Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 30 Xoves, 13 de febreiro de 1997 Páx. 1.374

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E MONTES

ORDE do 4 de febreiro de 1997 pola que se establecen axudas para a mellora da competitividade do sector industrial de productos forestais.

O Plan Forestal de Galicia define as accións no sector forestal que debe dar lugar a unha xestión racional deste recurso natural renovable nos seus distintos ámbitos de ordenado aproveitamento.

O referido plan forestal fixa como meta operativa un modelo de monte que asegure ó remate do ano 2032 unha producción sostida total de madeira de 14.000.000 m/ano.

O crecemento racional continuado da producción madeireira, pretendido polo Plan Forestal, nos seus corenta anos de vixencia, precisa do bo funcionamento e competitividade dun sector industrial de serrado en Galicia, principal utilizadora dos recursos forestais en materia prima, e sobre a que se apoian os restantes sectores de primeira e sucesivas transformacións.

Así mesmo, resulta prioritario o desenvolvemento e implantación de novas tecnoloxías neste sector industrial que melloren o rendemento e a eficacia dos procesos de producción, así como a investigación e descubrimento de novos productos con orixe forestal que amplíen e diversifiquen a oferta do referido sector.

En virtude de todo iso e o abeiro do Decreto 113/1987, modificado polos Decretos 157/1988, 219/1989 e 393/1990, do 19 de xullo, co obxecto de que os interesados dispoñan do máximo de tempo posible para realiza-las súas previsións de investimento e os seus proxectos técnicos; e consonte co artigo 30.I.3 do Estatuto de autonomía e en uso das atribucións que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto das axudas.

Poderán ser subvencionables os seguintes tipos de actuacións:

1) Investimentos en activos fixos materiais productivos que melloren a competitividade das empresas dedicadas á serraxe da madeira ou que desenvolvan novas formas de aproveitamento da materia prima de orixe forestal.

2) Investimentos en activos fixos materiais que permitan mellora-la estructura comercial e os procesos de comercialización das industrias forestais.

3) Actividades de difusión e extensión do uso de tecnoloxías aplicadas, promoción e demostración de resultados ás industrias de aproveitamento da materia prima de orixe forestal, organizados por empresas, asociacións de empresas e institucións.

4) Accións de formación dos traballadores e dos empresarios do sector, dirixidas ó desenvolvemento da capacidade empresarial e organizativa local.

5) Prospección de mercados nacionais e de exportación, realizados polas asociacións de empresas, entidades e institucións, que determinen a viabilidade de novos mercados de consumo e a comercialización externa para os productos forestais transformados galegos.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

Poderán ser beneficiarias destas axudas as industrias forestais e entidades públicas e privadas rela

cionadas total ou parcialmente co sector forestal, así como as agrupacións das referidas empresas e institucións. Os non industriais deben reunir polo menos algunha das seguintes condicións:

-Carecer de ánimo de lucro.

-Ostentar recoñecida solvencia técnica ou científica.

-Estar avalados por equipos, departamentos ou entidades de contrastado nivel técnico.

Artigo 3º.-Importe das axudas.

O importe máximo porcentual das axudas é do 30%.

A contía máxima anual da subvención non superará con carácter xeral os 30 millóns de pesetas, e non será superior ós 4 millóns en actividades de difusión e extensión tecnolóxica, formación dos traballadores e prospección de mercados.

Artigo 4º.-Exclusións.

1) Non serán subvencionables os seguintes investimentos:

a) A adquisición de terreos e demais gastos non amortizables.

b) A adquisición de equipos de oficina e mobiliario, salvo equipos de informática con software axeitado.

c) Os vehículos a motor, en xeral.

d) A maquinaria usada.

e) O IVE e outros tributos recuperables polo beneficiario.

f) Os obxectos subvencionables ó abeiro do R(CEE) 867/1990, aínda que non se solicite axuda ó seu abeiro (ref.: Orde do 8 de setembro de 1995, DOG nº 186, do 27-9-1995).

g) Os investimentos iniciados sen inspección previa.

2) Non obstante o sinalado no punto 1) serán subvencionables os honorarios de redacción de proxectos e dirección de obra, polos importes que se xustifiquen de acordo coas taxas colexiadas vixentes, sempre que se correspondan coa acción subvencionada.

