Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 25 Xoves, 06 de febreiro de 1997 Páx. 1.195

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 17/1997, do 30 de xaneiro, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, polo Concello de Carballeda de Valdeorras (Ourense), dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras do proxecto de urbanización da rúa Centro Médico en Sobradelo.

O Concello de Carballeda de Valdeorras (Ourense), en sesión celebrada o día 29 de setembro de 1995, acordou aproba-lo proxecto de urbanización da rúa Centro Médico en Sobradelo e na sesión do día 28 de xuño de 1996, acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ó abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Os bens nos que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

A Dirección Xeral de Calidade Medioambiental e Urbanismo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda emitiu informe favorable. O dito informe tivo entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 9 de xaneiro 1997, nº 226.

Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, porque se trata da construcción dunha vía de nova apertura, previsto nas normas subsidiarias municipais, que dará acceso ó centro médico -obra que está sendo executada pola Consellería de Sanidade- e a igrexa parroquial, resultando imprescindible no momento da entrada en funcionamento do centro de saúde, xa que facilitará o acceso de vehículos e ambulancias a el, así como o dos coches fúnebres e vehículos de inválidos á igrexa parroquial de Sobradelo que, nestes momentos non poden acceder en condicións adecuadas, por canto que o acceso se realiza a través de escaleiras e unha rampla de gran pendente, supoñendo todo isto a dotación de servicio viario e infraestructuras (saneamento, iluminación pública, etc.) que constitúen servicios mínimos obrigatorios que teñen que presta-los municipios.

A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ó Consello da Xunta de Galicia, segundo o disposto nos artigos 27.2º e 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude, e por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día trinta de xaneiro de mil novecentos noventa e sete,

DISPOÑO:

Artigo único.-De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, polo Concello de Carballeda de Valdeorras (Ourense), para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras do proxecto de urbanización da rúa do Centro Médico, en Sobradelo.

Santiago de Compostela, trinta de xaneiro de mil novecentos noventa e sete.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jesús C. Palmou Lorenzo

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais

771