Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 44 Mércores, 05 de marzo de 1997 Páx. 1.975

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 40/1997, do 20 de febreiro, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, polo Concello de Santiago de Compostela (A Coruña), dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras do proxecto: expropiación para a execución da conexión dos vertidos do Milladoiro ó colector do Sar, saneamento en Porto e Rocha Vella, ampliación de abastecemento de auga en Porto.

O Concello de Santiago de Compostela, (A Coruña) en sesión celebrada o día 28 de xuño de 1996, acordou aproba-lo proxecto de expropiación para a execución da conexión dos vertidos do Milladoiro ó colector do Sar, saneamento en Porto e Rocha Vella, ampliación de abastecemento de auga en Porto e na sesión do día 27 de decembro de 1996, acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ó abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Os bens nos que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

A Dirección Xeral de Calidade Medioambiental e Urbanismo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda emitíu informe favorable. O dito informe tivo entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 29 de xaneiro 1997, nº 1037.

Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, porque a urxencia vén motivada polo compromiso do concello de poñer a disposición da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda os terreos necesarios para a execución das obras, así

como á necesidade de executa-las obras debido ó sensible impacto contaminante dos vertidos directos ó rego de Vilar, e a través deste ó río Sar, así como dotar de saneamento ó lugar de Porto e Rocha Vella, resultando imposible nun curto período de tempo chegar a acordo coa totalidade dos propietarios, visto que, os predios que se van ocupar son ó redor de douscentos, moi pequenos, con poucos metros de afección e moitos herdeiros e copropietarios en numerosos casos enfrontados.

A competencia para a declaración da urxente ocupación corresponde ó Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2 e 28.2 do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude, e por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte de febreiro de mil novecentos noventa e sete,

DISPOÑO:

Artigo único.-De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, polo Concello de Santiago de Compostela (A Coruña) para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras do proxecto de expropiación para a execución de conexión dos vertidos do Milladoiro ó colector do Sar, saneamento en Porto e Rocha Vella, ampliación de abastecemento de auga en Porto.

Santiago de Compostela, vinte de febreiro de mil novecentos noventa e sete.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jesús C. Palmou Lorenzo

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais

1408