Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 34 Mércores, 19 de febreiro de 1997 Páx. 1.494

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E MONTES

ORDE do 10 de febreiro de 1997 pola que se establecen axudas para a mellora e conservación dos bosques de frondosas.

A protección e conservación do medio ambiente natural é unha necesidade de primeira orde que é

preciso que acometan os polos poderes públicos e, en particular, desde a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes.

Os bosques cumpren funcións hidrolóxicas básicas na regulación de caudais, a protección do solo contra a erosión , o mantemento da biodiversidade e a calidade da paisaxe. Neste sentido, os bosques autóctonos de frondosas da nosa comunidade merecen unha especial protección, non só polas funcións vitais que realizan, senón tamén por outras facetas ecolóxicas, sen esquece-lo seu enorme valor cultural e tradicional, profundamente ligado a Galicia e á economía rural.

Estas masas forestais non foron unha excepción á lacra dos incendios forestais no pasado, o que minguou a superficie e danou o estado fitosanitario das formacións boscosas das masas de frondosas forestais.

Nembargantes, a partir do 1990, ano en que se crea o Servicio de Defensa Contra Incendios Forestais e ata a data, produciuse un balance positivo entre a superficie gañada polo bosque e a superficie afectada polos incendios forestais, resultando, como consecuencia, extensións considerables de monte con frondosas, ben procedentes de repoboación ou de rexeneración natural, que é preciso mellorar mediante unha silvicultura adecuada.

Por outra parte, o abandono progresivo dalgúns dos labores tradicionais agropecuarios no medio rural, como o estrume, o aproveitamento de leña, certos modos de gandería etc., provocaron, por un lado, unha rexeneración natural da superficie poboada con frondosas forestais e, por outro, o incremento do tamaño de antigas áreas vexetadas por estas especies.

Sen embargo, a orixe deste tipo de formacións é de monte baixo onde as cepeiras están en proceso de esgotamento e as árbores novas nacidas de semente non alcanzan o suficiente poder vexetativo para o seu normal desenvolvemento, nin alcanzan unha fructificación viable desde o punto de vista da súa rexeneración por semente.

Coa publicación desta orde preténdese potenciar, mediante subvencións, os tratamentos silvícolas e fitosanitarios que requiran as masas autóctonas de frondosas para o seu correcto desenvolvemento, contribuíndo a sanear estas masas, mellorando a circulación polo monte, diminuíndo o risco de incendios e aumentando a futura calidade da madeira que produzan estes bosques.

En particular, resulta prioritario o paso futuro das masas de monte baixo a monte alto, a selección de árbores de semente e bravádegos, o conseguir as espesuras e fracción de cabida cuberta axeitadas, labores silvícolas encamiñados ó incremento da producción do froito e do establecemento de pastos no estrato herbáceo, podas de formación, así como tarefas de silvicultura que se consideren idóneas para a rexeneración e incremento da vitalidade destas

formacións vexetais, así como consolida-lo rexenerado natural.

A fin de complementar en Galicia o desenvolvemento do R(CEE) 1610/89, dando un maior peso ás especies forestais frondosas, xorde esta orde autonómica que non se separa dos obxectivos e da filosofía do citado regulamento comunitario.

En consecuencia, e de acordo co disposto na Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, o Decreto 205/1991, do 15 de marzo, e demais normativa concorrente,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto das axudas.

A presente orde ten por obxecto a mellora silvícola e fitosanitaria das masas de frondosas autóctonas.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

Poderán ser beneficiarios das axudas os titulares dalgún dos seguintes terreos forestais:

2.1. Montes particulares.

2.2. Montes veciñais en man común.

Así mesmo, poderán figurar como beneficiarios aquelas persoas físicas ou xurídicas distintas do titular, cuando este dese a súa conformidade para que sexa aquel o receptor da axuda.

Artigo 3º.-Superficie mínima e consideracións técnicas.

A superficie mínima de actuación será de 25 ha en couto redondo. Poderá admitirse a solicitude conxunta de varios propietarios con terreos estremeiros para reuni-la devandita superficie mínima.

