Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 44 Mércores, 05 de marzo de 1997 Páx. 1.970

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA E COMUNICACIÓN SOCIAL

RESOLUCIÓN do 12 de febreiro de 1997, da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, pola que se incoa expediente para a declaración de ben de interese cultural coa categoría de lugar de interese etnográfico a favor da aldea de Seceda, no concello de Folgoso do Courel, provincia de Lugo.

Vista a solicitude realizada pola Secretaría Xeral para o Turismo da Xunta de Galicia, pola que se solicita a declaración de ben de interese cultural coa categoría de lugar de interese etnográfico a favor da aldea de Seceda, no concello de Folgoso do Courel, provincia de Lugo.

Vistos os informes dos servicios técnicos de esta dirección xeral, así como dos órganos consultivos da Consellería de Cultura e Comunicación Social en materia de bens culturais, sendo uns e outros favorables á incoación do expediente de declaración de ben de interese cultural.

Ó abeiro dos artigos 8 e 9 da Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia, esta dirección xeral,

RESOLVE:

Primeiro.-Incoar expediente de declaración de ben de interese cultural coa categoría de lugar de interese etnográfico a favor da aldea de Seceda, no concello de Folgoso do Courel, provincia de Lugo.

Segundo.-Delimita-la zona afectada pola dita incoación do xeito que se especifica a continuación:

PLANO DO ANEXO I

Delimitación ambiental

A liña que define a delimitación do contorno de protección ambiental do lugar etnográfico de Seceda comeza na Ponte da Veiga sobre o río Lóuzara desde onde avanza, en dirección norte, cara a Cabanas de Monelos para atoparse co Rego de Montelongo. Segue, en dirección norte, o curso do regato ata chegar a unha ponte en Tras da Cova. Aquí cambia de dirección para acada-lo vértice do monte As Rozadas (1.112 m) e logo, en dirección suDeste chegar en liña recta ó Alto da Veiga de Arca (1204 m). Descende coincidindo coa liña divisoria de augas pasando polas cotas. 1.149, 1.165, 1.135, 1.158, 935, 533 m desta pasando polo Alto dos Monteiros, Monte de Campelín e Penedo Furado ata chegar de novo ó río Lóuzara, coincidindo no punto de desembocadura do Regato das Augas Rubias. Desde aquí pecha a delimitación coincidindo co trazado do río Lóuzara e ascendendo no sentido contrario ó da corrente ata acada-lo punto de partida na Ponte de Veiga, pechando deste xeito a delimitación.

PLANO ANEXO II

DelimitaciÓn do lugar de interese etnográfico-zona da Aldea

A liña trázase unindo correlativamente en orde alfabética os puntos que se definen a continuación do A ó M, e péchase unindo estes dous puntos.

Punto A. Extremo suroeste da aldea. Estrada de saída cara ó Incio. Situado na intersección desta estrada coa pista aberta no ano 1994 polo concello, que atravesa, en dirección nordés, ata a súa intersección co camiño que sae fronte á fachada sur da antiga escola (hoxe vivenda).

Punto B. Intersección da pista construída polo concello co camiño que sae da aldea fronte á fachada sur da antiga escola.

Tramo A-B. A liña coincidiría co eixe da pista construída polo concello.

Punto C. Situado no camiño máis noroeste da aldea (o que sae da fachada norte da antiga escola en dirección ós montes ). Coincide cuns muros pertencentes a unha antiga e pequena construcción adxectiva (almacén de castañas) situada na marxe dereita do camiño cara á aldea.

Tramo B-C. Liña recta imaxinaria que une, a través do souto de castiñeiros, o punto B co C.

Punto D. Está situado na intersección do camiño que bordea a aldea pola súa cara máis alta coa senda que comunica cos montes situados ó norte da aldea.

Coincide con dúas entradas a predios privados, un deles con dúas pilastras de cachotería de xisto e restos dunha cuberta de madeira. A outra, máis sinxela, situada á esquerda da anterior, situados de fronte a elas. Ámbalas dúas están situadas na marxe esquerda do camiño cara á aldea.

Tramo C-D. A liña coincide co eixo do camiño que une os puntos C e D.

