Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 45 Xoves, 06 de marzo de 1997 Páx. 2.005

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E MONTES

ORDE do 26 de febreiro de 1997 pola que se regula o procedemento de concesión de restitucións á producción para o aceite de oliva utilizando na fabricación de certas conservas.

No artigo 20 bis do Regulamento (CEE) 136/1966, do Consello, do 22 de setembro, que establece a Organización Común de Mercados (OCM) no sector de materias graxas, prevese que o aceite de oliva utilizado na fabricación de conservas se beneficie dun réxime de restitución á producción.

As normas xerais e modalidades para a aplicación do antedito réxime foron aprobadas polo Regulamento (CEE) 1963/1979, da Comisión, do 6 de setembro.

Polo Decreto 76/1996, do 29 de febreiro, asumíronse os servicios transferidos polo Real Decreto 92/1996, como ampliación de medios en materia de agricultura, concretamente as funcións desenvolvidas polo Fondo Español de Garantía Agraria (FEGA) (antigo SENPA). Deste xeito, esta Comunidade Autónoma pasou a conceder unha serie de axudas ó sector agrícola e gandeiro que ata entón se viña aboando pola Administración do Estado, ó constituírse a Consellería de Agricultura, Gandería e Montes como organismo pagador dos gastos relacionados coa Política Agraria Común, segundo o disposto no Decreto 359/1996, do 13 de setembro, entre elas a restitución á producción para o aceite de oliva utilizado na fabricación de certas conservas.

O Instituto Lácteo e Gandeiro de Galicia (Ilgga), creado pola Lei 7/1994, do 29 de decembro, ten atribuídas, entre outras, competencias para a xestión das accións derivadas da Política Agraria Común (PAC) e das diversas OCM, o que se desprende tamén do disposto nos decretos 128/1996, do 14 de febreiro, e 388/1996, do 31 de outubro, que establecen a súa estructura orgánica.

En consecuencia, de conformidade co disposto no artigo 30.1.3º do Estatuto de autonomía de Galicia e con base nas competencias que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo 1º Obxecto.

1.1 A presente orde ten por obxecto regula-la concesión de restitucións á producción para o aceite de oliva utilizado na fabricación de conservas de peixe, crustáceos, moluscos e hortalizas nos supostos recollidos e de acordo coas excepcións establecidas no punto 1 do artigo 20 bis do Regulamento do Consello 136/66, do 22 de setembro.

1.2 O aceite para a fabricación de conservas deberá utilizarse no recinto da empresa fabricante, agás autorización expresa en contrario da Delegación Provincial do Ilgga, por causa debidamente xustificada e por instancia do interesado.

Artigo 2º Normativa aplicable.

Para a tramitación das solicitudes e concesión de restitucións á producción de aceite de oliva destinado á fabricación de determinadas conservas rexerá o disposto no Regulamento comunitario 136/1966, do 22 de setembro do Consello, e no R (CEE) 1963/1979, do 6 de setembro, da Comisión, ademais do establecido na presente orde e do determinado, con carácter xeral para a concesión de axudas e subvencións, na Lei 13/1992, do 7 de outubro, de réxime financieiro e presupostario de Galicia e na respectiva lei anual de orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia no que resulte de aplicación, habida conta da especifidade das axudas con cargo ó FEOGA-Garantía.

Artigo 3º Beneficiarios e obrigas.

Poderán solicita-las restitucións reguladas nesta orde as empresas de fabricación de conservas con centros de producción situados no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, segundo o disposto no artigo anterior.

As anteditas empresas, para poderen ser beneficiarias desta axuda deberán levar unha contabilidade de existencias diarias para as citadas conservas, segundo o disposto no artigo 1º do Regulamento da Comisión 1963/1979, do 6 de setembro, e presentarán, nas delegacións provinciais do Ilgga, na primeira quincena de cada ano, unha declaración relativa ós consumos habituais de aceite de oliva para a elaboración de conservas, segundo o modelo que se xunta como anexo IV á presente orde.

Artigo 4º Solicitudes de control.

4.1 Será requisito necesario para ser beneficiario da restitución á producción que o fabricante presente unha solicitude de control, xunto co programa da súa utilización, segundo modelo que se xunta como anexo I á presente orde, unha vez que o aceite estea almacenado no establecemento de fabricación de conservas e, en todo caso, antes da data prevista para o comezo da fabricación.