Considéranse masas de frondosas susceptibles de ser rexeneradas aquelas masas das que a densidade na actualidade sea maior de 1.500 pés/ha. cunha altura media da masa maior de 1,5 m. Poderán considerarse, ademais das masas puras de frondosas, aquelas masas mixtas que conteñan como mínimo un 80% da superficie poboada por frondosas, e o resto por outras especies.

No caso de limpeza selectiva con selección de bravádegos, considérase que a densidade máxima que debe quedar despois do tratamento será de 1.000 pés/ha.

No caso de que a limpeza selectiva se faga por faixas, considérase subvencionable a superficie neta real sobre a que se realizou o tratamento.

En calquera dos casos de limpeza selectiva determinados nos puntos do 1 ó 4 do artigo 7º, é obrigatorio facer faixas perimetrais de limpeza de, polo menos, 20 m de largo, deixando unha densidade máxima de 400 pés/ha na dita faixa.

Artigo 4º.-Solicitudes e documentación a presentar.

As solicitudes deberán ser cubertas nos modelos formalizados para tal efecto segundo consta no anexo I de esta orde, e irán dirixidas ó conselleiro de Agricultura, Gandería e Montes.

Xunto coa solicitude deberá presentarse a seguinte documentación:

4.1. En todo caso e para todo tipo de beneficiarios:

a) Fotocopia do DNI ou CIF.

b) Xustificante da titularidade dos terreos. No caso de montes particulares será suficiente declaración xurada de se-lo titular dos terreos na que se faga constar nome da propiedade, estremos e superficie.

c) Proxecto técnico. En todo caso, este documento deberá ir asinado por técnico forestal competente. O visado esixirase despois da aprobación da solicitude.

d) Certificación bancaria de ter conta aberta a nome do beneficiario e que se realizará sobre o propio impreso de solicitude.

4.2. Documentación complementaria que se aportará no caso de solicitudes por Comunidades de Montes Veciñais en Man Común:

4.2.1. Certificado de acordo tomado en asemblea xeral conforme autorizan á xunta rectora a solicitar axudas á Consellería de Agricultura, Gandería e Montes para a execución das accións obxecto da solicitude.

4.2.2. Certificado do secretario da xunta de montes de posuí-los estatutos en regra, figurando a composición da xunta rectora actualizada.

No caso de montes consorciados ou conveniados será necesario un informe do Servicio Provincial de Montes sobre a viabilidade e idoneidade das accións propostas cos plans de xestión do monte.

No caso de figurar como beneficiario unha persoa física ou xurídica distinta do titular dos terreos ámbolos dous cubrirán o modelo do anexo II, onde o dito titular autorizará a aquel a figurar como beneficiario e debendo cubrir aquel, polo tanto, como beneficiario conformado, o modelo que figura no anexo I.

No caso de solicitude conxunta de varios propietarios para reuni-la superficie mínima de 25 ha en couto redondo, á que fai referencia o artigo 3º, cubrirase, ademais, o modelo que figura como anexo III. Neste caso, o representante dos propietarios deberá cubrir ó seu nome a solicitude que figura como anexo I, ou ben, se é o caso, autorizar a que outra persoa figure como beneficiario, cubrindo ámbolos dous o anexo II; o que figure como novo beneficiario conformado deberá cubri-lo modelo do anexo I.

Artigo 5º.-Prazo de presentación de solicitudes.

O prazo será de 4 meses contados a partir do día seguinte ó da publicación no DOG da presente orde. As solicitudes poderán ser presentadas nos servicios de Montes e Industrias Forestais, delegacións provinciais da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, ou en calquera dos lugares previstos no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 6º.-Tramitación. Resolución, justificación e pagamento.

Presentada a solicitude, acompañada da documentación administrativa e técnica procederase á súa revisión e, en caso de carencias ou defectos de forma, requirirase ó interesado a corrección por escrito, para que, nun prazo de 10 días hábiles, complete a documentación, sendo arquivada a solicitude en caso contrario.

