Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 41 Venres, 28 de febreiro de 1997 Páx. 1.804

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE FAMILIA, MULLER E XUVENTUDE

DECRETO 33/1997, do 13 de febreiro, polo que se regula o recoñecemento oficial e as condicións técnicas das instalacións xuvenís no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

O Estatuto de autonomía de Galicia no seu artigo 27 establece que lle corresponde á Comunidade Autónoma galega a competencia exclusiva na promoción do deporte e a adecuada utilización do lecer, e na promoción do desenvolvemento comunitario.

En virtude destas competencias e de acordo co disposto no artigo 148 da Constitución española, a Administración do Estado transferiu á Comunidade Autónoma de Galicia, polo R.D. 2434/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de cultura, a dirección e xestión e, se é o caso, a titularidade das instalacións comprendidas na rede nacional de albergues xuvenís, residencias xuvenís, campamentos e campos de traballo. Estas competencias foron asumidas polo Decreto 146/1982, do 1 de decembro.

O Decreto 2/1994, do 13 de xaneiro, atribúe á Consellería de Familia, Muller e Xuventude as competencias e funcións en materia de xuventude.

Na nosa Comunidade Autónoma estase producindo unha demanda cada vez máis crecente, por parte das diferentes entidades que traballan cos nenos e mozos, de instalacións para a práctica de actividades de lecer e educativas no ámbito do tempo libre. Estas instalacións deberán posuír unha serie de equipamentos que posibiliten a realización destas actividades, así como a estancia dos participantes durante o período de tempo que estas duren, coas debidas garantías no que se refire ás condicións hixiénico-sanitarias e de seguridade.

Neste caso, a través das instalacións xuvenís titularidade da Xunta de Galicia, a Consellería de Familia, Muller e Xuventude, ademais de desenvolve-los seus propios programas de actividades dirixidos á mocidade, reserva unha serie de prazas que pon a disposición desas entidades para a súa utilización ó longo do ano, atendendo desta forma parte da demanda que hai en relación a servicios destas características. Non obstante, obsérvase que cada ano a demanda é máis crecente.

Por outra banda, están comezando a xurdir iniciativas empresariais que ofrecen este tipo de servicios, en consonancia con este incremento na demanda de instalacións destas características a que antes se aludía, iniciativas que requiren da Administración o asesoramento e regulación oportuna en canto ás características e condicións que deberán cumpri-las devanditas instalacións, dado que apa

recen específicamente excluídas do ámbito de aplicación do Decreto 236/1985, do 24 de xullo, sobre ordenación dos campamentos públicos de turismo (cámpings) en Galicia.

Cómpre, consecuentemente, regula-las condicións e características mínimas que deberán cumprir estas instalacións adicadas á realización de actividades coa mocidade no ámbito de tempo libre, co fin de asegura-las adecuadas condicións hixiénico-sanitarias e de seguridade para os seus usuarios.

Finalmente, parece oportuno recoller nunha norma administrativa a existencia da Rede Galega de Albergues Xuvenís, constituída por aqueles transferidos polo Estado e os de nova construcción titularidade da Xunta de Galicia.

En consecuencia, por proposta da conselleira de Familia, Muller e Xuventude, oído o Consello da Xuventude de Galicia, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día trece de febreiro de mil novecentos noventa e sete,

DISPOÑO:

Capítulo I

Ámbito de aplicación

Artigo 1º.-Obxecto.

1. O obxecto deste decreto é regula-las características e os requisitos mínimos que deberán cumpri-los diferentes tipos de instalación destinadas á mocidade para a realización de actividades no tempo libre, no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, para os efectos do seu recoñecemento oficial como tales.

2. Distínguense os seguintes tipos de instalacións xuvenís:

a) Albergues xuvenís: enténdese por albergue xuvenil toda instalación fixa que permanente ou temporalmente se destine a facilitar á mocidade aloxamento, como lugar de paso nos seus desprazamentos ou como marco dunha actividade de tempo libre.

b) Campamentos xuvenís: son instalacións ó aire libre dotadas duns equipamentos básicos fixos, e destinadas á realización de estancias con grupos de nenos e mozos para o desenvolvemento de actividades de lecer ó aire libre.

c) Granxas escolas ou aulas de natureza: son instalacións que, cumprindo os requisitos esixidos para albergues ou campamentos xuvenís, ofrecen equipamentos suficientes e adecuados para o traballo didáctico no tempo libre en técnicas agrarias e gandeiras, ou no coñecemento do medio natural e na educación ambiental.

d) Residencias xuvenís: son instalacións de carácter cultural e formativo postas ó servicio dos mozos que por razóns de estudio ou traballo se ven obrigados a permanecer fóra do seu domicilio familiar.

3. As instalacións xuvenís poderán ser permanentes ou de temporada. Baixo a clasificación de permanentes inclúense todas aquelas que permanecen abertas ó público durante todo o ano.

Artigo 2º.-Fins das instalacións xuvenís.

Os fins das instalacións xuvenís antes descritas son:

a) Proporcionar aloxamento e manutención ós mozos que, individualmente ou en grupo, demanden os seus servicios.

b) Fomenta-lo turismo infantil e xuvenil.

c) Conseguir un clima de ambiente convivencial, facilitador de accións socio-culturais, que leve a un intercambio de experiencias compartidas.

d) Facilitar ós mozos a práctica de actividades de carácter recreativo e cultural segundo as posibilidades de cada instalación.

