Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 32 Luns, 17 de febreiro de 1997 Páx. 1.429

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

DECRETO 28/1997, do 13 de febreiro, sobre módulos poboacionais e ampliación de prazos para a autorización de apertura de oficinas de farmacia.

Trala promulgación do Real decreto-lei 11/1996, do 17 de xuño, de ampliación do servicio farmacéutico á poboación, a Comunidade Autónoma de Galicia procedeu a dictar determinadas disposicións coa finalidade de atende-las previsións contidas no devandito real decreto lei. Neste sentido, procedéronse a determina-las competencias e o procedemento para a autorización de apertura de oficinas de farmacia a través do Decreto 288/1996, do 12 de xullo.

Tendo en conta a disposición transitoria única do real decreto-lei, para a resolución das solicitudes presentadas é necesario contar xa cun criterio para determinar qué debe entenderse por zonas de saúde urbanas e rurais, sen prexuízo de que tal determinación se efectúe no seu día por norma de rango legal.

Polo demais, ó abeiro do real decreto-lei e da conseguinte recuperación resolutoria dos expedientes relativos á autorización de novas oficinas de farmacia pola Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, formuláronse un número moi elevado de solicitudes para acceder a unha nova oficina de farmacia, o que aconsella modificar algunhas das previsións do referido decreto, especialmente no que atinxe ó prazo para a resolución das solicitudes.

Na súa virtude, por proposta da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, consultados os colexios oficiais de farmacéuticos de Galicia, oído o Consello Consultivo de Galicia e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día trece de febreiro de mil novecentos noventa e sete,

DISPOÑO:

Artigo único.

1. Para efectos do establecido na disposición transitoria única do Real decreto-lei 11/1996, do 17 de xuño, consideraranse zonas de saúde urbanas aqueles concellos que teñan máis de 5.000 habitantes.

2. Nas zonas urbanas aplicarase o módulo poboacional de 2.800 habitantes por oficina de farmacia, conforme o previsto no artigo 1.3º do Real decreto lei 11/1996, do 17 de xuño.

Nas zonas rurais, o módulo poboacional será o establecido no Real decreto 909/1978, do 14 de abril.

3. Todo o anterior enténdese sen prexuízo das excepcións previstas nos apartados b) e c) do número 1 do artigo 3º do Real decreto 909/1978, do 14 de abril.

4. Os módulos poboacionais ós que alude o número 2 deste artigo referiranse ós habitantes de cada un dos municipios que compoñen a zona de saúde.

Disposición transitoria

Amplíanse en catro meses máis os prazos previstos nos números 2 e 3 do artigo 7º do Decreto 288/1996, do 12 de xullo, para a tramitación das solicitudes formuladas con posterioridade á entrada en vigor do Real decreto-lei 11/1996, do 17 de xuño, e ata a entrada en vigor do presente decreto.

Nestes expedientes, as ampliacións de prazos que se concedan ó amparo da disposición adicional cuarta do Decreto 288/1996, non poderán ser superiores a catro ou seis meses respectivamente segundo se trate dos expedientes ós que se refiren os números 2 ou 3 do artigo 7º do citado decreto.

En todo caso, conservarán a súa validez as prórrogas xa concedidas á entrada en vigor deste decreto.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ó establecido neste decreto.

Disposición derradeira

O presente decreto entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, trece de febreiro de mil novecentos noventa e sete.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José María Hernández Cochón

Conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais

958