procederase á súa conservación mediante unha sementeira de sementes, con predominio de leguminosas, e engadindo mulch.

3.- Protección da paisaxe.

Dado que a zona onde se proxecta situa-la explotación resulta visible desde unha ampla conca e co fin de minora-lo impacto paisaxístico, procederase a interceptar, no posible, desde o comenzo da explotación as visuais que partan tanto de núcleos de poboación como desde as estradas próximas á zona de actuación, con pantallas vexetais formadas a partir de especies arbustivas e arbóreas presentes no contorno.

Así mesmo, respectarase en todo momento aquela vexetación que, atopándose nos límites da explotación, sirva como pantalla visual e acústica e como barreira contra o po.

4.-Restauración.

O plan de restauración proposto considérase axeitado e deberá porse en práctica e levarse a cabo seguindo o calendario proposto tal e como consta no documento presentado; non obstante e dado que non parece axeitada a plantación na zona do álamo negro (populus nigra), entre as especies elixidas tanto na revexetación como na implantación da pantalla visual, dado que o lugar afectado pola canteira non reúne as condicións de hidromorfia edáfica que require tal planifolio para arraigar, procederase a substituír a devandita especie por outra máis acorde coas características da zona.

5.-Documentación adicional.

O promotor da explotación remitiralle á Comisión Galega do Medio Ambiente, a través do órgano substantivo e nos prazos sinalados, a documentación que a continuación se relaciona:

5.1.-Nun prazo non superior a 3 meses a partir de serlle notificado o contido da presente declaración:

* Medidas que se van adoptar para mitiga-lo impacto paisaxístico de acordo co reflectido no punto 3 da presente declaración.

* Custo das medidas correctoras e protectoras que resulten da aplicación da presente declaración.

6.2.-Nun prazo non superior a 3 meses a partir do comezo dos traballos de explotación:

* Un mapa de ruídos que abrangue un radio non inferior a 800 m coa actividade en pleno funcionamento. Punto obrigado de referencia serán as vivendas próximas.

6.3.-Anualmente e ata a finalización dos traballos de explotación:

* Resultado das medicións dos niveis de inmisión de partículas sedimentables e de partículas en suspensión, de acordo co exposto no punto 1.1 da presente declaración, e medidas correctoras propostas no caso de supera-los citados límites.

* Informe sobre a calidade das augas procedentes do sistema de decantación, basado na análise de mostras de auga por laboratorio autorizado.

* Reportaxe fotográfica sobre as medidas correctoras e protectoras levadas a cabo no correspondente ano e cronograma das accións de restauración previstas para o vindeiro ano, de acordo coa planificación prevista no estudio presentado.

5.-Condicións adicionais.

5.1.-O órgano substantivo fixará un aval para garanti-lo cumprimento do plan de restauración e que poderá ser acumulativo se se considera axeitado.

5.2.-As condicións indicadas nesta declaración de impacto ambiental (DIA) son de obrigado cumprimento para o promotor.

Nembargantes, a empresa promotora poderá solicitarlle ó órgano ambiental a revisión das medidas indicadas co obxecto de modificalas ou cambialas por outras, naqueles supostos que tecnoloxicamente presentasen graves deficiencias para a súa implantación ou implicasen modificacións importantes na actividade, e sempre e cando as novas medidas propostas permitan acada-los obxectivos e fins que se indican na presente declaración.

Nesta circunstancia, a empresa promotora solicitarao á Comisión Galega de Medio Ambiente, achegando documentación técnica que xustifique as novas medidas propostas. Estas solicitudes remitiranse tres meses despois de serlle enviada a presente declaración polo órgano substantivo. Unha vez recibida a solicitude e documentación mencionadas, o órgano ambiental avaliaraas, e comunicaralle o acordo adoptado á empresa promotora.

5.3.-Se unha vez emitida esta declaración, se manifestase algún outro tipo de impacto, severo ou crítico sobre o medio ambiente, o órgano substantivo, por propia iniciativa ou por solicitude da Comisión Galega de Medio Ambiente, poderá suspender cautelarmente a actividade ata determina-las causas que xeren os mencionados impactos, e se corrixan as mesmas.

5.4.-Do mesmo xeito, o incumprimento total ou parcial por parte do promotor dos labores de restauración previstas, será causa suficiente para que se proceda ó peche cautelar e a adopta-las medidas oportunas en cumprimento da legalidade vixente.

5.5.-O presente acordo, adoptado por esta comisión, non exime o promotor de solicitar tódolos permisos necesarios ós organismos competentes, para levar a cabo modificacións na actividade.