Capítulo II

Procedemento de recoñecemento oficial, potestades da Administración autonómica, rexistro e placa identificativa

Sección primeira

Procedemento de recoñecemento oficial

Artigo 3º.-Solicitude, documentación e lugar de presentación.

1. Toda persoa física ou xurídica que queira recoñecer oficialmente unha instalación como algunha das instalacións xuvenís reguladas no presente decreto terá que presentar unha solicitude de recoñecemento oficial conforme o modelo normalizado recollido no anexo I, acompañada da documentación seguinte:

a) Resolución de concesión da licencia municipal de apertura, así como outras autorizacións previas que se é o caso fosen esixibles de acordo coa normativa sectorial aplicable.

b) Memoria descritiva da instalación onde consten os aspectos indicados no capítulo IV deste decreto, así como o período de funciomanento ó longo do ano, no caso daquelas instalacións de carácter temporal.

c) Certificado final de obra, no caso de instalacións de nova construcción ou certificado de solidez e habitabilidade, no caso de edificacións preexistentes, asinados por un arquitecto, e planos a escala que reflictan o estado definitivo da instalación.

d) Informe sanitario preceptivo e vinculante, emitido pola delegación provincial correspondente da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, sobre: a potabilidade da auga destinada ó consumo humano, o estado sanitario xeral dos locais, o sistema de evacuación de augas residuais cando non sexa a través da rede municipal de sumidoiros, eliminación de lixo, condicións hixiénico-sanitarias dos servicios

hixiénicos e o cumprimento da regulamentación técnico-sanitaria vixente sobre comedores colectivos.

e) Informe preceptivo e vinculante, emitido pola Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, sobre o cumprimento da normativa de sanidade animal, no caso das granxas escolas.

f) Boletín eléctrico entregado por un instalador autorizado e selado pola Consellería de Industria e Comercio.

g) Certificado ou documento administrativo que acredite o cumprimento da lexislación aplicable ás instalacións industriais sometidas ós diversos regulamentos técnicos de seguridade.

h) Contrato de subministración ou certificación expedida polo órgano competente de adecuación da instalación de gas á normativa aplicable, no caso de existi-la dita instalación.

i) Documento acreditativo da personalidade do solicitante e, no caso de persoas xurídicas, documentación acreditativa de que a persoa que asina a solicitude é o seu representante legal.

l) Fotocopia do DNI do director da instalación, e documentación acreditativa do cumprimento do disposto no artigo 20.1 deste decreto.

2. A solicitude xunto coa restante documentación dirixirase ó director xeral de Xuventude e presentarase no rexistro xeral da Consellería de Familia, Muller e Xuventude, nos rexistros das súas delegacións provinciais ou por calquera dos medios previstos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. Cando do exame da documentación presentada o órgano competente apreciase falta ou defecto nela, requirirá ó solicitante para que nun prazo de dez días emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixera, considerarase desistido da súa petición, que se arquivará sen máis trámite.

Artigo 4º.-Instrucción.

1. Completado o expediente, o órgano instructor solicitará ó Servicio de Inspección informe sobre o cumprimento de tódolos requisitos xerais e especificos que lle sexan esixibles á instalación xuvenil de acordo coa súa tipoloxía. O dito informe deberá emitirse no prazo máximo dun mes.

2. Así mesmo, o órgano instructor poderá solicita-lo asesoramento técnico ou os informes sobre os extremos que considere oportunos a outros órganos administrativos competentes por razón da materia obxecto de consulta ou asesoramento.

3. No suposto de observarense deficiencias, comunicaráselle ó interesado para que nun prazo non superior ós dous meses as emende. A non emenda no prazo outorgado suporá a denegación do recoñecemento oficial da instalación xuvenil como tal.

Artigo 5º.-Resolución de recoñecemento oficial.

1. O director xeral de Xuventude dictará a resolución que proceda no prazo máximo de catro meses. No caso de non dictar resolución expresa no dito prazo, a petición entenderase desestimada.

2. Na resolución de recoñecemento oficial especificarase o tipo de instalación xuvenil segundo as recollidas no artigo 1.2 deste decreto, o número de prazas da instalación e o período de funcionamento, no caso das instalacións de carácter temporal.

3. A resolución denegatoria do recoñecemento oficial deberá ser motivada e contra ela poderá interporse, no prazo dun mes, recurso ordinario perante á conselleira de Familia, Muller e Xuventude.

Artigo 6º.-Condicións do recoñecemento.

1. O recoñecemento oficial dunha instalación xuvenil estará vixente sempre que se manteñan as condicións especificadas na solicitude e o número de prazas da instalación.

2. Para calquera actuación de reforma ou ampliación que poida afectar á estructura, o volume, a distribución, o número de prazas, ou os servicios que presta a instalación, o titular deberá notificala previamente á Consellería de Familia, Muller e Xuventude co fin de que a autorice, utilizando o modelo de solicitude que se recolle no anexo II deste decreto, acompañada da documentación seguinte:

a) Memoria explicativa da modificación que se pretende.

b) Proxecto técnico da obra, se é o caso, acompañado de memoria xustificativa do cumprimento da normativa vixente que lle sexa aplicable.

c) Licencia municipal, así como outras autorizacións previas que, se é o caso, fosen esixibles de acordo coa normativa sectorial aplicable.

