Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 35 Xoves, 20 de febreiro de 1997 Páx. 1.515

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA

ORDE do 6 de febreiro de 1997 pola que se modifica a inserción dos municipios da Comunidade Autónoma nas distintas áreas xeográficas establecidas no Real decreto 2190/1995, do 28 de decembro sobre medidas de financiamento en materia de vivenda.

A Comunidade Autónoma de Galicia, ó abeiro do previsto no artigo 60 do Real decreto 2190/1995, do 28 de decembro, sobre medidas de financiamento de actuación protexibles en materia de vivenda e solo para o período 1996-1999, asinou o 29 de xaneiro de 1996 un convenio marco co entón Ministerio de Obras Públicas, Transporte e Medio Ambiente sobre actuacións nas devanditas materias en Galicia.

A disposición adicional primeira do dito real decreto establece unha clasificación das áreas xeográficas, ás que lles serán de aplicación os módulos vixentes, en función da poboación de dereito dos municipios e faculta as comunidades autónomas, en exercicio das súas competencias na materia, a modifica-la inserción nas distintas áreas xeográficas previstas, daqueles municipios nos que, atendendo os factores que interveñen no prezo da vivienda, así o aconsellen.

A Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, facendo uso desa facultade mediante a Orde do 26 de febreiro de 1996 (DOG do 7 de marzo), pola que se regula a aplicación na Comunidade Autónoma do Real decreto 2190/1995, procedeu á modificación da inserción nas catro áreas previstas daqueles municipios galegos que, polos cambios das condicións obxectivas descritas na propia normativa estatal, así o requirían.

A realidade social e xeográfica de Galicia, na que destaca o carácter disperso dos asentamentos de poboación e a marcada diferencia dos núcleos urbanos e rurais, fai que a actual clasificación dos municipios en catro áreas xeográficas homoxéneas mereza unha revisión, toda vez que en resposta ás suxestións e informes recibidos doutras institucións e axentes relacionados co sector, e asumindo a experiencia froito da aplicación da dita orde autonómica, o actual sistema provoca un paulatino afastamento da realidade constructiva de Galicia establecendo diferenciacións no cálculo aproximado do prezo por metro cadrado útil en concellos nos que tales diferenciacións non se producen en atención á combinación dos factores que nel se repercuten.

A presente orde pretende corrixi-las desviacións constatadas e reduce a dúas as áreas xeográficas homoxéneas da Comunidade Autónoma, correspon

déndose os municipios relacionados na área 1ª cos núcleos de marcado carácter urbano ós que se incorporan aqueles da súa área de influencia onde se constata un aumento progresivo de poboación, e quedando a área 2ª para o resto dos concellos de Galicia. Polo que,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Modifícase a inserción dos municipios da Comunidade Autónoma nas distintas áreas xeográficas, que pasa a se-la seguinte:

-Municipios integrados nas área xeográfica 1ª:

* A Coruña, Ames, Ares, Arteixo, As Pontes de García Rodríguez, Betanzos, Boiro, Cambre, Carballo, Cee, Cedeira, Culleredo, Fene, Ferrol, Melide, Mugardos, Naron, Noia, Oleiros, Ordes, Padrón, Pontedeume, Ribeira, Sada, Santiago de Compostela e Teo.

* Burela, Cervo, Chantada, Foz, Lugo, Monforte de Lemos, Ribadeo, Sarria, Vilalba e Viveiro.

* Allariz, A Rúa, Ourense, O Barco, O Carballiño, Ribadavia, Verín e Xinzo de Limia.

* A Estrada, Baiona, Cambados, Cangas, Lalín, Marín, Moaña, Mos, Nigrán, O Grove, O Porriño, Poio, Ponteareas, Pontevedra, Redondela, Sanxenxo, Tui, Vilagarcía de Arousa e Vigo.

-Municipios integrados na área xeográfica 2ª:

* Restantes municipios da Comunidade Autónoma.

Artigo 2º

O disposto no artigo anterior será de aplicación:

-Ás actuacións protexibles en materia de vivenda e solo definidas no Real decreto 2190/1995, do 28 de decembro.

-Ás actuacións en materia de vivenda de protección oficial de promoción directa por parte da Comunidade Autónoma.

Disposición derrogatoria única

A entrada en vigor desta orde quedarán derrogadas as ordes do 20 de marzo de 1992, a do 5 de xuño de 1995 e o artigo 8º da Orde do 26 de febreiro de 1996, que determinan as áreas xeográficas.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 6 de febreiro de 1997.

José Cuíña Crespo

Conselleiro de Política Territorial,

Obras Públicas e Vivenda

1187