Artigo 5º.-Prioridades estratéxicas en canto ó obnxectivo das actuacións de investimento.

As prioridades serán as seguintes por orde preclusiva:

1. Enfoque da estructura da industria á elaboración de productos adaptados á demanda actual e potencial do mercado e ás características da materia prima galega de orixe forestal.

2. Optimización do rendemento da materia prima na súa transformación.

3. Desenvolvemento de novas formas de aproveitamento da materia prima de orixe forestal.

4. Racionalización das operacións de manipulación dos productos transformados incluído o seu secado, tratamentos sanitarios, impregnacións, fermentacións, etc.

5. Mellora da calidade dos productos, incluíndo a preparación das ferramentas de corte ou de operación.

6. Aproveitamento dos subproductos para a súa utilización enerxética ou doutra natureza que se considere viable técnica e economicamente.

7. Mellora da productividade en tódalas fases do proceso industrial.

Artigo 6º.-Outros criterios de avaliación.

A concesión de axudas levarase a cabo mediante un proceso de selección de proxectos, no que se establecen, ademais dos anteriores, os seguintes criterios, por orde de importancia:

a) Viabilidade técnica, económica e financeira.

b) Melloras na orientación comercial da producción.

c) Carácter innovador da tecnoloxía e do proceso.

d) Aproveitamento e grao de transformación das materias primas de orixe forestal.

e) Creación de postos de traballo directos.

f) Reestructuración de industrias xa existentes.

g) Beneficio e/ou participación dos productores.

Artigo 7º.-Ámbito temporal.

A presente orde aplicarase ás actividades iniciadas e/ou realizadas durante o ano natural de 1997.

No caso de que pola súa importancia ou complexidade o investimento que se pretenda levar a cabo requirise un financiamento máis prolongado, a subvención poderá plurianualizarse, sen prexuízo das disposicións que para este efecto recolle a lexislación orzamentaria e demais normativa de aplicación.

Artigo 8º.-Solicitudes e documentación.

Os interesados deberán presentar, perante as delegacións provinciais da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, ou na Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural, ou na forma prevista no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, a seguinte documentación por duplicado:

a) Instancia: solicitude, dirixida ó conselleiro de Agricultura, Gandería e Montes, segundo modelo que

figura no anexo I desta orde, acompañada da folla de recollida de datos xerais, segundo o modelo que figura no anexo II da presente orde.

No caso de sociedades que se vaian constituír, a solicitude deberá ser realizada por unha persoa física en nome propio; constituída a sociedade, solicitarase o cambio de beneficios a favor desta.

b) Estudio, anteproxecto ou proxecto onde se desenvolvan os puntos relacionados no anexo III da presente orde.

c) Declaración do solicitante sobre outras axudas solicitadas e/ou concedidas para os mesmos investimentos.

d) Acreditación para as industrias de estar inscrito no Rexistro de Industrias Agrarias, ou ter feita a solicitude.

e) Acreditación do cumprimento formal das obrigas fiscais e coa Seguridade Social por parte do solicitante ata o momento de solicita-la subvención.

f) Declaración xurada de non ter iniciados os investimentos obxecto do proxecto con anterioridade ó 1 de xaneiro de 1997 e solicitude de inspección previa comprobatoria. Pódese achegar acta notarial de non inicio dos investimentos.

g) No caso de empresas xa existentes, presentar balance económico actualizado, asinado por administrador legalmente autorizado.

h) Copia da cédula do NIF ou CIF.

i) Programa de execución dos investimentos asinado polo beneficiario. Neste punto convén tomar como referencia a data límite do 30 de outubro de cada ano.

j) Aval suficiente de equipos, departamentos e entidades de contrastado nivel técnico para concorrer ós puntos 3), 4) e 6) do artigo 1º da presente orde. Así mesmo para os devanditos puntos deberá de ser presentada unha memoria, onde queden perfectamente definidos: os antecedentes da materia que se propón investigar, xutificación, obxectivos xerais e específicos que se pretenden conseguir, estimación de resultados que se van acadar e aplicación práctica da investigación ós determinados subsectores da industria forestal.