Se no prazo de dous meses o director xeral de Xuventude non dictase resolución expresa, aquela entenderase desestimada.

3. Os cambios de titularidade da instalación ou de calquera outro aspecto recollido na documentación da solicitude de recoñecemento serán comunicados no prazo dun mes á Consellería de Familia Muller e Xuventude para o seu coñecemento, e constancia no rexistro correspondente.

Artigo 7º.-Control e revogación do recoñecemento.

1. A Consellería de Familia, Muller e Xuventude, a través dos seus órganos territoriais, poderá visita-las instalacións recoñecidas coa periocidade que estime oportuna co obxecto de comproba-lo adecuado cumprimento dos requisitos e condicións técnicas establecidas neste decreto, así como a calidade do servicio prestado.

2. Cando se observe incumprimento das normas contidas neste decreto, a delegación provincial competente poderá apercibir ó titular da instalación, dándolle tres meses para a subsanación dos defectos

apreciados. No caso de deficiencias graves na calidade do servicio prestado, o prazo será dunha semana.

Se nos prazos indicados non son emendados os defectos apreciados, o órgano competente poderá revoga-lo recoñecemento oficial concedido e retira-la placa identificativa.

3. Cando a Consellería de Familia, Muller e Xuventude teña coñecemento do inicio de actividades ou modificación substancial de calquera instalación xuvenil das tipificadas no artigo 1 deste decreto sen o oportuno recoñecemento, poderá adopta-las medidas oportunas para regulariza-la situación.

4. O disposto nos apartados anteriores enténdese sen prexuízo das facultades de inspección e de control dos organismos competentes, dada a respectiva normativa sectorial aplicable ás instalacións xuvenís.

Sección segunda

Rexistro de instalacións xuvenís

Artigo 8º

Créase o rexistro de instalacións xuvenís da Comunidade Autónoma de Galicia, adscrito á Consellería de Familia, Muller e Xuventude. Neste rexistro inscribiranse de oficio tódalas instalacións recoñecidas conforme o procedemento descrito nos artigos 3 ó 5 deste decreto, e as modificacións posteriores que se produzan nas condicións en que foi concedido o recoñecemento, sempre e cando afecten ós datos recollidos nel.

Artigo 9º

Unha vez efectuada a inscrición da instalación recoñecida no rexistro, o órgano competente expedirá unha certificación acreditativa da inscrición na que conste a súa data e o número de rexistro asignado. Para estes efectos, o titular da instalación xuvenil recoñecida deberá satisface-la taxa correspondente, de conformidade co disposto no título II do Decreto lexislativo 1/1992, do 11 de abril.

Artigo 10º

A inscrición cancelarase por instancia do titular da instalación, utilizando o modelo normalizado recollido no anexo III, ou por perda das condicións e requisitos esixidos neste decreto para a obtención do recoñecemento oficial como instalación xuvenil. Neste segundo suposto, a cancelación poderá acordarse de oficio, por resolución do órgano competente, logo da instrucción do correspondente expediente. A cancelación no rexistro de instalacións xuvenís supón a perda do recoñecemento oficial como instalación xuvenil.

No caso das granxas-escola ou aulas de natureza, poderase mante-lo recoñecemento oficial como campamento ou albergue xuvenil, en función das súas características, por instancia do titular, extremo que fará constar na comunicación de cancelación. Neste

suposto, adscribirase a instalación xuvenil á sección correspondente do rexistro.

Artigo 11º.-Organización do rexistro.

O rexistro constará de catro seccións, unha por cada tipo de instalación xuvenil das recollidas no artigo 1.2. deste decreto. Os datos que se farán constar no rexistro serán, como mínimo, os seguintes:

a) Número de rexistro asignado.

b) Denominación, enderezo e teléfono da instalación.

c) Data da resolución de recoñecemento.

d) Data da inscrición.

e) O número de prazas da instalación, e o periodo de funcionamento.

f) Nome e apelidos do director.

g) Nome e DNI ou CIF do titular.

h) Superficie do terreo, no caso dos campamentos xuvenís.

i) Data das visitas de inspección de que foi obxecto.

l) Apercibimentos de que foi obxecto, indicando o motivo e a data do apercibimento, así como a data en que foi emendada a deficiencia.

m) Baixa da instalación: data da resolución.

Na sección correspondente ás granxas escola ou aulas de natureza, constará ademais o tipo de instalación xuvenil á que se adecúa segundo as súas características de campamento ou albergue.

Artigo 12º

O rexistro deberá dotarse dun programa informático que facilite a xestión e a consulta dos datos que consten nel.

Sección terceira

Placa identificativa

Artigo 13º

1. Tódalas instalacións xuvenís, unha vez dispoñan do oportuno recoñecemento oficial, deberán exhibir de forma visible no exterior do edificio e a carón da porta principal de acceso un distintivo identificativo, que unicamente poderá ser utilizado por aquelas instalacións xuvenís que dispoñan do oportuno recoñecemento oficial como tales.