4.2 A dita solicitude presentarase nas delegacións provinciais do Ilgga ou en calquera outra oficina administrativa, de acordo co previsto no artigo 38.4º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

4.3 A dita solicitude soamente terá validez durante o prazo que vai desde o día seguinte ó da súa presentación ata o derradeiro día do terceiro mes seguinte, a non ser que se conceda, excepcionalmente, un prazo superior que, en todo caso, non poderá supera-los oito meses, se o proceso de fabricación das conservas esixe que o aceite permaneza en contacto co peixe ou hortalizas por un tempo superior.

Así mesmo, por instancia do fabricante, poderase autorizar unha prórroga en caso de forza maior.

4.4. Calquera modificación do programa de fabricación deberase comunicar á Delegación Provincial do Ilgga na que se presentou a solicitude de control.

Artigo 5º Solicitude de restitución á producción.

5.1 A solicitude de restitución á producción presentarase no prazo dos seis meses seguintes ó remate da utilización do aceite, ante o organismo e na forma establecida no artigo 4.2.

5.2 Na mesma, segundo os modelos que se acompañan como anexos III (A) y III (B) á presente orde, deberanse reflecti-las cantidades de aceite utilizadas no proceso de fabricación das conservas, así como a súa orixe.

Artigo 6º Concesión da restitución.

6.1 O feito xerador da axuda nacerá no momento do remate da utilización do aceite de oliva no proceso de fabricación das conservas segundo o disposto no artigo 2º da presente orde.

6.2 A restitución concederase segundo os valores que estean en vigor o día da presentación da solicitude de control recollida no artigo 4º da presente orde.

6.3 Só se procederá á concesión da restitución unha vez comprobado que as cantidades reflectidas na solicitude e a orixe do aceite se corresponden realmente co utilizado no proceso de fabricación das conservas.

6.4 Se a cantidade de aceite de oliva para a cal se solicitou a restitución non coincide coa realmente utilizada, segundo os controis efectuados, as delegacións provinciais do Ilgga establecerán a cantidade de aceite de oliva sobre a que se fixará o importe da restitución.

6.5 O director xeral de Producción Agropecuaria e Industrias Agroalimentarias e do Ilgga autorizará, logo de proposta das súas delegacións provinciais e da oportuna fiscalización, o importe das restitucións solicitadas.

Artigo 7º Pagamento anticipado.

7.1 Non obstante o disposto no artigo anterior, o fabricante poderá solicita-lo anticipo do importe da restitución, no modelo que se xunta como anexo II, desde que, polos servicios provinciais do Ilgga sexa comprobado que se leva a contabilidade de existencias na conserveira de acordo co establecido no artigo 1 do Regulamento (CEE) 1963/1979, do

6 de setembro, da Comisión, e que o aceite de oliva indicado na solicitude de control se encontra no establecemento no momento de presentarse aquela, sempre que se presente a oportuna garantía en contía equivalente ó anticipo solicitado, en forma de aval bancario ou póliza de seguro de caución, presentada ante a Delegación Provincial do Ilgga, nos modelos que se xuntan como anexo V e VI, respectivamente, á presente orde.

7.2 A concesión deste anticipo, efectuarase na forma prevista no artigo 6.5.

Artigo 8º Cancelación da garantía.

8.1 O delegado provincial do Ilgga liberará a garantía presentada para o anticipo concedido unha vez sexa recoñecido o dereito á percepción do importe da restitución pola cantidade anticipada e, logo de petición do interesado, procederase á súa devolución.

8.2 Cando o dereito da axuda se recoñeza por unha cantidade inferior á anticipada, o Ilgga executará a garantía pola diferencia entre ambas cantidades.

Artigo 9º Importe da restitución.

O importe da restitución fixarase en función dos valores establecidos, cada dous meses, pola Comisión, segundo o establecido no punto 4 do artigo 20 bis do Regulamento 136/66, do 22 de setembro, do Consello.

Disposición adicional

Para as axudas que se satisfagan con cargo ó orzamento de 1997 existe dotación orzamentaria adecuada e suficiente no concepto 09.03.614A.779 Axudas comunitarias a productores derivadas da nova P.A.C., dotada con 360 millóns de pesetas para este programa, segundo o disposto na Lei 11/1996, do 30 de decembro.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Producción Agropecuaria e Industrias Agroalimentarias e do Ilgga para que, dentro do ámbito das súas competencias, dicte as instruccións precisas para execución e cumprimento do disposto na orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de febreiro de 1997.

Tomás Pérez Vidal

Conselleiro de Agricultura, Gandería e Montes

1419