Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 41 Venres, 28 de febreiro de 1997 Páx. 1.821

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

ORDE do 31 de xaneiro de 1997 pola que se convoca e regula o réxime de concesión de axudas para innovación tecnolóxica, investigación e desenvolvemento tecnolóxico e calidade, dentro da Comunidade Autónoma galega, para 1997.

A globalización ou mundialización dos mercados, así como a crecente presión competitiva, supoñen un novo reto e esixen unha evolución estructural constante e crecente para acadar uns niveis de competitividade sostida axeitados.

A aceleración nos procesos de cambio continuo é unha realidade á que se deben enfronta-las empresas conscientes da necesidade de dispoñer dunha estructura solidamente apoiada en canto a sistemas organizativos, tecnoloxías de procesos e productos, recursos humanos, cooperación interempresarial, etc., que lle obrigan a deseña-los eixes de actuación estratéxicos que, vinculados a un proceso de mellora continua, permitan á empresa crear e manter unha vantaxe competitiva que lle posibilite gañar unha posición no mercado.

Así, o incremento cualitativo e cuantitativo da innovación, a investigación ou calidade nas empresas supoñen un esforzo investidor sendo a súa sensibilización obxecto da presente orde, así como a incentivación, atendendo ás características propias e para efectos dos proxectos e ás dispoñibilidades orzamentarias.

Por outra banda, esta orde ten tamén por obxectivo desenvolver, en determinados ámbitos, o Decreto 309/1995, do 23 de novembro, sobre incentivos para o desenvolvemento económico e fomento da actividade empresarial na Comunidade Autónoma de Galicia.

Na súa virtude e no uso das facultades que me foron conferidas,

DISPOÑO:

TÍTULO I

Disposicións xerais

Artigo 1º

Con cargo ás aplicacións orzamentarias para 1997, 08.02.711-C.770.0 Fomento de actividades industriais; 08.02.711-C.771.0 Fomento de servicios ás empresas convócanse axudas con destino á innovación tecnolóxica e con cargo á aplicación orzamentaria 08.02.711-C.772.0 Investigación e desenvolvemento, normalización e homologación convócanse axudas á investigación e desenvolvemento tecnolóxico e á calidade.

Artigo 2º

Poderán ser beneficiarios das ayudas reguladas por esta orde as empresas públicas ou privadas, agrupacións de empresas e entidades sen ánimo de lucro que teñan radicado o seu centro de actividade ou algún centro de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 3º

Para a determinación da preferencia na concesión e contía das ayudas terase en conta a localización e tipoloxía do investimento, a súa contribución ó PIB e ó desenvolvemento local, o seu efecto multiplicador e o peche de ciclos productivos a partir de materias primas ou productos autóctonos, o seu encadramento en clusters de empresas promovidos pola Xunta de Galicia e, en xeral, o recollido no artigo 5º do Decreto 309/1995, do 23 de novembro.

Non obstante, non serán subvencionables aqueles proxectos que teñan un contido innovador, un nivel tecnolóxico ou un nivel técnico, segundo o caso, insuficiente a xuízo da Consellería de Industria e Comercio.

TÍTULO II

Axudas

Capítulo I

Axudas á innovación tecnolóxica

Artigo 4º

As axudas á innovación tecnolóxica van destinadas a aqueles proxectos que teñan como finalidade a incorporación, así como a súa operatividade, de bens de equipo ou equipamento de concepción tecnolóxica avanzada, ou que representen mellora no aproveitamento e utilización de materias primas ou na eficiencia productiva, referida tanto a procesos como a productos.

Ademais, poderán ser subvencionables os custos orixinados polo desenvolvemento de proxectos realizados por asociacións empresariais e das empresas, tanto públicas como privadas, entidades sen ánimo de lucro e/ou calquera outra forma xurídica de colaboración empresarial, destinados á promoción de actividades de fomento de industrias e de servicios ás empresas ou á identificación e desenvolvemento de actuacións pertencentes a clusters, así como os investimentos necesarios para o cumprimento dos seus cometidos.

Artigo 5º

As axudas poderán acadar unha contía máxima do 50% do investimento subvencionable.

Capítulo II

Axudas á investigación e desenvolvemento tecnolóxico

Artigo 6º

As axudas van destinadas a proxectos en investigación e desenvolvemento tecnolóxico, realizados na Comunidade Autónoma de Galicia, tanto de investigación básica industrial como de investigación aplicada e desenvolvemento, que se leven a cabo como parte dunha actividade continuada e sistemática, orientada ó desenvolvemento de novos procesos e/ou productos, ou á mellora dos existentes.