2. O distintivo identificativo estará constituído por dúas placas e adecuarase ó modelo que se recolle para cada tipo de instalación xuvenil no anexo IV deste decreto. Na placa inferior os datos deberán figurar en caracteres de cor azul sobre fondo branco e na placa superior en caracteres de cor branco sobre fondo azul. As placas identificativas serán de metal ou outro material resistente e inalterable.

Capítulo III

Aspectos xerais

Artigo 14º.-Usuarios.

1. Poderán ser usuarios das instalacións reguladas neste decreto tódolos mozos de ata trinta anos, individualmente ou en grupo. Non obstante, os titulares das instalacións xuvenís reguladas neste decreto poderán limita-la idade para os usuarios da instalación ou para a participación en determinadas actividades ou servicios que promovan, dentro da marxe de idade establecida anteriormente.

2. As persoas cunha idade superior ós trinta anos poderán utiliza-las instalacións reguladas neste decreto coas seguintes condicións:

a) Os albergues xuvenís non integrados na REAJ (Red Española de Albergues Juveniles) ou na Rede Galega de Albergues Xuvenís, campamentos xuvenís, granxas escola e aulas de natureza, cando vaian acompañando a grupos de nenos ou mozos como pais, mestres, educadores ou monitores ou directores de tempo libre, sempre e cando participen conxuntamente en actividades educativas ou teñan tarefas organizativas ou de apoio.

b) Os albergues xuvenís integrados na Rede Galega de Albergues Xuvenís ou na REAJ, conforme as normas de funcionamento aplicables a tódolos albergues xuvenís integrados na rede correspondente.

3. Os grupos de mozos deberán designar de entre os seus compoñentes un responsable que teña a súa representación ante a dirección da instalación xuvenil.

Artigo 15º.-Dereitos dos usuarios.

Os usuarios das instalacións xuvenís terán os seguintes dereitos:

a) Acceso á información contida na documentación relacionada no artigo 19.1.

b) Un adecuado uso e desfrute de cantos equipamentos e dependencias posúan as instalacións xuvenís, así como a recibi-los servicios requiridos como contraprestación dos prezos satisfeitos.

c) Formular ante a dirección da instalación xuvenil cantas iniciativas, suxestións e reclamacións crean oportunas.

d) Ser respectados na súa liberdade, dignidade e integridade.

Artigo 16º.-Deberes dos usuarios.

Serán deberes dos usuarios das instalacións xuvenís:

a) Someterse e respecta-lo regulamento de réxime interior que regule o funcionamento de cada instalación xuvenil.

b) Aboa-los prezos fixados na lista de prezos do ano en curso, conforme os servicios solicitados.

c) Coida-las instalacións, mobiliario, material, e o contorno natural do lugar de emprazamento da instalación xuvenil.

d) Contribuír coa súa conducta a crear un clima de tolerancia e respecto mutuo entre tódolos usuarios.

Artigo 17º.-Restriccións ó dereito de uso.

Os titulares das instalacións xuvenís reguladas neste decreto poderán amoestar ou rescindi-lo contrato e expulsar da instalación ós individuos, familias ou grupos que incumpran o regulamento de réxime interior e as normas lóxicas de convivencia.

Artigo 18º.-Obrigatoriedade de seguro de responsabilidade civil.

Tódalas instalacións xuvenís deberán ter contratada unha póliza de seguros de responsabilidade civil por danos materiais e corporais e por prexuízos causados involuntariamente a terceiros.

O seguro deberá cubrir obrigatoriamente, como mínimo, os danos que efectivamente se produzan no ámbito das responsabilidades seguintes:

a) A responsabilidade civil derivada do funcionamento da instalación.

b) A responsabilidade civil indirecta ou subsidiaria por actos ou omisións do persoal da instalación, dos que o titular haxa de responder.

c) A responsabilidade civil por danos a terceiros derivada do uso da instalación.

Artigo 19º

1. As instalacións xuvenís reguladas neste decreto deben ter a disposición dos usuarios da instalación e de calquera autoridade debidamente acreditada a seguinte documentación:

a) Resolución de recoñecemento oficial como instalación xuvenil, e certificación acreditativa da súa inscrición no rexistro de instalacións xuvenís expedida polo órgano correspondente.

b) Certificado correspondente ó ano en curso de potabilidade da auga destinada ó consumo, expedido pola delegación provincial correspondente da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, no caso de que a auga non proceda da rede de abastecemento público.

c) Informe que acredite as correctas condicións hixiénico-sanitarias da instalación, emitido pola delegación provincial correspondente da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais.

d) Lista de prezos do ano en curso, co detalle dos diversos conceptos e servicios ofertados, selada pola delegación provincial da Consellería de Familia, Muller e Xuventude competente.

e) Regulamento de réxime interior, no que constarán tódolos aspectos relativos ó funcionamento da instalación non recollidos neste decreto, así como aqueles outros que afecten ós dereitos e deberes dos usuarios, sen prexuízo do disposto nos artigos 15 e 16 deste decreto.

f) Follas de reclamacións que serán facilitadas ó titular de cada instalación xuvenil pola Delegación Provincial da Consellería de Familia, Muller e Xuventude competente.

