Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 45 Xoves, 06 de marzo de 1997 Páx. 2.044

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 13 de febreiro de 1997, da Dirección Xeral de Industria, pola que se lle concede á Asociación de Profesionais de Auga, Gas, Electricidade, Calefacción e Afíns da Comunidade Autónoma de Galicia (APAGEC) a cualificación de entidade autorizada para a impartición de cursos teórico-prácticos para a obtención de carnés profesionais de instalador e mantedor-reparador de instalacións de calefacción, climatización e auga quente sanitaria.

Vista a solicitude presentada por Manuel F. Ruibal Ruibal, en representación da Asociación de Profesionais de Auga, Gas, Electricidade, Calefacción e Afíns da Comunidade Autónoma de Galicia (en adiante APAGEC) e a documentación anexa, na que se solicita lle sexa concedida a cualificación de entidade autorizada para a impartición de cursos teórico-prácticos para a obtención de carnés profesionais de instalador e mantedor-reparador de instalacións de calefacción, climatización e auga quente sanitaria.

Vista a Orde do 16 de xullo de 1981 pola que se aproban as instruccións técnicas complementarias, conforme o disposto no Regulamento de instalacións de calefacción, climatización e auga quente sanitaria, aprobado polo Real decreto 1618/1980, do 4 de xullo.

Vista a Orde do 8 de abril de 1983 pola que se establecen especialidades dos carnés profesionais de instalador e mantedor-reparador de instalacións de calefacción, climatización e auga quente sanitaria, e se fixa o número de horas para desenvolve-los programas dos cursos.

Considerando que a asociación solicitante cumpre cos requisitos regulamentariamente establecidos, esta dirección xeral de Industria,

RESOLVE:

Outorgarlle á APAGEC a cualificación de entidade autorizada para a impartición de cursos teórico-prácticos para a obtención de carnés profesionais de instalador e mantedor-reparador de instalacións de calefacción, climatización e auga quente sanitaria no ámbito da Comunidade Autónoma galega, e proceder á súa inscrición no rexistro correspondente desta dirección xeral.

Para poder inicia-las actividades terá que presentar perante a delegación provincial de Industria e Comercio correspondente, fotocopia desta resolución, táboa de tarifas e programación dos cursos previstos.

Para efectos estatísticos e de control, terá que presentar nas delegacións provinciais de Industria e Comercio correspondentes unha memoria anual de actuacións na provincia, e nesta dirección xeral un resumo delas en toda a Comunidade Autónoma galega. Estas memorias recollerán, se fose o caso, as modificacións e/ou previsións propostas para o ano seguinte.

Ante a eventualidade do establecemento de cursos imprevistos, dos cales non se fai mención na documentación que serve de base para outorga-la autorización, deberá notificar previamente á delegación provincial de Industria e Comercio correspondente, especificando o lugar de celebración e os medios materiais e humanos que se empregarán.

Esta autorización deberá renovarse ós dous anos, para o que deberá acreditar, perante esta dirección xeral, o cumprimento dos requisitos esixidos na autorización inicial.

Santiago de Compostela, 13 de febreiro de 1997.

Joaquín del Moral Crespo

Director xeral de Industria

1437