5.6.-O promotor queda obrigado a cumprir tódalas disposicións que se dicten con posterioridade, en relación con este tipo de actividades.

Santiago de Compostela, 7 de novembro de 1996.

José Luis Aboal García-Tuñón

Secretario xeral da Comisión Galega

de Medio Ambiente

Visto bueno

Dositeo Rodríguez Rodríguez

Presidente da Comisión Galega

de Medio Ambiente

ANEXO I

Resumo do proxecto de explotación e das medidas correctoras e protectoras propostas no estudio

de avaliación de impacto ambiental

Proxecto de explotación.

O proxecto consiste na explotación dunha canteira para a extracción de cuarcita con destino a infraestructuras, situada no lugar de Repil, parroquia de Pinel, concello da Pobra de Brollón, provincia de Lugo, e na que o promotor proxecta a extracción de áridos na contía dunhas 200.000 tm/ano, ó longo duns 15 anos.

A explotación realizarase a ceo aberto, por banqueo, efectuándose o arranque mediante perforación e voaduras. A superficie total afectada é dunhas 10 ha, das que 6 serán para a explotación propiamente dita, 1 para viais e 3 para instalacións.

A materia prima será tratada, a pe de explotación, na planta de trituración e clasificación. Dado que o aproveitamento se considera dun 95%, e que o material restante será aproveitado para saburras, non se producirá almacenamento ningún de estériles.

Medidas correctoras e protectoras.

Sobre a atmosfera.-Incorporación ó carro perforador dun filtro captador de po. Rego da praza da canteira, moreas de material e pistas. Dotación á planta de trituración e clasificación dun sistema de difusores. Axuste da composición dos gases dos motores de combustión interna ós valores regulamentados. Limitación da velocidade da maquinaria móbil, dentro dos límites da explotación, a 20 km/h. Recatado dos barrenos con tacos de arxila.

Sobre as augas.-Construcción dun sistema de foxo que canalice as augas de escorrentía cara a balsas de decantación, e unha vez depuradas, reutilizaranse novamente en circuíto pechado, polo que non haberá vertido a ningún leito.

Sobre o solo.-Non almacenamento de chatarras ou acumulación de residuos. Os aceites usados serán convenientemente acondicionados ata a súa entrega a un xestor autorizado, extremándose as precaucións nos cambios.

Sobre a flora e a fauna.- Rexeneración da cuberta vexetal mediante implantación de especies arbóreas, piñeiro e álamo, e a mesma especie de mato existente.

Restauración.-Dada a morfoloxía da zona que se vai explotar, o elevado grao de aproveitamento previsto e demais características fisiográficas, a solución pasa por modela-lo mellor posible os noiros finais, cunha pendente de 70º na súa conformación final, e unha revexetación axeitada, mediante plantación de «pinus pinaster e populus nigra» xunto con mato presente na zona, e hidrosementeira nos noiros.

Así mesmo, tense previsto utiliza-lo álamo negro (populus nigra) na formación da pantalla entre a planta de tratamento e a estrada.

ANEXO II

Resultado das consultas realizadas sobre o impacto ambiental do proxecto

Do contido dos informes recibidos cabe destaca-las seguintes consideracións:

A Dirección Xeral de Calidade Medioambiental e Urbanismo considera necesario que a explotación se leve a cabo de forma racional e ademais, dada a sua accesibilidade visual, desde varias estradas as pantallas arbóreas deberán establecerse antes do comezo da explotación.

A Dirección xeral de Montes e M.A.N. á marxe de poñer de manifesto certas deficiencias de contido no estudio, considera inapropiado recorrer á plantación do álamo negro, como está previsto, xa que o lugar afectado pola canteira non reúne as condicións de hidromorfía edáfica que require tal planifolio para arraigar.

A Dirección xeral de Saúde Pública Documental non presenta obxeccións á realización do devandito proxecto.

A Dirección xeral de Industria informa favorablemente o estudio ambiental presentado establecendo, non obstante, as seguintes condicións:

* Os niveis de emisión de partículas sólidas non superarán os límites establecidos no Decreto 833/75.

* Respectarase sistematicamente todo tipo de vexetación existente e que sirva como pantalla visual e acústica.

* No referente ás pistas e viais, e en canto as condicións ambientais, cumprirase o disposto na ITC. 07.1.03.

* Prohíbese expresamente calquera depósito, vertido ou acumulación de residuos, tanto na zona de explotación como en terreos adxacentes. Os aceites usados deberán entregárselle a un xestor autorizado.

A Dirección Xeral do Patrimonio Histórico e Documental considera necesaria a realización dunha prospección arqueolóxica das zonas directamente afectadas pola explotación proxectada.

97-1430