2. Así mesmo, terán á disposición de calquera autoridade debidamente acreditada o rexistro dos usuarios da instalación, que deberá conter:

a) Cando sexan usuarios individuais ou familias, os datos persoais.

b) Cando se trate dun grupo, os datos deste, número e relación nominal de compoñentes, e datos persoais dos seus responsables.

Artigo 20º.-Director. Funcións.

1. Á fronte de cada instalación xuvenil existirá un director, que deberá estar en posesión do título de director de actividades de tempo libre, regulado polo Decreto 313/1995, do 23 de novembro (DOG nº 273, do 13 de decembro), ou de calquera titulación universitaria de grao medio ou superior.

2. As funcións do director serán:

a) Cumprir e facer cumpri-las normas de carácter legal que regulen o funcionamento da instalación, así como o regulamento de réxime interior.

b) Velar polo bo estado e funcionamento dos equipamentos e servicios da instalación.

c) Facilitar, na medida das posibilidades de cada instalación, a realización de actividades de tempo libre.

d) A administración da instalación e a xestión do persoal.

Capítulo IV

Condicións técnicas das instalacións

Sección primeira

Ámbito de aplicación e localización

Artigo 21º.-Ámbito de aplicación.

As condicións técnicas reguladas neste capítulo, sen prexuízo do cumprimento das demais normativas administrativas sectoriais que lles sexa de aplicación, serán aplicables:

a) Ás instalacións xuvenís reguladas neste decreto que se recoñezan a partir da súa entrada en vigor.

b) Ás zonas afectadas por obras de reforma que se fagan nas instalacións xuvenís reguladas neste decreto existentes á súa entrada en vigor e que se recoñezan como tales, cando impliquen modificacións substanciais que afecten á ocupación ou distribución.

Artigo 22º.-Localización.

1. As instalacións localizaranse en zonas salubres e non perigosas para a integridade física dos usuarios. Considérase zona salubre aquela que non teña preto das instalacións ningún foco susceptible de

dar lugar a contaminacións tales como vertedoiros de lixo, augas residuais, industrias perigosas e outras análogas.

2. Ós campamentos xuvenís seralles de aplicación as limitacións en canto á localización recollidas no artigo 8 do Decreto 223/1996, do 30 de maio, polo que se regulan as actividades de aire libre dirixidas á xuventude no territorio da Comunidade galega (DOG nº 113, do 10 de xuño).

Sección segunda

Protección do contorno

Artigo 23º.-Accesibilidade.

As instalacións xuvenís deberán estar convenientemente sinalizadas co fin de facilita-lo acceso. Nos carteis sinalizadores deberá constar, como mínimo, o tipo e nome da instalación xuvenil, o seu logotipo, conforme o disposto no anexo IV deste decreto, e a distancia aproximada ata ela.

Artigo 24º.-Tratamento e evacuación de augas residuais.

A eliminación das augas residuais que proveñan das instalacións reguladas neste decreto producirase ben directamente a través da rede municipal de sumidoiros, ou ben a través dunha fosa séptica de dimensións adecuadas á capacidade da instalación, ou outro sistema de depuración de augas, que funcione correctamente, de tal xeito que os vertidos de augas residuais sexan inocuos.

Non se autoriza en ningún caso o vertido directo de augas residuais, sen depuración previa, ó terreo, ríos e regatos, mar, lagos ou lagoas interiores, tendo en conta o disposto nos art. 89, 92 e 93 da Lei estatal de augas, nº 29/1985, do 2 de agosto, así como os Arts. 56 e 57 da Lei de costas, nº 22/1988, do 22 de xullo.

Artigo 25º.-Recollida, almacenamento e eliminación de lixo.

1. O lixo depositarase en contedores facilmente limpables e desinfectables que teñan capacidade suficiente de acordo co seu ritmo de recollida.

2. A localización dos contedores, ata o momento da súa recollida, farase en dependencias destinadas exclusivamente para este fin e separadas das que se atopan os alimentos e das destinadas a aloxamento.

3. No caso de que non exista servicio público de recollida de lixo, a instalación deberá articula-los medios adecuados para o seu transporte diario ata os puntos de recollida ou vertedoiros máis próximos, evitando a acumulación de lixo na instalación.

Artigo 26º.-Medidas de seguridade e prevención de incendios.

Será preceptivo o cumprimento das normas vixentes respecto ás condicións de protección contra incendios nas instalacións destinadas a actividades con nenos e coa mocidade.

Sección terceira

Aspectos técnicos

Artigo 27º.-Distribución.

1. Tódalas instalacións xuvenís reguladas neste decreto deberán ter forzosamente comedor, bloques de servicios sanitarios, unha instalación que, como mínimo, permita ós usuarios que quenten a súa comida, e unha dependencia destinada ás actividades propias dos usuarios da instalación.

Ademais, dependendo da instalación xuvenil, deberán ter:

a) No caso dos campamentos xuvenís, enfermería.

b) No caso dos albergues xuvenís, dormitorios e unha sala polivalente destinada ó descanso e convivencia dos alberguistas.

c) No caso das residencias xuvenís, dormitorios, sala de estudios, biblioteca e unha sala polivalente destinada ó descanso e convivencia dos residentes.

