Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 26 Venres, 07 de febreiro de 1997 Páx. 1.233

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 4 de febreiro de 1997 pola que se convocan 10 bolsas de colaboración para a realización de tarefas de análise e investigación relacionadas coa reforma administrativa.

O artigo 3.1.g da Lei 10/1989, do 10 de xullo, de modificación da Lei 4/1987, do 27 de maio, de

creación da Escola Galega de Administración Pública, prevé entre os fins da escola a investigación, a documentación, o estudio e a realización de traballos de divulgación no eido da Administración pública, promovendo a súa máxima difusión.

De conformidade coa referida disposición, convócanse 10 bolsas de colaboración en tarefas de análise e investigación relacionadas coa reforma administrativa, segundo as seguintes bases:

Primeira.-Obxecto.

A Escola Galega de Administración Pública convoca dez bolsas de colaboración en tarefas de análise e investigación relacionadas coa reforma administrativa.

Segunda.-Duración e dotación económica.

As bolsas rematarán o día 31 de decembro de 1997 e serán improrrogables.

A dotación económica de cada bolsa será de 147.100 pesetas mensuais.

O importe citado satisfarao a Escola Galega de Administración Pública con cargo á aplicación orzamentaria 04.50.122A.480.00 do orzamento de gastos para o ano 1997, logo de certificación emitida polo director xeral da Inspección Xeral de Servicios da Xunta de Galicia acreditativa das tarefas executadas.

Terceira.-Natureza xurídica da relación.

A condición de bolseiro non xerará unha relación laboral ou administrativa coa Xunta de Galicia nin a súa inclusión na Seguridade Social.

Cuarta.-Requisitos dos participantes.

Poderán optar ás bolsas as persoas que reúnan o seguinte requisito:

a) Terse licenciado nos últimos tres anos, en dereito, en administración e ciencia empresarial, en ciencias políticas e da administración ou enxeñeiro en informática ou en organización industrial.

Quinta.-Solicitudes.

As persoas interesadas presentarán no Rexistro da Escola Galega de Administración Pública, dentro dos quince días naturais seguintes ó da publicación desta convocatoria, a seguinte documentación:

a) Unha instancia de admisión para participar nas probas de selección, segundo o modelo anexo.

b) Currículum vitae e certificación académica na que se detallen as cualificacións obtidas.

c) Documentos que acrediten a formación e/ou coñecemento en lingua galega.

d) Memoria descritiva en cinco folios como mínimo e dez como máximo sobre as tendencias ou procesos actuais de reforma ou modernización das administracións públicas.

Sexta.-Tribunal.

Presidente: o director xeral da Inspección Xeral de Servicios.

Vocais: o secretario da Escola Galega de Administración Pública. Un profesor dos cursos para a obtención do diploma de inspección de servicios da Xunta de Galicia.

Secretario: un inspector ou subinspector de servicios.

Sétima.-Criterios para a selección dos bolseiros.

A selección levarase a cabo mediante a valoración dos méritos acreditados conforme o seguinte baremo:

a) Expediente académico: ata catro puntos.

b) Currículum vitae: ata dous puntos.

c) Coñecementos da lingua galega: ata dous puntos.

d) Memoria descritiva: ata cinco puntos.

O tribunal poderá levar a cabo unha entrevista cos aspirantes preseleccionados por ter acreditado máis de sete puntos no anterior baremo, que versará sobre os seus méritos curriculares e a memoria cunha duración máxima de quince minutos. En función do contido da entrevista, o tribunal poderá aumenta-la puntuación inicial asignada nun máximo do 25 por cento da que lle correspondese por aplicación do baremo.

Finalmente, o tribunal fará pública a relación de candidatos por orde de puntuación.

Oitava.-Réxime de colaboración.

Os aspirantes seleccionados incorporaranse, logo da aceptación da bolsa, no prazo de tres días naturais seguintes ó da notificación do outorgamento.

No caso de que un adxudicatario, por calquera motivo, non poida presta-la súa colaboración, será substituído polo candidato seguinte por orde de puntuación.

Os bolseiros prestarán a súa colaboración baixo as indicacións do inspector ou subinspector de servicios do equipo no que se integren, co mesmo horario de traballo có equipo de inspección correspondente e cos desprazamentos ás unidades administrativas e centros asignados a este.

Os gastos ocasionados con motivo destes desprazamentos serán satisfeitos pola Escola Galega de Administración Pública con cargo á aplicación orzamentaria 04.50.122A.480.00 do orzamento de gastos para 1997, logo de certificación emitida polo director xeral da Inspección Xeral de Servicios da Xunta de Galicia acreditativa dos gastos producidos, sen que estes poidan supera-la contía establecida para o grupo II do Decreto 299/1990, do 24 de marzo, sobre as indemnizacións por mor do servicio ó persoal con destino na Administración autonómica.

Os bolseiros presentarán, á finalización das bolsas, un traballo sobre as técnicas de reforma administrativa que quedarán en propiedade da Xunta de Galicia.

Novena.-Cláusula xeral.

No caso de incumprimento das tarefas de colaboración, a escola poderá, por proposta do director xeral da Inspección Xeral de Servicios e logo de escoita-la persoa afectada, anula-la bolsa.

A solicitude das bolsas implica o coñecemento e aceptación das presentes bases.

Santiago de Compostela, 4 de febreiro de 1997.

Domingo Bello Janeiro

Director da Escola Galega de Administración Pública

719