Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 25 Xoves, 06 de febreiro de 1997 Páx. 1.195

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 16/1997, do 30 de xaneiro, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, polo Concello de Monforte de Lemos (Lugo), dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras do proxecto de dotación de servicios na rúa Historiador Germán Vázquez (remate).

O Concello de Monforte de Lemos (Lugo), en sesión celebrada o dia 30 de xaneiro de 1994, acordou aproba-lo proxecto de dotación de servicios na rúa Historiador Germán Vázquez (remate) e, na mesma sesión, acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ó abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa. O Concello remitiu a documentación complementaria para a correcta tramitación do expediente, con data de entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 29 de novembro de 1996, baixo o número 12.529.

Os bens nos que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

A Dirección Xeral de Calidade Medioambiental e Urbanismo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda emitiu informe favorable. O dito informe tivo entrada no rexistro xeral da Conselleria de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 9 de xaneiro 1997, nº 227.

Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, porque esta rúa está situada en solo urbano e constitúe unha arteria fundamental para o tráfico rodado; é unha rúa antiga, perfectamente consolidada, pero que carece de servicios xa que non se acadou por vía amigable a disposición dos correspondentes terreos; a rúa ten moitas edificacións, incluso de

varias plantas que carecen de servicios esenciais e sen ocupa-los terreos incluídos no proxecto de expropiación non se poden acomete-los servicios xa que é imposible a conexión cos sistemas xerais dado que a conexión hai que efectuala polos terreos particulares. Hai que ter en conta a importancia da execución desta obra en aras do interese público, ou sexa, que esta rúa trascende do interese circunscrito a ela para incidir na importancia xeral dos habitantes do concello.

A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ó Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2 e 28.2 do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude e por proposta do consellerio de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día trinta de xaneiro de mil novecentos noventa e sete,

DISPOÑO:

Artigo único.-De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, polo Concello de Monforte de Lemos (Lugo), para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras do proxecto de dotación de servicios na rúa Historiador Germán Vázquez (remate).

Santiago de Compostela, trinta de xaneiro de mil novecentos noventa e sete.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jesús C. Palmou Lorenzo

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais

770