2. Todas estas dependencias estarán situadas en habitacións diferentes e non poderán ter usos polivalentes, excepto as salas destinadas a actividades.

3. Nos campamentos xuvenís o comedor, as salas destinadas a actividades e a enfermería poderán ser instalacións de tipo provisional.

4. No caso de instalacións que ofrecen servicios de pensión completa ou a posibilidade que os usuarios elaboren eles mesmos a comida, éstas deberán dispoñer dunha cociña.

5. Os bloques sanitarios, os dormitorios, a enfermería, a sala de estudios e a biblioteca non poderán ser lugar de paso habitual cara a outras dependencias.

Artigo 28º.-Subministración de auga potable.

1. As instalacións reguladas neste decreto deberán asegurar unha subministración abundante e continua de auga potable non inferior a 100 litros por persoa e día.

2. Tódalas instalacións deberán estar dotadas de depósitos de almacenamento de auga para consumo humano con capacidade mínima para 36 horas de abastecemento, para o caso de que ocorra un corte na subministración ou se produza avaría no sistema de abastecemento. Os depósitos serán accesibles unicamente ó persoal de mantemento da instalación co obxecto de efectua-las labouras de limpeza e de desinfeccións periódicas que sexan necesarias.

Nos depósitos de almacenamento deberá garantirse a constante circulación da auga e a súa correcta desinfección.

Co obxecto de comprobar que a auga está desinfectada e ten poder desinfectante deberá determinarse diariamente a cantidade de cloro residual libre

presente na auga e anotarse nos impresos que se facilitarán polas delegacións provinciais da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais.

No caso de que a subministración de auga non proveña dunha rede de abastecemento público será necesario dispoñer dun sistema de desinfección con aparello de cloración automático que deberá estar en todo momento en perfectas condicións de funcionamento.

A cloración realizarase sempre á entrada no depósito, nunca á saída, co obxecto de garantir que o contacto da auga co desinfectante, antes do seu consumo, sexa como mínimo de 30 minutos.

Artigo 29º.-Subministración de auga quente e calefacción.

1. Tódalas instalacións xuvenís disporán de subministración de auga quente en tódolos lavabos e duchas dos bloques de servicios sanitarios e na cociña. Os albergues e residencias xuvenís disporán, así mesmo, de calefacción que garanta unha temperatura interior adecuada. Este último requisito non será esixible para aquelas instalacións de carácter temporal que non funcionen entre os meses de outubro a marzo, ámbolos dous inclusive.

2. As características das instalacións de calefacción, auga quente sanitaria e gas, así como as destinadas ó almacenamento dos combustibles líquidos, gasosos ou sólidos, serán as especificadas nos regulamentos correspondentes.

Artigo 30º.-Dormitorios.

1. Os dormitorios non poderán estar, en ningún caso, situados en subterráneos.

2. Disporán de luz natural e de ventilación directa do exterior que garanta a perfecta renovación do aire. A superficie mínima de iluminación e ventilación será a doceava parte da superficie útil do dormitorio.

3. A distribución das camas e das liteiras de cada habitación deberá permitir sempre a total abertura das portas e as fiestras.

4. As fiestras disporán de calquera sistema eficaz que garanta a oscuridade da habitación durante as horas de descanso.

5. Cada usuario disporá dun espacio individual para dormir -xa sexa praza de cama ou praza de liteira- dotado, como mínimo, de colchón coa súa correspondente funda, almofada e un número suficiente de mantas que deberán encontrarse en todo momento en perfectas condicións hixiénicas. Tamén deberá haber un espacio suficiente que permita ó usuario ordena-los seus efectos persoais.

O tamaño mínimo das camas ou liteiras será de 80x190 cm. A distancia entre os laterais lonxitudinais das camas ou liteiras non poderá ser inferior a 75 cm.

6. No caso que a instalación dispoña dunha habitación específica para garda-los efectos persoais de máis volume, os dormitorios disporán igualmente dun sistema complementario para deixar e gardar nel os elementos de uso máis frecuente.

7. No caso das residencias xuvenís disporán dunha mesa de estudio e unha cadeira por praza do dormitorio, así como de estanterías que permitan a colocación de libros.

8. Non poderá haber ningún dormitorio cunha superficie útil mínima inferior a 5m. A cubicaxe por usuario non será inferior a 5m e o mínimo espacio de solo por cama ou liteira será de 4m de superficie útil.

Enténdese por superficie útil dunha habitación a do espacio que corresponde a alturas non inferiores a 1,90 m.

9. A altura do teito dos dormitorios sobre o chan da superficie útil terá, como mínimo, un valor medio de 2,25 m, en edificios preexistentes, e de 2,50 m en edificios de nova construcción; esta altura medirase desde o chan ata, se se dá o caso, a parte máis baixa do envigado.

10. Para alturas de dormitorios entre 2,25 m e 2,50 m unicamente se aceptará a colocación de camas. Para alturas iguais ou superiores a 2,50 m aceptaranse liteiras.

