Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 45 Xoves, 06 de marzo de 1997 Páx. 2.038

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 3 de febreiro de 1997, da Delegación Provicial da Coruña, pola que se fai pública a declaración de impacto ambiental da solicitude de concesión mineira Erimsa, nº 66495.1.

En cumprimento do disposto no artigo 5 do Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación do impacto ambiental para Galicia, faise público o acordo da Comisión Galega de Medio Ambiente do 9 de xaneiro de 1997, pola que se formula a declaración de impacto ambiental do proxecto de explotación da concesión mineira denominada Erimsa, nº 6495.1, situada nos concellos de Oroso e Ordes (A Coruña), e promovido por Explotación de Rocas Industriales y Minerales, S.A., que se transcribe como anexo a esta resolución.

A Coruña, 3 de febreiro de 1997.

Juan Lizaur Otero

Delegado provincial da Coruña

ANEXO

DECLARACIÓN DE IMPACTO AMBIENTAL

Examinada a documentación presentada, a Comisión Galega do Medio Ambiente establece pola presente declaración de impacto ambiental as seguintes condicións, ademais das incluídas no estudio de impacto ambiental, de xeito que se asegure a minoración dos posibles efectos ambientais negativos, co fin de que a realización do proxecto pida considerarse ambientalmente viable.

A presente declaración refírese, en exclusiva, ás actuacións mineiras de explotación comprendidas dentro das áreas xeográficas que, cunha superficie total de 16 ha, e que a continuación se relacionan, veñen definidas nos planos do proxecto de referencia.

Zona Sar: 6,3 ha.

Zona Recouso (corpo A): 4,8 ha.

Zona Recouso (corpo B): 2 ha.

Zona Recouso (corpo C): 2,9 ha.

Para outras zonas ou áreas que se vaian explotar, precisaríase unha nova declaración.

1. Protección da atmosfera.

1.1. Adoptaranse as medidas necesarias de forma que, nas zonas habitadas máis próximas á zona de explotación e máis concretamente no lugar de Recouso, distante uns 250 m, os niveis de partículas sedimentables non superen o límite de 300 mg/m (concentración media en 24 h), establecido no Decreto 833/1975, do 6 de febreiro. (As medicións realizaranse sempre nos mesmos puntos fixos e en condicións atmosféricas desfavorables para os receptores).

2. Protección do sistema hidrolóxico.

2.1. Considerando que as zonas de explotación se sitúan nas veigas dos ríos Cabrón (lugar de Sar) e Samo (lugar de Recouso), procederase a drenar convenientemente as zonas de provisión tanto de estériles como de terra vexetal, co obxecto de que as augas de escorrentía que puidesen provoca-lo seu lavado non incidan directamente sobre as correntes naturais de augas superficiais, evitando en todo momento o seu enturbamento e contaminación.

2.2. Se como consecuencia das escavacións xurdisen augas subterráneas, deberán ser preservadas en todo momento, protexendo coas medidas oportunas o seu posible aproveitamento.

2.3. Se a propia actividade require a necesidade de captar ou derivar augas para o seu uso, deberase solicitar ante o organismo competente a preceptiva autorización.

2.4. Os residuos que se pidan producir polo mantemento da maquinaria recolleranse en recipientes axeitados e entregaránselle a un xestor autorizado.

2.5. Os residuos existentes na zona de explotación deberán ser retirados e levantados a vertedoiros autorizados antes do comezo dos traballos, e non se poderá depositar nin acumular na explotación nin en terreos propios adxacentes ningún tipo de residuos sólidos, tales como chatarra, plástico, pezas inservibles de maquinaria, ou calquera material que se xere na explotación diferente dos materiais procedentes da extracción.

3. Protección da vexetación e a paisaxe.

3.1. Procederase a interceptar con pantallas vexetais, formadas con especies autóctonas e implantadas naquelas zonas en que, sendo compatibles coa explotación, resulte necesario, as concas visuais que, segundo o anexo presentado polo promotor do proxecto, partan de poboacións e vías de comunicacións.