Posteriormente, será realizada a inspección previa dos terreos. Se esta resulta favorable por axustarse ós criterios técnicos que inspiran os obxectivos da presente orde, comprobada a dispoñibilidade de fondos orzamentarios, e realizados os correspondentes trámites administrativos e contables, remitiráselle ó interesado a carta de aprobación na que figurará o documento de aceptación de condicións, que devolverá o interesado nun prazo non superior a 10 días hábiles.

Non poderán comezarse os traballos antes da inspección previa.

Na carta de aprobación constará o prazo que se fixa para a execución dos traballos e que, con carácter xeral, será de seis meses contados a partir da data da dita carta. En casos excepcionais e debidamente xustificados, poderase solicitar unha prórroga que non poderá ser superior a dous meses, contando a partir da data de remate do prazo para a notificación do remate dos traballos.

Unha vez recibida na Administración a notificación de remate dos traballos por parte do beneficiario, procederase á súa certificación final, valorándose polo número de unidades de obra realizadas segundo os prezos unitarios aprobados.

Para proceder ó pagamento, os beneficiarios deberán presentar as facturas correspondentes ós materiais e maquinaria empregados nos traballos, o visado do proxecto técnico, e acreditar que cumpren coas obrigacións tributarias e sociais a que se refire o artigo 79º da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Artigo 7º.-Accións subvencionables e contías máximas.

Aplicarase o 100% da subvención ás seguintes accións:

Nº de claveTope máximo

1ha neta de limpeza selectiva por roza manual na totalidade da superficie.100.000 ptas.

2ha neta de limpeza selectiva por roza mecanizada na totalidade da superficie.70.000 ptas

3ha de limpeza selectiva no contorno de cada pé.60.000 ptas.

Nº de claveTope máximo

4ha de poda baixa (hasta 3 m de altura).40.000 ptas.

5ha de poda alta.80.000 ptas.

6ha de poda de formación (ata 5 anos).30.000 ptas.

7ha de tratamento fitosanitario.15.000 ptas.

8Pé tratado contra o chancro do castiñeiro mediante poda fitosanitaria.1.000 ptas

9ha de selección de gromos.65.000 ptas.

10ha de rareo (con eliminación de restos).83.000 ptas.

11ha de tratamentos culturais en rodais selectas.260.000 ptas.

12ha de conversión de monte baixo decadente a monte medio ou a monte alto.A xustificar en

proxecto.

13Accións non amoldables a ningún dos puntos anteriores.A xustificar en

proxecto.

14Honorarios do proxecto.Segundo tarifa

mínima colexio

oficial.

Artigo 8º.-Revogacións.

A axuda poderá revogarse se se dá algún dos seguintes supostos:

1. Execución de menos do 40% das accións previstas sen causa xustificada de forza maior.

2. Modificacións graves das accións previstas de forma que se desvirtúen os obxectivos da presente orde.

3. Incumprimento do prazo para realiza-la notificación de remate dos traballos.

Artigo 9º.-Financiamento.

As accións previstas na presente orde financiaranse con cargo á aplicación orzamentaria 09.04.614-C 770.0 por un importe de 100.000.000 de ptas.

Disposicións adicionais

Primeira.-As axudas concedidas na presente orde son incompatibles con outras subvencións de calquera administración pública, concedidas para a mesma finalidade.

Segunda.-No suposto de se produciren remanentes de crédito desta orde, estes poderán ser utilizados para atender solicitudes da orde de axudas a medidas forestais na agricultura e da orde de axuda para accións de desenvolvemento e ordenación dos bosques.

Disposición derradeira

Única.-Facúltase o director xeral de Montes e Medio Ambiente Natural para dictar tódalas disposicións complementarias co obxecto de desenvolve-la presente orde.

Santiago de Compostela, 10 de febreiro de 1997.

Tomás Pérez Vidal

Conselleiro de Agricultura, Gandería e Montes

1104