11. No caso de dormitorios con teitos inclinados ou situados en faiados, aceptarase a colocación de camas nas alturas comprendidas entre 1,90 m e 2,50 m, sempre que a altura media do dormitorio acade como mínimo os valores establecidos no apartado 9 deste artigo e se cumpran as determinacións mínimas relativas á cubicaxe por usuario e á superficie por cama ou liteira.

12. En ningún caso se aceptarán liteiras de tres pisos. No caso de liteiras tomaranse as medidas oportunas para evitar accidentes por caídas desde os somieres superiores.

13. Os dormitorios non se poderán utilizar para almacena-lo material do que dispón o grupo para a realización das súas actividades.

Artigo 31º.-Comedores e cociñas.

As instalacións xuvenís deben de cumpri-la normativa vixente sobre regulamentación técnico-sanitaria dos comedores colectivos.

Artigo 32º.-Sala de actividades.

1. Toda instalación xuvenil disporá dunha ou máis dependencias destinadas ás actividades propias dos usuarios da instalación. O espacio destinado a esta finalidade terá unha superficie en m, como mínimo igual ó número de prazas para as que foi autorizada a instalación. En calquera caso, non poderá ser inferior ós 30 m. Nesta superficie non se poderá computa-la correspondente a aquelas habitacións destinadas a garda-los efectos persoais de máis volume e o material de actividades, no caso de que existan.

2. Cada unha destas dependencias deberá ter garantida a correspondente ventilación, e a súa superficie non poderá ser inferior ós 16 m.

3. O chan destas salas deberá ser fácilmente limpable.

Artigo 33º.-Servicios sanitarios.

1. As instalacións xuvenís reguladas neste decreto disporán de bloques de servicios sanitarios que deberán manterse limpos e nas necesarias condicións hixiénicas.

2. Estes bloques sanitarios deberán ter unha ventilación suficientemente ampla. O chan deberá estar pavimentado e as paredes alicatadas, co fin de que permitan unha correcta limpeza e desinfección.

3. Os servicios sanitarios disporán, como mínimo, do seguinte:

a) Un evacuatorio por cada oito persoas ou fracción, cun polo menos para cada sexo.

b) Un lavabo por cada seis persoas ou fracción.

c) Unha ducha por cada oito persoas ou fracción. A zona de pés descalzos será de chan antideslizante e facilmente desinfectable.

4. Os bloques sanitarios deberán ter un número adecuado de espellos e colgadores, e deberá haber tamén estanterías para poder dispoñe-los efectos persoais de xeito totalmente hixiénico.

5. En caso que os bloques sanitarios dispoñan de duchas de tipo colectivo, existirá como mínimo un para cada sexo, e en cada bloque sanitario haberá como mínimo unha ducha de tipo individual.

Artigo 34º.-Instalacións para lavar e tende-la roupa.

1. As instalacións xuvenís deberán dispoñer das instalacións necesarias para poder lavar e tende-la roupa.

2. En caso de dispoñer de lavadoiros para o uso dos usuarios da instalación, estes deberán ser de tipo individual, facilmente desinfectables e en número non inferior a un para cada 20 usuarios.

3. En caso que a instalación dispoña de máquinas de lavar e seca-la roupa, disporase, igualmente, dun lugar adecuado para colgar e seca-las toallas de uso máis frecuente e a roupa de baño.

Artigo 35º.-Enfermería.

1. Os campamentos xuvenís deberán dispoñer dunha enfermería. O número de camas da enfermería será de dúas por cada 50 prazas.

2. Cando a enfermería estea situada nunha instalación fixa, deberá dispoñer dun lavabo, dun evacuatorio e dunha ducha independentes do resto de servicios hixiénicos da instalación xuvenil. Esto non será aplicable cando a enfermería estea situada nunha instalación non permanente.

3. En ningún caso, o número de prazas da enfermería se incluirá no total de prazas da instalación.

Artigo 36º.-Caixa de urxencias.

Disporase dunha caixa de urxencias de primeiros auxilios, que contará cos materiais suficientes para poder atende-los casos ou accidentes máis frecuentes. Esta caixa de urxencias deberá estar convenientemente pechada para impedi-lo acceso dos nenos e/ou mozos ós medicamentos.

Artigo 37º.-Espacios complementarios.

1. Todo campamento xuvenil disporá dun espacio de terreo proporcionado á súa capacidade e convenientemente delimitado, para a realización de actividades diversas ó aire libre, tales como xogos, veladas, deportes e similares.

2. Se a instalación xuvenil dispón de piscina, deberá cumpri-las condicións propias das piscinas de uso colectivo, excepto a obriga de dispor de vestiarios.

Artigo 38º

1. As instalacións xuvenís disporán de instalación telefónica co exterior, e sempre que teñan unha capacidade superior ás 25 prazas deberán contar ademais, como mínimo, cunha liña para uso exclusivo dos usuarios.

2. Aquelas instalacións situadas en lugares en que non sexa posible o enganche a unha liña telefónica deberán, non obstante, asegura-la comunicación co exterior por calquera sistema que a permita.

Artigo 39º.-Accesibilidade e eliminación de barreiras.

As instalacións xuvenís deberán cumpri-la normativa vixente en materia de accesibilidade e eliminación de barreiras. Aquelas con máis dun piso disporán de ascensor con capacidade para o traslado de usuarios con limitacións graves de mobilidade.