Artigo 9º.-Prazo de paresentación de solicitudes.

Establécese un prazo máximo de presentación de solicitudes de 2 meses contados a partir do día seguinte ó da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 10º.-Mellora e corrección da solicitude.

1) Na fase de iniciación do procedemento examinaranse as solicitudes e documentos anexos presentados. No caso de que sexan detectadas faltas ou omisións, requirirase ó interesado para que sexan

emendados os erros, ou presente a documentación preceptiva, no prazo de dez días hábiles, con indicación de que, se así non o fixese, procederase á anulación da petición, arquivándose sen máis trámite posterior.

2) Recibidas as solicitudes os servicios de montes e industrias forestais correspondentes procederán á inspección previa para comprobar o non inicio dos investimentos. Serán denegadas as solicitudes que correspondan a investimentos comezados e non acheguen acta notarial de non inicio ou certificado equivalente de data posterior ó día 31 de decembro de 1996.

3) Se no transcurso da realización do proxecto se vise a necesidade de introducir modificacións, solicitarase autorización da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, acompañando o oportuno proxecto reformado onde aparezan aquelas variacións do proxecto orixinal.

Artigo 11º.-Tramitación e concesión de axudas.

A Consellería de Agricultura, Gandería e Montes resolverá a proposta da Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural, en función das súas dispoñibilidades orzamentarias e tendo en conta as estratexias e criterios indicados no artigo 4º, 5º e 6º da presente orde.

Os termos da resolución serán comunicados ó beneficiario directamente.

As solicitudes que, unha vez transcorridos tres meses desde a súa presentación, non tivesen unha comunicación coa correspondente aprobación provisional ou definitiva, entenderase que serán denegadas, non procedendo á súa concesión por silencio administrativo positivo.

Unha vez recibida a comunicación, o beneficiario terá que enviar, no prazo de dez días hábiles, a súa aceptación ás condicións especificadas na resolución da concesión, quedando sen efecto a concesión en caso contrario. O beneficiario comunicará igualmente a data de iniciación dos investimentos.

En calquera punto do proceso de tramitación, a Consellería de Agricultura, Gandería e Montes poderá solicitar ó interesado as aclaracións ou xustificacións oportunas con respecto ós datos da documentación presentada.

O pagamento da subvención poderase condicionar ó cumprimento por parte do solicitante dos obxectivos empresariais declarados.

Artigo 12º.-Procedemento de pagamento e xustificación.

1) Se a axuda estivese dividida en anualidades, os pagamentos destas faranse efectivos, unha vez executados os investimentos dentro dos prazos previstos para cada anualidade e cumpridos os trámites de xustificación que se determinan a continuación.

2) Executados os investimentos de acordo co programa aprobado, o beneficiario presentará perante a Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural ou da Delegación Provincial da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes a seguinte documentación:

a) Solicitude de cobramento da subvención.

b) Relación ordeada dos investimentos e pagamentos efectuados, segundo modelo do anexo IV.

c) Xustificantes dos investimentos realizados que consistirán, de forma xeral, nas fotocopias cotexadas das facturas orixinais sobre as que se realizará a toma de razón, relación numerada delas e, de forma específica:

-Respecto á construcción de edificios, obras e instalacións en xeral, presentarase o certificado de fin de obra, asinado por técnico agrario competente e visado polo correspondente colexio profesional no que se reflicta fidedignamente a adaptación das accións realizadas ó proxecto presentado, así como o cumprimento das condicións técnicas e regulamentarias que lle sexan de aplicación. Así mesmo presentarase licencia municipal de actividade.

-Para a adquisición de edificacións presentarase certificado da oficina liquidadora competente, no que constará o valor que servirá de base para a liquidación do imposto sobre transmisións patrimoniais ou IVE, descontando o valor do solo.

