Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 25 Xoves, 06 de febreiro de 1997 Páx. 1.197

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 19/1997, do 30 de xaneiro, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, polo Concello de Arbo (Pontevedra), dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras do proxecto de estrada de Barcia-Lomba con ponte e iluminación.

O Concello de Arbo (Pontevedra), en sesión celebrada o día 29 de xuño de 1996, acordou aproba-lo proxecto de estrada de Barcia-Lomba con ponte e iluminación e na mesma sesión, acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa, ó abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa. O concello remitiu a documentación complementaria para a correcta tramitación do expediente con data de entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborias, o día 26 de decembro de 1995, baixo o número 13.623.

Os bens nos que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

A Dirección Xeral de Calidade Medioambiental e Urbanismo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda emitiu informe favorable. O dito informe tivo entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 9 de xaneiro 1997, nº 225.

Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, porque con esta obra se trata de cumpri-los obxectivos sociais mínimos dun bo acceso ó núcleo de Barcia, mellorando a comunicación co resto do municipio e permitindo, con facilidade, a chegada de vehículos (ambulancias, camión do lixo e outros servicios bási

cos), xa que a vía local existente ten nalgúns tramos unha forte pendente de 30º, o que engadido súa estreitura da mesma, xa que ten un largo de 2,5 metros, fan dificultoso e perigoso o acceso ó núcleo; con esta nova vía os veciños de Barcia comunicaranse cunha poboación denominada Lomba a 800 metros, na que existen servicios de tendas de comestibles, bares, etc. ... e non terán que percorre-los 4,4 quilómetros que ten a vía actual, atravesando unha ponte sobre o río Deva que, debido ás continuas enchentes e á súa antigüidade, ameaza con derrubarse.

A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ó Consello da Xunta de Galicia, segundo o disposto nos artigos 27.2º e 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude e, por proposta do Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día trinta de xaneiro de mil novecentos noventa e sete,

DISPOÑO:

Artigo único.-De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, polo Concello de Arbo (Pontevedra) para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras do proxecto de estrada de Barcia-Lomba con ponte e iluminación.

Santiago de Compostela, trinta de xaneiro de mil novecentos noventa e sete.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jesús C. Palmou Lorenzo

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais

97-135