Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 45 Xoves, 06 de marzo de 1997 Páx. 2.014

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN conxunta do 20 de febreiro de 1997, da Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e do Instituto Galego de Consumo, pola que se convoca concurso de premios entre escolares de niveis non universitarios para a elaboración de carteis ou debuxos e traballos de redacción sobre a educación do consumidor en conmemoración do Día Mundial dos Dereitos do Consumidor.

Con motivo da conmemoración, o 15 de marzo, do Día Mundial dos Dereitos do Consumidor, o Instituto Galego de Consumo e a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, a través da Dirección Xeral de Ordenación Educativa e de Formación Profesional, conscientes da necesidade de formar ós alumnos e alumnas da Comunidade Autónoma galega de cara á adquisición do espírito crítico que lles permita enfrontarse ás múltiples e diversas ofertas da sociedade de consumo, e optar de maneira libre e responsable, convocan para o ano 1997 un concurso de premios de carteis ou debuxos e de traballos de redacción sobre a educación do consumidor na escola invitando ós escolares galegos a reflexionar sobre a sociedade de consumo e a que utilicen como medio a creación artística e literaria.

Por todo isto,

DISPOÑEMOS:

Convocar un concurso de carteis ou debuxos e traballos de redacción, en materia de educación do consumidor de acordo coas seguintes bases:

Primeira.-Poderán participar neste concurso tódolos alumnos e alumnas matriculados en centros de niveis educativos non universitarios da Comunidade Autónoma galega.

Segunda.-Os premios distribuiranse do modo seguinte:

-Un premio para o mellor cartel ou debuxo do alumnado de educación infantil, dotado con 125.000 pesetas, das cales 50.000 pesetas investiranse na adquisición de material didáctico, lúdico, etc., para o gañador ou gañadores e 75.000 pesetas serán para o centro onde curse os seus estudios.

-Un premio para o mellor cartel ou debuxo realizados por alumnos ou alumnas do 1Œ e 2Œ ciclo de educación primaria, dotado con 150.000 pesetas, das cales 65.000 pesetas investiranse na adquisición de material didáctico, lúdico, etc., para o gañador ou gañadores e 85.000 pesetas serán para o centro onde curse os seus estudios.

-Un premio para o mellor traballo de redacción dos alumnos e alumnas do 3Œ ciclo de educación primaria, dotado con 150.000 pesetas, das cales 65.000 pesetas investiranse na adquisición de material didáctico, lúdico, etc., para o gañador ou gañadores e 85.000 pesetas serán para o centro onde curse os seus estudios.

-Un premio para o mellor traballo de redacción dos alumnos ou alumnas de 8º de EXB e 1º ciclo da ESO, dotado con 175.000 pesetas, das cales 75.000 pesetas investiranse na adquisición de material didáctico, lúdico, etc., para o gañador ou gañadores e 100.000 pesetas serán para o centro onde curse os seus estudios.

-Un premio para o mellor traballo de redacción para o nivel educativo de ensinanzas medias (formación profesional, bacharelato, COU, ou 2º ciclo da ESO e novos bacharelatos), dotado con 200.000 pesetas, das cales 90.000 pesetas investiranse na adquisición de material didáctico, lúdico, etc., para o gañador ou gañadores e 110.000 pesetas corresponderán ó centro onde curse os seus estudios.

-Un premio para o mellor cartel ou debuxo presentado por alumnos e alumnas de escolas de arte, dotado con 200.000 pesetas, das cales 90.000 pesetas investiranse na adquisición de material didáctico, lúdico, etc., para o gañador ou gañadores e 110.000 pesetas serán para a escola onde curse os seus estudios.

Tódalas contías correspondentes ós centros deberán investirse na compra de material didáctico.

Terceira.-O prazo de presentación dos traballos finaliza o día 31 de maio de 1997.

Cuarta.-Os traballos deberanse presentar nos servicios centrais ou provinciais do Instituto Galego de Consumo, sendo, en todo caso, de aplicación o disposto no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, dirixidos ó presidente do Instituto Galego de Consumo, acompañados dun certificado do centro onde o/os concursante/s efectúe/n os seus estudios, nos que consten os datos do alumno, nivel educativo, curso, ciclo ou modalidade que realiza.

Quinta.-Os traballos que concorran ó premio de debuxos ou carteis correspondente ó alumnado de educación infantil e 1º e 2º ciclo de educación primaria, terán como protagonista a mascota Camaleo, que lles aprende ós nenos a consumir, interpretada de xeito libre, e deberá versar sobre algún dos seguintes temas: auga, medio ambiente, xogos ou lecer.

Os temas propostos para os traballos de redacción serán: «A publicidade e o seu influxo na mocidade», «O consumo e a súa relación co medio ambiente».

Para os carteis presentados polas escolas de arte, o tema será: «O día mundial do consumidor».

Sexta.-Os traballos serán individuais ou colectivos, e cunhas dimensións máximas de 0,80x0,70 m. para os carteis ou debuxos e unha extensión máxima de tres follas a dobre espacio por unha soa cara para os traballos de redacción.

Sétima.-Os premios que se concedan faranse efectivos na súa contía global de 1.000.000 de ptas. con cargo á aplicación orzamentaria 08.50.343A.640.0 do Instituto Galego de Consumo.

Oitava.-A concesión dos premios farase por proposta dun xurado nomeado polo presidente do Instituto Galego de Consumo e o director xeral de Ordenación Educativa e de Formación Profesional.

Novena.-A decisión do xurado, que será publicada no Diario Oficial de Galicia, será inapelable e poderán ser declarados desertos calquera dos premios

anunciados ou, se é o caso, e se o xurado o determina, ser acumulados entre si, ou compartidos segundo a súa calidade.

Décima.-A participación no concurso supón a aceptación de tódalas súas bases, así como a cesión do dereito da propiedade no caso dos carteis ou debuxos e os traballos de redacción gañadores, nos que poderán introducirse as variacións que se consideren máis adecuadas á súa finalidade.

Disposición derradeira

Nos aspectos non previstos na presente resolución haberá que aterse ó disposto na Lei 11/1992, do

7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia, na Lei 11/1996, do 30 de decembro, de presupostos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 1997, e na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 20 de febreiro de 1997.

Francisco Gallegos Martínez

Presidente do Instituto Galego de Consumo

José Luis Mira Lema

Director xeral de Ordenación Educativa

e de Formación Profesional

1555