Sección cuarta

Condición específicas

Artigo 40º.-Granxas escola e aulas de natureza.

1. As granxas escola, sen prexuízo doutras normativas que lles poidan ser de aplicación, deberán garantir:

a) A suficiente separación entre o lugar destinado ás cortes e cortellos dos animais e o lugar de residencia dos usuarios, co fin de evita-los cheiros excesivos e a proximidade de insectos.

b) A suficiente limpeza e as condicións hixiénicas e sanitarias dos animais da granxa.

c) O peche do recinto dos animais e dos cortellos co fin de evitar que os usuarios poidan entrar de forma indiscriminada.

d) O uso dun vestiario específico por parte dos usuarios e o persoal da instalación, para utilizar cando estean no recinto dos animais ou cortello.

e) A existencia de persoal técnico cualificado en número suficiente para o traballo cos animais e o desenvolvemento das labouras didácticas.

f) No caso que a instalación dispoña de salas ou recintos para a transformación dos productos da granxa, deberán cumpri-la normativa técnico-sanitaria que lles sexa de aplicación.

2. As aulas de natureza, sen prexuízo das outras normativas que lles poidan ser de aplicación, deberán garanti-la existencia dun equipamento suficiente e adecuado e dos recursos didácticos necesarios para a súa función.

Capítulo V

Outras disposicións

Artigo 41º.-Rede de Albergues Xuvenís de Galicia.

1. Créase a Rede de Albergues Xuvenís de Galicia, que estará constituída por tódolos albergues xuvenís situados no territorio da Comunidade Autónoma galega de titularidade da Xunta de Galicia, e aqueloutros que xestionados por persoas físicas ou xurídicas, públicas ou privadas, se queiran integrar voluntariamente nela e cumpran os requisitos establecidos no presente decreto.

2. A Consellería de Familia, Muller e Xuventude adoptará un logotipo como distintivo da Rede de Albergues Xuvenís de Galicia.

3. Para favorece-la ocupación dos albergues xuvenís integrados na dita rede crearase unha central de reservas, dependente da Dirección Xeral de Xuventude.

Artigo 42º

A Consellería de Familia, Muller e Xuventude elaborará un modelo básico de regulamento de réxime interior aplicable ás diferentes instalacións, que estará a disposición daqueles interesados na creación dalgunha das instalacións xuvenís reguladas neste decreto, co fin de facilita-la súa elaboración.

Artigo 43º

1. Os titulares das instalacións xuvenís recoñecidas como residencias xuvenís, poderán, así mesmo, solicita-lo seu recoñecemento oficial como albergues xuvenís de temporada conforme o procedemento recollido na sección I do capítulo II deste decreto. Neste caso non será preciso volver a presenta-la documentación indicada no artigo 3.

2. O período de funcionamiento da instalación como albergue xuvenil de temporada non poderá exceder de catro meses ó ano.

3. Unha vez recoñecida a instalación, colocarase o oportuno distintivo identificativo conforme o disposto no artigo 13 deste decreto.

Disposicións adicionais

Primeira.-Non lles será de aplicación o disposto nos artigos 22.2 e 30.9 do capítulo IV deste decreto ás instalacións xuvenís reguladas neste decreto que xa estean funcionando como tales á data da súa entrada en vigor para os efectos do seu recoñecemento oficial, sen prexuízo da súa aplicación ás obras de reforma ou ampliación que se fagan a partir desa data, conforme o disposto no artigo 21 deste decreto.

Segunda.-As instalacións que, adecuándose ás características recollidas neste decreto para os diferentes tipos de instalacións xuvenís reguladas nel, non obteñan o recoñecemento oficial como tales, seralles de aplicación a normativa sectorial de turismo correspondente segundo as súas características. Así mesmo, non poderán utiliza-las denominacións e logotipo que para cada tipo de instalación xuvenil se recollen no anexo IV deste decreto, nin calquera outra que poida dar lugar a confusión sobre o seu destino á poboación xuvenil.

Disposición transitoria

Cando os titulares das instalacións xuvenís que xa estean funcionando como tales á data de entrada en vigor deste decreto soliciten o seu oportuno recoñecemento oficial e, á vista do correspondente expediente, se aprecie que non cumpren os requisitos xerais e específicos esixidos segundo a súa tipoloxía no capítulo IV deste decreto, o órgano competente poderá outorga-lo recoñecemento oficial con carácter provisional, sempre que non se observen deficiencias graves que poñan en perigo a saúde e seguridade dos usuarios. Neste caso, o órgano competente dará un prazo, que non poderá ser superior a tres anos, para que o titular da instalación proceda a efectua-las adaptacións necesarias, podendo ser eximidas desta obriga cando se aprecie que existe imposibilidade material para a realización de tales adaptacións. Non obstante este prazo poderá ser prorrogado sempre que a importancia do investimento o xustifique e sexa debidamente acreditado mediante proxecto de financiamento.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase a conselleira de Familia, Muller e Xuventude para dicta-las disposicións precisas para o desenvolvemento deste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, trece de febreiro de mil novecentos noventa e sete.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Manuela López Besteiro

Conselleira de Familia, Muller e Xuventude

1446