Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 34 Mércores, 19 de febreiro de 1997 Páx. 1.487

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 3 de febreiro de 1997 pola que se regula o procedemento para o reintegro individual de gastos por asistencia a actividades de formación do profesorado non universitario.

O Plan de Formación Continuada do Profesorado de Niveis non Universitarios da Comunidade Autónoma de Galicia persegue, como obxectivos xerais, mellora-la competencia profesional do profesorado, fomenta-la reflexión crítica sobre a súa actividade cotiá e crear actitudes proclives á investigación e á experimentación educativas.

Coa finalidade de facilita-la participación do profesorado en actividades de formación que contribúan á consecución dos obxectivos anteriormente sinalados, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria organiza distintas actividades de formación orientadas a conxuga-las necesidades derivadas do propio sistema educativo coas demandas xurdidas do mesmo profesorado.

Non obstante o anterior, a especificidade dalgunhas actividades de formación, ou as características especiais que a súa celebración esixe, desaconsella a súa organización pola propia consellería ou os centros de formación continuada do profesorado dependentes dela sen que iso poida supoñe-la imposibilidade para o profesorado de asistir a este tipo de actividades, e que, de non facilitarse a dita opción suporía discrimina-los profesores afectados por tales circunstancias.

Por isto procede establecer un sistema que permita o reintegro, polo menos parcial, dos gastos orixinados pola asistencia a este tipo de actividades de formación do profesorado.

En consecuencia esta consellería,

DISPÓN:

Primeiro.-Establece-lo procedemento para o reintegro individual de gastos derivados da asistencia a actividades de formación non organizadas pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, ou os centros de formación continuada do profesorado dela dependentes, que se desenvolvan na Comunidade Autónoma de Galicia, no resto do territorio español ou no estranxeiro que comecen entre os días 1 de outubro de 1996 e o 31 de decembro de 1997 e que rematen no mesmo ano 1997. En ningún caso se concederán reintegros para a asistencia a actividades de formación de carácter regrado conducentes á obtención dun título, así como para actividades de formación inherentes a estudios reglados.

Segundo.-Poderán solicita-los devanditos reintegros os profesores de niveis non universitarios, con destino en centros docentes, públicos ou privados concertados, en equipos psicopedagóxicos de apoio e centros de recursos, así como os asesores técnico-pedagóxicos dependentes desta comunidade e sempre que para a asistencia á mesma actividade non perciban axudas de ningún tipo, e que non recibisen reintegros individuais nas dúas últimas convocatorias (ano 1996). Así mesmo, non se concederán reintegros a aqueles profesores que estean desfrutando de licencias por estudios durante o período de celebración da actividade de formación.

Terceiro.-Os reintegros concederanse para actividades de formación, cursos, xornadas, encontros, conferencias, congresos e outras análogas, directamente relacionadas coa disciplina, área, ciclo ou especialidade que imparta o solicitante, e segundo os seguintes tipos e límites que se indican:

Lugar de celebraciónContía máxima

Tipo IComunidade Autónoma de Galicia40.000 ptas.

Tipo IIResto do territorio español 75.000 ptas.

Tipo IIIEstranxeiro 150.000 Ptas.

Cuarto

4.1. O reintegro concederase de forma individual e a súa contía fixarase tendo en conta o centro en que estea destinado o candidato no momento de cursa-la instancia, as características da actividade, e lugar de celebración, os gastos de inscrición e a adecuación ó nivel de docencia ou especialización que imparta o solicitante.

4.2. A valoración dos méritos e demais circunstancias da solicitude para a concesión de reintegros serán estimadas por unha comisión que estará integrada por:

Presidente: o subdirector xeral de Ordenación Educativa ou persoa na que delegue.

Vocais: a xefa do Servicio de Formación do Profesorado.

Un funcionario destinado no servicio de Formación do Profesorado.

Un funcionario da Inspección educativa.

Un funcionario desta consellería, que actuará como secretario.

4.3. A Dirección Xeral de Ordenación Educativa e de Formación Profesional, á vista da proposta da devandita comisión, resolverá a concesión ou denegación do reintegro solicitado.

Quinto

5.1. Os interesados deberán dirixi-la súa solicitude, segundo o modelo que figura no anexo I da presente orde, á Delegación Provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da que dependan, directamente ou mediante calquera dos procedementos establecidos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, de

réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, polo menos un mes antes do comezo da actividade para a que solicitan o oportuno reintegro. Para as actividades que comecen antes do 15 de abril de 1997, o prazo de solicitude de reintegro rematará o día 15 de marzo.

5.2. Á solicitude engadiráselle a seguinte documentación.

A) Orixinal ou fotocopia da convocatoria da actividade para a que se solicita o reintegro.

B) Currículum vitae do solicitante.

C) Certificación do director do centro onde se xustifique que o solicitante exerce actualmente nel e na que se especifique a disciplina, área, ciclo ou especialidade que imparte. A dita certificación substituirase por outra expedida polo Servicio de Inspección correspondente no caso de que o solicitante estea destinado nunha escola unitaria. No caso de profesorado de centros concertados, farase constar explicitamente a condición de centro concertado.

D) Orzamento dos gastos de matrícula e desprazamento exclusivamente. En ningún caso se farán constar gastos de mantenza e aloxamento.

E) Breve explicación dos motivos polos que se desexa asistir á actividade e repercusión da asistencia a esta na súa función docente.

F) Declaración xurada de non ter recibido reintegro individual nas dúas últimas convocatorias (ano 1996), así como de non estar desfrutando de licencia por estudios durante o período de celebración da actividade de formación.

Sexto.-As delegacións provinciais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, dentro dos 10 días seguintes ó da súa recepción, remitiranlle á Dirección Xeral de Ordenación Educativa e de Formación Profesional os expedientes de solicitude con seu informe, segundo o modelo que figura no anexo II da presente orde.

Sétimo.-A concesión ou denegación do reintegro seralle notificado directamente ó interesado pola Dirección Xeral de Ordenación Educativa e de Formación Profesional.

Oitavo.-O aboamento do reintegro tramitarase unha vez que finalice a actividade. Para iso, o interesado deberá remitir á Dirección Xeral de Ordenación Educativa e de Formación Profesional, dentro dos dez días seguintes ó da finalización da actividade, a seguinte documentación:

a) Breve memoria con informe crítico da actividade desenvolvida.

b) Documento orixinal que justifique o pagamento da matrícula ou inscrición na actividade e que especifique o importe do gasto realizado.

c) Xustificación dos gastos de desprazamento segundo corresponda (billete de avión, de tren ... -factura da axencia-ou declaración xurada de ter realizado o desprazamento en vehículo propio), tal como se establece no Decreto 299/1990, do 24 de maio (DOG do 1 de xuño), modificado polo Decreto 21/1994, do 4 de febreiro (DOG do 14). Todo iso en documentos orixinais.

f) Fotocopia debidamente compulsada do certificado de asistencia expedido pola entidade organizadora.

Noveno.-Os reintegros individuais financiaranse con cargo ó concepto 07.04.322S.640.1 do presente exercicio económico, correspondente ós orzamentos da Comunidade Autónoma, por unha contía máxima de 9.000.000 de ptas. Unha vez repartida a devandita contía, as solicitudes de reintegro serán automaticamente denegadas por ter esgotado o orzamento.

Décimo.-A presente orde entrará en vigor ó día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 3 de febreiro de 1997.

Celso Curras Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

1112