Artigo 7º

Os proxectos de investigación básica industrial, que teñen por obxecto a adquisición de novos coñe

cementos, poderán ser subvencionados ata unha porcentaxe máxima do 70% do investimento subvencionable. Os proxectos de investigación aplicada ó desenvolvemento, que se realizan para dar utilidade práctica ós coñecementos adquiridos coa investigación básica industrial poderán acadar unha subvención máxima do 45% do investimento subvencionable.

Artigo 8º

Nos proxectos de investigación e desenvolvemento tecnolóxico referidos no artigo anterior poderán ser subvencionables os seguintes conceptos:

-Os gastos derivados do persoal implicado no proxecto de investigación e da definición do proceso de fabricación ata a elaboración do prototipo.

-O instrumental de investigación e control necesario para o desenvolvemento do proxecto.

-Nos casos de que os resultados da investigación incorporada á empresa se obtivesen, ben en parte ou na súa totalidade, a través dun convenio de colaboración con centros públicos de investigación ou departamentos universitarios, poderá ser subvencionable o importe da participación da empresa no devandito convenio. Así mesmo, cando as características propias do proxecto de investigación e desenvolvemento tecnolóxico requiran a participación doutros entes, públicos ou privados, poderá ser incentivable o custo vinculado á fórmula contractual de cooperación.

En todo caso, poderán ser subvencionables os conceptos incluídos no artigo 9 do Decreto 309/1995, do 23 de novembro, sobre incentivos para o desenvolvemento económico e fomento da actividade empresarial na Comunidade Autónoma de Galicia.

Capítulo III

Axudas á calidade

Artigo 9º

Estas axudas van destinadas a proxectos, incardinados nun proceso continuo e sistemático, que supoñan un avance cualitativo no sistema de xestión da calidade ou os seus procedementos, incluíndo procesos de normalización e certificación, así como a dotación de equipamento específico.

Así mesmo, poderán ser incentivables as actuacións de sensibilización, difusión, divulgación e elaboración de proxectos concertados relacionados con programas de xestión da calidade, podendo ser reguladas a través de convenios de colaboración específicos.

Artigo 10º

As axudas para financiar investimentos en calidade, normalización e certificación, poderán acadar ata o 50% do investimento subvencionable.

Artigo 11º

As actividades referidas no artigo anterior deberán ser desenvolvidas por entidades ou laboratorios independentes, debéndose achega-la correspondente documentación acreditativa.

TÍTULO III

Tramitación administrativa

Artigo 12º

As solicitudes, dirixidas ó conselleiro de Industria e Comercio, presentaranse no rexistro xeral das delegacións provinciais, no dos servicios centrais da Consellería de Industria e Comercio ou a través dalgunha das formas recollidas no artigo 38.4º da Lei 10/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, dentro dos 30 días naturais a partir do día seguinte ó da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 13º

As solicitudes presentaranse por triplicado exemplar segundo o modelo que figura no anexo I desta orde, acompañándose da seguinte documentación:

-Memoria técnica explicativa do alcance do proxecto.

-Orzamento desagregado do investimento.

-Prazo de execución do investimento.

-Certificado expedido pola delegación provincial de Industria de estar inscrito e actualizado no rexistro industrial ou, nos casos en que non proceda a inscrición, certificación emitida pola delegación provincial na que conste tal circunstancia.

-Copia cotexada da licencia fiscal e NIF/CIF e o imposto de actividades económicas (IAE).

-Declaración de axudas solicitadas, obtidas ou que se prevé solicitar para o mesmo investimento en calquera outra institución, organismo ou administración pública, indicando a súa contía.

-Declaración expresa de que non se ten contraída ningunha débeda, por ningún concepto, coa Xunta de Galicia e declaración de estar ó corrente nas obrigas fiscais e coa Seguridade Social.

Así mesmo, e co fin de poder face-la Consellería de Industria e Comercio o control estatístico dos proxectos presentados, deberá cubrirse debidamente o anexo II da presente orde segundo o tipo de actuación que se vai desenvolver e presentarase o dito anexo por triplicado exemplar adxunto á solicitude.

Artigo 14º

Se a solicitude de subvención non reúne os requisitos esixidos para cada caso concreto nesta orde, o interesado será requirido para que, nun prazo de dez días a partir do día seguinte á recepción do devandito requirimento, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se non o fixese, considerarase desistido da súa petición, que se arquivará sen máis trámites.

Artigo 15º

Examinada a documentación, e logo do informe técnico correspondente, o conselleiro de Industria e Comercio ou o delegado provincial, conforme o establecido no Decreto 88/1990, do 15 de febreiro, sobre desconcentración de competencias para a concesión de axudas e subvencións nos delegados provinciais ou territoriais da Xunta de Galicia, emitirá a resolución que proceda.