Así mesmo respectarase sistematicamente todo tipo de vexetación existente nos límites das zonas que se vaian explotar e que sirvan como pantalla visual ou acústica e como barreira contra o po.

4. Restauración.

4.1. O plan de restauración proposto deberá porse en práctica e levarse a cabo, de xeito progresivo, de forma tal e como consta no documento presentado.

A remodelación dos ocos creados realizarase de xeito que a morfoloxía e pendentes, sexan o máis aproximadas ás orixinais en cada zona. A totalidade dos estériles xerados serán empregados na remodelación dos terreos afectados polos labores e non se admitirán, en ningún caso, a formación de entulleiras permanentes.

5. Documentación adicional.

O promotor da explotación remitiralle á Comisión Galega do Medio Ambiente, a través do órgano substantivo e nos prazos sinalados, a documentación que a continuación se relaciona:

5.1. Nun prazo non superior a tres meses a partir de serlle notificado o contido da presente declaración: planificación e calendario dos labores de restauración.

5.2. Nun prazo non superior a 3 meses a partir do comezo dos traballos de explotación: un mapa de ruídos coa actividade en pleno funcionamento que incluirá os núcleos habitados máis próximos.

5.3. Anualmente e ata a finalización dos traballos de explotación:

-Resultado das medicións dos niveis de emisión de partículas sedimentables, de acordo co exposto no punto 1.1 da presente declaración, e medidas correctoras propostas no caso de supera-los devanditos límites.

-Reportaxe fotográfico sobre as medidas correctoras e protectoras levadas a cabo no correspondente ano e planificación da restauración prevista para o seguinte ano.

6. Condicións adicionais.

6.1. Para calquera actuación, consecuencia da actividade, no D.P.H. zona de servidume e policía de leitos fluviais, seá preceptiva a autorización administrativa outorgada pola Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, que deberá ser tramitada polo Servicio de Xestión do D.P.H.

6.2. O órgano substantivo fixará un aval, para garanti-lo cumprimento do plan de restauración e que poderá ser acumulativo se se considera axeitado.

Este aval será renovado, en función do cumprimento por parte do promotor do plan de restauración e o plan de labores anual.

6.3. As condicións indicadas nesta declaración de impacto ambiental (DIA), son de obrigado cumprimento para o promotor.

Nembargantes, a empresa promotora poderá solicitarlle ó órgano ambiental a revisión das medidas indicadas co obxecto de modificalas ou cambialas por outras, naqueles supostos que tecnoloxicamente

presentasen graves deficiencias para a súa implantación ou implicasen modificacións importantes na actividade, e sempre e cando as novas medidas propostas permitan acada-los obxectivos e fins que se indican na presente declaración.

Nesta circunstancia, a empresa promotora solicitarallo á Comisión Galega de Medio Ambiente, achegando documentación técnica que xustifique as novas medidas propostas. Esta solicitudes remitiranse tres meses despois de serlle enviada a presente declaración polo órgano substantivo. Unha vez recibida a solicitude e documentación mencionadas, o órgano ambiental avaliaraas, e comunicaralle o acordo adoptado á empresa promotora.

6.4. Se, unha vez emitida esta declaración, se manifestase algun outro tipo de impacto, severo ou crítico sobre o medio ambiente, o órgano substantivo, por iniciativa ou por solicitude da Comisión Galega do Medio Ambiente, poderá suspender cautelarmente a actividade ata determina-las causas que xeran os mencionados impactos, e se corrixan estas.

6.5. Do mesmo xeito, o incumprimento total ou parcial por parte do promotor dos laboures de restauración previstos será causa suficiente para que se proceda ó cerramento cautelar e a adopta-las medidas oportunas en cumprimento da legalidade vixente.

6.6. O presente acordo, adoptado por esta comisión, non exime o promotor de solicitar tódolos permisos necesarios ós organismos competentes para levar a cabo a actividade.

6.7. O promotor queda obrigado a cumprir tódalas disposicións que se dicten con posterioridade, en relación con este tipo de actividades.

Santiago de Compostela, 9 de xaneiro de 1997.

José Luis Aboal García Tuñón

Secretario da Comisión Galega de Medio Ambiente

1347