Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 32 Luns, 17 de febreiro de 1997 Páx. 1.428

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

DECRETO 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental.

A Lei 1/1995, do 2 de xaneiro, de protección ambiental de Galicia ten como obxectivo o establecemento de normas que no seu ámbito configuren o sistema de defensa, protección, conservación e restauración, de se-lo caso, do medio ambiente e asegurar unha utilización racional dos recursos naturais, recollendo unha serie de principios que servirán de marco a todo o desenvolvemento normativo ulterior de protección ambiental, entre outros, os de prevención e utilización racional e de defensa dos recursos naturais e da paisaxe.

Un dos instrumentos que a propia lei recolle para o cumprimento do dito obxectivo e a eficacia dos seus principios, no seu artigo 5.6º, é a posibilidade de que, cando a autorización impoña a adopción de medidas correctoras, o órgano administrativo que a outorgue poida esixi-la presentación dunha fianza que cubra a reparación dos posibles danos e do custo da restauración.

Faise preciso, a prol dunha maior e mellor protección ambiental do noso territorio, desenvolve-lo modo, alcance, esixibilidade e executoriedade das posibles fianzas que poden ser esixidas polos órganos administrativos competentes, co obxecto de garanti-la eficacia das medidas correctoras medio ambientais, que se poidan impoñer nas autorizacións que impliquen unha afección ambiental.

Por todo isto, por proposta do conselleiro da Presidencia e Administración Pública e de acordo co dictame do Consello Consultivo de Galicia e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día sete de novembro de mil novecentos noventa e seis,

DISPOÑO:

Artigo 1º

O órgano administrativo competente para o outorgamento dunha autorización de proxectos, obras e actividades que fosen susceptibles de afecta-lo medio ambiente, nos termos da Lei 1/1995, do 2 de xaneiro, de protección ambiental de Galicia, cando na dita autorización se impoñan medidas correctoras, poderá esixi-la constitución dunha garantía persoal mediante aval que garanta, suficientemente, o cumprimento destas e a reparación dos posibles danos e o custo da restauración.

A constitución do aval, a plena satisfacción do órgano administrativo requirinte, será condición previa para o exercicio da actividade ou inicio dos traballos ós que se refira a autorización.

Artigo 2º

O aval deberá te-lo carácter de solidario, incondicionado, directamente executable, e pagadeiro ó primeiro requirimento e deberá de estar prestado por banco, caixa de aforros, cooperativa de crédito

ou sociedade de garantía recíproca, debidamente autorizados e inscritos no rexistro que lle corresponda.

Artigo 3º

O aval deberá constituírse a disposición do órgano que outorgue a autorización, facendo constar nel o consentimento do avalista en canto á extensión da responsabilidade perante a Administración nos mesmos termos que se a garantía fose prestada pola persoa ou entidade autorizada, sen que poida utiliza-los beneficios de excusión e de división do artigo 1830 e concordantes do Código Civil.

Os documentos acreditativos dos avais depositaranse, ata a súa cancelación, na caixa de depósitos da Consellería de Economía e Facenda ou en calquera das súas delegacións territoriais.

Artigo 4º

1. A contía dos avais deberá ser fixada polo órgano substantivo outorgante da autorización, por proposta do órgano ambiental.

En todo caso o importe do aval, fixarase nunha contía suficiente para responder da reparación dos posibles danos que se lle poidan causar ó medio ambiente e do seu custo de restauración. Así mesmo o aval debe garanti-lo cumprimento das medidas correctoras se non estivesen estas avaladas por separado.

2. Transcorridos dous anos, desde a constitución inicial do aval, o órgano administrativo competente, oído o órgano medioambiental, poderá acordar, fundamentándose en novas circunstancias, causas ou riscos non inicialmente previstos, logo da audiencia do interesado, a variación no seu importe, de maneira que quede garantida, en todo caso, a adopción das medidas correctoras e a posible reparación e o custo de restauración.

Excepcionalmente, e en casos xustificados, logo da audiencia do interesado, poderá acordarse a variación do aval, antes do transcurso dos dous anos fixados no parágrafo anterior.

Artigo 5º

O aval constituirase polo tempo que acordase o órgano autorizante, por proposta do órgano ambiental, en función da actividade ou actuación de que se trate.

Se a autorización fixase un prazo de garantía das obras de restauración, o aval deberá estenderse a este e non poderá exceder de tres anos, contados desde a terminación da actividade ou obra.

Artigo 6º

1. A cancelación do aval será levada a cabo polo órgano administrativo que esixise a súa constitución, de oficio ou por solicitude dos interesados, sempre que a xuízo do órgano ambiental se executasen correctamente os traballos de restauración ou desaparecesen as causas que motivaron a esixencia da súa constitución, ou transcorrese, de se-lo caso, o prazo de garantía, previamente sinalado.

2. Para tal efecto será condición imprescindible, con anterioridade á cancelación do aval, o levantamento dunha acta de comprobación pola Inspec

ción Ambiental, regulada no Decreto 156/1995, do 3 de xuño, de inspección ambiental e o seu desenvolvemento.

Artigo 7º

O órgano administrativo que esixise a constitución da fianza poderá proceder, por iniciativa propia ou por proposta do órgano ambiental, á execución dos avais ó primeiro requirimento, para o caso de que o interesado incumprise a obriga de adopta-las medidas correctoras, a reparación de danos no medio ambiente ou a súa restauración, logo de ter sido requirido para isto, co fin de efectuar con cargo a aquela, directamente, as actuacións pertinentes. A execución acomodarase ó disposto no artigo 19 da Lei 14/1992, de réxime financeiro e presupostario da Xunta de Galicia.

Disposicións adicionais

Primeira.-As consellerías competentes fixarán por medio de orde, os modelos e características dos avais que deban constituírse en función dos distintos elementos e ámbitos de protección do medio ambiente que puidesen resultar afectados pola actividade obxecto da autorización, con suxeición, en todo caso, ó disposto neste decreto.

As devanditas ordes deberán publicarse no prazo dun mes a partir da data de publicación deste decreto.

Segunda.-Para o contido e formalidades das actas que se levanten para efectos de garanti-la seguridade ambiental, tanto na súa constitución como na cancelación e similares, o técnico designado polo órgano administrativo competente seguirá as directrices que se sinalan no Decreto 156/1995, do 3 de xuño, de inspección ambiental.

Terceira.-Nos avais que teñan longa duración no tempo e co obxecto de manter constante a relación do importe do aval co posible custo que pretenda garantir, poderase acorda-la súa actualización por períodos temporais de 5 anos como mínimo.

Cuarta.-Facúltase o conselleiro da Presidencia e Administración Pública para dicta-las disposicións de coordinación precisas para a aplicación e eficacia do presente decreto.

Disposición transitoria

Mentres non entren en vigor as ordes correspondentes, será esixible a constitución do aval de afianzamento polo órgano administrativo competente conforme os criterios establecidos no presente decreto.

Disposición derradeira

O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, sete de novembro de mil novecentos noventa e seis.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Dositeo Rodríguez Rodríguez

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública

1073