Unha vez concedida a subvención, esta deberá ser aceptada polo beneficiario, coas condicións específicas que recolle esta orde e as que, se é o caso, se inclúan na resolución.

A non notificación da resolución no prazo de tres meses desde a presentación da correspondente solicitude determinará a súa desestimación presunta, quedando expedita a vía contencioso-administrativa.

Artigo 16º

No caso de investimentos plurianuais poderanse establece-los correspondentes compromisos de anualidade dentro dos límites establecidos pola lexislación vixente, de conformidade co prazo de execución do investimento. No caso de que estes prazos sufrisen calquera alteración derivada do propio desenvolvemento do investimento, notificaráselle á Consellería de Industria e Comercio para o correspondente reaxuste das anualidades comprometidas.

Artigo17º

Para o libramento da subvención a empresa, ou entidade beneficiaria, deberá achega-la documentación acreditativa da realización dos proxectos ou actuacións previstas antes do día 31 de outubro de 1997 na respectiva delegación provincial ou nos servicios centrais da Consellería de Industria e Comercio, consistente nunha memoria na que se detallen os investimentos realizados xuntando os respectivos xustificantes, así como calquera outros incluídos na resolución particular de concesión.

A percepción da axuda terá lugar unha vez que os servicios técnicos da Consellería de Industria e Comercio certifiquen, se é o caso, trala inspección, que se realizou o investimento, traballo ou actuación correspondente.

Artigo 18º

Para o libramento e posterior pagamento da subvención unirase á documentación que se sinala no artigo anterior, certificación da conta bancaria onde debe realizarse o pagamento, expedida pola propia entidade bancaria, así como os certificados acreditativos de estar ó día nas obrigas tributarias e sociais e de non ter pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración Pública da Comunidade Autónoma. Ademais, o beneficiario deberá presenta-la documentación adicional que sexa requirida polos servicios técnicos da Dirección Xeral de Industria co obxecto de determina-lo alcance do proxecto ou actuacións desenvoltas.

Artigo 19º

No caso de que o investimento ou a actividade realizada teña un custo inferior ó inicialmente previsto, a axuda poderá reducirse proporcionalmente.

Artigo 20º

No caso de que por circunstancias técnicas, dada a complexidade do proxecto ou a súa imbricación con outros procesos e procedementos implantados ou que se van implantar, se varíe o contido específico da tipoloxía de investimentos ou actuacións reco

llidas no proxecto inicial e que incidan no investimento subvencionable, o beneficiario deberá comunica-los correspondentes cambios solicitando a conformidade á Consellería de Industria e Comercio. Para tal efecto, facúltase a Dirección Xeral de Industria para a súa aceptación expresa se as ditas modificacións non alteran significativamente o obxectivo inicial do proxecto.

Artigo 21º

Cando por concorrencia de subvencións ou axudas o importe total subvencionado exceda dos límites máximos establecidos no Decreto 309/1995 do 23 de novembro, sobre incentivos para o desenvolvemento económico e fomento da actividade empresarial na Comunidade Autónoma de Galicia, procederá o reintegro do exceso percibido á Administración Autonómica, sen prexuízo doutras responsabilidades que puidesen derivarse.

Artigo 22º

No caso de que o beneficiario da subvención incumprise algunha das condicións e obrigas estipuladas, a Consellería de Industria e Comercio instruirá expediente sancionador conforme o previsto na citada Lei 30/1992, do 26 de novembro.

Procederá o reintegro da axuda percibida e dos xuros de demora nos supostos previstos no apartado 5 do artigo 78 da citada Lei 11/1992, do 7 de outubro. As cantidades que hay que reintegrar terán a consideración de ingresos de dereito público, resultando de aplicación para o seu cobramento o previsto nos artigos 19 a 23 da citada lei.

Artigo 23º

No caso de que o beneficiario renunciase ás axudas unha vez percibidas, procederase conforme o establecido no artigo anterior.

Artigo 24º

Con independencia do disposto nesta orde, en todo caso haberá que aterse ó disposto na Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia, na Lei 11/1996, do 30 de decembro, de presupostos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1997 e Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Disposición adicional

Única.-Aqueles proxectos, presentados ó abeiro desta orde, que sexan concordantes coas normas do Plan Intersectorial de Competitividade e que por insuficiencia de crédito nas correspondentes aplicacións orzamentarias non poidan ser imputados a tales conceptos, poderán ser imputados directamente ó devandito Plan Intersectorial de Competitividade.

Disposición derradeira

Única.-Facúltase o director xeral de Industria para que dicte as disposicións necesarias para a aplicación específica do disposto na presente orde.

Santiago de Compostela, 31 de xaneiro de 1997.

Antonio Couceiro Méndez

Conselleiro de Industria e Comercio

97-1311