-Para honorarios de proxecto e dirección de obra presentaranse as correspondentes fotocopias compulsadas das facturas emitidas polo colexio profesional correspondente.

d) Declaración do beneficiario sobre as axudas concedidas e/ou obtidas para os mesmos investimentos.

e) Certificación do cumprimento formal das obrigas fiscais e de Seguridade Social por parte do beneficiario, ata o momento do pagamento da subvención.

f) Certificación de non ter débedas pendentes de liquidación coa Comunidades Autónoma a que se refire o artigo 79 da Lei 11/1992, do 17 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia.

g) Actualización dos datos da empresa no rexistro de industrias agrarias e/ou de actividades catalogables.

h) Ficha bancaria, certificado bancario de conta corrente onde realiza-lo ingreso, e copia do NIF/CIF.

Á vista da documentación presentada e logo das oportunas inspeccións, a Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural remitirá, xunto coa documentación sinalada, a correspondente proposta, co fin de proceder ó pagamento efectivo da subvención.

3. De acordo coa Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia

poderanse considerar obxecto de subvención os importes derivados do pagamento parcial de maquinaria e outros investimentos subvencionables non materializados.

Así mesmo, poderanse considerar para efectos de subvención os pagos parciais correspondentes ós contratos de leasing nos que aínda non se efectuara a opción de compra, descontando as cantidades relativas a gastos de financiamento, que deberán quedar suficientemente desagregadas no contrato.

Para o referido nos dous parágrafos anteriores, será necesario que no expediente de xustificación delas se acompañe, ademais do indicado no presente artigo, a factura ou contrato da subministración e un aval bancario ou de entidade aseguradora suficiente, que se depositará por tempo indefinido a disposición da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes na Tesourería Xeral da Xunta de Galicia.

O referido aval garantirá a cantidade anticipada máis os intereses calculados ó interese legal do diñeiro para o ano en curso e por un prazo que medie entre a data de solicitude do anticipo e o último día en que este ten que ser xustificado.

O correspondente certificado de depósito de aval bancario devolveráselle ó interesado unha vez se comprobe, mediante inspección in situ a realización material do obxecto da subvención, e no caso de contratos de tipo leasing, que se leve a cabo a opción de compra.

Artigo 13º.-Disposicións comúns.

1) As axudas ós investimentos establecidas na presente orde, serán compatibles con calquera outra destinada ós mesmos fins e procedentes de administracións públicas, ata un límite de subvención neta equivalente ó 50% sobre o investimento total, salvo os casos recollidos no Decreto 113/1987 e as súas modificacións posteriores, e no artigo 4º desta orde.

2) No caso de incumprimento das condicións establecidas nesta orde e as indicadas na resolución de subvención, procederase á anulación do expediente correspondente. Se se esgotase o prazo de execución de investimentos sen que estas se tivesen realizado, poderase conceder unha ampliación, por solicitude do interesado, sempre que se xustifique plenamente e tendo presente as limitacións orzamentarias.

3) No caso de que se reducisen os investimentos mantendo os obxectivos iniciais, a subvención concedida veríase diminuída na contía proporcional correspondente, sempre que o conxunto do investimento cumpra os fins previstos inicialmente.

No caso de que a axuda estivese dividida en anualidades, se o beneficiario non rematase o proxecto coa totalidade dos investimentos presentados ou non

cumprise os prazos establecidos, ou os obxectivos iniciais propostos, deberán ser devoltas as cantidades percibidas en concepto de axudas, sen prexuício das responsabilidades a que houbese lugar.

4) As porcentaxes de subvención indicadas no artigo 3º da presente orde, poderanse ver incrementadas nun 10% nos seguintes casos:

a) Cuando os beneficiarios sexan cooperativistas ou asociacións de productores.

b) Por colaboración con programas desenvolvidos pola Consellería de Agricultura, Gandería e Montes.

c) Cando teñan un marcado carácter innovador en canto á incorporación de novas tecnoloxías ou a introducción de novos productos.

Disposición adicional

O aboamento das axudas fixadas na presente orde financiaranse con cargo á aplicación orzamentaria 09.04.731A.770 repartido da seguinte maneira: 50.000.000 pesetas de fondos propios da Comunidade Autónoma, e 131.810.000 ptas. de fondos FEOGA-O.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Montes e Medio Ambiente Natural para dictar cantas disposicións complementarias estime oportunas para o desenvolvemento da presente orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de febreiro de 1997.

Tomás Pérez Vidal

Conselleiro de Agricultura, Gandería e Montes

969