Tramo D-E-F. A liña coincide coa bancada natural que separa os predios dedicados a labouras agrícolas na cara norte da aldea, ós que accede polas dúas cancelas descritas con anterioridade (fronte ó punto D). Bordea o predio polo seu lindeiro suroeste e noroeste ata chegar ó punto E situado no extremo noroeste do lindeiro que separa o predio citado co que na actualidade se atopa incultivado e pertence ou está relacionado coa antiga casa rectoral (hoxe en ruínas). Este último predio e o seu veciño polo suroeste, que quedan dentro da zona delimitada, atópanse nunha cota máis baixa cá bancada coa que coincide a liña.

Bordeando o último predio descrito (o non cultivado) polo seu lindeiro norte e nordés a liña avanza ata chegar ó punto F.

Punto F. No eixe do camiño da parte alta da aldea situado máis ó nordés, fronte á entrada da derradeira edificación da aldea -propiedade da familia Millán- (xusto antes do lavadoiro) e fronte á cancela situada na marxe contraria á edificación que comunica co predio veciño e descrito anteriormente.

Punto G. No eixe do camiño anterior á altura do lavadoiro e manancial pola súa cara norte.

Punto H. Depósito de auga para subministración da aldea construído en formigón armado sen revestir, no camiño que polo nordés da aldea comunica cos montes.

Tramo F-G-H. Polo eixe do camiño da parte alta da aldea situado mais ó nordés unindo o punto F co H, pasando polo punto G.

Tramo H-I. Liña que une o depósito de auga, pasando tanxencialmente a cara leste da alvariza (situada preto da cara leste do cemiterio), co punto I situado na intersección desa liña coa senda e regato que discorre paralelo ó muro do adro da igrexa cara ó leste.

Tramo I-J-K. A partir do punto I coincidindo co regato e continuando en dirección leste, ata chegar ó final do linde norte dos prados. Extremo nordés do derradeiro predio destinado a prado (punto J). Desde este punto en dirección norte-sur ata chegar á intersección desta liña co eixe da estrada de acceso a Seceda desde Seoane.

Punto K. No eixe da estrada de acceso a Seceda desde Seoane na intersección coa liña imaxinaria que en dirección norte sur pasa polo punto J.

Punto L. Situado a 50 m en proxección horizontal sobre a liña teórica que con dirección norte sur pasa polo centro da alvariza (punto a) situada ó sur da igrexa ó pé da estrada de acceso a Seceda desde Seoane.

Tramo K-L-M-A. Liña en proxección horizontal que une nun trazo recto os puntos K e L. A partir do punto L, paralela a unha distancia de 50 m ó eixe da estrada que, pasando por Seceda, une O Incio con Seoane, ata chegar ó punto M, situado a 50 m do punto A, en dirección perpendicular ó eixe da citada estrada. Do punto M ó A para pecha-la delimitación.

Zona do Muíño

Con centro no muíño unha circunferencia de radio 50 m medidos en proxección horizontal.

Terceiro.-Continua-la tramitación do expediente segundo as disposicións vixentes.

Cuarto.-Dar traslado da resolución ó alcalde do Concello de Folgoso do Courel, provincia de Lugo, e notificarlle que, de acordo co artigo 35 da Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia:

«lº A incoación dun expediente de declaración de ben de interese cultural respecto dun inmoble determinará a suspensión das correspondentes licencias municipais de parcelación, edificación ou demolición nas zonas afectadas, así como dos efectos das xa outorgadas. A suspensión dependerá da resolución ou caducidade do expediente incoado.

2º As obras que, por causa de forza maior, interese xeral ou urxencia, débesen realizar con carácter inaprazable precisarán, en todo caso, autorización dos organismos competentes da Consellería de Cultura e Comunicación Social».

Quinto.-Notifica-la presente resolución ó Rexistro Xeral de Bens de Interese Cultural do Ministerio de Educación e Cultura, e ó Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia.

Sexto.-A presente resolución será publicada no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial del Estado, abríndose un período de información pública de l mes, contado a partir do día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de febreiro de l997.

Ángel Sicart Giménez

Director xeral de Patrimonio Cultural

1505